DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2005 Páx. 5.823

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 15 de febreiro de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (04-05) do concello do Barco de Valdeorras (Ourense). (Expediente OU-04008-05).

O planeamento urbanístico vixente no concello do Barco de Valdeorras (Ourense) é o Plan Xeral de Ordenación Municipal aprobado definitivamente o 27 de xuño de 2003.

O dito concello formula unha modificación puntual do referido plan xeral vixente, que ten por obxecto, sobre terreo privado e en parte ocupado por edificación en construción, a modificación dunha beirarrúa que une a avda. do Sil e avda. Elena Quiroga e a súa transformación en zona edificable nun largo de 4 metros e de longo de 31,5 metros.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello remite o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo o 29 de abril de 2004, ao abeiro do disposto no artigo 85.1º da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 252, do 31 de decembro) (desde agora LOUGA).

O Pleno da Corporación, en sesión do 3 de xuño de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación puntual, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados o ano 2004 nos xornais La Región, do 18 e 19 de xuño, e La Voz de Galicia, do 11 e 12 de xullo, así como no Diario Oficial de Galicia do 5 e 12 de xullo. Tras iso, foi aprobada provisionalmente polo Pleno da Corporación o 2 de setembro de 2004, e logo informada pola Dirección Xeral de Urbanismo o 27 de iguais mes e ano. Así mesmo, constan no expediente os informes do arquitecto e da secretaría municipais do 31 de agosto de 2004.

De conformidade co recollido na disposición transitoria primeira 1 g) da LOUGA, as modificacións do planeamento vixente á entrada en vigor desa lei deben axustarse, en todo caso, ao disposto nela, polo que consonte o sinalado nos seus artigos 89.1º, e 93.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, correspondéndolle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio a súa aprobación definitiva cando, como sucede neste caso, tales modificacións afecten a plans xerais de ordenación.

En mérito do predito, de conformidade co establecido na dita Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e por proposta, desta mesma data, da Dirección Xeral de Urbanismo,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Aprobar definitivamente a modificación puntual do Plan Xeral de Ordenación Municipal (04-05) do concello do Barco de Valdeorras (Ourense), que foi aprobada provisionalmente polo dito concello o 2 de setembro de 2004.

Artigo 2º.

De conformidade co disposto nos artigos 92 da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación que se aproba no BOP de Ourense.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 15 de febreiro de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda