DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 68 Luns, 11 de abril de 2005 Páx. 5.822

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 11 de febreiro de 2005 de aprobación definitiva da modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Xove (Lugo) no lugar de Beltrán, para a creación de solo urbanizable non delimitado industrial. (Expediente LU-03019).

O planeamento vixente no municipio de Xove (Lugo) son as normas subsidiarias de planeamento municipal aprobadas definitivamente o 15 de decembro de 1993 pola Comisión Provincial de Urbanismo.

O obxecto da presente modificación é proceder á reclasificación como solo urbanizable non delimitado de uso industrial dun ámbito de 100.350 m, situado preto do núcleo del Beltrán, que na actualidade está clasificado en parte como solo rústico (85%) e no restante como solo urbanizable industrial do sector SAU-3 das NN.SS.

Os terreos están ocupados por vellas edificacións de escasa calidade arquitectónica, un transformador, unha vella nave industrial e unha plantación descontinua de eucaliptos, e atravesados por un tramo da estrada en desuso, pola rectificación do trazado da C-642, así como cruzados de norte a sur por unha estrada da deputación provincial.

Terminada a fase de elaboración da modificación puntual, e inmediatamente antes da súa aprobación inicial, o concello enviou o expediente a informe preceptivo desta consellería, que foi emitido pola Dirección Xeral de Urbanismo o 10 de febreiro de 2004 sinalando unhas observacións que logo foron cumpridas atendendo aos mandatos dos artigos 38 e 39 de Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia (Diario Oficial de Galicia nº 252, do 31 de decembro; desde agora LOUGA), xa que se cualifican como solo rústico de protección de infraestruturas os terreos lindantes coas estradas C-642 e LU-P.26-06, e como solo rústico de protección de augas os correspondentes á zona de policía do río Rigueira, agás unha pequena área ao outro lado da liña do ferrocarril (FEVE) onde xa non ten sentido tal prevención por encontrarse a unha cota moi superior e desvinculada totalmente do dito río pola trincheira da infraestrutura.

O Pleno da Corporación, en sesión do 21 de abril de 2004, acordou a aprobación inicial da modificación, que posteriormente foi sometida a información pública, polo prazo dun mes, mediante anuncios publicados dous días en dous xornais, así como no número 93 do Diario Oficial de Galicia correspondente ao 14 de maio de igual ano, sen que fosen formuladas alegacións. Tras iso, o proxecto foi aprobado provisionalmente polo Pleno do Concello o 30 de setembro do dito ano.

Así mesmo, figuran no expediente os informes favorables, todos eles do ano 2004 e coas precisións que neles constan, seguintes: da Comisión Territorial

do Patrimonio Histórico de Lugo, do 24 de xuño; da Xefatura Provincial de Estrada deste departamento, do 28 de xuño; da Dirección Xeral do Patrimonio Cultural, por delegación na Delegación Provincial de Lugo, do 29 de xuño; e do técnico e do xefe da Demarcación Territorial Galicia Norte do organismo autónomo Augas de Galicia, do 7 e 10 de xullo respectivamente.

Igualmente, a Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, en sesión do 17 de decembro de 2004, emitiu informe favorable sobre o expediente para os efectos do artigo 95.4º da Louga.

De conformidade co disposto na disposición transitoria primeira 1 g) da Louga, as modificacións do planeamento vixente á entrada en vigor desta lei deben axustarse, en todo caso, ao disposto nela, polo que consonte o sinalado nos seus artigos 89.1º, 93.4º e 95.4º, as modificacións de calquera dos elementos dos plans, proxectos, normas e ordenanzas suxeitaranse ás mesmas disposicións enunciadas para a súa tramitación e aprobación, correspondéndolle ao conselleiro competente en materia de urbanismo e ordenación do territorio a súa aprobación definitiva, logo de informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, cando esas modificacións supoñan un cambio de clasificación de solo rústico en urbanizable, como sucede neste caso.

En consecuencia, de conformidade co establecido na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, e co informe favorable da Comisión Superior de Urbanismo de Galicia, así como por proposta da Dirección Xeral de Urbanismo, desta mesma data,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Aprobar definitivamente a modificación puntual das normas subsidiarias de planeamento de Xove (Lugo) no lugar de Beltrán, para a creación de solo urbanizable non delimitado industrial, que foi aprobada provisionalmente polo Pleno do Concello o 30 de setembro de 2004.

Artigo 2º

De conformidade co disposto polos artigos 92 da dita Lei 9/2002 e 70 da Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases de réxime local, o concello deberá publicar a normativa e ordenanzas da modificación aprobada definitivamente no BOP de Lugo.

Disposición derradeira

Segundo o disposto no artigo 85.9º da citada Lei 9/2002, contra esta orde non cabe recurso en vía administrativa; non obstante, contra ela poderase interpor recurso contencioso-administrativo ante a sala correspondente do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa publicación, segundo dispoñen os artigos 10 e 46 da Lei 29/1998, do 13

de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Santiago de Compostela, 11 de febreiro de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda