DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 71 Xoves, 14 de abril de 2005 Páx. 6.079

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE ECONOMÍA E FACENDA

DECRETO 61/2005, do 7 de abril, polo que se ditan as normas para a aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Exposición de motivos

A Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia configura na sección 1ª do capítulo I, no capítulo II e no capítulo III o réxime xeral de aplicación das taxas, prezos públicos e prezos privados respectivamente, remitindo determinados aspectos a normas de carácter regulamentario.

Este decreto pretende desenvolver estes aspectos sinalados na norma legal á luz da recente modificación do sistema tributario levado a cabo pola Lei 58/2003, do 17 de decembro, xeral tributaria.

O decreto estrutúrase en oito títulos. O título I recolle unha serie de disposicións que son comúns a todos os instrumentos financeiros. O título II dedícase á regulamentación da xestión de taxas e prezos, estruturándose en tres capítulos, de forma que o primeiro establece unha serie de disposicións comúns, o segundo regulamenta as especialidades da xestión das taxas respecto da regulamentación xeral en materia tributaria, establecendo con carácter xeral a obriga de autoliquidación, e o terceiro regulamenta a xestión do cobro dos prezos. O título III regulamenta as especialidades necesarias en materia de recadación de taxas e de prezos. Os títulos IV e V determinan os órganos competentes para a inspección dos instrumentos e para o exercicio da potestade sancionadora respectivamente e remítense á normativa tributaria cadanseus procedementos. O título VI dispón as normas correspondentes aos procedementos de revisión. O título VII establece as competencias para a realización do control

interno. O decreto dedica o seu último título, o VIII, á normativa aplicable para o uso das tecnoloxías en materia de aplicación de taxas e prezos na Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta disposición foi sometida ao trámite de audiencia aos cidadáns ao que se refire o artigo 24.1º da Lei 50/1997, do 27 de novembro, do Goberno, mediante a petición do ditame do Consello Económico e Social de Galicia.

Na súa virtude, facendo uso do disposto na disposición derradeira terceira da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, por proposta do conselleiro de Economía e Facenda, oído o Consello Consultivo de Galicia e previa delibe

ración do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día sete de abril de dous mil cinco,

DISPOÑO:

TÍTULO I

Disposicións comúns

Artigo 1º.-Obxecto.

1. Este decreto ten por obxecto a regulación da aplicación das taxas e prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

2. A aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia comprende todas as actividades administrativas dirixidas á información e asistencia aos obrigados ao pagamento dos instrumentos financeiros e á xestión, inspección e recadación, así como as actuacións dos obrigados no exercicio dos seus dereitos ou en cumprimento das súas obrigas.

3. A aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia desenvolverase mediante os procedementos administrativos de xestión, inspección, recadación e os demais previstos neste decreto e na normativa correspondente.

4. A consellería competente en materia de facenda promoverá a axilidade, a simplificación, a descentralización, así como a coordinación administrativa nos procedementos de aplicación das taxas e dos prezos.

Artigo 2º.-Definicións.

Para os efectos deste decreto e a súa normativa de desenvolvemento, entenderase por:

1. Suxeito activo: os órganos da Administración xeral, os seus organismos autónomos e as entidades de dereito público dependentes ou que estean vinculadas a calquera destes, enmarcables todos eles dentro da Administración pública da Xunta de Galicia, que concedan a utilización privativa, a ocupación ou o aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, subministren o ben, presten o servizo ou realicen a actividade gravada.

2. Suposto de feito: calquera concesión de permisos de ocupación temporal, concesións administrativas ou calquera outras autorizacións, cuxo obxecto sexa a utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público da Comunidade Autónoma de Galicia, entrega de bens, realización de actividades ou prestación de servizos realizada polos suxeitos activos aos que se refire o punto anterior e gravada ou susceptible de ser gravada por un instrumento financeiro.

3. Servizo xestor: o suxeito activo que teña a competencia para realizar a xestión do instrumento financeiro correspondente, consonte co disposto no título II deste decreto.

4. Interesado: o suxeito pasivo dunha taxa ou o obrigado ao pagamento dun prezo.

Artigo 3º.-Obrigas xestoras.

1. As relacións que xurdan na aplicación das taxas e prezos entre a consellería competente en materia de facenda e os suxeitos activos dos instrumentos financeiros dependentes de cada consellería, realizaranse a través dun interlocutor nomeado para tal efecto pola consellería correspondente, sen prexuízo das actuacións que se poidan levar de forma individualizada con cada un deles.

2. Todos os servizos xestores de taxas e prezos deberán levar rexistros separados de ingresos e gastos nos que incorran na realización dos supostos de feito. A estrutura destes rexistros establecerase por orde do conselleiro competente en materia de facenda.

3. O órgano xestor quedará obrigado a:

-Remitir no mes de febreiro de cada ano información anual agregada respecto do contido dos rexistros de ingresos e gastos incorridos na realización dos supostos de feito gravados polos instrumentos financeiros no ano inmediato anterior consonte co formato establecido por orde do conselleiro competente en materia de facenda.

-Conservar os xustificantes de ingreso dos instrumentos financeiros nos expedientes correspondentes, así como os xustificantes das bonificacións, exencións ou non suxeicións aplicadas.

-Someterse aos plans ou controis que poida desenvolver a consellería competente en materia de facenda, prestando a debida colaboración. Para estes efectos poderá contar coa axuda e colaboración da Inspección de Servizos da Xunta de Galicia.

-Formular as propostas de establecemento de novos instrumentos financeiros, así como o incremento das tarifas dos xa establecidos, sempre que non se trate da actualización á que se refire o artigo 15.6º da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia, acompañados dunha memoria económica que poderá axustarse ao modelo que aprobe por orde o conselleiro competente en materia de facenda.

4. A dirección xeral competente en materia de ingresos de dereito público e a Intervención Xeral serán os encargados de comprobar no ámbito das súas competencias, o cumprimento polos órganos xestores das normas ditadas pola consellería competente en materia de facenda, en relación coa aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II

Actuacións e procedementos de xestión

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 4º.-Xestión.

A xestión das taxas e dos prezos públicos consiste no exercicio de todas aquelas funcións administrativas conducentes á súa liquidación, e máis todas aquelas establecidas pola normativa tributaria, cando esta sexa aplicable.

Artigo 5º.-Competencia.

1. Con carácter xeral, a xestión e a liquidación de cada instrumento financeiro corresponderalles aos suxeitos activos que realicen o suposto de feito.

2. A competencia territorial virá determinada en función do lugar no que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito.

Artigo 6º.-Inicio.

As actuacións e procedementos de xestión iniciaranse:

a) De oficio polo órgano competente para a xestión.

b) Por iniciativa do interesado, mediante solicitude, comunicación, autoliquidación ou calquera outra declaración.

Artigo 7º.-Desenvolvemento.

A proposta de resolución será notificada con carácter previo á resolución concedendo un prazo de 10 días para que o interesado presente cantas alegacións estime oportunas. Transcorrido o prazo sinalado anteriormente sen que o interesado presentase alegación ningunha, entenderase notificada a resolución para todos os efectos o día seguinte ao do vencemento do devandito prazo.

Artigo 8º.-Terminación.

Os procedementos de xestión deberán finalizar nun prazo non superior a 6 meses. Se transcorrido este prazo non se notificou a resolución correspondente entenderase caducado o procedemento iniciado, sen que iso obste a exixencia do dereito correspondente durante o prazo de prescrición.

Artigo 9º.-Depósito previo.

1. Por orde do conselleiro competente en materia de facenda estableceranse os supostos nos que se poderá exixir o depósito previo total ou parcial de cada un dos instrumentos financeiros que sexan de aplicación.

2. O depósito previo incluirá, se é o caso, os impostos correspondentes.

3. O depósito previo será tido en conta á hora de practicar a liquidación do instrumento financeiro correspondente, de forma que, se o resultado final da liquidación fose negativo, a cantidade resultante devolverase de oficio.

Artigo 10º.-Práctica da liquidación.

1. A liquidación é o acto resolutorio mediante o cal o órgano competente da administración realiza as operacións de cuantificación necesarias e determina o importe da débeda debida á Facenda pública galega ou, se é o caso, o importe que resulta para devolver ao interesado.

2. As liquidacións practicaranse atendendo a verdadeira natureza do suposto de feito e as normas reguladoras destes.

Artigo 11º.-Normativa aplicable.

Aos procedementos de xestión de prezos públicos seralles de aplicación a normativa tributaria de forma supletoria.

Capítulo II

Taxas

Artigo 12º.-Autoliquidación.

1. Agás os supostos previstos nos puntos 4 e 5 deste artigo, as taxas serán obxecto de autoliquidación polo suxeito pasivo, debendo achegar os xustificantes pertinentes nos casos nos que aplique bonificacións ou alegue exencións.

2. Os órganos xestores deberán comprobar as declaracións-liquidacións presentadas, así como os xustificantes achegados polo interesado para facer valer a aplicación de bonificacións ou exencións, e practicar, se fose procedente, a correspondente liquidación.

3. De igual xeito, poderán ditar liquidación provisional de oficio cando os elementos de proba que consten no seu poder, poñan de manifesto a realización dun suposto de feito ou a existencia de elementos deste que non foran declarados, ou a existencia de elementos determinantes da contía da débeda tributaria distintos aos declarados.

4. Serán obxecto de liquidación por parte do órgano xestor:

a) A taxa exixible pola prestación do servizo de sinalamento e inspección de toda clase de aproveitamentos en montes catalogados e non catalogados, a que se refire o subpunto 13 do punto 05 do anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) As tarifas portuarias aplicables nos portos e instalacións competencia da Comunidade Autónoma de Galicia, relacionadas no punto 99 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

c) A taxa exixible pola utilización privativa, ocupación ou aproveitamento especial do dominio público portuario, a que se refire o punto 02 do anexo 5 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia.

5. A exacción da taxa por servizos profesionais, modalidade de actuacións profesionais, denominada «dirección e inspección de obras realizadas mediante contrato», a que se refire o número 03 do anexo 3 da Lei 6/2003, do 9 de decembro, de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia realizarase mediante retención directa no momento do pagamento de cada unha das certificacións.

Artigo 13º.-Notificación de liquidacións de taxas.

1. A liquidación das taxas deberá ser notificada ao suxeito pasivo nos termos previstos na Lei xeral tributaria, incluíndo ademais da expresión dos elementos aos que se refire a normativa tributaria, os seguintes:

a) Os impostos correspondentes debidamente desagregados ou a expresión IVE incluído, se é o caso.

b) Carta de pagamento, se é o caso.

2. Cando a notificación houbera de facerse mediante comparecencia, consonte co disposto na Lei xeral tributaria, citarase ao suxeito pasivo ou ao seu representante por medio de anuncios que se publicarán no Diario Oficial de Galicia os días 5 e 20 de cada mes, ou no primeiro diario oficial seguinte cando estes días cadren con sábado ou día inhábil. Así mesmo, poderán expoñerse estes anuncios nas oficinas do órgano xestor que ditou o acto, na delegación territorial da consellería competente en materia de facenda que consonte co artigo 16º deste decreto sexa competente para a recadación da débeda ou na páxina web da citada consellería no seu taboleiro de anuncios.

Capítulo III

Prezos

Artigo 14º.-Notificación de liquidacións de prezos.

1. Cando a Administración pública realice a liquidación dos prezos públicos, a factura correspondente será notificada contendo, en todo caso, os seguintes elementos:

a) Identificación do debedor.

b) Natureza do ingreso.

c) Elementos básicos que configuran a débeda, con indicación das normas no que se sustente.

d) Os impostos correspondentes debidamente desagregados ou expresión IVE incluído, se é o caso.

e) Os medios de impugnación que procedan, indicando os prazos e órganos perante os cales se pode interpoñer.

f) Lugar, prazo e medios de pagamento da débeda.

g) Carta de pagamento correspondente.

2. A xestión do cobramento do resto dos prezos documentarase en facturas que se adecuarán ao establecido ao respecto pola normativa do Estado, nas que figurarán, se é o caso, os impostos correspondentes debidamente detallados, ou a expresión IVE incluído. A entrega das facturas terá efectos de notificación.

TÍTULO III

Recadación

Capítulo I

Disposicións xerais

Artigo 15º.-A xestión recadadora.

1. A recadación das taxas e dos prezos consiste no exercicio de todas aquelas funcións administrativas conducentes ao seu cobramento.

2. A recadación poderase realizar:

a) Para as taxas e prezos, en período voluntario, mediante o pagamento ou cumprimento voluntario do interesado nos prazos previstos no artigo 20º deste decreto.

b) En período executivo, a recadación das taxas e dos prezos públicos, efectuarase coercitivamente, por vía de constrinximento sobre o patrimonio do obrigado que non cumprise a obriga ao seu cargo en período voluntario.

Artigo 16º.-Competencia.

1. A xestión recadatoria da Facenda pública de Galicia, tanto da Administración xeral da Comunidade Autónoma como dos seus organismos autónomos e entidades de dereito público dependentes ou que estean vinculadas á Administración pública da Xunta de Galicia, corresponde á consellería competente en materia de facenda e a levarán:

a) En período voluntario, os órganos da consellería competente en materia de facenda e dos organismos autónomos e das entidades que teñan atribuída a xestión dos correspondentes instrumentos financeiros.

b) En período executivo, os órganos da consellería competente en materia de facenda, cando se trate de taxas e prezos públicos da Facenda pública de Galicia, dos organismos autónomos e das entidades de dereito público dependentes ou que estean vinculadas á Administración pública da Xunta de Galicia.

2. No entanto, cando a natureza do ingreso, a súa especial incidencia ou circunstancias do caso concreto así o aconsellen, os órganos de recadación da consellería competente en materia de facenda poderán asumir a xestión recadatoria en período voluntario dos recursos dos organismos autónomos e entes públicos.

3. A competencia territorial atribuirase á delegación territorial da consellería competente en materia de facenda da capital de provincia na que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito gravado.

Artigo 17º.-Lugar do pagamento.

1. O pagamento das débedas haberá de realizarse nas contas restrinxidas de recadación abertas nas entidades financeiras autorizadas pola consellería competente en materia de facenda para actuar como entidades colaboradoras na recadación, e, excepcionalmente, nas caixas dos órganos que se creen, logo de autorización da consellería competente en materia de facenda, e cos requisitos e condicións que se determinen.

2. Os pagamentos realizados a persoas ou órganos non competentes para recibilos, non liberarán o debedor da súa obriga de pagamento perante a facenda da comunidade autónoma, sen prexuízo da responsabilidade na que, se é o caso, puidera incorrer o perceptor non autorizado.

Artigo 18º.-Medios de pagamento.

1. O pagamento realizarase en efectivo ou, mediante o emprego de efectos timbrados nos supostos previstos legalmente e consonte co previsto neste artigo.

2. Así mesmo, posibilitarase o pagamento a través dos diferentes medios que a tecnoloxía pon á disposición das entidades financeiras e calquera outros que sexan aprobados mediante a correspondente orde da consellería competente en materia de facenda.

3. A utilización de efectos timbrados para o pagamento de taxas e prezos públicos requirirá expresa autorización da consellería competente en materia

de facenda, que comprenderá a forma e características daqueles.

4. O pagamento dos prezos privados realizarase consonte se dispoña nas normas que os establezan; no seu defecto, realizarase consonte se dispoña por orde da consellería competente en materia de facenda que desenvolva o procedemento de recadación deles e, subsidiariamente, consonte coa normativa xurídico privada.

Artigo 19º.-Xustificantes de pagamento.

1. Terán a consideración de xustificantes do pagamento en efectivo das taxas e dos prezos, segundo os casos:

a) As cartas de pagamento subscritas ou validadas por órganos competentes ou por entidades autorizadas para recibir o pagamento.

b) Os recibos que emitan as entidades financeiras naqueles casos no que o obrigado ao pagamento optase por algunha das formas de pagamento a distancia que faciliten as novas tecnoloxías.

c) As certificacións acreditativas do ingreso efectuado.

d) Calquera outro documento ao que a consellería competente en materia de facenda outorgue expresamente o carácter de xustificante de pagamento.

2. O xustificante de pagamento entregarase á persoa que realice o pagamento, e expresará polo menos as seguintes circunstancias:

a) Identificación e domicilio do debedor.

b) Concepto e importe da débeda e período ao que se refire, se é o caso.

c) Data do pagamento.

d) Órgano, persoa ou entidade que o expide.

3. Os recibos que expidan as entidades financeiras, no suposto previsto no punto 1.b) anterior, conterán as características que para o efecto estableza a consellería competente en materia de facenda.

4. Cando se empreguen efectos timbrados, os propios efectos, debidamente inutilizados, constituirán o xustificante de pagamento.

Capítulo II

Recadación en período voluntario

Artigo 20º.-Prazo de pagamento en período voluntario.

1. O pagamento en período voluntario das taxas liquidadas polo propio suxeito pasivo realizarase no prazo establecido para formular a correspondente autoliquidación.

2. No caso de débedas tributarias resultantes de liquidacións practicadas pola Administración, o pagamento en período voluntario realizarase nos prazos determinados na Lei xeral tributaria.

3. Os prazos para o pagamento dos prezos públicos fixaranse, en cada caso, nos decretos polos que se aprobe o establecemento destes. No caso de non determinación dos devanditos prazos, aplicarase o disposto nos puntos anteriores.

4. As débedas que deban satisfacerse mediante efectos timbrados pagaranse no momento da realización do feito impoñible, se non se dispón outro prazo na súa normativa reguladora.

5. Os prazos para o pagamento dos prezos privados fixaranse, en cada caso, nas ordes que os establezan; en defecto de fixación do prazo nestas, o pagamento deberá realizarse no prazo establecido na orde da consellería competente en materia de facenda que desenvolva o procedemento de recadación deles.

Capítulo III

Recadación en período executivo

Artigo 21º.-Iniciación.

1. O período executivo iníciase:

a) No caso de débedas liquidadas pola Administración, non ingresadas ao seu vencemento, o día seguinte ao vencemento do prazo de ingreso en período voluntario.

b) No caso de débedas que se van ingresar mediante autoliquidación presentada sen realizar o ingreso correspondente en todo ou en parte, o devandito período iníciase para a débeda non ingresada o día seguinte ao vencemento do prazo ou prazos de ingreso en período voluntario.

2. O inicio do período executivo determina o devengo das recargas do período executivo previstos na Lei xeral tributaria. Así mesmo determina a exixencia dos xuros de demora a que se refiren a Lei xeral tributaria e o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, segundo se trate de débedas tributarias ou non tributarias respectivamente, e, se é o caso, das costas do procedemento de constrinximento.

3. Iniciado o período executivo, a Administración efectuará a recadación das débedas polo procedemento de constrinximento sobre o patrimonio do obrigado ao pagamento.

Artigo 22º.-Procedemento de constrinximento.

1. Os elementos constitutivos e as diferentes fases do procedemento de constrinximento serán rexidos polas normas previstas neste decreto e pola normativa de carácter xeral aplicable á materia.

2. O procedemento de constrinximento iniciarase mediante providencia notificada ao debedor na que se identificará a débeda pendente, liquidaranse as recargas do período executivo e requiriráselle para que efectúe o pagamento.

3. A providencia de constrinximento, expedida polo órgano de recadación que sexa competente consonte co disposto no artigo 16º deste decreto, será o título suficiente para iniciar o procedemento de constrinximento e terá a mesma forza executiva que a sentenza xudicial para proceder contra os bens e dereitos do debedor.

Artigo 23º.-Prazos de ingreso.

Unha vez iniciado o período executivo e notificada a providencia de constrinximento, o pagamento da débeda deberá efectuarse nos prazos fixados na Lei xeral tributaria.

TÍTULO IV

Inspección

Artigo 24º.-Competencia.

1. Con carácter xeral, a inspección de cada instrumento financeiro corresponderalles aos órganos de inspección financeira e tributaria da consellería competente en materia de facenda.

2. A competencia territorial atribuirase á delegación territorial con competencia en materia de facenda da capital da provincia na que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito gravado.

Artigo 25º.-Procedemento.

As actuacións e o procedemento de inspección das taxas e dos prezos públicos axustaranse ao disposto na Lei xeral tributaria e á súa normativa de desenvolvemento.

TÍTULO V

Procedemento sancionador

Artigo 26º.-Competencia.

1. O procedemento sancionador en materia de taxas iniciarase sempre de oficio polos seguintes órganos:

a) Polos órganos de xestión tributaria da consellería competente en materia de facenda, cando o procedemento se inicie a instancia do órgano xestor da taxa.

b) Polos órganos de inspección financeira e tributaria da consellería competente en materia de facenda, cando o procedemento se inicie como consecuencia dun procedemento de inspección.

2. A competencia territorial atribuirase á delegación territorial con competencia en materia de facenda da capital da provincia na que radique a oficina xestora que realice o suposto de feito gravado.

Artigo 27º.-Exercicio da potestade sancionadora.

O exercicio da potestade sancionadora en materia de taxas desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento.

TÍTULO VI

Revisión en vía administrativa

Capítulo I

Procedementos especiais de revisión

Sección primeira

Revisión de actos nulos de pleno dereito

Artigo 28º.-Competencia.

1. O procedemento para a revisión de actos nulos de pleno dereito en materia de taxas e prezos públicos poderá ser iniciado:

a) Mediante solicitude do interesado.

b) Polo órgano que ditou o acto ou o seu superior xerárquico.

2. A competencia para tramitar o procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de ingresos de dereito público.

3. A competencia para resolver corresponderá ao conselleiro competente en materia de facenda.

Artigo 29º.-Procedemento.

1. O procedemento de revisión de actos nulos en materia de taxas desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso.

2. O procedemento de revisión de actos nulos en materia de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso. Será de aplicación supletoria a normativa á que se refire o punto anterior.

Sección segunda

Declaración de lesividade de actos anulables

Artigo 30º.-Competencia.

1. O procedemento para a declaración de lesividade en materia de taxas e prezos públicos iniciarase de oficio mediante acordo do órgano que ditou o acto ou o seu superior xerárquico.

2. A competencia para tramitar o procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de ingresos de dereito público.

3. A declaración de lesividade corresponderá ao conselleiro competente en materia de facenda.

Artigo 31º.-Procedemento.

1. O procedemento para a declaración de lesividade en materia de taxas desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso.

2. O procedemento para a declaración de lesividade en materia de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso. Será de aplicación supletoria a normativa á que se refire o punto anterior.

Sección terceira

Revogación

Artigo 32º.-Competencia.

1. O procedemento de revogación de actos administrativos ditados en materia de taxas e prezos públicos iniciarase sempre de oficio.

2. A competencia para tramitar e resolver o procedemento corresponderá á dirección xeral competente en materia de ingresos de dereito público.

Artigo 33º.-Procedemento.

1. O procedemento de revogación de actos administrativos ditados en materia de taxas desenvolverase consonte co establecido na normativa en materia tributaria.

2. O procedemento de revogación de actos administrativos ditados en materia de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso. Será

de aplicación supletoria a normativa á que se refire o punto anterior.

Sección cuarta

Rectificación de erros

Artigo 34º.-Competencia.

O órgano que ditase o acto administrativo en materia de taxas e prezos públicos rectificará, en calquera momento, os erros materiais, de feito ou aritméticos, sempre que non transcorrese o período de prescrición correspondente.

Artigo 35º.-Procedemento.

1. A rectificación de erros de actos administrativos ditados en materia de taxas desenvolverase consonte co establecido na Lei xeral tributaria e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso.

2. A rectificación de erros de actos administrativos ditados en materia de prezos públicos desenvolverase consonte co establecido na Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e consonte coa súa normativa de desenvolvemento, se é o caso. Será de aplicación supletoria a normativa á que se refire o punto anterior.

Sección quinta

Devolución de ingresos indebidos

Artigo 36º.-Titulares do dereito á devolución.

Os interesados, así como os seus habente-causas, terán dereito á devolución dos ingresos que realizasen indebidamente en concepto de taxas ou de prezos públicos nos supostos sinalados na Lei de taxas, prezos e exaccións reguladoras da Comunidade Autónoma de Galicia e na Lei xeral tributaria.

Artigo 37º.-Competencia.

1. Será competente para tramitar e resolver o procedemento o suxeito activo titular da taxa ou do prezo público cuxa devolución se pretende.

2. Ditada a correspondente resolución e notificada ao interesado, deberá remitirse esta ou copia certificada dela ao órgano de recadación que sexa competente consonte co artigo 16º deste decreto, para que este propoña o pagamento mediante a expedición da correspondente orde ou mandamento de pagamento.

Artigo 38º.-Procedemento de devolución.

O procedemento para o recoñecemento do dereito á devolución poderá iniciarse de oficio ou a instancia de persoa interesada e desenvolverase consonte co disposto na normativa tributaria, sen prexuízo do disposto no artigo anterior.

Capítulo II

Recurso de reposición

Artigo 39º.-Competencia.

Será competente para resolver os recursos de reposición interpostos polos interesados contra os actos en materia de taxas e prezos públicos o órgano que ditou o acto recorrido.

Artigo 40º.-Normativa aplicable.

En todo o que se refira ao recurso de reposición será de aplicación o disposto na Lei xeral tributaria e a súa normativa de desenvolvemento, se é o caso.

Capítulo III

Reclamación económico-administrativa

Artigo 41º.-Competencia.

Será competente para resolver as reclamacións económico-administrativas a Xunta Superior de Facenda, consonte co establecido no Decreto 34/1997, do 20 de febreiro, polo que se regula a súa organización, competencias e composición, e o seu funcionamento.

Capítulo IV

Suspensión

Artigo 42º.-Suspensión de actos en materia de taxas e prezos públicos.

1. A execución dos actos en materia de taxas e prezos públicos que, consonte á normativa vixente, foran impugnados, quedarán suspendidos automaticamente a instancia do interesado se se garante o importe do dito acto, dos xuros de demora que xere a suspensión e as recargas que puideran proceder.

2. As solicitudes de suspensión xunto cos documentos xustificativos da garantía constituída e copia do recurso ou reclamación interpostos e do acto recorrido dirixiranse ao órgano de recadación que sexa competente consonte co artigo 16º deste decreto.

3. Se a solicitude acredita a existencia do recurso ou reclamación e xunta garantía bastante, entenderase acordada a suspensión desde a data da dita solicitude.

Se a garantía achegada non reúne os requisitos necesarios, concederase ao interesado un prazo de 10 días para emendar os defectos. Neste caso, o órgano de recadación resolverá expresamente sobre a suspensión, notificando a resolución ao interesado.

4. A resolución anterior ou, no seu defecto, a solicitude do interesado, comunicarase ben ao órgano xestor competente para resolver o recurso de reposición, ben ao tribunal que estea a coñecer a reclamación contra o acto impugnado, co obxecto de que se incorpore ao expediente.

5. Cando como consecuencia da resolución do recurso de reposición, deba facerse efectiva a débeda na súa totalidade ou de forma parcial, o órgano de recadación levantará a suspensión se transcorrido o prazo para a interposición da reclamación económico-administrativa, o interesado non lle comunicase a interposición desta.

Do mesmo xeito, nos casos nos que como consecuencia da resolución da reclamación económico-administrativa, deba facerse efectiva a débeda

na súa totalidade ou de forma parcial, o órgano de recadación levantará a suspensión se transcorrido o prazo para a interposición do recurso contencioso-administrativo, o interesado non lle comunicase a interposición tanto deste como da solicitude da suspensión na vía contencioso-administrativa.

En ambos os dous casos o acordo de levantamento da suspensión notificarase ao interesado, concedéndolle un novo prazo de ingreso en período voluntario consonte co artigo 20º deste decreto.

TÍTULO VII

Control interno

Artigo 43º.-Competencia.

1. Con carácter xeral, o control interno da actividade económico-financeira exercerao a Intervención Xeral a través da función interventora e do control financeiro, sen prexuízo do establecido no artigo 3º deste decreto.

2. Corresponderalle á Intervención Xeral a dirección e a xestión da contabilidade pública. A contabilización dos instrumentos aos que se refire este decreto quedará suxeita ao establecido no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 44º.-Normativa.

As actuacións ás que se refire o artigo anterior axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e na súa normativa de desenvolvemento.

TÍTULO VIII

Uso das tecnoloxías

Artigo 45º.-Principios xerais.

1. A consellería competente en materia de facenda promoverá o emprego do uso das técnicas e medios electrónicos, informáticos e telemáticos necesarios para a aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia. Estas técnicas e medios deberán cumprir os criterios de seguridade, normalización e conservación aos que se refira a normativa correspondente.

2. Os programas e aplicacións electrónicos, informáticos e telemáticos que se vaian empregar para a aplicación das taxas e dos prezos deberán ser previamente autorizados por orde do conselleiro competente en materia de facenda.

3. A consellería competente en materia de facenda poderá facer efectiva a colaboración social na aplicación das taxas e dos prezos da Comunidade Autónoma de Galicia a través da celebración de acordos con:

a) As outras comunidades autónomas e cidades con Estatuto de autonomía, a Administración xeral do Estado e con outras administracións públicas.

b) Entidades ou institucións privadas, en especial coas que presenten a condición de colaboradoras na xestión de taxas e prezos.

c) Institucións e organismos representativos de sectores ou intereses sociais, laborais, empresariais ou profesionais, incluídas as organizacións corporativas das profesións oficiais colexiadas.

Os acordos asinados coas persoas contidas na letra c) poderán estender os seus efectos ás persoas ou entidades que sexan colexiados, asociados ou membros daquelas. Para este efecto, as persoas ou entidades interesadas, deberán asinar un documento individualizado de adhesión ao acordo, que recolla expresamente a aceptación do contido íntegro deste. Non será precisa esta sinatura, cando os estatutos ou as normas da profesión oficial colexiada regulen que a subscrición de acordos de colaboración polas súas organizacións corporativas vinculan a todos os profesionais colexiados, sempre que o acordo subscrito recolla esta circunstancia.

4. A consellería competente en materia de facenda admitirá sistemas de sinatura electrónica recoñecida para garantir nas súas relacións cos interesados por medios electrónicos, informáticos e telemáticos, a autenticidade e, se é o caso, a integridade dos documentos electrónicos. Así mesmo, estes sistemas poderán ser empregados para identificar os interesados nas actuacións que teñan lugar polos devanditos medios. En particular, admitiranse os sistemas de sinatura dixital ou numérica, baseados en criptografía asimétrica de clave pública, ou calquera sinatura electrónica avanzada, cando cumpra garantir a autenticidade e integridade do documento electrónico. A admisión pola consellería competente en materia de facenda de calquera sistema de sinatura electrónica, requirirá a súa compatibilidade cos medios técnicos dos que dispoña, así como a previa aprobación dos programas e aplicacións que vaian empregarse e a difusión pública das súas características.

Disposición adicional

Autorízase a consellería competente en materia de facenda para ditar as disposicións necesarias para a aplicación deste decreto.

Disposición derrogatoria

Quedan derrogadas cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto neste decreto e en particular o Decreto 172/1992, do 26 de xuño, polo que se ditan normas para a xestión, liquidación e recadación das taxas e prezos públicos da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor aos vinte días da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, sete de abril de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Orza Fernández

Conselleiro de Economía e Facenda

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA