DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2005 Páx. 5.827

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 4 de abril de 2005 pola que se convocan subvencións aos concellos para dotación de equipamentos para o desenvolvemento dos medios de comunicación social.

A Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual, co obxecto de que os concellos teñan cobertura radiofónica de carácter local que lles facilite aos cidadáns uns medios de comunicación que amplíen o marco da pluralidade informativa, vén establecendo con cargo aos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia unha liña de subvencións con esa finalidade.

Polo exposto, e no uso das facultades que me atribúen os artigos 34.6º e 38 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, reformada pola Lei 11/1988, do 20 de outubro,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e partida orzamentaria.

Convócanse subvencións, para dotación de equipamentos para o desenvolvemento dos medios de comunicación municipais.

Os obxectivos destas subvencións son incentivar a iniciativa local para a dotación de estudos e equipamento de sistemas de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Para as mencionadas axudas resérvase a cantidade de 90.152 euros que se imputarán ao crédito dispoñible na aplicación orzamentaria 10.04.361A 760 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

As subvencións concederánse polo procedemento de rateo do importe global máximo entre os beneficiarios da subvención.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán optar a estas subvencións os concellos da Comunidade Autónoma de Galicia que solicitasen ou soliciten a concesión do servizo de radiodifusión sonora en ondas métricas con modulación de frecuencia.

Artigo 3º.-Solicitudes, prazo de presentación e documentación.

As solicitudes de subvención serán formuladas polo presidente do concello solicitante, segundo o modelo que se xunta como anexo a esta orde, dirixiranse á Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e presentaranse no rexistro xeral dos servizos centrais, no das delegacións provinciais da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

O prazo para a súa presentación será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Estas solicitudes irán xunto coa seguinte documentación:

a) Memoria descritiva dos investimentos que se van realizar.

b) Orzamento ou valoración económica das actuacións para as que se solicita a subvención.

c) Compromiso de dotación orzamentaria suficiente para o mantemento do servizo.

d) Declaración de solicitudes efectuadas ou axudas concedidas, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas.

Estas subvencións serán compatibles coas que poidan conceder outras administracións públicas, sempre que o importe das subvencións concedidas, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións públicas ou entes públicos

ou privados, non supere o custo total do investimento que se vai realizar.

Artigo 4º.-Tramitación.

Os servizos competentes da Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual tramitarán as solicitudes. Se a solicitude de subvención non reúne os requisitos sinalados anteriormente, requiriráselle ao concello que no prazo de dez días, emende a falta ou presente os documentos necesarios, con indicación de que se así non o fixer, se terá por desistido da súa petición.

Artigo 5º.-Proposta de resolución.

A proposta de resolución formularáselle ao conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo por un órgano colexiado e a través do órgano instrutor.

A composición do dito órgano colexiado é a seguinte:

-Presidente: o subdirector xeral de Telecomunicacións e Audiovisual.

-Vogal: a xefa do Servizo de Estudos e Análise de Telecomunicación e Audiovisual.

-Secretario: un xefe de negociado.

O órgano instrutor é o director xeral de Comunicación e Audiovisual.

A resolución do conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo pola que se concedan as subvencións desta convocatoria esgota a vía administrativa.

Artigo 6º.-Prazo máximo de resolución.

Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das admistracións públicas e do procedemento administrativo común, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de cinco meses, contados desde o día seguinte ao da publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria. De non notificarse resolución favorable neste prazo, entenderase desestimada a petición correspondente, podendo interpoñer, con carácter potestativo, recurso de reposición ante o conselleiro de Cultura, Comunicación Social e Turismo no prazo dun mes, previo ao recurso contencioso-administrativo ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 7º.-Prazo de aceptación.

Notificada a resolución de subvención, os beneficiarios deberán manifestar por escrito a súa aceptación comprometéndose a executar o proxecto subvencionado no prazo e condicións establecidas nesta convocatoria.

De non recibirse a aceptación no prazo de dez días naturais, entenderase que o beneficiario renuncia á subvención concedida e procederase, sen máis trámite, ao arquivo do expediente.

Artigo 8º.-Xustificación do investimento.

Para o libramento da axuda, o concello beneficiario deberá, antes do 31 de outubro de 2005, solicitar o pagamento e presentar ante a Dirección Xeral de

Comunicación e Audiovisual a xustificación do investimento xuntando o seguinte:

1. Certificación expedida polo secretario da corporación local beneficiaria, que reflicta o acordo aprobatorio do gasto.

2. Declaración complementaria do conxunto de axudas obtidas e/ou solicitadas para o mesmo proxecto en calquera outra Administración, organismo ou ente público.

3. Certificación expedida pola entidade bancaria onde se deba realizar o pagamento.

Artigo 9º.-Inspección e información.

A Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual poderá realizar as inspeccións e comprobacións que considere necesarias co fin de asegurar o cumprimento das normas e requisitos cos cales se concederon as subvencións.

De igual xeito, o beneficiario estará obrigado a facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

1. Os concellos receptores das subvencións quedarán obrigados:

a) A non alterar o destino da subvención.

b) A admitir as inspeccións e control que estableza a Dirección Xeral de Comunicación e Audiovisual.

c) A efectuar a xustificación do gasto conforme o establecido no artigo 8º, facultándose a dita dirección xeral para determinar o correcto cumprimento desta obriga.

2. O incumprimento de calquera das obrigas mencionadas será causa determinante de revogación da subvención, así como do reintegro, se é o caso, da subvención percibida e dos xuros de demora correspondentes.

3. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución da concesión.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Comunicación e Audiovisual para ditar, no ámbito das súas competencias, as resolucións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 4 de abril de 2005.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL