DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 07 de abril de 2005 Páx. 5.681

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE CONSUMO

RESOLUCIÓN do 29 de marzo de 2005 pola que se convocan e regulan axudas a organizacións de consumidores e usuarios, para o funcionamento e mantemento das súas oficinas de información aos consumidores para o ano 2005.

Introdución.

De conformidade co artigo 51 da Constitución española, os poderes públicos garantirán a defensa dos consumidores e usuarios, protexendo, mediante procedementos eficaces, a seguridade, a saúde e os lexítimos intereses económicos e sociais; así mesmo, promoverán a información e educación dos consumidores e usuarios, fomentarán as súas organizacións e oiranas nas cuestións que poidan afetarlles.

O artigo 24 do Estatuto Galego do Consumidor e Usuario recolle as obrigas da Administración da comunidade autónoma de promover e fomentar as oficinas e servizos de información ao consumidor, xa sexan de titularidade pública ou dependan dunha organización de consumidores e usuarios. Así mesmo, o Plan estratéxico de protección ao consumidor en Galicia 2002-2005, no seu obxectivo sexto «Profesionalización dos servizos ofertados aos consumidores a través das oficinas de atención, recolle como unha das súas actuacións o apoio financiero aos concellos e as organizacións de consumidores, para a oferta de servizos a través das súas oficinas de atención ao consumidor».

O artigo 4 do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, sobre utilización do idioma galego nos produtos e información ao consumidor e usuario en Galicia, prevé que tanto os concellos como as organizacións de consumidores se poderán acoller, dentro das condicións que regulamentariamente se determinen, ás axudas e subvencións que con tal carácter se convoquen para a creación e mantemento das oficinas e servizos de información ao consumidor e usuario.

Por iso, para lle dar cumprimento ao referido anteriormente, considérase estritamente necesario destinar axudas ás organizacións de consumidores e usuarios para financiar os gastos de funcionamento e mantemento das súas oficinas de información aos consumidores.

Artigo 1º.-Obxecto.

Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva e de acordo cos principios de publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade, non-discriminación, eficacia e eficiencia e terán como finalidade financiar, exclusivamente, os gastos que xeran as oficinas de atención ao consumidor das organizacións de consumidores.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios destas axudas as organizacións de consumidores que estean inscritas, con anterioridade á publicación desta orde, na sección xeral do Rexistro de Organización de Consumidores e Usuarios de Galicia a que se refire o Decreto 95/1984, do 24 de maio.

Artigo 3º.-Requisitos dos beneficiarios.

Para que as organizacións se poidan beneficiar das axudas ás oficinas de información ao consumidor deberán cumprir, ademais das obrigas derivadas do Decreto 185/1994, do 16 de xuño, os seguintes requisitos:

1. Dispoñer de oficina/s aberta/s ao público que teñan como único fin a defensa do consumidor e usuario, aberta ao público durante un mínimo de 20 horas semanais, polo menos 4 horas diarias, de luns a venres.

2. Facilitarlles, nas oficinas, información a todos os consumidores que así o soliciten para o axeitado exercicio dos seus dereitos e atender e tramitar reclamacións e denuncias dos seus socios.

3. Dispoñer polo menos dunha persoa contratada, con cualificación suficiente na materia para prestar o servizo de atención ao consumidor.

4. Atoparse adheridas ao Sistema Arbitral de Consumo a través da Xunta Arbitral de Consumo de Galicia, con anterioridade á publicación desta orde, tendo o deber de participar nos colexios arbitrais a través dos árbitros designados por elas.

5. Non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

O requisito do punto 3 non será exixible no momento da presentación da solicitude de axuda, pero deberá acreditarse no prazo de 30 días desde a notificación da concesión da axuda.

Non poderán ser beneficiarias destas axudas aquelas organizacións que, incumprindo manifestamente os seus deberes legais, non colaborasen ou non facilitasen a información solicitada polo Instituto Galego de Consumo. Tampouco poderán ser beneficiarias aquelas organizacións que, séndolles concedida unha axuda en anteriores convocatorias, non tivesen xustificado o investimento subvencionado. Isto último non será de aplicación no caso de que xustificasen parcialmente.

Artigo 4º.-Investimento subvencionable.

O investimento subvencionable destas axudas é o seguinte:

1. Alugamento, reparación e conservación da oficina.

2. Auga, enerxía eléctrica, teléfono (non móbiles) e comunicacións informáticas.

3. Correos e telégrafos.

4. Material de oficina.

5. Calefacción.

6. Limpeza.

7. Gastos de persoal cualificado da oficina (excluídas as persoas que ocupen cargos na xunta directiva das organizacións).

Artigo 5º.-Contía máxima da axuda.

O Instituto Galego de Consumo concederalles axudas ás organizacións de consumidores de Galicia por un importe total de douscentos corenta mil catro

centos cinco euros (240.405 euros), con cargo á aplicación orzamentaria 08.50.343.A.480.0 na cal existe crédito axeitado e suficiente nos orzamentos do Instituto Galego de Consumo do ano 2005.

A axuda que, de ser o caso, se outorgue non superará en ningún caso o 70% do custo total dos gastos obxecto de financiamento.

Artigo 6º.-Solicitude e documentación.

1. O prazo para a presentación das solicitudes, segundo modelo (anexo I), será de 40 días naturais contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

2. As solicitudes para as axudas económicas previstas nesta orde dirixiranse aos servizos provinciais ou centrais do Instituto Galego de Consumo, sendo en todo caso de aplicación o disposto no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, na súa actual redacción; inclúense os rexistros dos concellos que teñan subscrito convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración da Comunidade Autónoma de Galicia.

3. Non será necesaria a presentación de todos aqueles documentos que consten en poder da Xunta de Galicia, debendo indicar o solicitante, co obxecto da súa rápida localización, a unidade administrativa en que se atopan.

4. As solicitudes irán acompañadas da seguinte documentación:

a) Certificación do/a secretario/a, co visto e prace do/a presidente/a da organización pola que se acolle á axuda, coa expresión da cantidade exacta solicitada onde figuren os gastos susceptibles de financiamento debidamente desagregados. (Anexo II).

b) Certificación do concello onde se faga constar a poboación de feito do municipio onde está instalada a oficina ou oficinas.

c) Certificación do presidente/a da organización na cal se faga constar o horario en que a oficina permanece aberta ao público para atender os consumidores, a súa localización e metros cadrados do espazo físico dedicado a ela.

d) Relación do número de consultas, reclamacións e denuncias atendidas pola organización no ano 2004. (Anexo III).

e) Certificado do presidente/a da organización do conxunto de todas as solicitudes de axudas realizadas ou concedidas, obxecto desta convocatoria, por outras administracións públicas ou entes públicos ou privados nacionais ou internacionais.

f) Copia compulsada do contrato ou contratos do persoal dedicado a Oficina de Atención ao Consumidor con expresión concreta sobre o vínculo contractual coa organización, tipo de persoal, dedicación exclusiva ou non, duración do contrato e número de horas dedicadas diariamente á oficina.

g) De ser o caso, titulacións, cursos, seminarios e calquera outro documento xustificativo que acre

dite a formación específica en materia de consumo do persoal que presta servizos na Oficina de Información ao Consumidor.

h) Certificación do número de socios da organización e xustificante de ingresos por cota de socios no ano 2004. (Anexo IV).

i) Declaración responsable de non estar incurso en ningunha das circunstancias previstas nos puntos 2º e 3º do artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións. (Anexo V).

Artigo 7º.-Criterios de outorgamento das axudas.

As axudas ás organizacións de consumidores outorgaranse, en orde decrecente, atendendo aos criterios seguintes:

1. Dispoñer de persoal contratado con cualificación específica en materia de consumo para dar servizo na Oficina de Atención ao Consumidor.

2. Número de oficinas.

3. Número de socios da organización. Só se computarán como socios, para estes efectos, os acreditados a través de organizacións debidamente inscritas no Rexistro de Organizacións de Consumidores e Usuarios.

4. Recadación en concepto de cotas de socios do ano anterior.

Artigo 8º.-Instrución e resolución.

1. O órgano competente para a instrución dos expedientes de axudas a que fai referencia esta resolución será o xefe de Servizo de Información e Educación.

2. Conforme o establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, se a solicitude de axuda non reúne os requisitos exixidos nesta resolución e na correspondente convocatoria, o interesado será requirido para que nun prazo de dez días, contados a partir do día seguinte ao da recepción do devandito requirimento, rectifique a falta ou xunte os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixese, se procederá conforme o que determina o artigo 42.1º da citada lei.

3. O órgano encargado da instrución do procedemento ao que fai mención o punto 1 deste artigo realizará de oficio cantas actuacións coide necesarias para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales se debe formalizar a proposta de resolución.

4. Revisados os expedientes e completados, de ser o caso, o órgano instrutor deberá emitir, como paso previo á valoración, un informe relativo ao cumprimento dos requisitos que para os solicitantes se establecen no artigo 3º desta resolución.

5. Unha vez emitido informe sobre as solicitudes polo órgano instrutor, procederá a valoración das solicitudes por unha comisión de avaliación, constituída expresamente e que estará formada pola xerente do Instituto Galego de Consumo, que a preside; a xefa do Servizo de Información e Educación, que actuará como secretaria, e composta polo xefe do Servizo de Protección ao Consumidor e os xefes dos servizos provinciais de Consumo.

A citada comisión quedará validamente constituída sempre que asistan a ela o seu presidente ou persoa en que delegue, un vogal e o secretario. Os acordos serán adoptados por unanimidade.

6. O presidente do Instituto Galego de Consumo ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada.

7. Sen prexuízo dos recursos a que houber lugar e co ánimo de optimizar a tamitación dos expedientes, o beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de quince días hábiles contados a partir do día seguinte ao da súa notificación. No caso de non ser aceptada a axuda, procederase de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario no cal se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta resolución e na resolución de concesión desta axuda. (Anexo VI).

8. As resolucións de concesión ou denegación das axudas serán motivadas, de acordo cos criterios de outorgamento, e notificaránselles aos interesados e porán fin á vía administrativa.

As resolucións estimatorias das solicitudes de concesión de axudas expresarán, polo menos, o obxecto e importe do gasto subvencionado, a porcentaxe da axuda concedida e a contía desta.

9. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo empezará a computar a partir da publicación no DOG desta resolución.

O vencemento do prazo máximo sen se ter notificado a resolución, lexitima os interesados para entenderen desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da axuda.

Artigo 9º.-Modificación da resolución.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario. Os requisitos que se deberán cumprir son os seguintes:

a) Que a actividade, conduta ou modificación estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, no supuxesen a denegación da axuda.

3. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, de ser o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente, logo de instrución do corres

pondente expediente no cal se lles dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 10º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigas do beneficiario:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento que fundamenta a concesión da subvención.

b) Someterse ás actuacións de comprobación que deberá efectuar o órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) Comunicarlle á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

d) Comunicarlle ao IGC, mensualmente, información sobre as consultas, reclamacións e denuncias atendidas nas súas oficinas. Para aquelas organizacións que sexan beneficiarias do programa SETECO, esta información deberá ser subministrada a través deste programa.

e) Poñer á disposición do IGC calquera información ou documentación que se lle solicite, especialmente a destinada a comprobar os datos facilitados polas organizacións para a obtención de axudas.

f) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos, incluídos os documentos electrónicos en canto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

g) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos no punto 10º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

h) Para efectos de difusión pública, as organizacións beneficiarias deberán exhibir, de forma visible no lugar onde atenden os consumidores, un cartel informativo, en modelo normalizado que facilitará o Instituto Galego de Consumo. Este cartel deberá estar colocado no prazo dun mes, contado desde o día seguinte ao da data de recepción da remisión do devandito modelo normalizado, e a organización deberá remitir unha fotografía dese cartel ao Instituto Galego de Consumo, co fin de acreditar o cumprimento da antedita obriga.

Artigo 11º.-Anticipos.

De acordo co artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, poderanse realizar anticipos de pagamentos das axudas, nos casos e coas condicións seguintes:

1. Para aquelas que non superen o importe de 6.010 euros, poderá acordarse un anticipo de paga

mento de ata un 80% da contía outorgada, librándose o 20% restante unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

2. Para aquelas que superen o importe de 6.010 euros, poderá concederse un anticipo de pagamento da axuda, conforme o acordo do Consello da Xunta de Galicia do 17 de marzo de 2005, do 50% da totalidade da subvención no momento da concesión, e o 50% restante librarase unha vez presentada pola entidade beneficiaria a completa xustificación do cumprimento da finalidade e demais condicións para a que foi concedida a axuda.

Artigo 12º.-Xustificación e pagamento.

1. A data límite para xustificar o correspondente investimento será o 31 de decembro do ano para o que se outorgan as axudas. Para iso o beneficiario deberá presentar, a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, a seguinte documentación acreditativa:

a) Declaración de axudas concedidas ou solicitadas a outros organismos desde a data da solicitude de axudas.

b) Xustificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, sobre o total do gasto realizado, obxecto da subvención, así como o que corresponda achegar á organización segundo modelo. (Anexo VII).

c) Relación numerada e circunstanciada das facturas ou xustificantes dos gastos realizados, obxecto de subvención.

d) As facturas ou xustificantes de pagamento orixinais estarán emitidos a nome da organización beneficiaria, e que corresponderán ao ano 2005, e neles quedará reflectido de forma expresa que o seu pagamento foi efectuado.

e) No caso de que houbese cambios desde o momento da solicitude, copia compulsada do contrato ou contratos que acrediten o persoal dedicado á atención da Oficina de Atención ao Consumidor, con expresión concreta sobre o vínculo contractual coa organización, tipo de persoal, dedicación exclusiva ou non, duración do contrato e número de horas dedicadas diariamente á oficina. De ser o caso, titulacións, cursos, seminarios e calquera outro documento xustificativo que acredite a formación específica en materia de consumo do persoal que presta servizos na Oficina de Información ao Consumidor.

f) Relación do número de reclamacións e denuncias atendidas pola organización no ano 2005. (Anexo III).

g) Certificación do secretario/a da organización, co visto e prace do presidente/a, no cal conste que os gastos subvencionables teñen como único destino o obxecto da axuda concedida.

h) Certificado da conta bancaria na cal conste o ordinal bancario, código de banco, código de sucursal e código de conta corrente, onde se deba realizar o pagamento, expedido pola entidade bancaria.

2. Para o caso de xustificantes e facturas, non exclusivas da oficina, achegarase certificado do

secretario/a, co visto e prace do presidente/a, no cal se faga constar a porcentaxe de gasto que figura no xustificante ou factura, correspondente á devandita oficina.

3. Os órganos competentes do Instituto Galego de Consumo poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, iniciarase o procedemento de arquivo da subvención.

4. No caso de que o investimento realizado teña un custo inferior ao inicialmente previsto, a axuda reducirase proporcionalmente, mantendo constante a porcentaxe de subvención respecto ao investimento.

Artigo 13º.-Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra elas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición ante o órgano que as ditou ou debeu ditalas, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa notificación, ou de tres meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto, segundo sexa o caso.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo ante o xulgado do contencioso-administrativo correspondente á circunscrición do órgano que ditou ou debeu ditar a resolución, se é expresa, no prazo de dous meses contados desde o día seguinte ao da súa notificación, ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

Todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, de ser o caso, calquera outro, que consideren procedente.

Artigo 14º.-Concorrencia de axudas e subvencións públicas.

O importe das axudas e subvencións reguladas nesta orde en ningún caso poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia con outras axudas e subvencións, supere o custo da actividade subvencionada.

Artigo 15º.-Reintegro das axudas.

1. Non se poderá exixir o pagamento da axuda concedida e procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas ou ocultando aquelas que a impidan.

c) Incumprimento da finalidade ou non-adopción do comportamento para a que foi concedida a axuda.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención.

e) Nos restantes supostos previstos no punto 10º do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos en que o importe da axuda, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere a porcentaxe máxima do investimento subvencionable que se estableza.

3. O procedemento de reintegro tramitarase segundo o establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades que os beneficiarios deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 ao 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 16º.-Fiscalización e control.

A concesión das axudas reguladas nesta resolución estará sometida ao exercicio da función interventora e do control financeiro por parte da Intervención Xeral da comunidade autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, ás actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas, así como, de ser o caso, ás dos servizos financeiros da Comisión Europea e do Tribunal de Contas Europeo.

Artigo 17º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas reguladas nesta resolución sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 18º.-Publicidade.

Unha vez ultimada a concesión das axudas, publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación das concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade da axuda.

Disposición adicional

No non previsto nesta resolución observarase o establecido nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia; na Lei 38/2003, xeral de subvencións, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Disposición derradeira

Facúltase o presidente do Instituto Galego de Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta resolución.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2005.

Víctor Tello Calvo

Presidente do Instituto Galego de Consumo

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA