DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2005 Páx. 6.407

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 11 de abril de 2005 pola que se convocan as Xornadas sobre a ordenación española da estranxeiría no marco do espazo da liberdade, seguridade e xustiza da Unión Europea.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse as Xornadas sobre a ordenación española da estranxeiría no marco do espazo da liberdade, seguridade e xustiza da Unión Europea, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

A LO 14/2003, do 20 de novembro, pola que se aproba a reforma da LO 4/2000, do 11 de xaneiro, sobre o dereito e as liberdades dos estranxeiros en España e a sua integración social, establecía na disposición adicional terceira o mandato ao Goberno para a elaboración do correspondente regulamento de execución. Con evidente atraso, e tras unha longa negociación cos sectores sociais implicados, chegouse ao esperado Real decreto 2393/2004, do 30 de decembro. A dita disposición é o resultado dun

alto grao de concertación entre diferentes forzas políticas, axentes sociais e organizacións non gobernamentais e aproveita a ocasión para incorporarlle ao ordenamento xurídico español numerosas disposicións da Unión Europea. Supón a primeira oportunidade de materializar normativamente un cambio de orientación na política migratoria, co convencemento de que é un asunto de Estado que precisa da unión de todas as forzas políticas. O obxectivo destas xornadas é a exposición e a crítica da actual política española de estranxeiría no marco do novo espazo europeo de liberdade, seguridade e xustiza.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A incorporación do espazo Schengen no marco xurídico e institucional da Unión Europea.

-Liberdades comunitarias e nacionais de terceiros Estados.

-Acceso e integración dos estranxeiros: a experiencia francesa.

-¿Un modelo coherente de normalización?: Real decreto 2393/2004, do 30 de decembro.

-Problemas derivados do reagrupamento familiar.

-Cara á consolidación dun mercado de traballo integrado en Europa.

-Mesa redonda cos relatores e resumo das conclusións das xornadas.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos da Delegación de Presidencia da Coruña, sita na praza de Pontevedra nº 22, da citada cidade, os días 12 e 13 de maio de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o martes, día 10 de maio de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscrición fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 11 de maio, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como o de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorran asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 11 de abril de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega

de Administración Pública