DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2005 Páx. 5.824

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 4 de marzo de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello de Boqueixón (A Coruña) no solo apto para urbanizar industrial (SAUI-2) en Sergude. (Expediente AC 03/004 AD).

O planeamento urbanístico vixente no municipio de Boqueixón son as normas subsidiarias municipais de planeamento, o texto refundido das cales foi aprobado definitivamente polo concello o 15 de maio de 1996.

O Concello de Boqueixón formulou unha modificación das normas subsidiarias vixentes que tiña por obxecto a incorporación ao planeamento, como reserva de sistema ferroviario, do trazado do novo eixe ferroviario Ourense-Santiago de Compostela, que discorre a través do solo apto para urbanizar SAUI-2, propoñendo a súa división en dous sectores, SAUI 2A e SAUI 2B, e, así mesmo, a modificación das determinacións establecidas no artigo 42 da normativa urbanística para o dito solo.

De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira 1.g) da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, as modificacións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse ao disposto nela, polo que consonte o sinalado no seu artigo 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas

suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remitiu o expediente para o informe preceptivo desta consellería, que foi emitido o 13 de marzo de 2003, de conformidade co disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, con observacións ao proxecto daquela presentado.

O Pleno da Corporación, en sesión do 14 de maio de 2003, logo dos informes xurídico e técnico, en que se sinala que se introduciron as correccións derivadas do informe da consellería, aprobou inicialmente a modificación, que posteriormente, segundo certificado da secretaria-interventora do concello, foi sometida a información pública polo prazo dun mes mediante anuncios publicados no BOP nº 123, do 31 de maio, no Diario Oficial de Galicia nº 114, do 13 de xuño, e nos xornais El Correo Gallego do 12 e 13 de xuño e La Voz de Galicia do 16 e 17 de xuño, presentándose durante este período un total de sete alegacións.

Constan no expediente administrativo, informe da Dirección Xeral de Estradas, do 2-7-2003, en que se sinalan unha serie de condicións en relación coas características das incorporacións á estrada AC-260 e a compatibilidade co acceso ao SAUI-1, xa aprobado; e o informe da Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento, do 28-7-2003, en que se sinala que o trazado definitivo terá que desprazarse lixeiramente cara ao sur, o que suporía que a superficie afectada do sector sería distinta da prevista na modificación das normas subsidiarias, remitíndose ao Proxecto básico do corredor norte-noroeste de alta velocidade. Eixe: Ourense-Santiago de Compostela. Tramo: Lalín-Santiago de Compostela, no que quedará perfectamente definido, coa precisión suficiente, o trazado definitivo do tren de alta velocidade.

O Pleno do Concello, en sesión do 20 de agosto de 2003, outorgou a aprobación provisional ao proxecto de modificación de agosto de 2003, redactado polo arquitecto dos servizos técnicos municipais, que así mesmo emitiu informe sobre as alegacións presentadas, remitíndoo a esta consellería para a súa aprobación definitiva.

A Orde do 8 de setembro de 2004 do conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda suspendeu a aprobación definitiva da modificación puntual polas deficiencias nela sinaladas, coa indicación de que, unha vez reparadas e aprobadas polo concello, tiña que elevarse de novo o expediente para a súa aprobación definitiva pola comunidade autónoma.

O Pleno do Concello, en sesión extraordinaria do 2 de decembro de 2004, acordou deixar sen efecto a aprobación provisional da modificación puntual das normas subsidiarias acordada en sesión do 20 de agosto de 2003, e aprobar provisionalmente o novo documento da dita modificación unha vez corrixidas as deficiencias sinaladas na devandita orde.

O concello, mediante escrito do 9 de decembro de 2004, solicita a aprobación definitiva da modi

ficación puntual das normas subsidiarias polo conselleiro deste departamento, segundo o disposto no artigo 85.5º da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Achéganse coa nova documentación os informes da arquitecta dos servizos técnicos urbanísticos municipais do 28-11-2004, e da secretaria-interventora do 30-11-2004, dando cumprimento ao disposto no artigo 85.4º da Lei 9/2002.

A modificación proposta ten por obxecto:

1. Recoller no planeamento o trazado do novo acceso ferroviario de alta velocidade e clasificar o solo afectado (aproximadamente uns 65.000 m) como solo rústico de protección de infraestruturas.

2. Clasificar como solo non urbanizable común (solo rústico de protección ordinaria) un ámbito, de aproximadamente 105.000 m, de solo apto para urbanizar, que se localiza ao norte da actuación e que queda illado por mor do trazado do eixo ferroviario e sen posibilidade de conexión co resto do SAUI-2.

3. Adaptar o planeamento aos límites oficiais do termo municipal, incorporando dous ámbitos, duns 21.566 m e 5.285 m, ao solo non urbanizable normal (solo rústico de protección ordinaria) do termo municipal e excluíndo uns 27.000 m pertencentes ao termo municipal de Santiago de Compostela.

4. Modificar as determinacións establecidas no artigo 42 das NN.SS. vixentes para o SAUI-2.

O proxecto remitido incorpora na súa documentación o trazado definido pola Dirección Xeral de Ferrocarrís do Ministerio de Fomento no Proxecto básico do corredor norte-noroeste de alta velocidade. Eixe: Ourense-Santiago de Compostela. Tramo: Lalín-Santiago de Compostela; establece, conforme o disposto no artigo 58 da Lei 9/2002, os sistemas xerais e as conexións das infraestruturas de abastecemento de auga e de saneamento, sinalando que se debe executar con cargo aos propietarios do ámbito a estación depuradora de augas residuais (EDAR) prevista no proxecto de saneamento da parroquia de Sergude e, de conformidade co sinalado pola Subdirección Xeral de Estradas, establece a conexión co sistema xeral viario coincidente coa doutro sector (SAUI-1), que se localiza na marxe oposta da estrada AC-960. Así mesmo, corríxese o contido do estudo de sustentabilidade, adaptándoo ao obxecto da modificación.

A competencia para adoptar a presente decisión correspóndelle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio consonte ao disposto no artigo 85.5º da Lei 9/2002.

En mérito do predito, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia e a proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento do concello

de Boqueixón (A Coruña) no solo apto para urbanizar industrial (SAUI-2) en Sergude.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da Lei 9/2002, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 4 de marzo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda