DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2005 Páx. 6.409

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

SERVIZO GALEGO DE SAÚDE

INSTRUCIÓN 7/2005, do 11 de abril, da Dirección Xeral da División de Recursos Humanos, sobre participación do persoal do cadro de atención primaria nas urxencias extrahospitalarias en puntos de atención continuada.

O acordo asinado entre a Administración sanitaria e as organizacións sindicais con representación na mesa sectorial, do 20 de febreiro de 2004, publicado como pacto por Resolución do 29 de outubro de 2004 (DOG número 18, do 9 de novembro), sobre creación de postos de traballo de médicos de familia e diplomados en enfermaría de PAC piloto contén, entre outras materias, a posta en marcha de 16 PAC de atención continuada.

Na actualidade, como resultado da negociación dun novo modelo organizativo en urxencias, acórdase ampliar o número inicial de PAC piloto.

Todos os PAC que tiveron e teñen, por mor desta oferta, opción de voluntariedade para o persoal de cadro, se transformarán en condicións de novo modelo no prazo concorrente coa execución da OPE extraordinaria, previsto para o último cuadrimestre do ano 2005.

Os ámbitos ampliados de PAC piloto de atención primaria, en que se executará a voluntariedade por mor desta circular, recóllense no anexo I.

Estes novos ámbitos de PAC piloto, rexeranse polas normas contidas no pacto publicado por Resolución do 29 de outubro de 2004 (DOG número 18, do 9 de novembro) sobre creación de postos de traballo e médicos de familia e diplomados en enfermaría de PAC piloto, e por esta circular e demais normas que se diten.

Xa que logo, cómpre establecer as actuacións co obxecto da regulación e formalización da opción de voluntariedade do persoal do cadro de persoal para a realización de xornada complementaria á ordinaria nos PAC do anexo I.

Con este obxecto, en aplicación do acordado no seo da mesa sectorial de negociación do persoal sanitario o 8 de marzo, este centro directivo ditou as seguintes instrucións:

Primeira.-Obxecto.

O obxecto desta circular é a formalización e regulamentación do procedemento da opción de voluntariedade na prestación de horas de atención continuada, en xornada complementaria á ordinaria, que exercerá o polo persoal médico e de enfermaría do cadro de persoal, no ámbito de actuación dos PAC piloto que se recollen no anexo I.

Segunda.-Ámbito de aplicación e entrada en vigor.

As disposicións contidas nesta instrución serán aplicables ao persoal médico de familia e diplomados en enfermaría do cadro de persoal nos PAC piloto

que se recollen no anexo I, nos termos recollidos nesta instrución e normas concordantes.

Esta instrución será aplicable ao día seguinte ao do seu asinamento. A data da efectividade estará condicionada á efectiva vinculación temporal de profesionais que se determinen para a cobertura de atención continuada nos PAC piloto. A data de efectos será comunicada ao persoal do cadro.

Terceira.-Contido da opción voluntaria de atención continuada en PAC piloto.

3.1. Persoal que pode optar.

O persoal médico de familia e enfermeiras/os do cadro de persoal -en activo ou con dereito a reserva de praza, con nomeamento fixo ou interino en praza vacante- que preste servizos nas unidades e servizos do ámbito de actuación dun punto de atención continuada piloto na xornada ordinaria de mañá ou tarde poderá optar á realización de xornada complementaria á ordinaria de atención continuada nos PAC piloto do anexo I. O persoal con nomeamento de substitución terá que realizar a atención continuada que deriva da opción do titular da praza que ocupa.

3.2. Condicións da opción.

A voluntariedade na prestación de servizos PAC piloto estará condicionada á cobertura da atención sanitaria, e pode ser excepcionada no suposto de indispoñibilidade previsto na disposición quinta, no punto 5.3. desta instrución.

As condicións de prestación serán as previstas nos programas funcionais do correspondente PAC e nas que se dispoñen nesta instrución ou no seu desenvolvemento.

O procedemento de opción de voluntariedade na realización de horas de atención continuada iniciarase coa notificación individual das xerencias aos profesionais con tal dereito, nalgunha das condicións seguintes e de acordo co disposto nesta instrución.

3.3. Retribucións derivadas da opción de voluntariedade.

O persoal que realice a opción de prestación voluntaria de atención continuada, gardas ou urxencias percibirá a retribución de conformidade co sistema retributivo que corresponda a cada profesional, con base no establecido nas normas vixentes que regulan as retribucións por realización de atención continuada, gardas médicas ou urxencias.

O persoal que non realice gardas ou atención continuada nas condicións previstas na norma cuarta nos dispositivos PAC piloto non percibirá os conceptos retributivos que traen a súa causa nesta prestación.

Cuarta.-Horas voluntarias de atención continuada.

4.1. As horas que vai realizar voluntariamente o persoal de cadro serán algunha das seguintes:

1. Un número de horas mínimas de horas efectivas de atención continuada que coincidirán coas deter

minadas como obrigatorias para o ano 2004 en cada un dos PAC do anexo I. O número mínimo non excederá as 230 horas efectivas de atención continuada ao ano, ampliables ata 280, á elección do traballador. Estes límites pódense axustar por razóns de xestión debido á rotación na carteleira de traballo.

2. Un número de horas efectivas de atención continuada entre o tramo anterior e ata un máximo de 550 horas anuais.

4.2. A xerencia poderá denegar a realización da opción 2º por resolución motivada.

Para estes efectos, o principio xeral no cal se debe fundar a resolución da xerencia será o de lle dar prioridade á realización da xornada ordinaria e a cobertura, polo tanto, da atención ordinaria sobre a realización de xornada voluntaria complementaria de atención continuada, sen prexuízo das medidas que deban adoptar as xerencias para garantiren a cobertura da prestación urxente por todos os medios dispoñibles.

4.3. A concreción dos tramos nas carteleiras de traballo dos PAC piloto será obxecto de negociación no seo da comisión de centro ou xunta de área correspondente.

4.4. Como regra xeral, ao persoal que realice xornada complementaria aplicaráselle o réxime de descansos diarios alternativos a que se refire o artigo 54 da Lei 55/2003, para os casos do artigo 51.3º.

Quinta.-Horas restantes de atención continuada no PAC.

5.1. Cálculo de vínculos.

Unha vez solicitada a voluntariedade, determinadas as horas que se van cubrir co persoal voluntario, as horas pendentes de cobertura servirán de base de cálculo do número de vínculos para formalizar co persoal temporal, como postos estables en cada PAC. Como regra xeral os vínculos calcularanse entre 1.570 horas.

5.2. Horas restantes.

Formalizada a voluntariedade e calculado o número de vínculos, conforme o anterior, de restar horas de cobertura, estas repartiranse conforme o seguinte:

1. Unha vez asignadas as cargas horarias, de acordo cos tramos anteriores, os profesionais que así o manifesten poderán optar pola realización dun número de horas por riba das 230/280 ou 550 efectivas anuais, segundo resulte o tramo inicial.

O profesional que opte por esta opción terá que participar no réxime de quendas do PAC, con descanso alternativo non coincidente co día seguinte da garda, como criterio xeral.

Nesta opción, a carteleira de gardas realizarase computando 550 horas anuais ou o tramo inferior que resulte da repartición entre os voluntarios desta opción, engadindo as horas adicionais na carteleira

de traballo nas quendas pendentes de cubrir tras a distribución inicial entre todos os profesionais que prestan servizos no PAC.

2. Unha vez formalizada a oferta anterior, de restar horas de cobertura poderán ofertarse ao persoal con vínculo de PAC para que voluntariamente poidan ampliar a xornada.

3. Unha vez realizada a oferta anterior, de restar horas para a súa cobertura procederá que as xerencias propoñan a esta División de Recursos Humanos, de ser o caso, a autorización do incremento do número de vínculos previstos para cada PAC, en función das horas que resten de atención continuada.

De propoñerse o incremento de vínculos, a División de Recursos Humanos valorará as circunstancias organizativas concorrentes e resolverá o que proceda, logo de tratamento da circunstancia anterior na mesa sectorial.

As modificacións consignaranse no programa funcional correspondente a cada xerencia.

5.3. Excepción da voluntariedade na realización de atención continuada en PAC piloto.

Con carácter excepcional, a dirección do centro poderá encomendar, polo tempo indispensable, a realización de horas obrigatorias, por indispoñibilidade de persoal, considerándose que existe esta cando concorran as seguintes circunstancias que impiden unha solución alternativa:

a) Que non dispoñan de persoal nas listaxes de aspirantes a vinculacións temporais.

b) Que o persoal específico que presta servizos no PAC non asuma voluntariamente a realización da xornada de traballo por riba límite legal de xornada.

c) Que non se dispoña de persoal voluntario ou ben que o persoal que voluntariamente participa na realización da atención continuada voluntariamente non asuma a realización da xornada de traballo por razón de estar realizando o límite legal de xornada.

Cando se dea a concorrencia das situacións indicadas nos tres puntos anteriores, e sexa necesaria a prestación obrigatoria de horas en PAC piloto, o criterio xeral de asignación de quendas será negociado previamente na comisión de centro ou, de ser o caso, na xunta de área correspondente.

A realización imprescindible de xornada complementaria polo persoal, de acordo co anterior, será obxecto de compensación mediante a retribución que corresponda á garda realizada ou en descansos, segundo o que a dirección do centro e o traballador acorden.

Sexta.-Procedemento para a opción de voluntariedade.

6.1. Modelo e prazos.

A opción de voluntariedade de realización de xornada complementaria á ordinaria, nas condicións

establecidas, deberá ser formalizada no modelo do anexo II, na cal se conterán os posibles tramos polos cales optar segundo se dispón no artigo cuarto desta norma, no prazo mínimo de cinco días desde a publicación no DOG. Este prazo será indicado pola División de Recursos Humanos do Sergas.

Para tal fin, cada xerencia publicará e notificará individualmente a resolución da apertura de prazo para que os interesados exerzan a opción de voluntariedade.

6.2. Información.

Xunto coa resolución, as xerencias darán publicidade aos datos necesarios para o exercicio da opción, con coñecemento das circunstancias da prestación, que se incluirán no programa funcional das xerencias.

A información conterá, polo menos, as características da prestación de servizos nos distintos PAC piloto, o horario do PAC, o calendario anual, a presenza necesaria para cada tramo horario, a vixencia do programa e demais circunstancias que sexa necesario facer constar, así como unha copia desta circular coas posibilidades de opción.

As condicións de prestación, así como as posibilidades de reversión en supostos especiais tales como os derivados da Lei de conciliación da vida familiar e profesional, serán as previstas na programación funcional do correspondente PAC, con base nas disposicións desta circular ou no desenvolvemento desta. Os programas e, polo tanto, a opción de voluntariedade manifestada, manteranse vixentes ata 2007 ou ata o remate da vinculación co centro de destino.

Deberanlles indicar aos interesados o recurso, facendo constar na resolución que contra a resolución da xerencia sobre a opción da voluntariedade caberá reclamación previa ante a Dirección Xeral da División de Recursos Humanos do Sergas.

Deberán darlle traslado da execución anterior á División de Recursos Humanos do Sergas, que pola súa vez informará as organizacións da mesa sectorial.

Sétima.-Programación funcional do PAC piloto.

A programación funcional dos PAC piloto realizarase coa secuencia e de acordo co contido dos puntos seguintes.

7.1. Planificación.

A xerencia realizará a planificación da atención continuada de cada PAC piloto a través dunha ferramenta de xestión denominada programa funcional. Con base nesta planificación elaborará o proxecto de programa funcional de cada PAC piloto que, tras a tramitación que se regula no punto seguinte, conformará a programación da organización, funcións e condicións de prestación de servizos do persoal con postos de traballo nos PAC piloto.

7.2. Proxecto e programa.

O proxecto e, posteriormente, o programa funcional do PAC piloto conterán a información seguinte, que será publicada para o coñecemento dos interesados con antelación suficiente:

a) Características da prestación de servizos nos distintos PAC piloto, horario do PAC, calendario anual, presenza mínima necesaria para cada tramo horario, vixencia do programa e demais circunstancias que sexa necesario facer constar dentro da vixencia prevista.

b) O número de horas para cubrir polo persoal voluntario e o número de persoal previstos para vinculación temporal específica.

c) O lugar e a data en que serán publicadas as carteleiras de traballo mensuais, que se deberán coñecer, cando menos, trimestralmente.

A asignación de quendas nos calendarios realizarase baixo o criterio xeral de eficacia do servizo aos usuarios e prioridade na asistencia sanitaria ordinaria, con rotación ponderada en función das cargas horarias e de traballo de todo o persoal que presta servizos nos PAC piloto.

O horario de traballo que se lles vai encomendar aos profesionais que prestan servizos no PAC piloto ou aos que se incorporen con posterioridade, realizarase baixo os criterios recollidos nesta circular e deberá ser aplicado e fixado pola dirección xerencia.

Antes da súa aprobación ou modificación será negociado coa comisión de centro ou xunta de área, na procura do máximo consenso entre a xerencia e os representantes dos traballadores. De resultar a negociación con desacordo, será revisada no seo da mesa sectorial, que realizará as suxestións oportunas ou unha proposta de alternativa de configuración dos calendarios.

d) Posteriormente, o proxecto incorporará o número de horas de atención continuada que resulten tras a opción de voluntariedade e o número de vínculos que se van realizar.

Toda a información anterior conformará o programa funcional.

O proxecto de programación funcional do PAC piloto deberá ser aprobado polo director xerente do centro por proposta do director asistencial, no marco do plan funcional aprobado polo Sergas para o respectivo PAC, e debe ser negociado previamente cos representantes do persoal na comisión de centro ou xunta de área.

7.3. Publicación.

Unha vez aprobado, coas incorporacións previstas nos parágrafos anteriores, será publicado nos taboleiros de anuncios dos centros e remitido para información á mesa sectorial.

7.4. Modificacións do programa.

As modificacións que poidan xurdir nalgunha das condicións previstas no programa tramitaranse tamén polo mesmo procedemento anterior de elaboración, negociación, aprobación e publicación.

Disposicións adicionais

Primeira.-De resultar inviable a organización por mor da opción de voluntariedade unida á falta de profesionais no proceso de selección nalgún dos PAC piloto dos recollidos nos anexos, a xerencia poderá propoñer outro PAC piloto. Deste cambio serán informados previamente os membros da mesa sectorial.

Segunda.-As normas contidas nesta instrución deberanse interpretar e completar, nos supostos non resoltos expresamente ou de se daren dúbidas ou lagoas, coas normas que regulan as condicións de traballo do persoal específico que se vincule ao PAC, e o resto de normas aplicables ao persoal médico de familia e enfermeiras/os no Sergas, incluíndo o pacto polo que se regulan determinadas condicións de traballo do persoal que presta servizos no ámbito urxencias extrahospitalarias (DOG nº 44, do 2 de marzo de 2001).

Disposición derradeira

A efectividade desta resolución estará condicionada á autorización do acordo global sobre urxencias extrahospitalarias comprensivo das materias relativas a condicións de traballo e retributivas do persoal

que se vinculará especificamente para a prestación de atención continuada.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2005.

José Ignacio Lema Piñeiro

Director xeral da División de Recursos Humanos

ANEXO I

-XAP Lugo: PAC do Corgo, PAC de Guitiriz, PAC de Guntín, PAC de Lugo, PAC de Sarria, PAC de Vilalba, PAC de Outeiro de Rei.

-XAP Ourense: PAC da Pobra de Trives, PAC de Viana do Bolo, PAC de Castro Caldelas.

-XAP Santiago de Compostela: PAC de Boiro, PAC de Noia, PAC de Ordes, PAC de Padrón, PAC de Rianxo, PAC de Ribeira e da Pobra do Caramiñal, PAC de Santa Comba.

-Área da Coruña: PAC de Arteixo, PAC de Culleredo, PAC da Laracha, PAC de Ponteceso, PAC de Sada, PAC de Vimianzo, PAC Oleiros e PAC Carballo.

-Área de Ferrol: PAC de Narón, PAC das Pontes de García Rodríguez, PAC de Pontedeume.

-Área de Vigo: PAC de Redondela, PAC de Moaña e PAC da Guarda.

-Área de Pontevedra: PAC de Lalín, PAC de Vilagarcía de Arousa, PAC de Sanxenxo.

A relación anterior poderá verse ampliada, de ser o caso, a través dos programas funcionais das xerencias correspondentes.

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA