DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2005 Páx. 5.848

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 25 de febreiro de 2005, da Delegación Provincial de Pontevedra, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Cristalería Coca, S.L.

Visto o texto do convenio colectivo da empresa Cristalería Coca, S.L., con nº de código 3603402 que tivo entrada no rexistro único do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Vigo o día 26-1-2005, subscrito en representación da parte económica pola representación da empresa, e da parte social, polo delegado de persoal, en data 10-1-2005. De conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º, do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito de convenios colectivos de traballo e Real decreto 2412/1982, do 24 de xullo, sobre traspaso de funcións e servizos da Administración do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia, en materia de traballo, esta delegación provincial

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a súa inscrición no libro de rexistro de convenios colectivos de traballo, que

consta nesta delegación provincial, e a notificación ás representacións económica e social da comisión negociadora.

Segundo.-Ordenar o seu depósito no Servizo de Relacións Laborais, Sección de Mediación, Arbitraxe e Conciliación.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Vigo, 25 de febreiro de 2005.

Joaquín Macías Sánchez

Delegado provincial de Pontevedra

Convenio colectivo da empresa

Cristalería Coca, S.L.

Capítulo I

Condicións xerais

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

O presente convenio regulará as relacións laborais entre a empresa Cristalería Coca, Sociedad Limitada e todos os traballadores que presten servizos nela, exceptuando unicamente aquelas persoas ás que alude o artigo 2 do Estatuto dos traballadores.

Artigo 2º.-Ámbito temporal.

Este convenio colectivo terá unha duración de dous anos, contados desde o 1 de xaneiro de 2004 e finalizando o seu efecto o 31 de decembro de 2005, con independencia da súa data de publicación no boletín oficial correspondente.

Artigo 3º.-Denuncia.

O convenio queda automaticamente denunciado ao finalizar a súa vixencia comprometéndose ambas partes a iniciar a negociación do novo convenio un mes antes do seu remate.

Artigo 4º.-Ámbito persoal.

Respectaranse as situacións persoais que con carácter de cómputo anual excedan destas normas estritamente (ad personam).

Como as melloras económicas que se implantan en virtude deste convenio teñen o carácter de mínimas no seu conxunto subsistirán os pactos, cláusulas, implantadas pola empresa que significarán condicións máis beneficiosas para os traballadores.

Artigo 5º.-Vinculación á totalidade.

As condicións pactadas forman un todo orgánico, indivisible e, para os efectos da súa aplicación práctica, serán consideradas globalmente.

Artigo 6º.-Comisión paritaria.

Para vixiar o cumprimento do convenio e co fin de interpretalo cando proceda constitúese unha comisión mixta paritaria formada por un representante dos traballadores e outro da empresa.

Capítulo II

Tempo de traballo

Artigo 7º.-Xornada de traballo.

A duración da xornada ordinaria de traballo será de corenta horas semanais de traballo efectivo de media en cómputo anual.

A empresa poderá distribuír a xornada establecida no parágrafo anterior durante o ano mediante criterios de fixación uniforme ou irregular. Afectando a uniformidade ou irregularidade a todo ou parte do cadro de persoal da empresa en función das previsións das distintas cargas de traballo e desprazamentos da demanda. En todo caso a distribución irregular da xornada respectará os períodos de descanso diario e semanal previsto no Estatuto dos traballadores.

Artigo 8º.-Vacacións.

Os traballadores afectados polo presente convenio desfrutarán de trinta días naturais de vacacións.

Sempre que o permitan as necesidades do servizo, o traballador poderá fraccionar as súas vacacións tantas veces como o desexe.

Establécese como período preferente para o desfrute das vacacións o comprendido entre o un de xuño e o trinta de setembro.

Artigo 9º.-Permisos retribuídos.

A empresa concederalle ao persoal, logo do aviso e xustificación, permiso retribuído nos casos seguintes:

a) Matrimonio: quince días.

b) Nacemento de fillo: tres días.

c) Falecemento, accidente ou enfermidade grave ou hospitalización de parentes ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade: tres días. Se cómpre desprazamento: catro días.

d) Traslado de domicilio habitual: un día.

e) Cumprimento de deberes públicos: polo tempo imprescindible.

f) Realización de funcións sindiciais ou de representación do persoal: nos termos establecidos legalmente.

g) Realización de exames prenatais e técnicas de preparación de parto que deban realizarse dentro da xornada de traballo: o tempo indispensable.

h) Lactación de fillo menor de nove meses: unha hora de ausencia ao traballo, que se poderá dividir en dúas fraccións, ou redución da xornada en media hora coa mesma finalidade.

i) Coidado directo dun menor de 6 anos ou diminuído físico, psíquico ou sensorial que non desempeñe actividade retribuída: redución da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos, un terzo e un máximo da metade da duración daquela.

j) Coidado directo dun familiar, ata o segundo grao de consanguinidade ou afinidade que, por razóns de idade, accidente ou enfermidade, non poida valerse por si mesmo, que non desempeñe actividade retribuída: redución da xornada de traballo con diminución proporcional do salario entre, polo menos un terzo, e un máximo da metade da duración daquela.

k) Por asuntos propios, un día.

l) O persoal que precise asistir a consultorio medico en horas coincidentes coa xornada de traballo disporá do tempo preciso para iso.

Artigo 10º.-Día da empresa.

Acórdase considerar como día festivo para todo o persoal da empresa a tarde do 29 de setembro.

Artigo 11º.-Noiteboa e Ano Vello.

Os traballadores afectados por este convenio terán dereito ao desfrute do descanso o día 24 e a tarde do día 31 de decembro.

Capítulo III

Estrutura do salario

Artigo 12º.-Retribucións.

Todo o persoal afectado polo presente convenio percibirá as retribucións consignadas na táboa anexa I para o ano 2004.

Paro o ano 2005 aplicaranse as retribucións consignadas na táboa anexa II, que representa un incremento do 5% respecto a táboa do ano 2004.

Artigo 13º.-Revisión salarial.

No caso de que o IPC rexistrase o 31 de decembro de 2004 un incremento, respecto do 1 de xaneiro, superior ao incremento salarial para o ano 2005, efectuarase unha revisión salarial do exceso sobre a dita porcentaxe.

Artigo 14º.-Complemento de transporte.

Establécese un complemento de transporte, que será aboado por día efectivo de traballo nas contías seguintes:

Do 1-1-2004 ao 31-12-2004: 3,07 euros.

Do 1-1-2005 ao 31-12-2005: 3,22 euros.

Artigo 15º.-Axudas de custo e desprazamentos.

As axudas de custo para o persoal que, en razón de métodos da organización de empresa, deba efectuar saídas quedan establecidas do seguinte xeito:

Ano 2004Ano 2005

-Axuda de custo completa34,0035,70-Media axuda de custo13,8714,56

Nos desprazamentos que se efectúen en coche propio aboarase a cantidade de 0,19 euros/km para o ano 2004 e de 0,20 euros/km para o ano 2005.

Artigo 16º.-Gratificacións extraordinarias.

O persoal afectado por este convenio percibirá as gratificacións extraordinarias correspondentes aos meses de xullo e decembro polo importe dunha mensualidade cada unha delas, calculadas sobre do salario que se fixa na taboa anexa correspondente.

O ano enténdese dividido en dous semestres naturais. O primeiro corresponde á gratificación de xullo, e o segundo á de Nadal.

Artigo 17º.-Paga de beneficios.

A empresa aboaralles aos traballadores unha paga extra anual de nominal de beneficios. A súa contía será dunha mensualidade calculada sobre do salario que se fixa na táboa anexa correspondente. A dita paga extra seralles aboada aos traballadores durante o primeiro trimestre do ano seguinte. A gratificación aboarase en proporción ao tempo traballado nos doce meses inmediatamente anteriores á data do seu aboamento.

Capítulo IV

Prestacións sociais

Artigo 18º.-Incapacidade temporal.

Complemento de prestación de incapacidade temporal: a empresa complementará a prestación económica por incapacidade temporal ata o cen por cento do salario base do traballador nos seguintes casos e durante o tempo que se indica para cada un:

a) IT: derivada de accidente profesional ou enfermidade profesional; desde o primeiro día e ata a alta médica.

b) IT: derivada de accidente non laboral ou enfermidade común; con hospitalización, desde o primeiro día cun máximo de catro meses.

Artigo 19º.-Indemnizacións.

Establécense as seguintes indemnizacións para todos os traballadores afectados por este convenio:

a) No caso de morte derivada de enfermidade común ou accidente non laboral o importe dunha mensualidade de todos os conceptos das táboas do convenio aplicable vixentes en cada momento.

b) No caso de morte, incapacidade permanente absoluta ou grande invalidez, derivadas de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 37.564,26 euros.

c) No caso de incapacidade permanente total, derivada de accidente de traballo ou enfermidade profesional: 6.310,63 euros.

Nos supostos de morte as indemnizacións establecidas aboaránselle á viuva ou beneficiarios do traballador segundo as normas da Seguridade Social.

Estas indemnizacións terán vixencia desde o 1 de xaneiro ata o 31 de decembro dos anos respectivos.

Artigo 20º.-Recoñecementos médicos.

A empresa virá obligada a realizar recoñecementos médicos periódicos a todos os traballadores ao seu servizo, polo menos unha vez ao ano.

Artigo 21º.-Roupa de traballo.

A empresa dotará o seu persoal de roupa de traballo axeitada. O persoal recibirá dúas fundas por ano ou roupa similar. A primeira funda será entregada o 1 de xaneiro de cada ano e a outra a primeiros de xullo, sendo obrigatorio o seu uso para o persoal ao que se lle entreguen as devanditas pezas.

Capítulo V

Categorías profesionais

Artigo 22º.-Clasificación empresarial.

Persoal administrativo.

Xefe administrativo: é aquel empregado que provisto ou non de poder, ten a responsabilidade directa da oficina da empresa. Dependen del as diversas seccións administrativas ás que imprime unidade.

Oficial de 1ª: é aquel empregado que actúa ás ordes dun xefe, se o houbese, e que ten un servizo determinado ao seu cargo, dentro do cal exerce iniciativa e posúe responsabilidade con ou sobre outros empregados ás súas ordes, realizando traballos que requiren cálculo, estudo, preparación ou condicións axeitadas.

Considéranse incluídos nesta categoría os contables que leven eles sos a contabilidade.

Oficial de 2ª: é o empregado que con iniciativa e responsabilidade restrinxida e subordinada a un xefe ou a un oficial de primeira, se o houbese, realiza traballos de carácter auxiliar ou secundario que só exixen coñecementos xerais da técnica administrativa.

Auxiliar: é o empregado que se dedica a operacións elementais administrativas e, en xeral, ás puramente mecánicas e inherentes ao traballo da oficina ou despacho.

Especialistas de industria.

Engargado: é o empregado que, ás ordes dun técnico ou xerente, reúne condicións prácticas para dirixir un grupo de profesionais ou peóns nos seus labores.

Oficial de 1ª: é o empregado que, tendo realizada a aprendizaxe coa debida perfección e adecuado rendemento, executa, con iniciativa e responsabilidade, todas ou algunha das tarefas propias deste, con produtividade e resultados correctos, coñecendo as máquinas, os útiles e ferramentas que teña ao seu cargo para coidar da súa normal eficacia, engraxamento e conservación, poñendo en coñecemento dos seus superiores calquera estrago que observe e que poida diminuír a produtividade.

Oficial de 2ª: é o empregado que realiza os mesmos cometidos asignados ao oficial de 1ª, cun rendemento ou grao de especialización menor ca este.

Oficial de 3ª: é o empregado que axuda á realización das tarefas encomendadas aos oficiais de 1ª e 2ª.

Peón especialista: os dedicados a aquelas tarefas concretas e determinadas que sen constituír un oficio exixen, porén, certa práctica e especialidade.

Peón: é o empregado encargado de executar labores para a realización dos cales se require predominantemente a achega de esforzo físico. Poden prestar os seus servizos indistintamente en calquer servizo ou centro de traballo.

Capítulo VI

Outros acordos

Artigo 23º.-Seguridade e saúde laboral.

Delegado de prevención: haberá que aterse ao establecido pola lexislación vixente.

Formación: a empresa facilitara as horas precisas para a formación do delegado de prevención.

Así mesmo, a empresa procurará impartir formación, ben por si mesma ou por medios externos, a todos os traballadores, en materia de seguridade e prevención de riscos laborais.

Artigo 24º.-Dereitos da muller traballadora.

Non haberá discriminación por razón de sexo en materia de retribución, xornada laboral e demais condicións de traballo.

Artigo 25ª.-Comisión negociadora.

Este convenio foi negociado na representación da empresa por Agustín Bartolomé Domínguez e os traballadores polo delegado de persoal, Evaristo Rodríguez Figueroa.

ANEXO I

Táboa salarial ano 2004

-Persoal administrativo.

Enxeñeiros e licenciados1.030,78

Enxeñeiros técnicos 967,53

Xefe administrativo 874,17

Oficial de 1ª 779,22

Oficial de 2ª 718,31

Auxiliar 679,32-Especialistas de industria.

Encargado de almacén 768,88

Oficial 1ª 717,67

Oficial 2ª 679,31

Oficial 3ª 623,07

Peón especialista 607,20

Peón 590,35

Aprendiz S.M.I.

ANEXO II

Táboa salarial ano 2005

-Persoal administrativo.

Enxeñeiros e licenciados1.082,32

Enxeñeiros técnicos1.015,91

Xefe administrativo 917,67

Oficial de 1ª 818,18

Oficial de 2ª 754,23

Auxiliar 713,28-Especialistas de industria.

Encargado de almacén 807,32

Oficial 1ª 753,55

Oficial 2ª 713,27

Oficial 3ª 654,23

Peón especialista 637,56

Peón 619,87

Aprendiz S.M.I.