DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 67 Venres, 08 de abril de 2005 Páx. 5.726

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

DECRETO 59/2005, do 18 de marzo, polo que se crea un instrumento de xestión da frota de baixura denominado banco de GT e KW da Comunidade Autónoma de Galicia.

O Regulamento (CE) 2371/2002 do Consello, do 20 de decembro de 2002, sobre a conservación e a explotación sostible dos recursos pesqueiros en virtude da política pesqueira común (DO L 258/59, do 31 de decembro) establece a necesidade de adecuar a frota pesqueira comunitaria aos recursos existentes mediante o establecemento dun réxime de entradas e saídas de frota nos diferentes rexistros de buques nacionais.

O artigo 13 define o réxime de entradas e saídas e redución da capacidade total, obrigando á retirada da mesma capacidade sen axuda pública para poder construír unha nova embarcación. Tamén se establece que para buques de 100 GT ou menos, se poderá dar axudas públicas naqueles casos en que se retire, sen axuda pública, a mesma capacidade.

Esta normativa foi incorporada á lexislación nacional mediante o Real decreto 1048/2003, do 1 de agosto, sobre ordenación do sector pesqueiro e axudas estruturais (BOE nº 184/29958, do 2 de agosto), e a Orde ministerial APA/2209/2003, do 1 de agosto, sobre a aplicación do réxime de esforzo pesqueiro en termos de capacidade, de renovacións ou modernizacións da frota (BOE nº 186/30180, do 5 de agosto) establecendo unhas condicións moito máis restritivas que o regulamento comunitario que obrigan a cada armador individual que presenta o proxecto á retirada pola súa conta da mesma capacidade sen axuda pública para poder construír unha nova embarcación.

Este sistema, que xa vén sendo aplicado en España e en Galicia, desde incluso antes de entrar na Unión Europea, permitiu ter un desenvolvemento da frota controlado, sen incrementar en ningún caso tonelaxe nin potencia cando se realizaban novas construcións e que foi un elemento esencial para a redución efectiva da capacidade de pesca da frota española e o cumprimento dos distintos plans de orientación plurianual.

A frota costeira galega caracterízase por estar constituída por buques de pequeno porte de propiedade familiar e de economías débiles. Esta situación fai sumamente complexa a posibilidade de acceder a tonelaxe e potencia adicional á que teñen as súas embarcacións, para poder acceder á construción dun buque de maior porte que, especialmente no caso da pesca artesanal, constitúe en moitos casos unha necesidade por motivos de seguridade e hixiene no traballo e para reducir ao máximo as perdas de vidas no mar.

É obriga das administracións facilitarlles aos administrados novos mecanismos que poidan facilitar a renovación da frota e a construción de novos buques dentro do pleno respecto ao disposto nos regulamento comunitarios sobre capacidade da frota, especialmente tras a imposibilidade de financiar novas construcións con fondos públicos despois de 2004.

Por todo o exposto, por proposta do conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos, oído o Consello Galego de Pesca e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dezaoito de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

Este decreto ten por obxectivo a creación dun banco de GT previsto no Plan de Dinamización Económica de Galicia como instrumento, e o establecemento das condicións para acceso a este.

O acceso por parte dos armadores ao uso deste banco de GT non terá consideración de axuda pública senón que se constitúe como unha ferramenta de xestión, que funcionará como un réxime de préstamo, debendo os armadores proceder á devolución íntegra das cantidades percibidas ás condicións máis favorables de mercado posibles.

Artigo 2º.-Definición e contido.

Enténdese por banco de GT o montante de toneladas de arqueo e kilowatios de potencia propulsora, achegados por aqueles armadores que pretenden deixar a súa actividade voluntariamente.

As toneladas de arqueo e a potencia das embarcacións que se inclúan no banco de GT non poderán ter recibido unha axuda á paralización definitiva. Nos proxectos de nova construción que utilicen estas ferramentas de xestión respectarase sempre o disposto no réxime de entrada e saída que se establece no artigo 13 do Regulamento 2371/2002 do Consello.

Enténdese por frota costeira e de baixura o conxunto daquelas embarcacións que traballan no caladoiro nacional cantábrico-noroeste e que realizan mareas dunha duración máxima dun día, nas modalidades de pesca de:

-Artes menores.

-Cerco.

-Volantas e

-Palangre de fondo.

E a unha distancia máxima da costa de 40 millas.

Artigo 3º.-Acceso ao banco de GT.

Este decreto é de aplicación a todos os propietarios de embarcacións da frota costeira e de baixura incluídos no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

As embarcacións presentadas e aceptadas no banco de GT, e sen prexuízo do previsto no artigo 7º, coa finalidade de conseguir os obxectivos previstos nesta norma, poderán ser achegadas como baixas para unha nova construción.

Artigo 4º.-Procedemento para a inclusión no banco de GT.

A consellería competente na materia de pesca abrirá unha convocatoria pública á cal poderán acceder todos aqueles propietarios que decidan abandonar a actividade extractiva, incorporándose ao banco de GT e sempre que cumpran cos requisitos exixidos para poder ser achegados como baixa para unha nova construción de acordo co establecido no artigo 3.d) do Real decreto 1048/2003, do 1 de agosto, sobre ordenación do sector pesqueiro e axudas estruturais.

A compensación económica que corresponderá a cada unha das unidades achegadas calcularase con base no establecido no anexo deste decreto.

Os propietarios de embarcacións que soliciten acollerse a este procedemento integraranse nunha lista de buques para cada modalidade pesqueira das establecidas no artigo 2º, ordenadas por estrita orde de entrada da solicitude na Administración pública.

A lista, que se actualizará diariamente establecéndose os medios adecuados para poder ser consultada informaticamente, conterá os seguintes datos:

1. Nome da embarcación.

2. Matrícula e folio.

3. Porto base.

4. Ano de construción.

5. Arqueo en TRB/GT.

6. Potencia en CV/Kw.

7. Tipo de pesca.

8. Valoración económica.

A consellería competente en materia de pesca instrumentará todas as medidas necesarias para que, a través de organismos oficiais de promoción económica, ou ben a través de convenios con entidades financeiras que, actuando como intermediarios, posibiliten que se poidan levar a cabo todas aquelas operacións de capital que permitan a inclusión do maior número de buques no banco de GT posible, así como as operacións de compensación a aqueles armadores que abandonen a actividade e as operacións de préstamo ou anticipos aos que se acollan a esta ferramenta de xestión.

Artigo 5º.-Financiamento desta medida.

Para o financiamento das distintas medidas que ocasione a constitución do banco de GT disporanse as correspondentes liñas orzamentarias, sen prexuízo

de poder acceder a calquera outra liña de financiamento, nacional ou comunitario, que sexa posible.

Artigo 6º.-Procedemento para o acceso ao arqueo e a potencia do banco de GT.

Todo propietario dunha embarcación pesqueira que cumpra co establecido no artigo 3º, parágrafo 1, poderá acceder ao banco de GT, sempre que necesite arqueo ou potencia para construír unha nova embarcación artesanal e de baixura de maior porte que a que dispón ou para regularizar unha embarcación existente.

O proxecto que se acolla a esta ferramenta de xestión garantirá en todo caso unha mellora das condicións de seguridade das embarcacións, as condicións de traballo diario a bordo das tripulacións ou a mellora de calidade dos produtos manipulados a bordo do buque e presentarase ante a consellería competente en materia de pesca.

Artigo 7º.-Efectos rexistrais.

A inclusión dunha embarcación no banco de GT levará consigo a súa baixa provisional no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-Queda facultada a consellería competente en materia de pesca para realizar os convenios necesarios coas entidades financeiras para establecer os procedementos de devolución nas mellores condicións de mercado que se estipulen das cantidades que puidesen ser adiantadas pola consellería competente en materia de pesca para a adquisición das embarcacións ingresadas no banco de GT.

Segunda.-Facúltase á consellería competente en materia de pesca para actualizar, en virtude da orde ditada polo conselleiro competente en materia de pesca, os termos previstos no anexo deste decreto.

Disposición transitoria

Se no prazo de 24 meses desde a entrada en vigor deste decreto, as embarcacións incluídas no banco de GT non fosen utilizadas, pasarán a causar baixa definitiva no Rexistro de Buques Pesqueiros da Comunidade Autónoma de Galicia e serán tramitadas, de oficio, de acordo co Regulamento (CE) nº 2792/1999 (DO L 337/10, do 30 de decembro) do Consello, do 17 de decembro de 1999, polo que se definen as modalidades e condicións das intervencións con finalidade estrutural no sector da pesca, no que á concesión de axudas á paralización definitiva de buques pesqueiros se refire.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a consellería competente en materia de pesca para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento e aplicación deste decreto.

Segunda.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santo Estevo de Ribas de Sil, dezaoito de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

ANEXO

O cálculo do valor das GT non poderá exceder os seguintes valores:

-Buques de 10 a 15 anos: baremo establecido no seguinte cadro.

-Buques de 16 a 29 anos: baremo establecido no seguinte cadro reducido nun 1,5% por cada ano que supere os 15 anos.

-Buques de 30 anos ou máis: baremo establecido no seguinte cadro reducido nun 22,5%.

Categoría de buque por clase

de tonelaxe (GT)

Euros

0 ' GT '= 1011.000 A GT + 2.000
10 ' GT '= 255.000 A GT + 62.000
25 ' GT '= 1004.200 A GT + 82.000

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA