DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 72 Venres, 15 de abril de 2005 Páx. 6.158

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

ORDE do 8 de abril de 2005 pola que se desenvolve o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, no referente á creación das academias de Galicia e o seu rexistro xeral, así como o procedemento de inscrición nel.

O Estatuto de autonomía para Galicia, no seu artigo 27, punto 19º, atribúe aos poderes públicos de Galicia o fomento da cultura e da investigación en Galicia. En exercicio da dita competencia o Consello da Xunta de Galicia aprobou o Decreto 392/2003, do 23 de outubro, polo que se regula o exercicio pola Comunidade Autónoma de Galicia das competencias en materia de academias de Galicia. Todo isto coa finalidade de constituír un marco normativo básico das academias nas que a finalidade principal a constitúe a investigación no campo das ciencias, das artes, das letras e da cultura en xeral.

Este decreto ten por obxecto regular a autorización de creación das academias de Galicia, o funcionamento do seu rexistro e o procedemento de inscrición nel das citadas academias.

De conformidade co disposto nos artigos 4 e 5 do citado Decreto 392/2003, do 23 de outubro, créase na Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública o Rexistro Xeral de Academias de Galicia, no que se inscribirán os acordos de constitución, extinción ou disolución, así como os estatutos e as súas modificacións.

Por todo iso, e continuando co proceso normativo iniciado polo Decreto 392/2003, do 23 de outubro

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é a regulación do funcionamento do Rexistro Xeral de Academias de Galicia así como o procedemento de inscrición nel.

Artigo 2º.-Procedemento para a creación das academias de Galicia.

Corresponde ao Consello da Xunta de Galicia a adopción do acordo de creación das academias de Galicia. Para tal efecto a Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública elevará a correspondente proposta ao Consello da Xunta de Galicia, logo de solicitude da academia interesada.

A solicitude de creación da academia, dirixida ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, deberá ir xunto cos estatutos correspondentes que deberán conter como mínimo a denominación, o domicilio, a finalidade, o réxime económico, o órgano de goberno e os dereitos e deberes dos académicos.

Artigo 3º.-Rexistro Xeral de Academias de Galicia.

O Rexistro Xeral de Academias de Galicia ten por obxecto a inscrición das academias creadas de conformidade co establecido no Decreto 392/2003, do 23 de outubro, polo que se regula o exercicio pola Comunidade de Galicia das competencias en materia de academias de Galicia. O mencionado rexistro queda adscrito á Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública.

Artigo 4º.-Actos obxecto de inscrición.

Serán obxecto de inscrición:

a) A creación, modificación, extinción ou disolución de academias.

b) Os estatutos e as súas modificacións.

Artigo 5º.-Organización do rexistro.

1. O rexistro organizarase documentalmente da seguinte forma:

a) Libro de inscrición.

b) Expediente de cada unha das academias que se inscriben.

2. No libro de inscrición, que poderá levarse en soporte informático e en soporte papel, abrirase un folio a cada unha das academias inscritas, no que se fará constar:

-O acordo de constitución da academia.

-Os estatutos e as súas modificacións.

-O órgano de goberno da academia e as súas modificacións.

-A consellería á que queda adscrita.

-Os acordos de extinción e disolución da academia.

Artigo 6º.-Baixa no rexistro.

A baixa no rexistro producirase pola extinción da academia, neste caso deberá achegar a consellería competente certificación do acordo de extinción do Consello da Xunta de Galicia.

Artigo 7º.-Acceso ao rexistro e protección de datos.

O Rexistro de Academias ten carácter público, e o acceso aos datos contidos nel rexerase polo disposto no artigo 37 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A información contida no rexistro estará suxeita ao disposto na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal.

Artigo 8º.-Procedemento de inscrición.

A Secretaría Xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública procederá de oficio á inscrición dos acordos de creación, extinción ou disolución das academias, así como aos de modificación dos seus estatutos.

Os acordos de creación, extinción ou disolución de academias e os das modificacións dos seus estatutos serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia mediante resolución da secretaría xeral da consellería que formulou a proposta do acordo.

Disposición transitoria

Primeira.-No Rexistro Xeral de Academias de Galicia inscribiranse de oficio as academias obxecto

de transferencia á Comunidade de Galicia, a que fai referencia a disposición adicional do Decreto 392/2003, do 23 de outubro.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o secretario xeral da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública para que dite as disposicións que se consideren pertinentes para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 8 de abril de 2005.

Jaime Pita Varela

Conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais

e Administración Pública

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA