DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2005 Páx. 6.394

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 8 de abril de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria pública de subvencións para a programación de accións formativas dirixidas a traballadores ocupados cofinanciadas polo Fondo Social Europeo na Comunidade Autónoma de Galicia para o exercicio de 2005.

A formación profesional continua ten como finalidade proporcionarlles aos traballadores ocupados a formación que poidan necesitar ao longo da súa vida laboral, co fin de que obteñan os coñecementos e prácticas adecuados aos requirimentos que en cada momento precisen as empresas, e permita compatibilizar a súa maior concorrencia coa mellora da capacitación profesional e promoción individual do traballador.

Constitúen principios xerais da formación dirixida a ocupados: o protagonismo dos axentes sociais no seu desenvolvemento; a unidade de mercado de traballo e a liberdade de circulación dos traballadores no desenvolvemento das accións formativas, tanto dentro do territorio español como no ámbito da Unión Europea; a consideración desta formación como instrumento esencial para garantir a formación ao longo da vida.

No eixe 43, medida 2 do Programa Operativo para Galicia, o Fondo Social Europeo establece como obxectivos a mellora da cualificación profesional dos traballadores ocupados e a capacidade de adaptación dos traballadores e empresas aos cambios do sistema produtivo.

O Regulamento (CE) nº 1784/1999, do 12 de xullo, do Parlamento Europeo e do Consello, relativo ao

Fondo Social Europeo, polo que se aproban as disposicións de aplicación relativas ao Fondo Social Europeo, sinala que o Fondo apoiará e complementará as actividades dos estados membros destinadas ao desenvolvemento do mercado de traballo e dos recursos humanos, entre outras, nas políticas de fomento e mellora da formación profesional e da formación en xeral. Así mesmo, o Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da comisión, regula a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación.

A Lei orgánica 5/2002, do 19 de xuño, das cualificacións e da formación profesional, establece que a aprendizaxe permanente é un elemento esencial na sociedade do coñecemento. Inclúe esta lei dentro do ámbito da formación profesional, entre outras ensinanzas, as orientadas á formación continua nas empresas, que permitan a adquisición e actualización permanente das competencias profesionais.

O Tribunal Constitucional, na sentenza 190/2002, do 17 de outubro, establece que a materia de formación profesional ocupacional na súa modalidade de formación continua dos traballadores asalariados ou en activo non pertence ao ámbito da educación e que, polo tanto, existe unha incardinación entre as accións formativas dos traballadores ocupados e o financiamento correspondente na materia lexislación laboral. En virtude desta sentenza, corresponderalle á Administración da Xunta de Galicia a xestión da formación profesional continua dentro do seu ámbito competencial.

O Plan Galego de Formación Profesional establece entre os seus obxectivos no ámbito da formación dirixida a traballadores ocupados a consecución da adecuada transparencia do mercado de traballo e o axuste entre a oferta e a demanda do factor traballo, mediante o efectivo acceso ás certificacións do sistemas de cualificacións; proporcionarlles ás persoas unha maior motivación para o progreso na súa cualificación profesional; recoñecer de forma fiable, con carácter oficial e alcance sectorial, a competencia adquirida durante a vida laboral; verificar que a preparación conseguida por calquera vía e, en particular, mediante os programas formativos, alcance o nivel de competencia establecido nas cualificacións profesionais, e, por último, sentar as bases para a implantación do sistema de recoñecemento e avaliación da competencia da poboación activa. Inclúe, así mesmo, un plan de incremento da cualificación da poboación ocupada e certificación da formación continua mediante o sistema de

cualificacións así como de fomento da formación continua.

O Acordo Galego de Formación Profesional Continua asinado o 29 de marzo de 2004 entre a conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e os axentes sociais ten como un dos seus obxectivos principais a mellora da competencia profesional e a actualización dos coñecementos e capacidades dos traballadores e traballadoras, segundo as necesidades de evolución do seu emprego como consecuencia dos cambios tecnolóxicos e organizativos dos procesos de produción.

O Decreto 287/2000, do 21 de decembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, establece que a concesión de axudas e subvencións se axustará aos principios de publicidade, concorrencia e obxectividade, en aplicación do disposto no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, aos que se axusta esta disposición.

A Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvecións, regula os requisitos de concesión e xustificación das subvencións concedidas na Administración do Estado. Nesta lei recóllense artigos que teñen carácter básico, polo que son de aplicación á normativa desta comunidade autónoma, e, consecuentemente a esta orde de convocatoria.

O Decreto 7/2005, do 13 de xaneiro, crea e regula o funcionamento da Comisión Galega de Formación Profesional Continua, co obxecto de poñer en funcionamento a formación profesional continua en Galicia dentro do novo ámbito competencial e de xestión.

O obxecto desta orde é a regulación das accións formativas dirixidas a traballadores ocupados referidas ás especialidades formativas incluídas no Catálogo Nacional de Especialidades Formativas de Formación Profesional Ocupacional, así como de accións formativas que poidan considerarse de carácter estratéxico e/ou de carácter experimental, subvencionadas todas elas pola Xunta de Galicia e cofinanciadas pola Unión Europea (Fondo Social Europeo).

O financiamento das axudas previstas nesta orde de convocatoria farase con cargo aos créditos dos programas 16.03.241B 440.0 (114.035 A, 16.03.241B 472.0 (1.049.472 A), 16.03.241B.482.0 (923.600 A) e 16.03.241B.460.0 (40.000 A) que figuran na Lei 13/2004, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e que constitúe o importe global máximo que se destina para estas subvencións. Destas cantidades o 25% achégao a Xunta de Galicia e o 75% a Unión Europea (Fondo Social Europeo)

Consecuentemente con todo o anterior, consultados o Consello Galego de Relacións Laborais, o Consello Galego de Formación Profesional e a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, modificada parcialmente pola Lei 11/1988, do 20 de outubro.

DISPOÑO:

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Esta orde ten por obxecto regular as iniciativas de formación dirixidas a traballadores ocupados da Comunidade Autónoma de Galicia, o seu réxime de

funcionamento e financiamento así como a estrutura organizativa e de participación desta formación, cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, correspondentes ao exercicio de 2005, xestionadas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, a través da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

2. A convocatoria das subvencións previstas nesta orde realizarase mediante réxime de concorrencia competitiva.

Artigo 2º.-Accións subvencionables.

A tipoloxía das accións formativas reguladas nesta orde, que se incluirán nun programa denominado Programa-II (Ocupados), constituído pola súa vez por dous subprogramas, é a seguinte:

II-a)

1. Accións formativas referidas unicamente ás especialidades formativas incluídas no Catálogo Nacional de Especialidades Formativas de Formación Profesional Ocupacional.

2. As especialidades formativas poderán programarse completas, por unidades de competencia ou por módulos formativos no caso de especialidades incluídas polo Instituto de Emprego-Servizo Público de Emprego Estatal na programación modular.

II-b) Accións formativas que poidan considerarse de carácter estratéxico e/ou de carácter experimental que lles permitan aos seus beneficiarios:

-Adquirir coñecementos, habilidades e aptitudes necesarios ante a incorporación de tecnoloxías avanzadas, especialmente as derivadas da sociedade da información nos seus postos de traballo.

-Afrontar con éxito, se é o caso, a reconversión do seu posto de traballo, aumentando deste xeito a súa estabilidade no emprego.

-Ampliar as súas posibilidades de promoción profesional.

Artigo 3º.-Entidades beneficiarias.

1. Poderán ser beneficiarios das subvencións para o desenvolvemento dos programas regulados no artigo 2 desta orde:

Subprograma II-a: os centros incluídos no censo de centros colaboradores de formación profesional ocupacional da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais que teñan homologadas as especialidades solicitadas.

Subprograma II-b: empresas ou agrupacións de empresas, corporacións de dereito público e centros incluídos no subprograma II-a.

2. Non poderán obter a condición de beneficiario ou entidade colaboradora as persoas ou entidades nas que concorra algunha das circunstancias recollidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

Artigo 4º.-Axudas.

1. Todas as accións formativas incluídas nestes programas serán obxecto de subvención para compensar os custos derivados da súa execución na proporción e contía que se determine nesta orde, sempre que se trate de gastos elixibles e que se xustifiquen de acordo co establecido neste orde e no resto de normativa de aplicación.

2. Nas accións formativas dirixidas especificamente a alumnos discapacitados incrementarase o importe total da acción formativa nun 35% co obxecto de financiar o persoal de apoio e a adaptación curricular ou do material didáctico que sexa necesario para garantir a adquisición de competencias por parte destes alumnos.

3. O cobramento destas subvencións será incompatible coa percepción de calquera outra axuda pública da mesma natureza e para a mesma acción.

Artigo 5º.-Destinatarios das accións formativas.

1. En todos os casos terán prioridade para participar nas accións formativas os traballadores ocupados nas pequenas e medianas empresas, os socios traballadores das entidades de economía social, así como os autónomos, residentes todos eles en Galicia.

2. De igual modo, terán prioridade para participar como alumnos:

a) Maiores de 45 anos en sectores nos que se introduzan novas tecnoloxías, empregados de sectores ou zonas en proceso de reconversión.

b) Traballadores con dificultades para o acceso á formación (propietarios e traballadores de microempresas, traballadores de zonas afastadas da oferta formativa).

c) Traballadores das Pemes.

d) Traballadores desfavorecidos:

-Mozos menos de 25 anos cun primeiro contrato de 6 meses ou inferior.

-Discapacitados en grao superior ao 33%.

-Reingresados ao mercado de traballo, tras un período de interrupción da súa vida laboral superior a 3 anos, durante os 6 primeiros meses.

-Maiores de 45 anos con niveis de formación inferiores a bacharelato.

-Reingresados ao mercado laboral, tras un período ininterrompido de 12 meses como desempregado, durante os 6 primeiros meses.

-Mulleres.

3. As entidades impartidoras deberán acreditar documentalmente que os alumnos están incluídos nalgún dos grupos dos puntos anteriores.

4. O persoal ao servizo das administracións públicas está excluído do ámbito de aplicación desta orde, xa que poderá participar a través dos plans específicos que se promovan de acordo co procedemento

que establezan os acordos de formación continua das administracións.

Artigo 6º.-Custos subvencionables.

a) De acordo co que se establece no Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da Comisión das Comunidades Europeas, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado (CE) ás axudas á formación, e sen prexuízo do establecido no Regulamento (CE) nº 1685/2000, do 28 de xullo, da comisión, polo que se establecen disposicións de aplicación do Regulamento (CE) nº 1260/1999 do Consello no relativo ao financiamento de gastos de operacións cofinanciadas polos fondos estruturais, serán subvencionables os seguintes gastos:

-Custos do persoal docente, así como os gastos de desprazamento deste persoal fóra do centro de formación, cando teña lugar por motivos directamente relacionados coa acción formativa. O pagamento aos docentes deberá ser, en todo caso, proporcional ás horas impartidas, tendo en conta o módulo económico da acción formativa.

-Os gastos de transporte necesarios para a realización de viaxes didácticas previstas no programa formativo ou as que sexan apreciadas como necesarias e autorizadas expresamente pola Dirección Xeral de Formación e Colocación.

-Outros gastos correntes tales como materiais e subministracións. Poderanse incluír neste punto o conxunto de gastos non directamente vinculados ao obxecto último pero indispensables para impartir a acción formativa, como gastos de xestión e coordinación das accións formativas, limpeza, auga, electricidade, teléfono, combustibles, seguros e pólizas de responsabilidade civil, publicidade... Poderán incluírse, así mesmo, os gastos de alugueres, tanto de instalacións como de maquinaria.

-A amortización dos instrumentos e equipamentos en proporción á súa utilización exclusiva para o proxecto de formación de que se trate.

-Os custos dos servizos de asesoría en relación coa acción de formación. Poden imputarse neste punto os gastos de asesoría legal como informes xurídicos ou consultas xurídicas; gastos de notaría e rexistros; gastos de asesoramento técnico tales como informes técnicos, peritaxes e taxacións; gastos de asesoramento financeiro como consultoría financeira. As entidades impartidoras non poderán imputar por este concepto un importe superior ao 10 por cento do importe total do orzamento da acción formativa. Estes gastos soamente serán subvencionables se están directamente relacionados e son indispensables para a adecuada preparación e execución da actividade subvencionada.

b) Os custos subvencionables deberán ir acompañados de probas documentais, que deberán ser transparentes e detalladas.

Artigo 7º.-Contía das axudas e subvencións.

1. O importe das axudas recollidas nestes programas non poderá exceder dos límites establecidos

no Regulamento (CE) número 68/2001, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación. Estes límites estableceranse, de acordo co establecido no artigo 4 do citado regulamento, segundo se trate de grandes, medianas ou pequenas empresas, e se a formación impartida ten carácter xeral ou específico. A valoración das solicitudes e a determinación da contía da subvención fixaraa a comisión de valoración, de acordo cos criterios establecidos polo FSE. Na resolución de concesión especificarase a porcentaxe que se subvenciona, en función dos criterios citados anteriormente.

2. Valoración económica das accións formativas:

a) Como norma xeral, aplicaranse directamente os módulos económicos do Plan FIP cando se trate de especialidades incluídas no Catálogo Nacional de Especialidades. No resto de especialidades aplicaranse por afinidade estes mesmos módulos.

b) Excepcionalmente, cando xustificadamente se argumente que a cantidade resultante por este sistema non é suficiente para impartir unha determinada especialidade coas debidas condicións de calidade docente, aplicaranse os seguintes módulos económicos máximos (custo por alumno e hora de formación):

Modalidade de imparticiónNivel de formación

Presencial8 euros

A distancia5 euros

Teleformación6,75 euros

MixtaAplicaranse os módulos anteriores

en función das horas de formación

presencial e a distancia ou telefor-

mación que teña acción formativa

Na modalidade de impartición presencial, o módulo de nivel básico aplicarase cando se trate de impartir formación e materias transversais ou xenéricas, que capacita para desenvolver competencias e cualificacións básicas.

O módulo de nivel medio-superior aplicarase cando a formación incorpore materias que impliquen especialización e/ou capacite para desenvolver competencias de programación e/ou dirección.

c) A comisión de avaliación establecerá os criterios orientativos que permitan identificar o módulo económico aplicable a cada acción formativa.

3. Os beneficiarios das axudas poderán subcontratar, por unha soa vez, a realización das accións formativas financiadas con cargo a esta convocatoria, tendo en conta que a subcontratación non pode supoñer un aumento do custo de execución da acción formativa. Ademais, os subcontratistas deberán facilitar aos organismos de auditoría e control toda a información necesaria relativa ás accións subcontratadas. No caso de accións formativas subcontratadas, a solicitude de calquera modificación respecto da execución das accións concedidas deberá ser efectuada pola entidade adxudicataria.

Artigo 8º.-Obrigas das entidades colaboradoras.

As entidades beneficiarias das axudas deberán:

1. Requirir de cada alumno, no momento da súa incorporación, a seguinte documentación, que deberá arquivarse separadamente por cada acción formativa:

-Copia do DNI.

-Ficha individual.

-Acreditación documental de que os alumnos están incluídos nalgún dos grupos preferentes que se recollen no artigo 5, de ser o caso.

2. Remitir á Dirección Xeral de Formación e Colocación:

a) Como mínimo cinco días antes do inicio da acción formativa:

-As datas de inicio e remate e o horario de impartición.

-A planificación temporal dos módulos da acción formativa.

-O enderezo completo do lugar de impartición e teléfono de contacto.

-A relación nominal dos docentes especificando os seus DNI.

-A identificación do persoal de dirección, seguimento e control da actividade docente.

-Breve resumo das instalacións que se van utilizar, equipamentos e medios didácticos.

b) O día de inicio de cada acción formativa:

-Certificación xustificativa do seu comezo e, de ser o caso, das modificacións producidas respecto dos datos sinalados no apartado anterior.

b) Dentro dos 10 días seguintes ao inicio da acción formativa, a seguinte documentación orixinal ou fotocopia compulsada:

-Relación nominal dos alumnos, especificando número do DNI.

-Copia dos seus DNI.

-Fichas SIFO de inicio a través de rede.

-Ficha individual de cada alumno.

-Copia da póliza de seguros contratado co xustificante do seu aboamento, de ser o caso.

A entidade impartidora arquivará unha copia desta documentación separadamente por cada acción formativa.

c) Mensualmente:

-Cubrir as fichas de incidencias en SIFO.

-Fotocopia do parte de asistencia.

5. Expoñer no taboleiro de anuncios do centro o programa completo da acción formativa temporizado por módulos, os dereitos e deberes dos alumnos e da entidade impartidora, así como a relación dos docentes e o horario. No anuncio farase referencia

expresa aos organismos cofinanciadores da acción formativa, así como á porcentaxe que cofinancia cada un deles.

6. Aboar mensualmente aos docentes a súa remuneración. Non exime desta obriga o feito de que a entidade impartidora non percibise os anticipos previstos nesta orde.

7. Someterse ás actuacións de supervisión e control que, en calquera momento, poidan acordar os servizos competentes da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, tanto no relativo ao desenvolvemento das accións formativas como á súa xestión e tramitación administrativa.

8. Contratar un seguro de accidentes para os alumnos, que cubra tanto os riscos que poidan ter durante o desenvolvemento da acción formativa, como os do traxecto ao lugar de impartición das clases e das prácticas. A súa duración abranguerá estritamente o período da acción formativa, incluíndo expresamente as prácticas en empresas cando estas se realicen, sen que poida admitirse restrición nin exclusión ningunha por razón do medio de transporte utilizado. Esta obriga rexerá exclusivamente na parte presencial cando a acción formativa se desenvolva fóra da propia empresa.

A cobertura mínima deste seguro será a seguinte:

-No caso de morte: 30.000 A.

-No caso de invalidez permanente: 42.000 A.

-Asistencia médico farmacéutica: durante un ano a partir do sinistro.

9. Cando se realicen prácticas en empresas ou outras actividades relacionadas coa acción formativa, contratar unha póliza de responsabilidade civil para facer fronte aos riscos que poidan derivarse da súa realización para os bens e as persoas.

10. Velar por que todos os alumnos dunha acción formativa reciban a mesma formación, así como o mesmo número de horas tanto teóricas como prácticas, independentemente de que a parte práctica teña lugar no propio centro ou en centros de traballo.

11. Comunicarlle á Dirección Xeral de Formación e Colocación calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente á execución das accións formativas programadas, no prazo de cinco días desde que se produza.

12. Solicitar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, con cinco días de antelación, autorización para realizar calquera modificación substancial no desenvolvemento das accións formativas.

13. Aceptar as modificacións que, de ser o caso, introduza o órgano encargado da resolución dos expedientes en relación cos termos de impartición sinalados na solicitude.

14. Facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Dirección Xeral de Formación e Colocación, pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas, polo Consello de Contas ou polo órgano competente da Unión Euro

pea, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

15. Incluír en toda a documentación relativa á acción formativa o logotipo da Unión Europea (Fondo Social Europeo) e da Xunta de Galicia (Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais).

16. Informar os alumnos do cofinanciamento das accións formativas por parte do Fondo Social Europeo, así como dos obxectivos destes fondos.

17. Financiar os gastos que excedan dos límites da intensidade permitida no Regulamento (CE) 68/2001, do 12 de xaneiro, da comisión, cando sexan de aplicación.

Artigo 9º.-Incumprimento de obrigas e reintegro.

Cando se produza incumprimento de calquera das obrigas previstas nesta orde ou se dea calquera dos supostos previstos no artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, procederá o reintegro total ou parcial da axuda concedida, nos termos e coas condicións sinalados na citada lei.

Artigo 10º.-Pagamento e liquidación das subvencións.

a) Documentación que hai que presentar.

-As entidades impartidoras deberán enviar á Dirección Xeral de Formación e Colocación, dentro dos 15 días seguintes ao remate da acción formativa, a xustificación dos custos inherentes a el, a través da seguinte documentación, que deberá presentarse por cada acción formativa selada e asinada:

-Cubrir a ficha SIFO de finalización.

-Solicitude de liquidación final.

-Relación de facturas.

-Orixinal ou fotocopia compulsada de todas as facturas, nóminas e xustificantes de pagamento de todos os gastos imputables á acción formativa.

-Certificación dos gastos.

-Declaración complementaria do conxunto de todas as axudas solicitadas (aprobadas, concedidas ou pendentes de resolución), para a mesma acción formativa, das distintas administracións públicas competentes ou de calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

-Unha memoria final de actividades na que se faga constar, segundo os casos, unha descrición detallada da execución da acción formativa, dos colectivos atendidos, así como unha valoración do carácter experimental da acción formativa.

-Todas as entidades beneficiarias das axudas reguladas nesta orde deberán acreditar, con independencia da súa contía e antes de proceder ao cobramento das subvencións, que están ao día nas súas obrigas tributarias e sociais e que non teñen pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, agás que o beneficiario

xunte á solicitude a debida autorización, segundo o anexo III, para que a citada información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas. Todo isto sen prexuízo das excepcións recollidas na Lei anual de orzamentos.

-Os custos das accións formativas amparadas por esta orde só poderán imputarse a partir da data de concesión da subvención.

B) Sistemas de pagamento.

1. O aboamento da subvención farase efectivo da seguinte forma:

a) Ata o 50 por 100 do total do orzamento de gastos de cada acción formativa, en concepto de anticipo, no momento no que a Dirección Xeral de Formación e Colocación reciba comunicación da entidade impartidora na que se notifique o inicio de cada acción formativa, así como a documentación sinalada neste artigo, de ser o caso. Cando se trate de corporacións locais a porcentaxe máxima dos anticipos será do 35% da subvención concedida.

b) O importe restante, unha vez rematadas todas as accións formativas e xustificados os gastos realmente efectuados en cada unha.

c) Poderán acordarse pagamentos parciais á conta da liquidación definitiva a medida que o beneficiario xustifique os libramentos anteriores, que nunca serán superiores ao 80% da subvención concedida.

d) Poderanse aboar anticipos de ata o 50% da subvención concedida, unha vez que a entidade acredite o inicio da primeira das accións formativas, sempre que se constitúa garantía a favor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (Xunta de Galicia), nos termos e condicións sinalados no artigo 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia. Cando se trate de corporacións locais a porcentaxe máxima dos anticipos será do 35% da subvención concedida.

2. No caso de que non inicien a acción formativa o total dos alumnos para os que se aprobou, ratearase o importe que haxa que aboar ata o número máis alto de alumnos acadado no seu primeiro cuarto.

3. Revisada a xustificación efectuada polas entidades beneficiarias e sempre que esta se axuste ao disposto nesta orde ou na súa normativa de desenvolvemento, o Servizo de Xestión Administrativa de Formación Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación, emitirá certificación para poder facer efectiva a correspondente liquidación da axuda concedida.

4. No caso de que a xustificación fose incorrecta, requirirase a entidade para que corrixa os erros ou defectos observados no prazo de 10 días, advertíndoa de que, de non facelo, se procederá, se é o caso, a reclamar o reintegro, total ou parcial, da axuda concedida.

Artigo 11º.-Seguimento e control das accións formativas.

1. Para verificar o cumprimento do disposto nesta orde, a Dirección Xeral de Formación e Colocación, as delegacións provinciais ou o persoal que se contrate para o efecto aplicarán un sistema de seguimento e control, que consistirá na realización de visitas ás accións formativas aprobadas e enquisas a alumnos e docentes, e emitirase un informe respecto do progreso da acción e do seu grao de execución en cada momento.

2. Cando nunha acción formativa se detecte a existencia de irregularidades ou deficiencias que non puidesen ser emendadas no prazo concedido para o efecto, e que incidan negativamente na súa calidade docente, procederase á súa cancelación por resolución motivada do órgano competente para a súa concesión.

Capítulo II

Das accións formativas

Artigo 12º.-Remate e xustificación das accións formativas.

A data límite para o remate e xustificación das accións formativas será, como norma xeral, o 30 de novembro de 2005. Excepcionalmente, por causas xustificadas, logo de solicitude do interesado, e sempre precedendo autorización do director xeral de Formación e Colocación, as accións formativas reguladas nesta orde poderán rematar con posterioridade a esa data, sempre dentro do ano 2005.

Artigo 13º.-Selección de alumnos.

1. Como norma xeral, a selección dos alumnos participantes nas accións formativas realizaraa a entidade adxudicataria a través de convocatoria pública, que deberá publicarse, como mínimo, nun dos xornais de maior tiraxe da comunidade autónoma. No anuncio en prensa os logotipos deberán figurar coa seguinte distribución: na parte superior esquerda o da Xunta de Galicia, na parte superior dereita o do centro impartidor, e na parte inferior dereita o da Unión Europea (Fondo Social Europeo).

2. Excepcionalmente, por razón da peculiaridade do colectivo ao que se dirixe a acción formativa a entidade poderá seleccionar directamente os alumnos.

3. Nas accións formativas en que, a pesar de que se tentase completar o número de alumnos, diminúa o número de participantes ata unha cantidade inferior ao 50 por 100 do número programado, poderán ser canceladas pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais. En caso de cancelación, a entidade terá dereito a unha indemnización, que será proposta pola comisión de valoración prevista no artigo 17º e aprobada pola conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, calculada de acordo co principio de proporcionalidade.

4. Os alumnos que resulten seleccionados para unha acción formativa non poderán asistir simultaneamente a outra incluída dentro da programación

recollida nesta orde e, salvo autorización expresa do director xeral de Formación e Colocación, por causas excepcionais debidamente xustificadas, non poderán causar baixa nunha para acceder a outra dentro desa programación.

5. No caso de que se produzan baixas durante o desenvolvemento da acción formativa, as entidades impartidoras poderán incorporar alumnos dentro do seu primeiro cuarto.

Artigo 14º.-Dereitos e deberes dos alumnos.

1. A formación será gratuíta en todo caso para todos os alumnos das accións formativas incluídas nesta orde. As entidades impartidoras poderán recibir outras achegas que non poderán ter en ningún caso carácter público.

2. Terán a obriga de asistir e seguir con aproveitamento as accións formativas, e de facilitar a documentación que lles sexa solicitada pola entidade impartidora. No caso de que as faltas de asistencia sen xustificar dalgún alumno superen o 25% das horas lectivas, poderá ser dado de baixa na acción formativa.

3. Os alumnos que rematen os as accións formativas con aproveitamento, e asistisen como mínimo ao 75% das súas horas lectivas, recibirán un diploma no modelo que sexa establecido pola Dirección Xeral de Formación e Colocación no que deberán constar os seguintes datos:

a) Nome, apelidos e DNI do alumno.

b) Denominación da acción formativa.

c) Lugar e datas de realización.

d) Número de horas e módulos formativos realizados.

e) Entidade impartidora.

4. Os alumnos que non teñan dereito a diploma poderán recibir, se o solicitan, unha certificación polas horas e módulos aos que asistisen.

Artigo 15º.-Modalidades de impartición das accións formativas.

1. As accións formativas poderán ser presenciais, a distancia convencional, teleformación ou mixtas. Cando as accións formativas inclúan, en todo ou en parte, formación a distancia, esta deberá realizarse con soportes didácticos que supoñan un proceso de aprendizaxe sistematizado para o participante, que necesariamente será complementado con asistencia titorial.

A modalidade de teleformación entenderase aplicada cando o proceso de aprendizaxe das accións formativas se desenvolva co apoio de tecnoloxías de información e comunicación en liña (teleformación).

2. As acciones formativas presenciais poderán organizarse en grupos cun máximo de 25 participantes. Nas acciones de formación a distancia (incluídas as desenvolvidas mediante teleformación) disporase, como mínimo, dun titor por cada 80 par

ticipantes. Nas accións mixtas respectaranse os citados límites, segundo a respectiva modalidade formativa.

3. As accións formativas non poderán ter en ningún caso unha duración inferior a 10 horas e a participación dun traballador en accións formativas non poderá superar unha duración de 8 horas diarias.

4. En todo caso, no anexo II da solicitude deberá especificarse expresamente a modalidade pola que optan, e, se é mixta, indicarán as horas de cada unha delas.

5. Nas modalidades a distancia convencional, en teleformación e na parte a distancia da modalidade mixta o sistema de impartición deberá incluír evidencias necesarias para comprobar que os alumnos reciben a formación impartida.

Capítulo III

Da convocatoria pública

Artigo 16º.-Solicitudes.

1. As entidades que desexen colaborar na impartición das accións formativas previstas nesta orde deberán formalizar a correspondente solicitude no modelo normalizado que se publica como anexo I a esta orde, e que se subministrará nas delegacións provinciais da consellería, na Dirección Xeral de Formación e Colocación ou en calquera das oficinas administrativas de Información ao Cidadán, subscrita polo titular ou representante legal da entidade debidamente acreditado e deberá ir acompañada da seguinte documentación:

a) Documentación acreditativa da representatividade suficiente para asinar a solicitude.

b) Subprograma II-b, licenza municipal de apertura dos locais onde se vai impartir a acción formativa.

c) Unha ficha por cada unha das accións formativas no modelo normalizado segundo o anexo II.

d) Suprograma II-b: unha memoria-proxecto na que se fará referencia, polo menos, aos seguintes extremos:

-Descrición da acción formativa, na que se especificará o programa formativo curricular así como a xustificación do carácter experimental do programa.

-Memoria explicativa da valoración económica da acción formativa especificada no anexo II desta orde.

-Xustificación documental da experiencia da entidade solicitante na impartición de accións formativas de semellante natureza, de ser o caso.

e) Declaración de non ter concedida ningunha outra axuda pública para a mesma acción formativa.

2. As solicitudes dirixiranse á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e poderán presentarse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As entidades que soliciten accións formativas incluídas nos dous programas regulados nesta orde deberán formalizar unha solicitude independente para cada un deles.

Artigo 17º.-Prazo.

1. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados desde o seguinte á publicación desta orde.

2. No suposto de que a solicitude non cumpra os requisitos sinalados na convocatoria ou de que a documentación achegada conteña erros ou sexa insuficiente requirirase o solicitante para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou achegue os documentos preceptivos, con indicación de que, se non o fai así, se considerará desistido da súa solicitude, logo de resolución que así o declare.

Artigo 18º.-Instrución do procedemento.

1. O procedemento que se seguirá na tramitación e instrución dos expedientes será o establecido no Decreto 287/2000, do 21 de decembro, coas concrecións que se establecen nos seguintes puntos.

2. A comisión de valoración analizará toda a documentación achegada polas entidades solicitantes, emitirá informe sobre os expedientes aplicando a valoración establecida pola Administración e a Comisión Galega de Formación Profesional Continua, así como os criterios do Fondo Social Europeo; terá en conta, así mesmo, os límites establecidos no Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da comisión, que regula a aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación, cando sexa de aplicación.

3. Unha vez informados os expedientes pola comisión de valoración, analizaranse pola Comisión Galega de Formación Continua, que emitirá informe.

4. A comisión de valoración, tendo en conta os criterios recollidos neste artigo, elevará a proposta de resolución ao órgano competente para resolver.

5. Para os efectos previstos neste artigo, a comisión de valoración estará composta pola subdirectora xeral de Formación Ocupacional, que a presidirá, e serán vogais os xefes dos servizos de Xestión Administrativa e de Planificación de Formación Ocupacional, actuando este último como secretario, e dous técnicos da Dirección Xeral de Formación e Colocación.

6. A comisión de valoración, para avaliar as solicitudes, establecerá a orde de prelación e formulará a proposta de resolución, terá en conta os seguintes criterios:

Subprograma II-a.

a) Pertenza a calquera dos colectivos preferentes recollidos no artigo 5: 5 puntos.

b) Accións formativas avaladas por necesidades documentadas de sectores produtivos ou por estudos elaborados polo Observatorio Ocupacional da Dirección Xeral de Formación e Colocación e por outros observatorios do mercado de traballo: 5 puntos.

Subprograma II-b.

a) O carácter estratéxico do proxecto respecto do tecido produtivo de Galicia: 3 puntos.

b) O carácter xeral da formación, de xeito que inclúa unha ensinanza que non sexa única ou principalmente aplicable no posto de traballo actual ou futuro do traballador na empresa beneficiaria, senón que proporcione cualificacións na súa maior parte transferibles a outras empresas ou a outros ámbitos laborais, mellorando substancialmente a empregabilidade do traballador: 3 puntos.

c) O carácter preventivo do proxecto na medida en que atenda colectivos en reestruturación, é dicir, en risco de perda de emprego: 2 puntos.

d) A inclusión das accións formativas solicitadas no sistema de cualificacións, en concreto, a súa relación cos certificados de profesionalidade xa publicados: 1 punto.

e) A experiencia da entidade solicitante no desenvolvemento de accións formativas de semellante natureza: 1 punto.

Artigo 19º.-Resolución.

1. A resolución dos expedientes de axudas, unha vez emitido informe pola comisión de valoración, e fiscalizada a proposta pola Intervención Delegada, corresponderalle á conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberá ser notificada aos interesados. As entidades deberán acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que están ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e fronte á Seguridade Social, de acordo co establecido no artigo 14.1 c) da Lei 38/2003, do 17 de novembro.

2. A resolución dos expedientes deberá producirse no prazo de seis meses contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde. Transcorrido o citado prazo sen que recaese resolución expresa, os interesados entenderán desestimada a súa solicitude.

3. Contra as resolucións ditadas ao abeiro desta orde, que esgotan a vía administrativa, poderase interpoñer recurso ante a xurisdición contencioso-administrativa, no prazo de dous meses contados a partir do seguinte ao da súa notificación, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora desta xurisdición.

4. Non obstante, poderase optar por interpor contra estas resolucións recurso de reposición, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación ante o mesmo órgano que a ditou. Neste caso non caberá interpor o recurso contencioso-administrativo antes citado mentres non recaia resolución expresa ou presunta do recurso de reposición, de acordo co disposto na Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, modificadora da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Disposicións adicionais

Primeira.-A realización das accións de formación previstas nesta orde e a conseguinte concesión de subvencións estará supeditada á existencia de crédito suficiente nos programas 16.03.241B 440.0, 16.03.241B 472.0, 16.03.241B 482.0 e 16.03.241B.460.0 que figuran na Lei 13/2004, do

29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Segunda.-Se, por calquera causa, cando a comisión de valoración teña que examinar as solicitudes, algún dos seus compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto designe o director xeral de Formación e Colocación.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das subvencións reguladas nesta orde, e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación das resolucións de concesión.

Cuarta.-En todo o non previsto nesta orde, será de aplicación o establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, no que sexa de aplicación, quedando os beneficiarios das axudas reguladas nesta orde suxeitos ao réxime disciplinario previsto nas citadas disposicións.

Quinta.-As axudas recollidas nesta orde estarán suxeitas ao que dispón o Regulamento (CE) nº 68/2001, do 12 de xaneiro, da comisión, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas á formación, publicado no Diario Oficial de las Comunidades Europeas do 13 de xaneiro de 2001.

Sexta.-Poderán efectuarse resolucións complementarias cando existan fondos provenientes de renuncias de subvencións inicialmente concedidas, de incrementos das cantidades asignadas á comunidade autónoma ou doutros remanentes dos módulos. Neste caso, agás que se acuda a unha convocatoria complementaria, non poderán terse en conta outras solicitudes nin outras homologacións distintas das tidas en conta para a resolución inicial.

Sétima.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Formación e Colocación para a autorización, disposición, recoñecemento de obrigas e propostas de pagamento das subvencións reguladas nesta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Formación e Colocación para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e execución desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais