DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2005 Páx. 5.835

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 1 de abril de 2005 pola que se regula o uso de instalacións xuvenís dependentes desta consellería en réxime de oferta concertada durante a Campaña Verán-2005.

As instalacións xuvenís son un instrumento ao servizo dos mozos e a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado é consciente da precariedade e insuficiencia de medios e instalacións axeitadas de que dispoñen as asociacións xuvenís e demais entidades públicas e privadas que realizan actividades coa infancia e a xuventude. En consecuencia, co obxecto de facilitar o uso de instalacións axeitadas a estas entidades para a realización de actividades xuvenís no ámbito do lecer durante o verán deste ano, a Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado pon a disposición destas e regula, a través desta orde e baixo a denominación de oferta concertada, o réxime de utilización das súas instalacións xuvenís durante a Campaña Verán-2005, que abrangue o período do 10 de xuño ao 30 de setembro.

Por todo isto,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

A Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado convoca esta oferta de uso das súas

instalacións xuvenís para a campaña de verán do ano que corre -que comprende do 10 de xuño ao 30 de setembro-, nos termos que se establecen nesta orde e de acordo coa distribución de prazas que se recolle no anexo I.

Artigo 2º.-Servizos ofertados.

O uso das instalacións ofertadas suporá dispoñer:

-Dos servizos de auga, gas, electricidade e alimentación en réxime de pensión completa.

-Do material (excepto o correspondente ás actividades específicas) que, no caso dos campamentos, comprende tamén as tendas de campaña, colchóns e mantas.

-Xerencia e persoal de servizo.

Artigo 3º.-Destinatarios.

Poderán solicitar o uso das instalacións de referencia:

1. As asociacións xuvenís, as entidades prestadoras de servizos á xuventude e as escolas de tempo libre, debidamente constituídas e legalizadas.

2. O Consello da Xuventude de Galicia e os consellos locais e municipais de xuventude.

3. Corporacións locais.

4. Outras entidades públicas ou privadas que realicen actividades coa xuventude.

Artigo 4º.-Solicitude.

As solicitudes, subscritas por persoa suficientemente acreditada, presentaranse conforme o modelo

normalizado recollido no anexo II desta orde, no rexistro xeral da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, nos rexistros das súas delegacións provinciais ou por calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro.

O prazo de presentación de solicitudes será de 15 días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Criterios de adxudicación.

1. Para a adxudicación do uso das instalacións ofertadas establécese a seguinte orde de preferencia:

1. Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas na Comunidade Autónoma galega, e censadas ou rexistradas no correspondente censo ou rexistro dependente da Dirección Xeral de Xuventude.

2. Consello da Xuventude de Galicia.

3. Corporacións locais.

4. Asociacións xuvenís, entidades prestadoras de servizos á xuventude e escolas de tempo libre domiciliadas noutras comunidades autónomas.

5. Outras entidades públicas ou privadas que o soliciten con fins asistenciais.

2. Pola súa banda, dentro do previsto no parágrafo anterior, terán prioridade:

a) As que soliciten un maior número de prazas ata o tope máximo de cada instalación fixado no citado anexo I.

b) As solicitudes das entidades que cubran as prazas por convocatoria aberta e non reservadas exclusivamente aos seus membros ou asociados.

c) As entidades domiciliadas na Comunidade Autónoma galega.

d) As entidades que soliciten instalacións das que non gozaron nos dous últimos anos.

e) As que subvencionen o total ou parte da cota que teñen que pagar os participantes.

3. Sen prexuízo do disposto nos puntos 1 e 2 deste artigo, as entidades que en anos anteriores non fixeron uso das instalacións unha vez adxudicadas, sen presentar causa xustificada no seu momento, pasarán a ocupar o último lugar dentro dos criterios de prioridade descritos nos puntos anteriores.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

As solicitudes presentadas serán examinadas por unha comisión de valoración constituída para o efecto, e que estará integrada por:

-A xefa de servizo de Promoción de Actividades, que será o seu presidente.

-Os catro delegados provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado ou o funcionario en quen deleguen.

-Un representante do Consello da Xuventude de Galicia.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Xuventude designado pola directora xeral, que actuará como secretario.

Esta comisión, valoradas as solicitudes conforme os criterios establecidos no artigo 5º desta orde, elevará proposta de resolución á directora xeral de Xuventude, que deberá ditar a correspondente resolución nun prazo de 10 días.

A resolución seralles notificada a todos os solicitantes no prazo máximo de catro meses, contados desde a publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia. Transcorrido o dito prazo sen que recaia resolución expresa, deberá entenderse desestimada a petición correspondente. A dita resolución non esgota a vía administrativa e contra ela poderá interpoñerse recurso de alzada ante a conselleira de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de acordo co disposto nos artigos 114 e 115 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro. De ser o caso será de aplicación o artigo 44 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

A antedita resolución publicarase nos taboleiros de anuncios da Dirección Xeral de Xuventude e das delegacións provinciais da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Artigo 7º.-Reserva de prazas e primeiro pagamento.

1. Recibida a resolución os beneficiarios están obrigados no prazo de 10 días:

-A ingresar, en concepto de reserva de prazas, o 15% do importe correspondente ás prazas adxudicadas. A dita cantidade non será reintegrable en caso de que decaese a adxudicación realizada por incumprimento das obrigas expresadas neste artigo, se a entidade adxudicataria anulase a reserva de utilización da instalación, reducise o número de usuarios previstos ou os días de uso solicitado.

-A presentar, no Servizo de Xuventude da delegación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da provincia na que estea a instalación adxudicada, a seguinte documentación:

a) Breve proxecto de actividades que se van realizar.

b) Acreditación da persoa que subscribiu a solicitude como representante da entidade solicitante.

c) Xustificante do aboamento do 15% expresado anteriormente.

2. Se transcorrido o prazo de 10 días desde a notificación da adxudicación non se cumprisen os requisitos anteriores, declararase expresamente, a través da oportuna resolución, o desestimento da solicitude

efectuada, ofertándose as prazas ao seguinte solicitante proposto pola comisión de valoración. En caso de non cubrirse as prazas desta forma, a delegación provincial correspondente reservarallas a quen as demande.

Artigo 8º.-Autorización de uso temporal.

1. Transcorridos 15 días desde a finalización do prazo establecido no artigo anterior, a entidade beneficiaria deberá formalizar o documento de aceptación das condicións particulares de uso da instalación e aboar o 40% do importe correspondente ás prazas que confirme. A dita cantidade ou a parte proporcional non será reintegrable se o número de usuarios ao inicio da actividade é menor ao confirmado.

O documento de aceptación das condicións particulares de uso e o xustificante do segundo ingreso presentaranse no Servizo de Xuventude da delegación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado da provincia na que estea a instalación adxudicada.

Así mesmo, presentarán a relación dos responsables que dirixan a actividade e a acreditación das titulacións exixidas en materia de tempo libre, tendo en conta o disposto no artigo 47 do Decreto 50/2000, do 20 de xaneiro, polo que se refunde e actualiza a normativa vixente en materia de xuventude (Diario Oficial de Galicia nº 49, do 10 de marzo).

Cumpridas as condicións anteriores, a delegación da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado correspondente facilitaralle á entidade beneficiaria o documento de autorización de uso temporal da instalación.

2. A entidade beneficiaria deberá aboar, 20 días antes da data de incorporación á instalación adxudicada, o 45% do importe correspondente ás prazas confirmadas co segundo pagamento, de acordo co disposto no parágrafo primeiro deste artigo. A dita cantidade non será reintegrable se o número de usuarios ao inicio da actividade é menor que o confirmado.

A entidade beneficiaria deberá levar o xustificante deste terceiro ingreso no momento da incorporación á instalación adxudicada.

Se transcorridos os diferentes prazos establecidos nos parágrafos primeiro e segundo deste artigo non se fixesen os pagamentos correspondentes polas entidades beneficiarias, procederase de acordo co disposto no parágrafo segundo do artigo 7º desta orde.

Artigo 9º.-Obrigas dos beneficiarios.

Os adxudicatarios estarán obrigados:

1. A cumplir os requisitos que exixe a lexislación vixente, a observar as normas de réxime interior da instalación e as indicacións da persoa responsable desta no referente a aqueles aspectos non recollidos, expresamente, nas citadas normas.

2. A responder dos actos que se realicen nas instalacións concedidas e das consecuencias que deles

se deriven, así como de toda responsabilidade civil derivada de calquera acto.

3. A aboar o importe dos desperfectos que produzan no material e nos equipamentos da instalación durante o período de uso desta.

Artigo 10º.

Os prezos dos servizos ofertados nesta orde aparecen recollidos no anexo I da Orde do 30 de decembro de 2004, pola que se fixan as tarifas e prezos en servizos de xuventude nas instalacións xuvenís para o ano 2005 (Diario Oficial de Galicia nº 174, do 7 de xaneiro).

O aboamento dos diferentes pagamentos regulados nesta orde efectuarase utilizando os impresos destinados para o efecto, que se encontran á disposición dos interesados na Dirección Xeral de Xuventude ou en calquera delegación provincial da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase a directora xeral de Xuventude para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte do da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 1 de abril de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado

ANEXO I

ProvinciaInstalación xuvenilDataNº prazas

ofertadas

Total de

prazas

Albergue xuvenil Mariña Española-Bergondo15-30/6/05100

16-30/6/0530

Albergue xuvenil Gandarío-Bergondo1-15/9/05100

16-30/9/05100

A CoruñaCampamento xuvenil Furelos-Melide16-30/8/0560690

Campamento xuvenil Espiñeira-Boiro17-31/8/05100

16-30/7/0550

Campamento xuvenil Virxe de Loreto-Porto do Son1-15/8/0550

17-31/8/05100

Albergue xuvenil Area-Viveiro15-29/6/05120

Albergue xuvenil Benigno Quiroga-Portomarín17-31/8/0560

Lugo1-15/8/05225655

Campamento xuvenil A Devesa-Ribadeo17-31/8/05250

Residencia xuvenil F. López Cuevillas-Ourense17-30/9/0565165

OurenseCampamento xuvenil Penedos de Xacinto-Entrimo17-31/8/05100

Residencia xuvenil Altamar-Vigo1-15/7/0530

PontevedraCampamento xuvenil A Illa de Ons-Bueu17-31/8/05100250

Albergue xuvenil As Sinas-Vilanova de Arousa1-15/9/05120

1.760