DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 74 Martes, 19 de abril de 2005 Páx. 6.370

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 70/2005, do 31 de marzo, de aprobación dos estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia.

De acordo co establecido no artigo 150.2º da Constitución española, a Lei orgánica 16/1995, do 27 de decembro, de transferencia de competencias á Comunidade Autónoma galega, transfire no marco da lexislación básica do Estado o desenvolvemento lexislativo e a execución en materia de corporacións de dereito público representativas de intereses económicos e profesionais, completando así o ámbito competencial determinado no artigo 27.29º do Estatuto de autonomía de Galicia.

A transferencia en materia de colexios oficiais ou profesionais fíxose efectiva a través do Real decreto 1643/1996, do 5 de xullo, e asumiuse polo Decreto 337/1996, do 13 de setembro, da Xunta de Galicia, asignándolle as funcións á Consellería de Xustiza, Interior e Relacións Laborais (na actualidade, Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local, en virtude do Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro).

A Lei 11/2001, de 18 de setembro, de colexios profesionais da Comunidade Autónoma de Galicia, ditada en virtude da devandita competencia, dispón na súa disposición transitoria que os colexios profesionais que estivesen constituídos á entrada en vigor desta lei adaptarán os seus estatutos a ela no prazo dun ano.

En cumprimento da devandita disposición, o Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia acordou na asemblea xeral extraordinaria celebrada o 11 de decembro de 2004 aprobar a modificación e adaptación dos estatutos á lei galega. Posteriormente foron comunicados a esta consellería para os efectos da súa aprobación definitiva, despois da cualificación de legalidade.

Tendo en conta o exposto, e en virtude do uso da competencia atribuída polo artigo 34.5º da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local,

e logo da deliberación do Consello da Xunta na súa reunión do trinta e un de marzo dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Aprobar, por seren adecuados á legalidade, os estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia que figuran como anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, trinta e un de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros

Industriais de Galicia

Preámbulo.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia constituíuse en cumprimento do Decreto 118/1949, do Ministerio de Industria e Comercio, segundo o establecido nos estatutos xerais dos colexios de enxeñeiros industriais aprobados pola Orde do 6 de setembro de 1950 do mesmo ministerio.

Polo Real decreto 1332/2000, do 7 de xullo, aprobáronse os estatutos xerais dos colexios oficiais de enxeñeiros industriais e do seu consello xeral.

O Parlamento de Galicia, o 11 de setembro de 2001, aprobou a Lei 11/2001, sobre colexios profesionais.

En consecuencia, efectúase a adecuación dos presentes estatutos do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia á Lei 11/2001, do Parlamento de Galicia, e ao Real decreto 1332/2000.

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 1º.-Personalidade e estrutura.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia é unha corporación profesional de dereito público, con personalidade xurídica propia e plena capacidade xurídica pública e privada para o cumprimento dos seus fins.

A estrutura interna e o funcionamento do colexio deberán ser democráticos.

Artigo 2º.-Normativa aplicable.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, sen prexuízo das normas de superior rango que lle sexan de aplicación, réxese polo disposto nestes estatutos.

Toda a súa modificación deberá ser realizada de acordo co especificado nos seus correspondentes artigos.

Artigo 3º.-Relación coa Administración.

Nas cuestións relativas aos aspectos institucionais e corporativos considerados na Lei de Galicia de colexios profesionais, este colexio relacionarase coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia a través da consellería competente en materia de colexios profesionais e, nas cuestións referentes ao contido desta profesión, a través da Consellería de Innovación, de Industria e Comercio ou consellería competente ao respecto.

Artigo 4º.-Alcance.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia integrará obrigatoriamente, dentro do seu ámbito territorial, a todos os enxeñeiros industriais no exercicio da súa profesión, con título oficial recoñecido polo Estado, procedentes de centros docentes creados ou recoñecidos polo Estado ou polas comunidades autónomas no ámbito das súas respectivas competencias, xa fosen públicos ou privados, e os enxeñeiros superiores con título estranxeiro homologado ou recoñecido oficialmente, para os efectos profesionais, polo Estado español ao de enxeñeiro industrial. Así mesmo, poderá integrar outros enxeñeiros de segundo ciclo cuxos títulos abrangan campos incluídos na enxeñaría industrial, sempre e cando non exista un colexio específico que agrupe un colectivo determinado polo seu título de especialidade e así o aprobase o Consello Xeral, por proposta dalgún colexio, para cada titulación e para cada centro docente, adoptándose o acordo por maioría de dous terzos dos membros do Pleno do

Consello Xeral.

No suposto dos enxeñeiros industriais con título homologado polo Ministerio de Educación, Cultura e Deporte ou con título recoñecido, para os efectos profesionais, polo Ministerio de Ciencia e Tecnoloxía, seralle requirida a colexiación obrigatoria na circunstancia específica de exercer a profesión de enxeñeiro industrial no ámbito territorial do colexio.

Quedan exceptuados do requisito de incorporación ao colexio os enxeñeiros industriais vinculados coa Administración pública mediante servizos de carácter administrativo ou laboral para o exercicio de funcións puramente administrativas ou para a realización de actividades propias da profesión por conta da administración a que pertenzan cando o seu destinatario inmediato sexa esa administración. Si será obrigatoria, en consecuencia, a colexiación para o exercicio da actividade privada.

Artigo 5º.-Ámbito territorial.

O ámbito territorial do colexio é o correspondente á Comunidade Autónoma de Galicia.

Capítulo II

Fins, funcións e facultades do colexio

Artigo 6º.-Fins e funcións do colexio.

1. Serán fins do colexio os que o ordenamento xurídico vixente lle atribúa como corporación pro

fesional e, como finalidade última, a tutela do correcto exercicio da profesión como garantía dos dereitos dos cidadáns. En particular, a título enunciativo e non limitativo, terá os seguintes fins esenciais:

a) Ordenar, no ámbito da súa competencia, de acordo cos criterios básicos que estableza o Consello Xeral, o exercicio da profesión dos colexiados, velando pola ética e dignidade profesional e polo respecto debido aos dereitos da sociedade en xeral.

b) Exercer, no seu ámbito, a representación exclusiva da profesión e a súa defensa, de conformidade co que dispón o artigo 36 da Constitución española, as leis de colexios profesionais do Estado e da Comunidade Autónoma de Galicia, o dereito comunitario e o ordenamento xurídico, ante a Administración, institucións, tribunais, entidades e particulares, con lexitimación para seren parte en cantos litixios afecten os intereses profesionais xerais.

c) A defensa dos intereses profesionais dos colexiados.

2. O colexio terá as seguintes funcións:

a) Organizar e desenvolver, se é o caso, a previsión social entre os enxeñeiros industriais colexiados.

b) Exercer cantas funcións lle sexan encomendadas polas distintas administracións públicas e asesorar organismos do Estado, comunidades autónomas, corporacións locais, persoas ou entidades públicas ou privadas e aos seus colexiados, emitindo informes, elaborando estatísticas, resolvendo consultas ou actuando en arbitraxes técnicas e económicas por instancia das partes.

c) Velar para que ningunha persoa realice actos propios da profesión de enxeñeiro industrial sen posuír o correspondente título académico ou sen que poida acreditar a súa pertenza a un colexio.

d) Procurar a harmonía e a colaboración entre os colexiados e impedir a competencia desleal entre estes.

e) Cooperar coa Administración de xustiza e demais organismos oficiais ou particulares na designación de enxeñeiros industriais que teñan que intervir como peritos nos asuntos xudiciais e outros, realizando informes, ditames, taxacións ou outras actividades profesionais, para cuxos efectos se lles facilitarán periodicamente a tales organismos listas dos colexiados, de conformidade co que sinale a Lei orgánica do poder xudicial e demais leis e regulamentos que as desenvolvan e en consonancia cos ámbitos de competencia que serían transferidos á Comunidade Autónoma de Galicia.

f) Impulsar o desenvolvemento de actividades científicas, técnicas, económicas, sociais e culturais relacionadas coa profesión.

g) Informar das modificacións da lexislación vixente en canto se relaciona coa profesión de enxeñeiro industrial.

h) Recoller e canalizar as aspiracións da profesión, para cuxos efectos o colexio elevará ao Consello

Xeral, e este aos centros oficiais correspondentes, cantas suxestións coide oportunas en relación coa perfección e regulación dos servizos que poidan prestar os enxeñeiros industriais, tanto ás corporacións oficiais como ás entidades e particulares.

i) Impulsar a formación, principalmente técnica, dos seus colexiados.

j) Fomentar e axudar, polos procedementos que en cada caso entendan máis pertinentes, a aquelas institucións, oficiais ou particulares, que traten de incrementar o desenvolvemento da industria.

k) Participar na elaboración dos plans de estudo e emitir informe sobre as normas de organización dos centros docentes correspondentes á profesión de enxeñeiro industrial e manter permanente contacto con estes e preparar a información necesaria para facilitar o acceso á vida profesional dos novos titulados.

l) Calquera outra función que acorde a Xunta de Goberno ou a xunta xeral, sempre que garden relación coa profesión e non se opoñan ás disposicións legais.

3. Sen prexuízo diso, o colexio, que se considera representante da función social da profesión en Galicia, poderá intervir de conformidade coa lei en cantas tarefas de interese xeral lle sexan encomendadas ou acorde por propia iniciativa.

Artigo 7º.-Facultades do colexio.

Para o cumprimento dos seus fins, o colexio terá as facultades que lle concede o ordenamento xurídico vixente, entre elas:

a) Exercer perante os tribunais de xustiza as accións procedentes contra os que exerzan a profesión de enxeñeiro industrial sen cumprir os requisitos legais necesarios para tal exercicio.

b) Exercer a potestade disciplinaria polas faltas que cometan os colexiados na orde colexial e profesional.

c) Comparecer ante os tribunais de xustiza en defensa dos colexiados ou por requirimento de entidades oficiais ou particulares, sempre que se diriman cuestións de interese profesional.

d) Visar os traballos profesionais dos colexiados, de acordo co disposto nestes estatutos.

e) Establecer baremos de honorarios, que terán carácter meramente orientativo, de acordo cos criterios básicos que estableza o Consello Xeral.

f) Informar nos procedementos xudiciais ou administrativos en que se discutan honorarios profesionais.

g) Encargarse do cobramento das percepcións, remuneracións ou honorarios profesionais cando o colexiado o solicite libre e expresamente, nas condicións que determine o colexio.

h) Participar nos consellos ou organismos consultivos da Administración en materia da súa compe

tencia e estar representado nos consellos sociais e nos padroados universitarios.

i) Intervir, en vía de conciliación ou arbitraxe, nas cuestións que, por motivos profesionais se susciten entre os colexiados e resolver por laudo, por instancia das partes interesadas, as discrepancias que poidan xurdir sobre o cumprimento das obrigas dimanantes dos traballos realizados polos colexiados no exercicio da profesión.

j) Organizar actividades e servizos comúns de interese para os colexiados, de carácter profesional, formativo, cultural e outros análogos, provendo, para o seu sostemento económico, os medios necesarios.

k) Promover cantas cuestións consideren oportunas con motivo da fusión, segregación e disolución do colexio.

l) Organizar un servizo de información sobre postos de traballo apropiados para enxeñeiros industriais.

m) Cumprir e facerlles cumprir aos colexiados as leis xerais e especiais e os estatutos do colexio, así como os acordos e decisións adoptadas polos órganos colexiais, en materia da súa competencia.

Artigo 8º.-Visado.

1. O visado colexial garante a identidade, a titulación e a habilitación do que subscribe o traballo. Así mesmo, acredita a autenticación, o rexistro, a corrección formal de presentación dos documentos e que se contemplou a normativa aplicable, pero non sanciona o contido do traballo profesional nin a súa corrección técnica.

Igualmente deberá incluír aqueles aspectos que a Administración xeral do Estado ou da comunidade autónoma lle encomenden ao colexio, sempre dentro do ordenamento do exercicio da profesión.

O colexio definirá o contido administrativo do visado de cada tipo de traballo, así como a cota correspondente de acordo cos criterios básicos que estableza o Consello Xeral, co fin de harmonizar o exercicio da profesión en todo o territorio do Estado.

2. O visado non comprenderá os honorarios nin as demais condicións contractuais, cuxa determinación se deixa ao libre acordo das partes.

3. Os traballos profesionais, asinados polo enxeñeiro industrial, deberán de ser visados polo Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais do ámbito territorial da Administración correspondente.

Para estes efectos, os colexiados terán que someter previamente ao colexio a documentación profesional que deba producir efectos administrativos.

Cando o visado dun traballo se deba facer nun colexio distinto a aquel en que estivese inscrito o enxeñeiro asinante, este deberá someterse á normativa do colexio en que vise o seu traballo.

4. O colexio poderá establecer visados de acreditación en que se garantan aspectos técnicos dos traballos, salvagardando a liberdade de proxectar dos colexiados.

Capítulo III

Colexiación. Dereitos e obrigas dos colexiados

Artigo 9º.-Colexiación.

Para o exercicio da profesión de enxeñeiro industrial con domicilio profesional único ou principal en Galicia é requisito indispensable estar incorporado a este colexio, e abonda con iso para exercer a profesión en todo o territorio español.

Cando un colexiado exerza a profesión nun territorio distinto ao do ámbito do colexio de Galicia, deberá comunicarlles a través deste colexio, aos colexios distintos as actuacións que vaia realizar nas súas demarcacións, co fin de quedar suxeito ás competencias de ordenación, visado, control deontolóxico e potestade disciplinaria destes últimos.

Artigo 10º.-Requisitos xerais de colexiación.

Para pertencer ao Colexio de Enxeñeiros Industriais de Galicia será necesario:

1. Estar en posesión do título de enxeñeiro industrial de grao superior recoñecido polo Estado ou título estranxeiro de enxeñeiro superior homologado ou recoñecido oficialmente, para os efectos profesionais, polo Estado español ao de enxeñeiro industrial. Así mesmo, poderán pertencer outros enxeñeiros de segundo ciclo cuxos títulos abrangan campos incluídos na enxeñería industrial e fosen aprobados polo Consello Xeral.

2. Solicitar a incorporación ao colexio.

3. Non estar inhabilitado para o exercicio da profesión nin se atopar suspendido no exercicio profesional, nin ser obxecto de expulsión da organización colexial.

Artigo 11º.-Aceptación provisional de solicitudes.

1. As solicitudes de incorporación consideraranse aceptadas provisionalmente desde o momento da súa presentación.

2. En ningún caso poderán entenderse aceptadas as solicitudes que non vaian acompañadas do título necesario, segundo o indicado no artigo anterior.

Artigo 12º.-Aceptación definitiva.

1. Correspóndelle á Xunta de Goberno a aceptación definitiva das solicitudes.

2. No prazo máximo de 3 meses, a partir da entrada da solicitude no rexistro do colexio, a Xunta de Goberno decidirá, con carácter definitivo, a incorporación ou a súa denegación.

Se transcorrese o prazo sinalado no parágrafo anterior sen resolución expresa, a aceptación provisional farase definitiva.

3. A aceptación das solicitudes é acto regulado. A denegación deberá fundarse no incumprimento de preceptos legais ou estatutarios, e deberánselle notificar ao interesado os motivos da denegación.

Artigo 13º.-Motivos de denegación.

Serán motivos de denegación:

1. Non posuír titulación suficiente.

2. Presentación inadecuada da solicitude.

3. Atoparse cumprindo sanción de suspensión de exercicio profesional.

A denegación poderá ser impugnada ante o Consello Xeral de colexios e os tribunais que estableza a lei.

Artigo 14º.-Efectos xerais da aceptación.

1. A aceptación da solicitude producirá a incorporación do solicitante ao colexio e á delegación correspondente, producindo efecto para este os dereitos e obrigas que sinalan os artigos seguintes.

2. A incorporación ao colexio supón a incorporación automática do colexiado á mutualidade de previsión, salvo oposición expresa deste, nas condicións que establezan as normas da devandita mutualidade con todos os dereitos e obrigas que da devandita incorporación deriven.

Artigo 15º.-Dereitos dos colexiados.

1. Todos os colexiados gozarán dos seguintes dereitos:

a) Exercer a profesión en todo o ámbito territorial do colexio con independencia da delegación a que pertenza.

b) Exercer a profesión fóra do ámbito territorial do colexio conforme as normas do colexio en cuxo ámbito territorial se vaia exercer.

c) Levar a cabo os proxectos, ditames, peritacións, valoracións ou outros traballos que lle sexan solicitados ao colexio ou delegación por entidades ou particulares, e que lles correspondan por quenda previamente establecida.

d) Os dereitos de previsión dimanantes da súa incorporación á mutualidade.

e) Participar no uso e desfrute dos bens do colexio e dos servizos que este ou a súa delegación teñan establecidos, sempre que non prexudiquen os dereitos dos demais colexiados.

f) Poñer en coñecemento da súa delegación ou do colexio todos os feitos que poidan afectar a profesión e que poidan determinar a súa intervención.

g) Solicitar ante a súa delegación ou ante a Xunta de Goberno do colexio, o amparo deste, cando considere lesionados ou menoscabados os seus dereitos ou intereses como colexiado, como profesional ou os do propio colexio e da profesión.

h) Tomar parte nas votacións e deliberacións que se prevexan nestes estatutos e, en concreto, asistir con voz e voto ás xuntas xerais do colexio.

i) Recibir información adecuada sobre a marcha e o funcionamento do colexio.

j) Ser elector e elixible para os cargos e vocalías da Xunta de Goberno, así como para os correspondentes á delegación a que pertenza.

k) Todos aqueles que deriven dos estatutos xerais dos colexios de enxeñeiros industriais, do regulamento da mutualidade ou doutras normas legais vixentes.

2. Para ser candidato aos cargos representativos establecidos nestes estatutos será necesario estar colexiado e non estar inhabilitado.

Artigo 16º.-Obrigas dos colexiados.

Os colexiados deben ter como guía da súa actuación profesional o servizo á comunidade e o cumprimento das obrigas deontolóxicas propias da profesión.

En particular, son obrigas dos colexiados:

1. Satisfacer as cotas ordinarias e extraordinarias do colexio e da mutualidade, en caso de pertenceren a ela, que estatutariamente lle correspondan para o seu sostemento e desenvolvemento, así como as cotas e dereitos que se establezan para servizos.

2. Presentar para a súa legalización e visado a totalidade dos seus traballos profesionais que así o requiran por imperativo legal.

3. Cumprir estritamente cantas prescricións conteñen os estatutos xerais que os atinxan, estes estatutos e os acordos que adopte o colexio.

4. Cumprir, con respecto aos órganos colexiais e aos colexiados, os deberes de disciplina e harmonía profesional.

5. Aceptar o desempeño dos cargos para os cales sexan elixidos ou para os cales lles sexan encomendados polos órganos do colexio ou da súa delegación, salvo causa en contra que se considere xustificada.

6. Poñer en coñecemento do colexio os nomes das persoas que exerzan como enxeñeiro industrial sen posuíren o título que para iso os autorice.

Artigo 17º.-Perda da condición de colexiado.

A perda da condición de colexiado poderá producirse:

1. Por falecemento ou incapacitación recoñecida xudicialmente.

2. A petición propia, solicitada por escrito ao decano do colexio, sempre que non se teñan obrigas profesionais ou corporativas pendentes de cumprimento.

3. Por sanción disciplinaria, ditada como consecuencia do disposto nos estatutos xerais ou nestes estatutos.

4. Por sentenza xudicial firme de inhabilitación para exercer a profesión.

Capítulo IV

Organización xeral do colexio

Artigo 18º.-Órganos esenciais.

Os órganos esenciais do colexio serán a xunta xeral de colexiados, a Xunta de Goberno e o Decanato.

Artigo 19º.-Organización territorial.

Para coordinar con efectividade e eficacia as actividades do colexio, así como a súa representación e funcionamento administrativo estruturase este en sede central e delegacións.

A determinación do número, localización, características, atribucións e obrigas, tanto da sede central como das delegacións desenvólvense nos posteriores artigos destes estatutos que a cada un destes conceptos corresponde.

Capítulo V

Xuntas xerais

Artigo 20º.-Xunta xeral.

É o órgano superior de expresión da vontade do colexio, e quedan polo tanto, obrigados todos os colexiados, así como os órganos de goberno do colexio, ao cumprimento dos acordos que aquela adopte conforme os propios estatutos xerais e as disposicións dos presentes estatutos.

Artigo 21º.-Funcións da xunta xeral.

Correspóndelle en exclusiva á xunta xeral:

1. O estudo e toma de posición, se é o caso, das propostas do Consello sobre os estatutos xerais e a súa modificación.

2. O estudo e elevación ao Consello Xeral das propostas cando as formule o propio colexio.

3. A aprobación das propostas de estatutos deste colexio, así como das súas modificacións para a elevación duns e doutras ao Consello Xeral.

4. A elección dos membros da Xunta de Goberno, segundo o procedemento desenvolvido nestes estatutos.

5. A remoción dos membros da Xunta de Goberno por medio da moción de censura.

6. A aprobación dos orzamentos deste colexio e das súas contas anuais.

7. A aprobación ou censura da xestión da Xunta de Goberno e do decano.

8. A implantación ou supresión de servizos corporativos.

9. A autorización para percibir recursos ordinarios e extraordinarios de acordo co sinalado nestes estatutos.

10. Determinar, na súa constitución, as funcións das institucións ou entidades creadas polo colexio.

11. Sinalar as condicións de incorporación do colexio naquelas institucións, entidades, fundacións, etc. en que participe o colexio.

12. A adopción de acordos referentes á fusión, absorción, segregación, cambio de denominación e disolución do colexio, conforme o disposto no ordenamento xurídico vixente.

13. A autorización para a alienación de bens cuxo valor supere o 10% do orzamento do colexio no ano da operación, e para a adquisición, cando sexa superior ao 20% deste.

14. Cantos asuntos se sometan á xunta xeral por proposta da Xunta de Goberno, dunha ou varias delegacións ou dun grupo de colexiados que non sexa inferior ao 10%, ou ben que alcance o número de 50 colexiados.

Artigo 22º.-Xunta xeral ordinaria.

A xunta xeral reunirase con carácter ordinario dúas veces ao ano: unha na primeira quincena de decembro para a aprobación, se procede, da xestión da Xunta de Goberno e do orzamento, e outra na primeira quincena de maio para a aprobación das contas do ano anterior e información xeral da marcha do colexio e das institucións ou entidades que del dependan ou en que participe.

Artigo 23º.-Orde do día das xuntas xerais ordinarias

A orde do día das xuntas xerais ordinarias deberá comprender:

1. A lectura das actas da xunta xeral ordinaria anterior e das extraordinarias que se celebrasen dende aquela.

2. A presentación, debate e aprobación, se é o caso, daqueles asuntos que a Xunta de Goberno acorde incluír na orde do día.

3. A presentación, debate e aprobación, se é o caso, das proposicións concretas que fosen presentadas no colexio ou nas delegacións durante a primeira quincena do mes anterior á celebración da xunta, asinadas por un número de colexiados que non sexa inferior ao 10%, ou ben que alcance o número de 50 colexiados.

4. Un punto da orde do día referirase a rogos e preguntas.

5. Na orde do día da xunta xeral ordinaria do mes de maio deberá incluírse:

a) A presentación, mediante a correspondente memoria, debate e aprobación, se procede, da xestión da Xunta de Goberno e do decano.

b) A presentación, debate e aprobación do balance de situación e conta de resultados do ano anterior.

c) A información da marcha xeral do colexio e das entidades por el creadas ou en que participe.

6. Na orde do día da xunta xeral ordinaria do mes de decembro deberá incluírse:

a) A presentación, debate e aprobación do orzamento do ano seguinte.

b) A toma de posesión dos candidatos electos para a Xunta de Goberno.

Artigo 24º.-Xunta xeral extraordinaria.

A xunta xeral reunirase con carácter extraordinario cando a convoque a Xunta de Goberno, por propia iniciativa ou por solicitalo un número de colexiados non inferior á décima parte da totalidade, ou ben que alcance o número de 50 colexiados. Nestes dous últimos casos, a xunta xeral deberá realizarse antes de transcorreren dous meses da recepción da petición.

Artigo 25º.-Orde do día da xunta xeral extraordinaria.

Na orde do día das xuntas xerais extraordinarias só figurarán a presentación, debate e aprobación, se procede, de todas as proposicións concretas que motivasen a súa convocatoria, cuxo texto íntegro ou un extracto, que facilite clara idea do seu contido e alcance, figure transcrito na mesma convocatoria. Nas xuntas xerais extraordinarias non haberá lectura da acta da reunión anterior nin capítulo de rogos e preguntas.

As proposicións que tendan á modificación dos estatutos deberán ser discutidas e, se é o caso, aprobadas, en xunta xeral extraordinaria.

Artigo 26º.-Convocatoria da xunta xeral.

As xuntas xerais serán convocadas polo secretario en nome da Xunta de Goberno con quince días de anticipación.

As convocatorias irán acompañadas da orde do día e dun extracto das proposicións que teñan que ser sometidas á consideración da xunta xeral que dea idea do seu contido e alcance.

Artigo 27º.-Constitución da xunta xeral.

A xunta xeral constituirase coa asistencia de todos os colexiados, previamente convocados. A validez dos seus acordos vén condicionada pola concorrencia de maioría absoluta na primeira convocatoria. En segunda convocatoria, celebrada media hora máis tarde, todos os acordos serán válidos, calquera que sexa o número de colexiados asistentes.

As xuntas xerais serán presididas polo decano ou, no seu defecto, polo vicedecano e actuará como secretario o que ocupe este cargo no colexio ou o vogal que o substitúa.

1. Todos os colexiados poderán asistir con voz e voto ás xuntas xerais.

2. Os colexiados poderán delegar o seu voto por escrito noutro colexiado. Ningún colexiado poderá exercer máis de 4 votos delegados.

3. Os votos delegados terán que presentarse ante a presidencia antes de comezar a xunta.

Artigo 28º.-Celebración da xunta xeral.

Á hora fixada na convocatoria, o presidente declarará constituída a xunta xeral. O secretario informará dos votos delegados, dará lectura á orde do día e abrirá a sesión co primeiro punto desta.

Para cada punto que figure na orde do día consumiranse as etapas de exposición, discusión e votación, e seguirase en todo momento a normativa que se establece no artigo seguinte.

Artigo 29º.-Normas de procedemento.

1. A exposición do tema correrá a cargo das persoas designadas polos autores da proposta.

2. O debate será moderado por quen presida a xunta, que concederá e retirará o uso da palabra.

3. Por cada tema de debate abriranse, como mínimo, unha quenda a favor e outra en contra.

4. As emendas aos temas debatidos deberán presentarse por escrito, cun mínimo de cinco sinaturas. En caso contrario, será optativo por parte do presidente tomalas en consideración.

5. Calquera asistente poderá solicitar en todo momento votación sobre se procede ou non procede a exposición, discusión, votación, etc., a cal se resolverá por maioría simple. O presidente actuará inmediatamente de acordo cos resultados da votación.

6. En todo momento poderá solicitarse a lectura dos artigos destes estatutos, dos estatutos xerais, ou das leis sobre colexios profesionais que fagan referencia ao tema obxecto de discusión.

7. Todos os asistentes á xunta poderán facer uso da palabra para rectificar, contestar alusións persoais, ou explicar o seu voto durante un tempo que non poderá exceder de tres minutos.

8. En calquera momento o 15% dos asistentes á xunta xeral poderá solicitar unha votación para impugnar unha decisión de procedemento do presidente. Neste caso interromperase a discusión do punto da orde do día e pasarase a tratar a cuestión de procedemento. Un dos propoñentes exporá, nun tempo máximo de tres minutos, as razóns para impugnar a decisión do presidente, o cal poderá responder no mesmo tempo, pasándose a continuación a votar a proposta da impugnación.

9. No transcurso dunha mesma xunta xeral unicamente poderán solicitarse tres votacións de procedemento, a non ser que a xunta xeral por votación, e por proposta por escrito de dez asistentes, acorde ampliar aquel número.

10. O presidente ou, se é o caso, a persoa que a Xunta de Goberno designe en cada momento como o seu voceiro, poderá facer uso da palabra sen consumir quenda, agás no que se refire ao número anterior. A duración das intervencións estará limitada da mesma forma que para o resto dos colexiados.

11. As votacións poderán ser:

a) Ordinarias: as que se verifiquen por signos convencionais, como man alzada ou poñerse en pé.

b) Nominais: as que se verifiquen ao ler o secretario a lista de colexiados para que cada un, ao ser nomeado, manifeste o seu voto ou se absteña.

c) Secretas: as que se realicen por papeletas que se depositen nunha urna.

A votación será secreta sempre que afecte o decoro dun colexiado, porque así o acorde a presidencia ou o solicite unha quinta parte dos asistentes.

12. No resultado das votacións deberán facerse figurar necesariamente os votos a favor, os votos en contra e as abstencións e os votos nulos, se os houber.

13. Unha vez iniciada a votación, esta non poderá interromperse.

14. Unha xunta xeral non poderá darse por rematada se non se esgota a orde do día, salvo que a xunta xeral por votación e por proposta do presidente, decida rematala.

15. Todos os asistentes teñen dereito a facer constar en acta as propostas presentadas ou as palabras pronunciadas e, neste caso, deberán presentarse ante a mesa presidencial por escrito.

Artigo 30º.-Acordos.

Os acordos tomaranse por maioría simple de votos entre os asistentes e os seus representantes por delegación, coa excepción daqueles asuntos para os cales os estatutos dispoñan outra cousa.

En caso de empate, repetirase novamente a votación, e se hai novamente empate, o presidente decidirá.

Se no capítulo de rogos e preguntas se presentase unha proposición que implicase o acordo da xunta xeral, esta non poderá aprobarse. A proposición pasará a estudo da Xunta de Goberno, quen, se así o considera, poderá, para tal fin, convocar a oportuna xunta xeral extraordinaria ou comunicarlles aos propoñentes, nun prazo máximo dun mes, a necesidade de presentar a proposición cos requisitos que se establecen no parágrafo correspondente destes estatutos.

Artigo 31º.-Actas.

De cada sesión de xunta xeral, o secretario estenderá, co visto e prace do presidente, unha acta no libro correspondente, na cal se fará constar sucintamente o acontecido e literalmente as proposicións presentadas e tomadas ou non en consideración, e as emendas aceptadas, as manifestacións e os acordos.

Estas actas poderanse aprobar:

-ao finalizar a sesión;

-na seguinte xunta xeral ordinaria;

-ou mediante a designación de dous interventores na propia xunta, que deberán aprobalo nos seguintes 15 días hábiles seguintes ao da celebración da reunión.

Artigo 32º.-Rendemento de contas.

Os balances anuais e contas de resultados do colexio confeccionaranse con todo detalle e coa debida auditoría. Tamén se realizará unha auditoría cando se produza a renovación ordinaria, total ou parcial, dos órganos directivos, sen prexuízo da función fiscalizadora que lles corresponde aos organismos públicos legalmente habilitados para iso.

Remitiráselle unha copia a cada colexiado anexa á orde do día da convocatoria da xunta xeral do mes de maio.

Capítulo VI

Xunta de Goberno

Artigo 33º.-Composición. Elección. Remoción. Gratuidade e incompatibilidade dos cargos da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno, órgano esencial do colexio, estará constituída por un decano, un vicedecano,

un secretario, un interventor, un tesoureiro, os delegados e os vogais das diversas delegacións. Estes compoñentes da Xunta de Goberno serán elixidos por un período de catro anos, por votación dos colexiados e de acordo coas normas que se establezan nos correspondentes artigos destes estatutos.

A Xunta de Goberno será renovada por metade cada dous anos.

Os membros da Xunta de Goberno poderán ser removidos dos seus cargos por acordo adoptado en xunta xeral polas dúas terceiras partes dos colexiados por proposta motivada ben da propia Xunta de Goberno ou ben dun número de colexiados que represente un vinte por cento do censo colexial.

En caso de que a remoción alcance toda a Xunta de Goberno, na mesma xunta xeral, designarán os colexiados que os substitúan. A nova Xunta de Goberno, no prazo dun mes, abrirá novo período electoral para a parte de mandato que lles faltase aos anteriores membros desta.

Todos os seus membros desempeñarán o seu labor con carácter gratuíto aínda que non oneroso, e os seus cargos serán incompatibles con calquera outro cargo retribuído polo colexio ou entidades organizadas, derivadas ou constituídas por este ou as súas delegacións.

Artigo 34º.-Competencias da Xunta de Goberno.

Correspóndelle á Xunta de Goberno a dirección e administración do colexio para o cumprimento dos seus fins en todo aquilo que, de xeito expreso, non lle corresponda á xunta xeral, sen prexuízo do obrigado acatamento cos acordos desta última. De modo especial correspóndelle á Xunta de Goberno:

1. A representación xudicial e extraxudicial da personalidade xurídica do colexio, con facultades de delegar e apoderar.

2. O desenvolvemento dos estudos e xestións necesarias para que os enxeñeiros industriais que se atopen na súa xurisdición, dedicados ao traballo en empresas, organismos oficiais, estatais, paraestatais e autónomos, ensino, así como os que exerzan libremente a profesión, non vexan menoscabados os seus dereitos profesionais, laborais e contractuais e, en especial, a necesaria independencia técnica no exercicio da profesión.

3. Velar polo cumprimento das normas de ética profesional.

4. A admisión de novos colexiados.

5. A elaboración do orzamento, balance de situación, contas de resultados e canto concirne á cuestión económica.

6. A preparación das xuntas xerais, a execución dos seus acordos e dos labores non previstos.

7. A constitución de comisións delegadas e ponencias e o control sobre o funcionamento destas de acordo co artigo correspondente a estes estatutos.

8. A designación das comisións ou ponencias encargadas de preparar ditames, informes ou estudos, ou de ditar laudos ou arbitraxes así como o establecemento das correspondentes quendas de colexiados, de acordo coas normas que se establezan.

9. A designación dos membros da xunta que, ademais do decano, teñen que formar parte do pleno do Consello Xeral.

10. A designación dos vogais encargados de suplir ou auxiliar temporal ou permanentemente a algún ou algúns dos cargos directivos, en tanto non se realice a correspondente elección.

11. O visado e rexistro da documentación profesional que os enxeñeiros industriais desexen presentar en dependencias oficiais situadas na zona de xurisdición do colexio, de acordo cos estatutos xerais, así como o visado e rexistro da documentación profesional de carácter privado que lle sexa presentada ao colexio por un enxeñeiro industrial con este obxecto, así como o recoñecemento da sinatura dos colexiados que o soliciten.

12. A delegación nos seus membros ou noutros colexiados das funcións a que fai referencia o número 11 deste artigo.

13. O control do funcionamento das institucións ou entidades de que forma parte o colexio ou que fosen creadas por el.

14. Remitirlle ao Consello Xeral aquela información necesaria para o correcto funcionamento deste organismo que estableza o seu Regulamento interior.

15. Elevar ao Consello Xeral todos os recursos que se formulen sobre aquelas materias que afectan a outros colexios ou que se refiran a conflitos con outros colexios ou entre colexiados deste colexio e colexiados doutros colexios, de acordo coas normas que se estableza no regulamento de réxime interior daquel organismo.

16. Elevar ao Consello Xeral todos os recursos que formulen os seus colexiados sobre acordos da xunta de goberno, de conformidade co establecido nos estatutos xerais.

17. Dirimir os conflitos que xurdan entre distintas delegacións ou entre membros dunha delegación e a súa xunta de delegación.

18. Formularlle ao Consello Xeral cantos asuntos sexan da competencia deste organismo, de acordo co establecido nos estatutos xerais.

19. A contratación de todo o persoal necesario para a boa marcha do colexio, comisións e servizos, e o control sobre o exercicio do seu labor.

20. Proclamar os candidatos para cargos e vogais da Xunta de Goberno.

21. A interpretación e aplicación destes estatutos e o establecemento das normas de funcionamento que non quedasen suficientemente explicitadas neste.

22. A autorización para a alienación de bens, cuxo valor non supere o 10% do orzamento do colexio no ano da operación e para a adquisición, cando sexa inferior ao 20% deste.

23. Actuar en todos os casos de intrusismo profesional.

24. Todas as demais atribucións que estableza a lexislación aplicable aos presentes estatutos ou que lle delegue ou encargue a xunta xeral.

Artigo 35º.-Reunións da Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno reunirase preceptivamente polo menos unha vez ao mes, sempre que ordene a súa convocatoria o decano ou, no seu defecto, o vicedecano, ou o soliciten unha terceira parte dos seus membros.

A asistencia ás reunións da Xunta de Goberno é obrigatoria para os integrados nesta. A falta non xustificada a tres reunións consecutivas desta ou a seis non consecutivas nun ano considerarase como abandono do cargo. Neste caso, a Xunta de Goberno poderá propoñerlle á xunta xeral o cesamento do cargo ou vogal correspondente.

As convocatorias para as reunións serán redactadas polo secretario, figurará nelas a orde do día e comunicaranse por escrito polo menos con cinco días de anticipación. Este prazo poderá acurtarse a xuízo do decano, en caso de urxencia, que o xustificará ante a mesma xunta. As reunións da Xunta de Goberno serán presididas polo decano ou, no seu defecto, polo vicedecano.

Os acordos tomaranse por maioría de votos dos asistentes.

Nos empates decidirá o decano ou quen presida a reunión.

A votación será secreta se o solicita a quinta parte dos asistentes ou se o decide o decano ou quen o substitúa.

O desenvolvemento das reunións da Xunta de Goberno, o texto das proposicións e o dos acordos, indicando neste último caso o resultado da votación, figurará nunha acta que redactará e asinará o secretario co visto e prace do decano e que se consignará en orde cronolóxica no libro de actas correspondente.

Estas actas poderanse aprobar:

-ao finalizar a sesión;

-na seguinte reunión;

-ou mediante a designación de dous interventores na mesma sesión da Xunta de Goberno, que deberán aprobalo nos seguintes 7 días hábiles ao da celebración da reunión.

Artigo 36º.-Comisións e ponencias.

A Xunta de Goberno, por propia iniciativa ou por acordo da xunta xeral, poderá constituír comisións delegadas para o mellor cumprimento dos fins sinalados no artigo 6 destes estatutos.

A Xunta de Goberno ou, se é o caso, a xunta xeral asignaralles ás diferentes comisións as funcións que lles corresponden. Do cumprimento destas deberá responder a comisión delegada a través do seu presidente ante a Xunta de Goberno.

A Xunta de Goberno elixirá de entre os seus membros o presidente da comisión, o cal será o responsable da actuación desta e actuará de enlace entre a comisión e a Xunta de Goberno. Esta establecerá, así mesmo, aqueles, de entre os seus membros, que deberán formar parte dunha comisión delegada e, do mesmo modo, poderá decidir incorporar á comisión aqueles colexiados que considere oportuno. Toda modificación na composición dunha comisión deberá ser proposta polo seu presidente á Xunta de Goberno e aprobada por esta, sempre que non se opoña a un acordo previo da xunta xeral.

A Xunta de Goberno poderá disolver calquera comisión delegada, se considera que a súa existencia deixou de ser necesaria, a non ser que a súa creación fose resultado dun acordo da xunta xeral, e neste caso deberá ser esta quen decida a disolución.

A Xunta de Goberno exercerá o debido control e fiscalización sobre as actividades das comisións delegadas, para cal se establecerán as normas axeitadas.

A Xunta de Goberno poderá, así mesmo, constituír ponencias co obxecto de elaborar informes sobre asuntos concretos, informes que lle serán presentados á Xunta de Goberno para a súa ulterior resolución. As ponencias disolveranse automaticamente cando a Xunta de Goberno acepte o seu informe ou considere alcanzados os obxectivos que se lles sinalaron.

As comisións delegadas e as ponencias poderán, logo do acordo neste sentido da Xunta de Goberno, utilizar os servizos de persoal contratado, técnico, administrativo e subalterno. A Xunta de Goberno, seguindo a normativa que se estableza, efectuará a contratación deste persoal de acordo coas necesidades expostas polas diferentes comisións. O persoal contratado para unha comisión delegada dependerá, en canto ao seu labor, do seu presidente.

Artigo 37º.-Atribucións do decano.

Correspóndelle ao decano a presidencia, a representación oficial do colexio e o exercicio da capacidade de obrar da corporación en todas as súas relacións coas autoridades, corporacións, tribunais e particulares, sen prexuízo de que, en casos concretos, a Xunta de Goberno poida encomendarlles as devanditas funcións a determinados colexiados, a comisións ou o propio decano delegalas no vicedecano.

Presidirá as xuntas xerais, as xuntas de goberno e fixará a orde do día dunhas e doutras, presidirá as reunións das comisións a que asista e en todas elas dirixirá as deliberacións.

Corresponderalle ademais ao decano:

1. Ordenar as convocatorias das xuntas de goberno e das xunta xerais.

2. Autorizar a execución e o cumprimento dos acordos e ordenar os pagamentos.

3. Autorizar co seu visto e prace as actas das xuntas xerais, das xuntas de goberno e todas as contas que renda o colexio.

4. Autorizar co seu visto e prace os documentos, certificacións ou informes emitidos polo colexio.

Artigo 38º.-Atribucións do vicedecano.

1. O vicedecano exercerá as atribucións do decano nas suplencias pola súa ausencia, enfermidade, ou calquera outra causa.

2. No caso de quedar vacante o decanato, asumirá as súas funcións o vicedecano ata que se elixa outro decano nas próximas eleccións que, de acordo co artigo 33, se celebrarán cada dous anos, ou ben nun período menor se, de acordo co artigo 56, se celebrasen para cubrir dúas ou máis vacantes. En ambos os dous casos o novo decano elixido desempeñará as súas funcións ata as eleccións en que correspondese destituír estatutariamente os que substituirse.

Artigo 39º.-Atribucións do secretario.

Compételle ao secretario:

1. Convocar as xuntas xerais e de goberno que ordene o decano.

2. Redactar as actas das xuntas e cantos documentos se precisen no exercicio das funcións que lle son propias.

3. Verificar que se cumpran os requisitos necesarios para o ingreso de novos colexiados antes de ser proposta a súa aceptación á Xunta de Goberno.

4. Levar a quenda de traballos encargados ao colexio, de acordo coas normas que estableza a Xunta de Goberno.

5. Levar as listas dos colexiados.

6. Custodiar toda a documentación de secretaría e os selos do colexio.

7. Redactar a memoria anual.

8. Dar curso, no prazo máis breve posible, ás instancias que se presenten.

9. Levar un libro de rexistro dos traballos que presentasen os colexiados.

10. Levar un libro inventario do material do colexio.

11. Exercer as funcións propias de director de persoal do colexio.

12. Ordenar o traballo do persoal do colexio que non dependa directamente dunha comisión delegada ou dunha delegación.

13. As demais atribucións inherentes ao cargo.

Artigo 40º.-Atribucións do interventor.

Compételle ao interventor:

1. Efectuar o balance de situación trimestral, establecendo as desviacións experimentadas con respecto ao orzamento e presentar o correspondente informe á Xunta de Goberno.

2. Ter ao seu cargo a intervención de todas as contas e de cantos gastos se produzan no colexio por calquera concepto.

3. Coidar que se leve, baixo a súa inmediata inspección, o sistema contable preciso e formular o balance xeral do exercicio, así como a comparación definitiva co orzamento aprobado, informando en todo caso á Xunta de Goberno.

4. Presentarlle á Xunta de Goberno un proxecto do orzamento anual antes do día 15 de novembro de cada ano.

Artigo 41º.-Atribucións do tesoureiro.

Compételle ao tesoureiro:

1. Coidar da recadación das cotas e dereitos que deban satisfacer os colexiados, así como os outros ingresos que lle correspondan ao colexio.

2. Coidar de que, baixo a súa inspección, se leve o libro de caixa e os libros que o colexio considere convenientes para a boa orde da tesouraría.

3. Practicar trimestralmente un arqueo de caixa e a comprobación de contas bancarias.

4. Pagar as cantidades que lle correspondan ao colexio co visto e prace do decano.

Capítulo VII

Sede central. Delegacións

Artigo 42º.-Sede central.

O domicilio do colexio é o correspondente á súa sede central que, actualmente, é na Coruña, rúa Alameda 30-32, 8º. C.P. 15003.

Para elevar ao consello xeral de colexios a modificación da súa localización, requírese a aprobación da xunta xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto, e é necesaria a presenza física ou delegada da metade máis un dos colexiados e a aprobación por maioría cualificada de 3/4.

Para o desenvolvemento das actividades dos órganos esenciais do colexio, na súa sede central, utilizaranse preferentemente as dependencias da delegación coincidente coa súa localización. Terá que exceptuarse deste funcionamento conxunto o movemento de fondos da súa particular dotación orzamentaria.

Artigo 43º.-Delegacións.

Co fin de potenciar a súa presenza e eficacia, así como para facilitar o funcionamento administrativo do Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, de acordo co establecido no artigo 19º destes estatutos, estrutúrase, inicialmente, o funcionamento deste colexio de Galicia mediante o establecemento de delegacións na Coruña, Vigo, Lugo, Ourense, Pontevedra, Ferrol e Santiago de Compostela.

Os respectivos delegados actuarán como auxiliares e en representación da Xunta de Goberno do colexio, da cal dependerán directamente, e cuxas instrucións, que terán carácter executivo, acatarán en todo caso.

Artigo 44º.-Organización e funcionamento das delegacións.

A xestión de cada delegación encomendaráselles aos seus representantes, elixidos dentro do ámbito de cada delegación de acordo co especificado nestes estatutos, os cales serán: delegado, subdelegado e vogais.

O delegado, e por substitución o subdelegado, será membro nato, con voz e voto na Xunta de Goberno do colexio.

Así mesmo, en cada delegación e en función do número total de colexiados pertencentes a esta, elixirase un vogal por cada cen colexiados, que, tamén con voz e voto e pertencendo á xunta da delegación, pasarán automaticamente a ser membros de pleno dereito e compoñentes da Xunta de Goberno.

As actividades propias das delegacións, tanto no que á representatividade como ao funcionamento administrativo se refiren, desenvólvense no seguinte artigo.

Os representantes de cada delegación serán responsables do funcionamento desta de forma inmediata ante a Xunta de Delegación e, como responsables desta e segundo proceda en cada caso, ante a Xunta de Goberno ou a xunta xeral do colexio.

Para tratar os asuntos específicos de cada delegación ou que sexan propostos pola xunta xeral ou pola Xunta de Goberno convocarase a xunta xeral de delegación que estará constituída por todos os colexiados adscritos a esta.

As delegacións serán o centro de reunión e de traballo dos seus colexiados e prestarán os servizos do colexio a elas encomendados, informando e asesorando a Xunta de Goberno en todos os asuntos relativos á súa demarcación.

Poderán constituírse dentro de cada delegación, e con carácter transitorio e específico, as comisións de traballo que se coiden oportunas para un fin determinado e que quedarán automaticamente disoltas unha vez finalizado o traballo para o cal foron constituídas e lles foi encomendado realizar.

Para poder levar a cabo todas estas actividades será imprescindible que cada delegación dispoña de locais propiedade do colexio ou alugados e do persoal e medios de traballo precisos para realizar estas funcións, coas características de dignidade requiridas pola representación colexial que exerzan.

O funcionamento destas delegacións estará xustificado desde os puntos de vista representativos, económicos e sociais, entendéndose esta xustificación como se sinala e especifica nos correspondentes artigos destes estatutos.

Artigo 45º.-Atribucións e obrigas das delegacións.

As delegacións terán atribucións e obrigas de carácter representativo e de carácter administrativo.

1. De carácter representativo:

a) Exercer a representación colexial, logo da delegación ou apoderamento da Xunta de Goberno, ante

as autoridades, asistindo en nome deste aos actos a que sexa convocado o colexio.

b) Velar polo cumprimento das normas de ética profesional entre os colexiados adscritos á súa demarcación e informar a Xunta de Goberno de calquera transgresión.

c) Velar polos dereitos profesionais e laborais dos colexiados adscritos á súa demarcación, e informar a Xunta de Goberno cando calquera colexiado vexa lesionados ou menoscabados estes dereitos.

d) Denunciar ante a Xunta de Goberno os casos de intrusismo na súa demarcación.

e) Promover e impulsar a formación permanente dos colexiados adscritos á súa demarcación, mediante o desenvolvemento de actividades científicas, técnicas, económicas e culturais relacionadas coa profesión, e para cuxo desenvolvemento exista dotación económica na correspondente partida do orzamento xeral anualmente aprobado pola xunta xeral.

f) Emitir os informes que lles sexan encomendados pola Xunta de Goberno.

g) Celebrar ao longo do ano, tres xuntas de delegación como mínimo, unha por cada cuadrimestre natural.

2. De carácter administrativo:

a) Trasladar, directamente informadas á Xunta de Goberno, as instancias e documentación necesaria dos enxeñeiros que residan na súa demarcación e desexen incorporarse ao colexio, así como informar dos compañeiros que causen baixa na delegación.

b) Proceder, por requirimento das autoridades provinciais e locais, á designación de peritos entre os colexiados da delegación e de acordo cos regulamentos complementarios do colexio.

c) Formular o orzamento anual de gastos da delegación antes do día 15 de novembro de cada ano para sometelo á estatutaria aprobación. Así mesmo, enviaranse mensualmente á sede central as contas de resultados da delegación.

d) Redactar a memoria anual que lle remitirá á Xunta de Goberno durante a primeira quincena do mes de novembro de cada ano para a confección da memoria xeral do colexio.

e) Remitirlle á sede central durante os primeiros quince días de cada cuadrimestre un estado das actividades da delegación durante o cuadrimestre anterior.

f) Remitirlle á sede central a relación anual de ingresos e gastos dentro do mes de xaneiro de cada ano.

g) Intervir, para a súa validez administrativa e responsable, na documentación dos traballos profesionais de todos os seus colexiados, efectuando, en caso de solicitude expresa do interesado, o cobramento dos honorarios, todo iso sen prexuízo do posterior control centralizado de acordo coa normativa establecida para o ámbito xeral do colexio.

Capítulo VIII

Adscricións ás delegacións. Modificación, creación ou supresión das delegacións

Artigo 46º.-Adscrición a unha delegación.

O concepto de adscrito a unha delegación correspóndelles aos colexiados que teñan o seu lugar de traballo habitual ou a súa residencia no ámbito territorial correspondente a esta. Cada colexiado adscribirase a unha delegación. Un colexiado non poderá estar adscrito en máis dunha delegación.

Os colexiados residentes fóra da rexión deberán optar pola adscrición a unha determinada delegación do colexio. Unha vez adscritos a unha delas, pertencerán a esta para todos os efectos correspondentes.

Artigo 47º.-Modificación, creación ou supresión de delegacións.

Cando pola circunstancia dunha reestruturación na organización administrativa do Estado na rexión ou pola variación do número ou distribución dos colexiados se fixese aconsellable, poderase variar a organización territorial do colexio, mediante a modificación, creación ou supresión dunha ou máis delegacións.

Para levala a cabo, será preciso convocar xunta xeral extraordinaria, despois de realizar o pertinente estudo, e que nesta reciba a aprobación da maioría cualificada de 2/3.

Capítulo IX

Eleccións

Artigo 48º.-Tipos de eleccións e lugar destas.

As eleccións que deberán celebrarse para a designación dos colexiados que desexen ocupar os diversos cargos a que poidan aspirar todos os enxeñeiros industriais, adscritos no Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais e residentes en Galicia, serán de dous tipos:

1. Eleccións xerais:

Serán as que se convoquen cando corresponda renovar todos ou algún dos cargos de decano, vicedecano, secretario, interventor ou tesoureiro da Xunta de Goberno.

Estas eleccións realizaranse mediante o voto directo e secreto de todos os colexiados adscritos ao colexio, e a mesa electoral constituirase na sede central ou, eventualmente e por circunstancias que así o aconsellen, na delegación que para tal fin sexa designada por acordo da xunta xeral.

2. Eleccións nas delegacións:

Convocaranse cando corresponda renovar todos ou algúns dos cargos de delegado, subdelegado ou vogais das delegacións.

Realizaranse mediante o voto directo e secreto de todos os colexiados adscritos ás delegacións de que se trate e a mesa electoral constituirase nas dependencias da delegación correspondente.

As convocatorias de todas estas eleccións, a formación dos correspondentes censos, as formas de votación, duración destas, escrutinios, proclamación dos elixidos etc. desenvólvense nos artigos seguintes destes estatutos.

Artigo 49º.-Censos electorais.

De acordo cos criterios establecidos no artigo 47º, elaboraranse as listas dos censos de cada delegación, que se enviarán á sede central do colexio un mes antes da data de convocatoria das eleccións.

Quince días antes estarán estas listas nas delegacións respectivas á disposición dos colexiados aos cales se lles notificará pertinentemente este feito.

Para as eleccións xerais, o censo será o resultante da suma de todos os censos das delegacións.

Artigo 50º.-Convocatoria de eleccións xerais, proclamación de candidatos.

Antes do 10 de outubro dos anos que correspondan comunicaráselles a todos os colexiados os postos da Xunta de Goberno cuxos ocupantes teñen que cesar estatutariamente no desempeño das súas funcións, así como aqueles cargos que quedasen vacantes por dimisión ou calquera outra causa. Coa mesma comunicación abrirase o prazo de presentación de candidatos para os devanditos cargos a elixir, prazo que rematará ás 21.00 horas do día 25 de outubro ou do día hábil, non sábado, inmediatamente anterior, se aquel for sábado ou festivo. As propostas de candidatos ou de candidaturas, considerándose candidaturas as que cubran, segundo corresponda, os cargos de decano, vicedecano, interventor, tesoureiro e secretario, deberán ir subscritas por un número de colexiados non inferior a 20. Na proposta deberán figurar as sinaturas de aceptación dos candidatos. Ningunha proposta deberá conter un número de candidatos superior ao de postos a cubrir.

A Xunta de Goberno aceptará e proclamará aqueles candidatos ou candidaturas cuxos compoñentes sexan elixibles para os cales para os que se presentan, de acordo co sinalado nestes estatutos, sempre que as propostas correspondentes cumpran as condicións que se establecen no parágrafo anterior deste artigo. No caso de que algúns dos integrantes dunha candidatura non cumpran as condicións para seren proclamados candidatos, a Xunta de Goberno aceptará e proclamará os restantes que cumpran as condicións.

Antes do día primeiro de novembro comunicaráselles a todos os colexiados os candidatos e candidaturas presentados e proclamados, e convocarase a elección para unha data da segunda quincena de novembro. Na mesma comunicación incluiranse as papeletas de votación tipo, nas cales quedarán claramente definidos os diferentes postos a cubrir e os candidatos proclamados para cada un deles. Así mesmo, remitiranse os dous sobres a que fai referencia o artigo 52º e que necesariamente deberá utilizar o colexiado no caso de que vote por correo.

Naquela papeleta indicarase ademais que unicamente se poderá votar por un só candidato para cada

un dos cargos. Os candidatos ordenaranse alfabeticamente polo primeiro apelido. Na papeleta de votación deberán quedar ben definidas as candidaturas en que se integran os distintos candidatos.

Na mesma data remitiráselles a todos os colexiados e a cargo do colexio o programa das distintas candidaturas, o cal non poderá ocupar máis de dous folios. Se unha candidatura non desexa enviar o seu programa, non estará obrigada a facelo.

Un exemplar de cada unha das comunicacións mencionadas así como a lista de colexiados con dereito a voto, será inserido no taboleiro de anuncios do colexio.

Artigo 51º.-Forma de elección.

Todos os colexiados poderán participar nas eleccións para renovar os cargos de decano, vicedecano, secretario, interventor e tesoureiro da Xunta de Goberno.

As eleccións, como sinala o artigo 51º destes estatutos, serán por proclamación de candidatos por cargos. En consecuencia, consideraranse nulas aquelas papeletas en que se vote máis dun candidato por cargo, así como aquelas en que o número de cargos votados sexa superior aos que deban ser renovados, ou non coincidan os candidatos cos cargos a que se presentan.

A votación poderase realizar de tres formas:

1. Persoalmente, acudindo o día fixado para a elección á mesa electoral constituída de acordo co procedemento descrito no artigo 53º destes estatutos.

2. Enviando o voto á sede central do colexio por correo con anterioridade á data fixada para a elección. A papeleta do voto impresa ou manuscrita deberá ir dentro dun sobre que remitirá o colexio, no reverso do cal asinará o colexiado cruzando as liñas de peche e fará constar, ademais, o seu nome, os dous apelidos e o seu número de colexiado. Incluirase xunto cunha fotocopia de ambas as dúas caras do documento nacional de identidade noutro sobre que, así mesmo, enviará o colexio, e este sobre remitirase por correo ao decano, presidente da mesa electoral, coa antelación suficiente para que poida estar en posesión desta última antes das 20.00 horas do día anterior ao fixado para a elección. Os votos por correo introduciranse nas urnas a partir das 21.00 horas do día sinalado para a elección.

3. Acudindo persoalmente, antes das 21.00 horas do día anterior ao fixado para a celebración da elección, á delegación a que estea adscrito.

En cada delegación estará constituída unha mesa electoral presidida polo delegado ou, en substitución deste, polo subdelegado e un vogal, que actuarán como presidente e secretario, respectivamente e, polo menos, dous membros máis, nomeados pola Xunta de Goberno entre os colexiados con dereito a voto. As candidaturas proclamadas poderán designar interventores de mesa, os cales poderán asistir ao acto da votación e do levantamento da acta a que máis adiante se fai referencia.

En caso de ausencia temporal do presidente, este designará, de entre os membros da mesa aquel que terá que substituílo provisionalmente. Nesta mesa así constituída terase á disposición dos colexiados unha urna precintada, onde se introducirán os sobres que, con idénticas formalidades exixidas para o caso do voto por correo, contemplados no anterior número 2, conterán os votos na hora de peche da votación, redactarase unha acta en que figure a relación nominal dos votantes e que será asinada por todos os compoñentes da mesa electoral e onde tamén se recollerá calquera incidencia que puidese xurdir durante a votación.

Despois de redactar a acta, procederase a abrir a urna e introduciranse os sobres contendo os votos nun sobre que se pechará e asinarán, cruzando o peche, todos os compoñentes da mesa electoral da delegación. Este sobre, xunto cunha fotocopia do DNI ou carné de colexiado de cada un dos compoñentes da mesa electoral da delegación, será levado ao seguinte día por un colexiado á mesa electoral central, onde, despois de comprobar a autenticidade das sinaturas do devandito sobre, se procederá a abrilo e, a seguir, procederase cos sobres que contén conforme indica o artigo 54º, ou sexa, como na forma de votación 2.

Ao voto persoal, en calquera caso, outórgaselle preferencia e anula os votos que, de acordo coas normas establecidas nos anteriores números 2 e 3, puidesen ser emitidos con anterioridade polo colexiado.

Artigo 52º.-Mesa electoral.

Constituirase a mesa electoral de acordo co establecido no artigo 49.1º e estará composta polo decano e polo secretario da Xunta de Goberno que actuarán de presidente e secretario, respectivamente, na mesa electoral ou os cargos e vogais da Xunta de Goberno que esta designe para substituílos, e tres escrutadores nomeados pola Xunta de Goberno entre os colexiados con dereito a voto.

Cada unha das candidaturas proclamadas poderá designar dous interventores de mesa, os cales poderán asistir ao acto de votación e ao escrutinio, e terán dereito a expoñer e facer constar en acta as observacións que consideren pertinentes.

A mesa electoral considerarase constituída durante o acto da votación e do escrutinio se están presentes dous ou máis membros desta. O presidente designará, de entre os membros da mesa, aquel que o teña que substituír provisionalmente.

A comprobación da validez das sinaturas dos colexiados que voten por correo será realizada polos compoñentes da mesa electoral mentres se efectúe o proceso de verificación descrito no artigo 54º destes estatutos.

Artigo 53º.-Votación e escrutinio.

A votación abrirase ás 16.00 horas e pecharase ás 21.00 horas do día sinalado na convocatoria. A mesa electoral deberá estar constituída permanentemente durante este tempo.

Os colexiados que voten persoalmente entregaranlle a papeleta dobrada ao presidente da mesa, quen a introducirá nunha urna selada, logo da comprobación da identidade do colexiado e de que o nome deste figura na lista de votantes e non emitiu con anterioridade o seu voto.

No que fai referencia aos votos emitidos por correo e presentados o día anterior nas delegacións seguirase o seguinte procedemento: o presidente da mesa abrirá o segundo sobre a que se fai referencia no artigo 52º destes estatutos.

Unha vez extraído o primeiro sobre e a fotocopia do documento nacional de identidade, procederase á súa verificación de acordo co expresado no artigo anterior. A seguir, comprobarase que o nome do colexiado figura na lista de votantes e non emitiu con anterioridade o seu voto. O sobre que contén a papeleta será aberto polo presidente da mesa e a papeleta da votación introducirase dobrada na urna. No caso de que a mesa declarase invalidado o voto remitido por un colexiado, por non cumprir algunhas das condicións mencionadas nos artigos correspondentes destes estatutos, deberá facer constar en acta as causas que motivaron a invalidez e remitir un oficio ao colexiado notificándolla.

Rematada a votación, a mesa procederá ao escrutinio. As dúbidas sobre a validez ou interpretación dun voto serán resoltas de forma inmediata, pola mesa electoral. Unha vez rematado o escrutinio, o presidente da mesa proclamará elixidos os candidatos que obtivesen o maior número de votos e levantarase acta da elección en que se reflectirán as incidencias que se producisen, así como o resultado do escrutinio e os nomes dos candidatos elixidos. Nos casos de empate, a mesa proclamará o candidato da promoción máis antiga, e se for desta, ao de maior idade.

Publicarase no taboleiro de anuncios do colexio unha copia da acta da elección e unha lista dos colexiados que exercesen o dereito a voto. Os sobres e papeletas utilizados serán arquivados na secretaría, como mínimo, durante un ano a partir do día da elección.

Artigo 54º.-Casos especiais.

No caso de que non se presentasen suficientes candidatos para a totalidade dos cargos que hai que cubrir, a Xunta de Goberno convocará eleccións para os postos a que se presentasen os candidatos, e quedarán os restantes vacantes ata as eleccións seguintes.

No caso de que se presentase un só candidato para cada un dos cargos a elixir, farase constar así na comunicación que se enviará a todos os colexiados antes do primeiro de novembro, de acordo co artigo 51º destes estatutos, suspenderase a elección, e quedarán proclamados electos os candidatos presentados.

Artigo 55º.-Vacantes.

Sempre que se producise algunha vacante nalgún dos cargos, por dimisión ou por calquera outra causa, a Xunta de Goberno designará, de entre os seus membros, se iso for necesario, a persoa que deberá de cubrila ata as próximas eleccións, en que deberán cubrirse todas as vacantes que se producisen. Se a vacante fose o cargo de decano, ocuparaa o vicedecano e a xunta nomeará provisionalmente un vicedecano de entre os seus membros, ata que, de acordo co parágrafo 2 do artigo 38º, se elixa novo decano.

Se quedaren vacantes dous ou máis cargos da Xunta de Goberno, deberán convocarse, no prazo máximo dun mes, eleccións especiais para cubrir os cargos vacantes. Os cargos elixidos nestas eleccións especiais desempeñarán as súas funcións ata as eleccións en que correspondese destituír estatutariamente os que substituísen. A normativa para efectuar estas eleccións será a mesma establecida para as eleccións estatutarias, excepción feita das datas concretas a que fai referencia o artigo 51º destes estatutos, ben que deberán respectarse os prazos que no devandito artigo se sinalan.

Artigo 56º.-Toma de posesión.

A toma de posesión dos candidatos electos efectuarase na xunta xeral do mes de decembro, na cal cesarán os membros da Xunta de Goberno saíntes.

Artigo 57º.-Eleccións nas delegacións.

O delegado, subdelegado e vogais que correspondan a cada delegación, serán elixidos de entre os colexiados adscritos a esta, por votación directa e secreta entre eles.

A elección e renovación dos cargos das delegacións farase cada catro anos, convocándose cada dous anos na metade delas. As eleccións serán por proclamación de candidatos por cargos.

A proclamación de candidatos e a convocatoria de eleccións efectuaraa o delegado, nas mesmas datas e prazos que as eleccións xerais do colexio, debendo realizarse a votación coas mesmas normas, procedementos e garantías establecidas nestes estatutos, en distinta data e dentro da semana seguinte á celebración das eleccións xerais do colexio, a cuxa sede central se dará conta dos resultados antes de 10 días.

En cada delegación constituirase a mesa electoral:

A mesa electoral estará constituída polo delegado e subdelegado que actuarán como presidente e secretario da mesa electoral, respectivamente, ou os cargos e vogais da Xunta de Goberno que esta designe para substituílos e tres escrutadores nomeados pola Xunta de Goberno entre os colexiados con dereito a voto, e poderán facer de interventores de mesa os colexiados que o desexen.

A campaña electoral terá lugar ata 24.00 horas antes das eleccións.

A toma de posesión realizarase na xunta xeral do mes de decembro.

Capítulo X

Recursos económicos

Artigo 58º.-Recursos ordinarios do colexio.

Constitúen os recursos económicos ordinarios os que a seguir se enumeran:

1. Os produtos de bens e dereitos que lle correspondan en propiedade ao colexio.

2. As cotas de inscrición, se é o caso, e mensuais ordinarias, serán fixadas pola xunta xeral de acordo coas propostas razoadas que, ponderando a situación económica, lles sexan presentadas pola Xunta de Goberno. Non se lles exixirá cota de inscrición aos que se trasladen de colexio.

En todo caso e mantendo integramente os seus dereitos, non se aboará a cota colexial cando o colexiado alcance os 70 anos.

3. As cotas derivadas dos visados.

No caso de que o colexio a que deba someterse o visado non sexa coincidente con este, corresponderalle a aquel percibir polo visado o 70 por 100 da cota de visado que teña establecida e a este, en concepto de recoñecemento da sinatura e de conformidade coa habilitación do colexiado, o 30 por 100 da cota de visado establecida polo tipo de traballo, liquidando, cada colexio directamente, a parte correspondente.

4. Os dereitos que lle corresponda percibir ao colexio pola legalización, rexistro, servizos, certificacións sobre documentos e sinaturas relativas a traballos profesionais de calquera natureza.

5. Os beneficios que se obtivesen por publicacións.

6. Aqueles que, por acordo da xunta xeral, se consideren necesarios, se deban a prestacións e sexan voluntarios.

Artigo 59º.-Recursos extraordinarios do colexio.

Constitúen os recursos extraordinarios deste colexio os que a seguir se enumeran:

1. As subvencións, donativos, etc. que lle concedan o Estado, corporacións oficiais, entidades comerciais ou industriais e particulares.

2. Os bens mobles ou inmobles que, por herdanza, doazón ou calquera outro título lucrativo ou oneroso, entren a formar parte do capital deste colexio.

3. As cantidades que, por calquera outro concepto non especificado, poida percibir o colexio.

Todos os recursos extraordinarios precisarán, para seren percibidos, a aprobación previa da xunta xeral, salvo as subvencións que concedan o Estado e corporacións oficiais.

Artigo 60º.-Recursos económicos da sede central.

No momento da confección do orzamento anual para a súa posterior aprobación pola xunta xeral, a Xunta de Goberno redactará o orzamento dos gastos que prevé necesarios para o funcionamento da sede central durante o ano seguinte.

Neste orzamento teñen que contemplarse con todo detalle as previsións de gastos que trae consigo o funcionamento desta sede e, polo tanto, será imprescindible que se especifique o número e contía das

axudas de custo que, por asistencia ás xuntas de goberno e ás do Consello Superior de Colexios, sexan previsibles.

Considerarase incluída dentro dos seus gastos de funcionamento a dotación orzamentaria que se precisa para satisfacer emolumentos e seguros do director de xestión e de calquera outro persoal contratado, xa sexa fixo ou eventual, afecto a esta, así como o resto de gastos que se prevé que se orixinarán ao longo do ano.

A cifra que así se alcance dividirase polo número total de colexiados en Galicia e o resultado deste cociente comunicarase, coa suficiente anticipación, a todas as delegacións, para que, multiplicando esta cantidade polo número de colexiados adscritos a cada unha delas, a inclúan como unha partida máis dentro dos números correspondentes ao confeccionar o seu orzamento anual respectivo.

A cantidade que se ten que achegar cada ano na forma sinalada será proposta pola Xunta de Goberno, dentro do orzamento anual xeral e, unha vez aprobada na xunta xeral, non poderá modificarse sen novo acordo do máximo órgano esencial do colexio.

Artigo 61º.-Recursos económicos das delegacións.

As delegacións confeccionarán os seus respectivos orzamentos, de acordo co estipulado nestes estatutos e seguindo a normativa establecida. Disporán do fondo de manobra que se especifique na normativa correspondente e non poderán excederse nos gastos do seu orzamento anual, aprobado dentro do orzamento xeral do colexio, sen a previa proposta e conseguinte aprobación da xunta xeral extraordinaria que para tal fin foi convocada.

Artigo 62º.-Movemento de fondos.

Os cargos, libramentos e cantos documentos se relacionan co movemento de fondos do colexio serán autorizados coas sinaturas do decano e do tesoureiro, coa toma de razón do interventor.

As contas correntes e depósitos de valores que se abran en establecementos bancarios serán a nome do colexio.

A Xunta de Goberno determinará a normativa e formalidades pertinentes para o movemento de fondos, tanto da sede central, como das delegacións.

Capítulo XI

Persoal contratado

Artigo 63º.-Director de xestión. Atribucións e obrigas.

O director de xestión é un cargo que ten como obxectivo conseguir unha maior eficacia no funcionamento e actuacións do colexio.

Para un maior e mellor asesoramento, o director de xestión asistirá ás reunións da Xunta de Goberno con voz, pero sen voto. As súas atribucións e obrigas especificaranse na correspondente normativa particular redactada pola Xunta de Goberno e aprobada, para tales efectos, pola xunta xeral.

Artigo 64º.-Persoal administrativo e subalterno.

Para asegurar o correcto funcionamento dos órganos esenciais do colexio, así como o cumprimento das atribucións e obrigas de tipo administrativo que deben desenvolver a sede central e as delegacións, a Xunta de Goberno poderá acordar a contratación do persoal administrativo e subalterno necesario, fixando as súas retribucións de acordo coas disposicións legais vixentes e as normas de réxime interior establecidas, dándolle conta disto á xunta xeral.

O persoal que exerza o seu labor nos servizos administrativos da sede central estará ás ordes do director de xestión, dependente, este último incluído, do secretario da Xunta de Goberno, que será o director de persoal da sede central.

Nas delegacións, o persoal administrativo e subalterno dependerá directamente do delegado respectivo.

A Xunta de Goberno exercerá o debido control sobre o labor e comportamento de todo o persoal contratado, e resolverá cantos problemas lle sexan presentados por este, dándolle conta á xunta xeral se a súa entidade así o fixese aconsellable ou imprescindible.

Capítulo XII

Réxime de distincións

Artigo 65º.-Distincións.

As distincións e premios deberán ser propostos pola Xunta de Goberno á xunta xeral, quen llelos poderá outorgar ás persoas ou entidades que se distinguisen polos seus méritos relevantes, na súa actividade profesional, cultural ou en beneficio da enxeñaría industrial.

O réxime de premios ten que respectar, en todo caso, que os membros das xuntas de goberno, da Comisión Permanente e das comisións delegadas o son a título gratuíto aínda que non oneroso.

Capítulo XIII

Réxime xurídico dos actos e da súa impugnación

Artigo 66º.-Dereito aplicable.

1. Os acordos emanados da Xunta de Goberno e da xunta xeral en exercicio das súas potestades administrativas estarán sometidos ao dereito administrativo.

2. Aqueles acordos que non se adopten en exercicio de funcións administrativas estarán sometidos á lexislación que corresponda e poderá ser obxecto de impugnación ou reclamación, así como da exixencia das responsabilidades que da súa propia natureza poidan derivarse, ante a xurisdición competente.

Artigo 67º.-Recursos.

1. Os acordos emanados da Xunta de Goberno e da xunta xeral poderán ser obxecto de recurso de alzada ante o Consello Xeral de Colexios Oficiais de Enxeñeiros Industriais de España, dentro do prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación ou notificación aos colexiados ou persoas ás cales lles afecten.

2. O recurso será presentado ante a Xunta de Goberno, que deberá elevalo ao órgano competente cos seus antecedentes e o informe que proceda dentro dos 10 días seguintes á data da súa presentación.

3. Aqueles acordos que afectasen situacións persoais deberanlles ser notificados aos interesados.

4. Ao presentarse o recurso, o recorrente poderá solicitar e o órgano competente poderá acordar de xeito motivado, senón faríao a Xunta de Goberno, a suspensión da execución do acordo impugnado.

5. No suposto de actos e resolucións ditados en exercicio de competencias administrativas delegadas, observaranse os termos da propia delegación en canto ao órgano competente para coñecer, se é o caso, do recurso correspondente.

Artigo 68º.-Xurisdición contencioso-administrativa.

Os actos emanados da xunta xeral e da Xunta de Goberno, en canto estean suxeitos ao dereito administrativo, unha vez esgotado o recurso corporativo, serán directamente impugnables ante a xurisdición contencioso-administrativa.

Capítulo XIV

Xurisdición disciplinaria

Artigo 69º.-Responsabilidade disciplinaria

Os enxeñeiros industriais están suxeitos a responsabilidade disciplinaria no caso de infracción dos seus deberes colexiais ou profesionais.

A Xunta de Goberno do colexio instruirá expediente para axuizar todos aqueles actos dos colexiados, agás os dos seus membros que serán axuizados polo Consello Xeral, que consideren que constitúen unha infracción culpable dos deberes profesionais ou colexiais, ou que sexan contrarios ao prestixio da profesión, ao respecto debido aos seus compañeiros, así como a desobediencia das ordes recibidas da Xunta de Goberno.

O expediente iniciarase por un acordo tomado por maioría dos compoñentes do órgano esencial correspondente, quen designará de entre os seus membros o oportuno instrutor e, se é o caso, un secretario, e tramitarase na forma previda nestes estatutos.

Artigo 70º.-Faltas sancionables.

As faltas clasifícanse en leves, graves e moi graves.

1. Serán faltas leves:

a) A neglixencia escusable no cumprimento de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos esenciais do colexio ou do Consello Xeral.

b) As incorreccións de escasa transcendencia na realización dos traballos profesionais.

c) As faltas reiteradas de asistencia ou de delegación desta, por causa non xustificada, ás reunións da Xunta de Goberno e a non aceptación inxustificada do desempeño dos cargos corporativos que se lle encomenden.

d) Os actos leves de indisciplina colexial, en especial naquelas actividades que a Xunta de Goberno lle encomende e, en xeral, os demais casos de incumprimento dos deberes profesionais ou colexiais ocasionados por un descoido escusable e circunstancial.

2. Serán faltas graves:

a) O incumprimento doloso de preceptos estatutarios ou de acordos dos órganos esenciais do colexio.

b) A desconsideración ofensiva grave a compañeiros.

c) O encubrimento de intrusismo profesional dun enxeñeiro non colexiado.

d) A realización de traballos que, pola súa índole, atentan contra o prestixio da profesión.

e) Os actos graves de indisciplina colexial, en especial naquelas actividades que a Xunta de Goberno lle encomende e, en xeral, os demais casos de incumprimento dos deberes profesionais ou colexiais que non fosen ocasionados por un descoido escusable e circunstancial.

f) O incumprimento do deber de aseguramento cando así o exixa a lexislación vixente.

3. Serán faltas moi graves:

a) Feitos constitutivos de delito que afecten o decoro ou a ética profesional.

b) O encubrimento de intrusismo profesional a quen non teña título de enxeñeiro industrial.

4. As faltas leves prescribirán aos seis meses; as faltas graves aos dous anos e as faltas moi graves aos tres anos.

O prazo de prescrición das faltas contarase desde a data de comisión dos feitos que as motivaron.

Artigo 71º.-Sancións.

As sancións que poderán impoñerse aos colexiados serán as seguintes:

1.Por faltas leves:

a) Apercibimento privado.

b) Apercibimento por oficio, con anotación no expediente persoal.

2. Por faltas graves:

a) Apercibimento público, con anotación no expediente persoal.

b) Suspensión do exercicio profesional ata seis meses.

c) Suspensión do exercicio do cargo ata seis meses.

3. Por faltas moi graves:

a) Suspensión ou inhabilitación para cargos ata dous anos.

b) Suspensión do exercicio profesional ata dous anos.

c) Expulsión do colexio.

Artigo 72º.-Rehabilitación e cancelación de antecedentes.

1. Os sancionados poderán pedir a cancelación da nota do seu expediente persoal e, se é o caso,

a rehabilitación, nos seguintes prazos contados desde o cumprimento da sanción:

a) Se for por falta leve, aos seis meses.

b) Se for por falta grave, aos dous anos.

c) Se for por falta moi grave, aos catro anos.

d) Se consistise en expulsión, o prazo será de cinco anos.

2. Os trámites da cancelación de antecedentes e rehabilitación levaranse a cabo de igual forma que para o axuizamento e sanción das faltas e con iguais recursos.

Artigo 73º.-Tramitación do expediente.

Todas as sancións requiren a previa instrución do expediente, con audiencia do interesado ou interesados.

Para o devandito efecto, designado o instrutor, conforme o disposto no artigo 66º, e practicadas as probas e actuacións que conduzan ao esclarecemento dos feitos, formulará, se procede, prego de cargos no cal se exporán, con claridade, os feitos imputados susceptibles de integrar falta sancionable, a falta ou faltas tipificadas, supostamente cometidas, as sancións concretas que, se é o caso, se puideren impoñer, así como a identidade do instrutor e do secretario, se é o caso, e do órgano competente para impoñer a sanción e a norma que atribúe tal competencia.

O prego de cargos notificaráselles aos interesados e concederáselles un prazo de quince días hábiles para que poidan contestalo.

Contestado o prego de cargos ou transcorrido o prazo para facelo, o instrutor formulará proposta de resolución que se lles notificará aos interesados para que, no prazo de quince días hábiles, poidan alegar canto consideren conveniente para a súa defensa.

A proposta de resolución remitiráselle ao órgano esencial que acordou a instrución do expediente para que adopte a resolución que proceda, que deberá ser tomada por maioría absoluta. A resolución definitiva que se adopte deberá ser en todo caso motivada e deberá indicar claramente os medios de impugnación de que poden dispoñer os interesados.

Capítulo XV

Disolución do colexio e modificación dos estatutos

Artigo 74º.-Supostos de modificación.

Estes estatutos deberán ser modificados nos seguintes supostos:

1. No caso de que algún ou algúns dos artigos se vexan afectados polas leis que se promulguen ou as normas de rango superior e vinculante que se dicten. Neste suposto procederase á modificación dos artigos afectados exclusivamente.

2. Cando a xunta xeral, ben por ela mesma ou por proposta da Xunta de Goberno, coide precisa a actualización, modificación, supresión ou amplia

ción de determinados artigos destes estatutos ou da súa totalidade.

3. No caso de que, polo estipulado nestes estatutos e por proposta da Xunta de Goberno, referendada na xunta xeral, ou por acordo desta, se contemple a necesidade de variar a redacción ou o contido dun ou de varios dos seus artigos.

No suposto do número 1 procederase á modificación ou adaptación dos artigos correspondentes seguindo a normativa que se indica no artigo seguinte, e a partir do momento en que se presente a situación prevista neste número 1.

Para os casos que se sinalan en 2 e 3 será preciso que a estatutaria aprobación da xunta xeral se realice por maioría cualificada de 2/3, no caso de que esta aprobación exista, procederase de acordo co expresado no seguinte artigo.

Artigo 75º.-Normativa que se debe seguir en casos de modificación.

Nos tres casos supostos no artigo anterior, a xunta xeral ou a Xunta de Goberno nomearán unha comisión cuxos compoñentes serán elixidos entre os colexiados, para que proceda á confección dun anteproxecto da nova redacción dos artigos que se teñan que modificar ou, se é o caso, á redacción total duns novos estatutos dentro do prazo que para este traballo se estableza e que nunca poderá ser superior a dous meses.

Unha vez rematado o borrador por esta comisión e logo da súa aprobación pola Xunta de Goberno, por simple maioría, enviaráselles a todos os colexiados para o seu coñecemento e para que, durante o prazo dun mes, poidan presentar as emendas que consideren oportunas, xa sexa á totalidade ou a algún dos artigos, segundo sexa a modificación a que dea lugar.

No caso de que sexa soamente algún ou algúns dos artigos os que teñen que ser modificados, as emendas que se presenten poderán referirse exclusivamente a estes artigos e non ao resto do articulado. Estas emendas estarán expostas na sede central e nas delegacións para que poidan ser coñecidas por todos os colexiados que o desexen durante o prazo dun mes. Así mesmo enviaranse estas emendas a cada colexiado.

Ao termo do mes realizarase a xunta xeral extraordinaria, que deberá ser convocada de acordo co estipulado nestes estatutos, para tratar deste asunto e na cal cada colexiado poderá defender as súas emendas, de acordo coa normativa establecida.

A aprobación da nova ou novas redaccións dos diversos artigos ten que ser obtida pola maioría simple de votos emitidos polos colexiados asistentes e os estatutariamente representados nesta xunta xeral.

Artigo 76º.-Acordos e procedemento de disolución.

O Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia poderá disolverse cando así o acorden as

3/4 partes dos colexiados pertencentes a este por votación directa e en xunta xeral extraordinaria convocada especialmente para este obxecto.

Neste caso e naqueloutros en que por causas distintas á vontade dos seus colexiados sexa disolto este Colexio Oficial de Enxeñeiros Industriais de Galicia, o Consello Xeral de Colexios acordará o nomeamento de liquidadores, con indicación do número e facultades para que, unha vez que sexan satisfeitas todas as obrigas sociais, lle fagan entrega á Asociación de Enxeñeiros Industriais de Galicia do sobrante existente.

Disposición derradeira

A aprobación destes estatutos derroga os anteriores regulamentos.