DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 07 de abril de 2005 Páx. 5.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE MEDIO AMBIENTE

ORDE do 29 de marzo de 2005 pola que se determinan as épocas hábiles de caza durante a temporada 2005-2006.

En virtude do disposto na Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, no Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia e na demais normativa que sexa de aplicación que inclúe:

O Decreto 506/1971, do 25 de marzo de 1971, polo que se aproba o Regulamento para o desenvolvemento da Lei 1/1970, do 4 de abril, de caza, no que sexa de aplicación en virtude do establecido nas disposicións transitorias segunda, terceira, cuarta e quinta así como na disposición derrogatoria da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza, de Galicia.

A Lei 4/1989, do 27 de marzo, de conservación dos espazos naturais e da flora e fauna silvestres e a Lei 40/1997, do 5 de novembro, sobre reforma da anterior.

O Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro, pola que se determinan as especies obxecto de caza e pesca comercializables e se ditan normas ao respecto.

O Real decreto 439/1990, do 30 de marzo, polo que se regula o Catálogo nacional de especies ameazadas.

A Lei de Galicia 1/1993, do 13 de abril, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade e o Decreto 153/1998, do 2 de abril, polo que se aproba o Regulamento que a desenvolve.

A Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

A Directiva 79/409 do Consello da Comunidade Económica Europea, do 2 de abril de 1979, relativa á conservación das aves silvestres, e as súas posteriores modificacións.

A Directiva 92/43 do Consello da Comunidade Económica Europea, do 21 de maio de 1992, relativa á conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestres, e as súas posteriores modificacións.

O Real decreto 1997/1995, do 7 de decembro, polo que se establecen medidas para contribuír a garantir a biodiversidade mediante a conservación dos hábitats naturais e da fauna e flora silvestre, e o Real decreto 1193/1998, do 12 de xuño, que o modifica.

O Decreto 21/2005, do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais, é necesario fixar as limitacións e épocas hábiles de caza durante a temporada 2005-2006.

Por todo isto, e oídos os comités provinciais e galego de caza, en virtude do artigo 27.15º do Estatuto de autonomía de Galicia, dos reais decretos 167/1981, do 9 de xaneiro; 1706/1982, do 24 de xullo, e 1535/1984, do 20 de xuño, sobre trans

ferencias de funcións e servizos do Estado á Comunidade Autónoma de Galicia en materia de conservación da natureza, o Decreto 106/2004, do 21 de maio, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Medio Ambiente, en relación co Decreto 8/2003, do 18 de xaneiro, polo que se modifica a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, e o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia e polas atribucións conferidas na Lei 1/1993, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, artigos 1 e 3 do Decreto 205/1990, do 15 de marzo, e demais normativa concordante.

DISPOÑO:

TÍTULO I

Normas de carácter xeral

Artigo 1º

Esta orde de vedas regula os períodos hábiles de caza, as especies sobre as que se poderá exercer, os métodos autorizados para a súa práctica e as limitacións xerais ou particulares que afectarán o exercicio da actividade cinexética no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia durante a temporada 2005-2006.

Artigo 2º

A caza poderá exercerse unicamente sobre as especies de aves e mamíferos que se relacionan no anexo IV do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia.

Artigo 3º

O período hábil para exercer a caza, válido con alcance xeral, será o comprendido entre os días 12 de outubro de 2005 e o 6 de xaneiro de 2006, ambos inclusive, na Comunidade Autónoma de Galicia, coas excepcións que para cada especie se sinalan no título V desta orde. Os días da semana en que se permitirá o seu exercicio dependerán de que se trate dunha ou doutra das modalidades de caza maior ou menor e veñen detallados nos títulos II e III de esta orde que se refiren a cada unha delas, así como nas limitacións sinaladas no título V desta orde.

Con carácter xeral prohíbese o exercicio da caza de aves durante a época de celo, reprodución e crianza, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

De acordo co que establece o Decreto 21/2005, do 20 de xaneiro, de prevención de incendios e regulación de aproveitamentos forestais, queda prohibido os aproveitamentos e a repoboación cinexética en terreos queimados durante un período de tres anos desde a data do lume, salvo autorización expresa da Dirección Xeral de Conservación da Natureza, logo de informe favorable da Dirección Xeral de Montes e Industrias Forestais.

Nos terreos sometidos a réxime cinexético especial en que se inclúan zonas de caza permanente e de adestramento de cans conforme o disposto no artigo 8º do Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia, serán de cumprimento todas as disposicións recollidas nesta orde, salvo aquelas que expresamente se determinen na resolución que estableza a súa autorización.

Nas zonas de caza permanente reflectidas nos plans de ordenación cinexética do correspondente Tecor, autorizase a caza sementada de paspallás e perdiz, todos os días do ano. Igualmente, poderase autorizar a caza sementada de coello de monte e faisán.

Artigo 4º

Os medios e métodos non autorizados con carácter xeral para exercer a caza, son os que figuran no artigo 32 do Regulamento de caza.

Así mesmo, haberá que ter en conta para o exercicio da caza, todas aquelas prohibicións que veñen recollidas na Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, e no Decreto 284/2001, do 11 de outubro, polo que se aproba o Regulamento de caza de Galicia.

Artigo 5º

Só poderán ser obxecto de venda ou comercio as especies silvestres cazables que se relacionan no anexo I desta orde. Isto poderá realizarse unicamente durante a tempada hábil de caza para cada especie. O tráfico ou comercio de especies de protección temporal nas provincias onde a súa captura estivese prohibida, precisará dunha guía expedida polo organismo competente que xustifique a súa procedencia.

Os exemplares de especies cinexéticas, procedentes de explotacións industriais, así como os seus ovos cando se trate de aves, poderán comercializarse en calquera época do ano, logo da acreditación suficiente da súa orixe e do cumprimento dos requisitos fixados no artigo 2º do Real decreto 1118/1989, do 15 de setembro, e demais normativa do ámbito sanitario.

Queda prohibida a posta en venda ou transporte e a retención para a venda das especies da fauna silvestre non determinadas no anexo I de esta orde.

Artigo 6º

A posta en liberdade de animais silvestres vivos de carácter cinexético requirirá a autorización previa do Servizo de Conservación da Natureza da provincia correspondente, conforme co artigo 31 da Lei 4/1997, de caza de Galicia. Na solicitude de autorización deberán facerse constar as especies, o número e a procedencia dos exemplares que se propón adquirir, así como a adecuación de tal propósito ás previsións do plan técnico de aproveitamento cinexético que afecta o terreo onde vaian ser liberados os espécimes.

Prohíbese o transporte e solta de exemplares de lebre, procedentes de fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

TÍTULO II

Caza menor

Artigo 7º.-Días hábiles.

Consideraranse días hábiles de caza os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico.

Artigo 8º. Limitacións de carácter xeral.

1. Naqueles terreos de réxime cinexético común en que, en virtude do establecido no artigo 9.3º da Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua superior ás 500 ha, a cota máxima por cazador e día será dunha perdiz rubia e dous coellos.

2. Nos terreos de réxime cinexético especial as cotas serán as que se establezan nos correspondentes plans de aproveitamento.

3. Prohíbese a caza de aves acuáticas desde calquera tipo de embarcación, con ou sen motor.

Artigo 9º.-Métodos e modalidades de caza.

1. Na práctica da caza en man, con ou sen cans, nos terreos cinexéticos de aproveitamento común no se poderá cazar en grupos maiores de seis cazadores, nin cazar coordinadamente máis dun grupo. Cada cazador poderá cazar como máximo con catro cans, cun máximo de quince por grupo.

2. Os ganchos, tanto a solicitude como a realización deles, estará suxeito aos requisitos, medidas precautorias, normas de seguridade e responsabilidades que prevexa a Lei de caza de Galicia e o seu regulamento. Se por calquera circunstancia, algún dos ganchos autorizados non se efectuase no lugar e data fixadas, en ningún caso se poderá trasladar a súa celebración a outro día.

3. No gancho, o seu responsable, deberá levar no seu poder, en todo momento, a autorización correspondente del e a relación completa encabezada por el, dos participantes cos respectivos nomes e números do DNI. Esta relación deberá estar confeccionada no momento da colocación dos cazadores nos postos.

4. Mentres non haxa unha regulación específica da cetraría na Comunidade Autónoma de Galicia, o Servizo de Conservación da Natureza poderá autorizar, esta modalidade de caza.

Artigo 10º.-Adestramento de cans e aves de cetraría.

1. De acordo co establecido no artigo 10 e nos artigos 18 a 23 da Lei de Galicia 1/1993, de protección de animais domésticos e salvaxes en catividade, queda prohibido o adestramento de cans para a caza maior con espécimes de caza maior liberados dentro de cercados, ou de calquera maneira que

implique maltrato para animais salvaxes en catividade.

2. Autorízase o adestramento de cans en terreos de réxime cinexético común, sen previa petición, desde o 1 de setembro de 2005 ata o remate da temporada hábil de caza menor, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, e os sábados desde o 1 de setembro ata o 11 de outubro, en todo caso, sen armas nin calquera outro medio de caza e sen que se produza a captura nin a morte da peza. O número máximo de cans por cazador será de 2.

3. Autorízase o adestramento de cans en terreos de réxime cinexético especial, sen previa petición, desde o 1 de setembro de 2005 ata o remate da temporada hábil de caza menor, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, e os sábados desde o 1 de setembro ata o 11 de outubro, en todo caso, sen armas nin calquera outro medio de caza e sen que se produza a captura nin a morte da peza. O número máximo de cans autorizados será o de 5 cans por cazador e de 16 por grupo constituído por un máximo de 5 cazadores.

4. Autorízase o adestramento de cans en terreos de réxime cinexético especial, sen previa petición, ao longo de todo o ano, nas zonas destinadas para ese fin, salvo nos meses de maior sensibilidade para a cría das especies presentes na zona, que serán propostos polo titular do espazo cinexético no plan anual de aproveitamentos, entendéndose no seu defecto, que corresponde este período o comprendido entre a última semana de abril á primeira semana de xullo.

5. Autorízase o adestramento na modalidade de cans atrelados en terreos de réxime cinexético especial, en todo o Tecor ao longo de todo o ano, agás nas épocas sensibles de cría, determinándose esta época conforme o exposto no parágrafo anterior, e coas seguintes condicións: ter o can atrelado e controlado en todo momento, non molestar en ningún caso as especies cinexéticas, non acercarse ao cocho da peza, un can por cazador e coa autorización da sociedade titular do Tecor.

6. Os titulares de terreos de réxime cinexético especial extremarán as precaucións e adoptarán as medidas de seguridade precisas para evitar accidentes ou calquera interferencia durante a celebración de ganchos ou montarías, no período que coincida co permitido para o adestramento de cans, non podendo realizarse o adestramento na mesma mancha onde se realiza o gancho ou montaría.

7. Con fins de competición, logo de informe da Federación Galega de Caza, os servizos de Conservación da Natureza poderán autorizar o adestramento de cans de rastro e mostra e das aves de cetraría, con caza sementada, en calquera época do ano nos lugares autorizados para estes fins.

Artigo 11º.-Competicións de caza.

1. En terreos cinexéticos de réxime especial durante o período hábil de caza menor poderán autorizarse competicións con morte ou sen morte, con pezas silvestres ou sementadas, os xoves, sábados, domingos e festivos.

2. Nos mesmos terreos, e fóra do período hábil de caza menor, poderanse autorizar competicións con morte ou sen morte e con caza sementada, por petición da parte interesada, nas condicións e zonas que, previamente, sinalen os servizos de Conservación da Natureza. As mencionadas competicións poderanse celebrar os sábados, domingos e festivos, dentro das zonas autorizadas.

3. Con fins de competición, poderán celebrarse, logo de autorización, campionatos oficiais federativos con ou sen morte, os sábados, domingos e festivos, en terreos cinexéticos de réxime especial.

Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para ditar as normas e condicións en que se desenvolven as citadas probas, cando para o logro dos seus fins sexa necesario abater ou capturar pezas de caza.

TÍTULO III

Caza maior

Artigo 12º.-Días hábiles.

Consideraranse días hábiles de caza, con carácter xeral, os xoves, domingos e festivos de carácter estatal ou autonómico, coas excepcións que se recollen nesta orde.

Artigo 13º.-Métodos e modalidades de caza.

1. A celebración de montarías ou ganchos en terreos de réxime cinexético especial requirirá a notificación previa ao Servizo de Conservación da Natureza correspondente, que deberá ser efectuada polomenos cunha antelación de 10 días. Tamén poderá comunicarse mediante un calendario que abarque toda a temporada. Tanto a solicitude como a celebración dela deberá axustarse ao disposto na Lei de caza de Galicia e no seu regulamento.

2. Nos terreos de réxime cinexético común en que, en virtude do establecido no artigo 9.3º da Lei 4/1997, de caza de Galicia, estea permitido o exercicio da caza ao contar cunha superficie continua superior ás 500 ha, a caza maior só se poderá exercer os sábados e na modalidade de gancho ou montaría, cos requisitos que se dispoñen na Lei de caza de Galicia e no seu regulamento.

3. Os ganchos e montarías, tanto a solicitude como a realización deles, estará suxeita aos requisitos, medidas precautorias, normas de seguridade e responsabilidades que prevexa a Lei de caza de Galicia e o seu regulamento. Se por calquera circunstancia algún dos ganchos autorizados non se efectuase no lugar e data fixadas, en ningún caso se poderá trasladar a súa celebración a outro día.

4. Nos ganchos e montarías, o responsable del, deberá levar no seu poder, en todo momento, a autorización correspondente del e a relación completa encabezada por el, dos participantes cos respectivos nomes e números do DNI. Esta relación deberá estar confeccionada no momento da colocación dos cazadores nos postos.

5. Nos ganchos ou montarías de xabaril, no seu período hábil, e con autorización expresa da delegación provincial correspondente, poderase cazar o raposo utilizando armas e municións propias da caza maior.

Artigo 14º.-Pezas de caza.

1. Nos plans de aproveitamento dos terreos de réxime cinexético especial e nas autorizacións concedidas para o exercicio da caza maior nos terreos de aproveitamento cinexético común especificaranse as pezas de caza por especies, sexos e idades sobre as que se poderá exercer a caza.

2. En todo caso, nunca poderán incluírse como pezas de caza:

a) As femias de especies de caza maior cando vaian acompañadas da súas crías.

b) Os machos adultos que efectuasen a esmouca antes do cerramento do seu período hábil de caza.

TÍTULO IV

Caza por danos

Artigo 15º.-Danos producidos pola caza.

1. Co fin de reducir os danos que se poidan producir na agricultura, na gandaría, na silvicultura, na flora e fauna silvestres, os servizos de Conservación da Natureza poderán acordar medidas de control. Fóra do período hábil de caza, estas medidas adoptaranse, logo de comprobación dos danos existentes polos axentes de Conservación da Natureza, seguindo directrices expresamente establecidas pola Dirección Xeral de Conservación da Natureza.

2. As principais medidas de control fronte aos danos por especies que se poderán adoptar son as seguintes:

a) Lobo (Canis lupus): por danos constatados desta especie e en evitación deles, de acordo cos datos sobre danos recorrentes que obren nos servizos de Conservación da Natureza, poderanse autorizar esperas, ganchos ou montarías durante todo o ano. A existencia de danos deberá de ser comunicada ao Servizo de Conservación da Natureza tan pronto como sexa posible co fin de proceder á súa comprobación, como requisito previo á autorización da práctica cinexética sobre esta especie. Cando a solicitude se faga en evitación de danos, esta haberá de presentarse cunha antelación mínima de 5 días hábiles respecto á celebración do gancho, montaría ou espera. Os solicitantes de cada gancho, montaría ou espera autorizados deberán informar dos resultados del por escrito ao Servizo de Conservación da Natureza correspondente nun prazo máximo de

5 días hábiles seguintes ao da súa celebración. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a nonautorización doutros e a anulación automática dos xa autorizados.

Así mesmo, e nos municipios con danos recorrentes producidos por esta especie, logo de informe expreso da gardaría forestal e acreditados de acordo cos datos que consten nos servizos de Conservación da Natureza, poderase autorizar a caza de esta especie nos ganchos de corzo e xabaril.

b) Xabaril (Sus scrofa): co fin de reducir os danos producidos por esta especie, tras comprobarse la existencia daqueles, os servizos de Conservación da Natureza poderán autorizar a celebración de ganchos, montarías ou esperas. As solicitudes deberán presentarse no prazo máis breve posible a partir da detección dos danos, de modo que permita a comprobación deles polo servizo, antes mencionado. Os solicitantes dos ganchos, montarías ou esperas autorizados deberán informar por escrito dos resultados de estes ao Servizo de Conservación da Natureza correspondente, nun prazo máximo de 10 días seguintes aos da súa celebración. O incumprimento deste requisito poderá supoñer a non autorización de máis ganchos ou montarías e a anulación automática dos xa autorizados.

c) Raposo (Vulpes vulpes): co fin de regular as poboacións de raposo naquelas zonas concretas, onde a abundancia sexa prexudicial e daniña para outras especies de caza menor ou para algunha das domésticas, a Federación Galega de Caza poderá propoñer á Dirección Xeral de Conservación da Natureza, co fin de colaborar no control desta especie, a organización de campionatos de raposo, baixo o réxime e a normativa que rexen nos campionatos federativos de caza, que se celebrarán os sábados e domingos, desde o 1 de febreiro ao 19 de febreiro de 2006.

3. Nas autorizacións concedidas por manifestos e comprobados danos, tanto no lobo como no xabaril, en terreos cinexéticos de réxime especial, as solicitudes serán formuladas polo titular do dereito de aproveitamento, pero nela recolleranse obrigatoriamente as firmas do prexudicado ou dos prexudicados polos danos detectados. En terreos de aproveitamento cinexético común as solicitudes serán formuladas polo prexudicado ou polos prexudicados polos danos detectados.

4. O director xeral de Conservación da Natureza establecerá limitacións temporais á adopción destas medidas de control co fin de evitar alteracións nas poboacións de fauna silvestre e non interferir na súa cría e reprodución. Os servizos de Conservación da Natureza prestarán asesoramento técnico aos afectados polos citados danos, para a adopción de medidas alternativas de prevención e protección para as persoas ou na agricultura, na gandaría, nos montes ou na flora e fauna silvestres.

5. A carne das reses que se abatan en época de veda, como consecuencia da adopción das medidas de control, non poderá ser obxecto de venda ou comercio.

Artigo 16º.-Aves prexudiciais para a agricultura e a caza.

En virtude do disposto no artigo 9º da Directiva 79/409/CEE, poderase autorizar a caza e captura de aves que poidan causar danos aos cultivos agrícolas e á fauna.

Os interesados deberán formular unha solicitude dirixida ao Servizo de Conservación da Natureza en que se fará constar:

a) Especie que se pretende cazar ou capturar.

b) Os prexuízos causados ou os riscos que se poidan producir, así como a magnitude deles.

c) Que fosen probadas técnicas disuasorias sen éxito.

d) Expresión do método, o tempo e o lugar onde se pretende cazar as aves prexudiciais.

Será preceptivo o informe do Servizo de Conservación da Natureza correspondente sobre os danos existentes, que informará se hai indicios razoables de que os danos foron causados ou non polas especies citadas. Se non fose posible establecer razoablemente a orixe dos danos, denegarase a solicitude.

TÍTULO V

Réximes especiais por especies

Artigo 17º.-Réximes especiais por especies, aprobados despois de oídos os comités provinciais de caza e o Comité Galego de Caza.

As regulamentacións específicas nos terreos de réxime cinexético especial aprobadas polos servizos de Conservación da Natureza a proposta dos titulares, en que se establezan vedas e peches anticipados dos distintos períodos hábiles, serán de obrigado cumprimento. A infracción das limitacións ou prohibicións que regulen as ditas regulamentacións específicas sancionaranse de acordo co establecido na Lei 4/1997, do 25 de xuño, de caza de Galicia.

Artigo 18º.-Réximes especiais por especies.

1. Caza menor:

a) Arcea (Scolopax rusticola) e agacha (Gallinago gallinago): poderase prolongar o período hábil de caza para estas especies ata o día 29 de xaneiro de 2006, agás nos concellos que se relacionan no anexo II de esta orde, das provincias de Lugo e da Coruña, nas que se poderá prolongar ata o 12 de febreiro do ano 2006, en terreos cinexéticos de réxime especial e despois da solicitude acompañada dun plan de aproveitamento cinexético aprobado.

b) Charrela (Perdix perdix): queda prohibida a súa caza.

c) Lebre (Lepus granatensis): só se autoriza a súa caza, no período hábil comprendido entre o 12 de outubro de 2005 e o 4 de decembro de 2005, en terreos de réxime cinexético especial.

d) Raposo (Vulpes vulpes): no período hábil de caza menor pódese cazar nas distintas modalidades de caza menor e en gancho. Poderanse autorizar ganchos para a caza do raposo desde o 3 de setembro ata o comezo da temporada regular, os xoves, sábados, domingos e festivos. Así mesmo, entre o 7 de xaneiro e o 29 de xaneiro de 2006 e só nesta modalidade, poderase cazar os sábados e domingos en todo o territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

e) Paspallás (Coturnix coturnix): pódese cazar no período hábil de caza menor. Poderase autorizar a súa caza en cotos da antiga Lagoa de Antela nos concellos que se relacionan no anexo III de esta orde, entre o 27 de agosto de 2005 e o 18 de setembro de 2005. Autorízase a súa caza os sábados e domingos, cun máximo de 15 cazadores por xornada de caza e un máximo de 4 cazadores por cuadrilla, e require autorización expresa do Servizo de Conservación da Natureza de Ourense que poderá recoller medidas especiais para garantir o cumprimento destas condicións, e despois da presentación dun plan técnico de caza que ten que incluír un censo da especie, un cálculo do número de capturas totais e a súa repartición por xornada de caza, cun máximo de 10 pezas por cazador e día, e un só cuartel, cunha superficie máxima de 1.000 ha, para os Tecor cunha superficie cazable para esta especie menor de 5.000 ha, sinalizado para o efecto. Os Tecor que conten cunha superficie superior ás 5.000 ha poderán

ser autorizados a dispoñer dun cuartel de 1.000 ha adicional. Só se autoriza a caza desta especie en terreos que teñan realizada a colleita na súa maior parte. No caso de que se alongase o período de colleita, o Servizo de Conservación da Natureza de Ourense poderá atrasar o período ata un máximo de tres semanas. Se os atrasos fosen maiores ou os censos efectuados así o aconsellen, o director xeral de Conservación da Natureza poderá modificar as cotas e os períodos autorizados ou mesmo anular o período. Os Tecor deben estar dotados de vixilancia.

f) Pato cullerete (Anas clypeata): queda prohibida a súa caza.

g) Rula turca (Streptopelia decaocto): queda prohibida a súa caza.

2. Caza maior:

a) Corzo (Capreolus capreolus): o período hábil nesta temporada estenderase desde o 16 de abril ata o 7 de agosto de 2005 coa modalidade de axexo unicamente, podéndose autorizar calquera día da semana para machos maiores de tres anos e femias sempre adultas en descaste.

Desde o 3 de setembro e ata o 23 de outubro de 2005, poderanse autorizar as modalidades de gan

cho, montaría e axexo, os sábados, domingos e festivos para machos maiores de tres anos e desde o 1 ao 23 de outubro femias adultas en descaste.

Na provincia de Pontevedra o corzo, segue vedado.

A autorización do Servizo de Conservación da Natureza, fixará o número de pezas máximo que se poderá abater de acordo co plan de aproveitamento. Non poderán autorizarse nela mancha un gancho e un axexo simultáneos.

Só en casos moi especiais, e con indicación no Plan de Ordenación Cinexético aprobado, poderán autorizarse outras idades.

b) Xabaril (Sus scrofa): o período hábil estenderase desde o 31 de xullo de 2005 ata o 29 de xaneiro de 2006, na modalidade de gancho ou montaría, autorizada segundo o establecido no artigo 13º de esta orde. Nas mesmas condicións poderá ampliarse o período hábil ata o 26 de febreiro de 2006, sempre e cando os Tecor o soliciten.

En terreos de réxime cinexético común só se poderá cazar os sábados.

En terreos de réxime cinexético especial, poderá cazarse, os xoves, sábados, domingos e festivos.

Así mesmo, mentres se está cazando o corzo, poderase disparar a exemplares de xabaril con autorización expresa dos servizos de Conservación da Natureza, aos que haberá que comunicar os resultados das pezas abatidas de xabaril no prazo máximo de 10 días despois da súa celebración.

Queda prohibido celebrar na mesma mancha e xornada, ganchos sobre esta especie e caza en man sobre especies de caza menor.

g) Cervo, gamo e muflón (Cervus elaphus, Dama dama e Ovis ammon musimon): autorízase a súa caza, dentro do período hábil con carácter xeral, en terreos cinexéticos de réxime especial, logo de autorización dos servizos de Conservación da Natureza, derivado da presentación dun plan de aproveitamento cinexético.

Nos concellos de Cabanas, A Capela, As Pontes de García Rodríguez, Monfero, Pontedeume e Paderne, da provincia da Coruña, permítese a caza do cervo en calquera gancho ou montaría autorizada para o corzo ou xabaril.

Nos terreos cinexéticos de réxime especial, que se encontren cercados, autorízase a súa caza segundo o que se dispoña no Plan de ordenación cinexética aprobado, logo de autorización dos servizos de Conservación da Natureza.

Artigo 19º.-Terreos en que se prohíbe o exercicio da caza.

1. A Coruña:

a) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no parque natural do complexo dunar de Corrubedo e lagoas de Carregal e Vixán, no termo muni

cipal de Ribeira. A delimitación desta zona é a seguinte:

-N: vila de Corrubedo e estrada de acceso a esta desde Artes.

-S: camiño que une a parroquia de Vilar con Liboi ata punta Corbeiro.

-E: camiño que comunica as parroquias de Artes e Vilar.

-O: océano Atlántico.

b) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do termo municipal de Muros. A delimitación desta zona, denominada Lagoa de Louro, é a seguinte: camiño público que desde O Ancoradoiro sae ao km 6,5 da estrada C-550 de Cee a Muros; segue por esta estrada ao longo de 200 metros para continuar polo límite do monte Naraio e Tixia e polo camiño a través deste, ata alcanzar a C-550 pasando polo casarío da Madanela, 80 metros ao longo desta ata o comezo do chamado camiño do monte Louro, límite deste monte entre o camiño e o mar; liña de costa ao longo da praia de Louro ata o porto de Ancoradoiro e desde aquí, en liña recta, ata o punto de partida.

c) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas illas Sisargas.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do termo municipal de Porto do Son. A delimitación de esta zona denominada Lagoas de Xuño e San Pedro de Muro é a seguinte: río Sieira desde a súa foz no océano Atlántico, río arriba, ata a estrada de Noia a Sta. Uxía de Ribeira (km 52,3). Desde este punto ata a encrucillada da estrada de Seráns, pasando por San Pedro de Muro, ata a antiga fábrica de tella. Desde aquí seguindo o camiño que chega ata a punta do Cabo Teira se segue pola liña de costa ata a foz do río Sieira.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona costeira occidental atlántica do concello de Ferrol, denominada Lagoa de Doniños. A delimitación desta zona é a seguinte: polo norte, partindo da liña de costa séguese a liña que separa os terreos de uso militar, ata chegar a encrucillada da estrada que vai a Curros e Fontemaior; desde esta encrucillada de estradas séguese pola estrada de Fonta ata chegar ás Puntas Penencia na costa, e desde aquí, pola liña de costa, ata a liña de terreos de uso militar.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona da Lagoa de Frouxeira, no concello de Valdoviño. A delimitación desta zona é a seguinte: polo norte desde a punta Frouxeira, ao longo do areal ou praia de Frouxeira, pola liña de costa ata a liña recta imaxinaria trazada desde a illa Percebeleira ata a estrada que desde a Porta do Sol, en Valdoviño, remata na praia. Seguindo por esta estrada ata a estrada de Ferrol a Cedeira e por esta

ata o seu cruzamento coa de Ferrol a Valdoviño ata Canto do Muro, pola estrada local de Frouxeira ata a punta Frouxeira.

g) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona do monte San Xurxo, no concello de Ferrol. A delimitación desta zona é a seguinte: N e O co océano Atlántico, ao leste con predios particulares na demarcación parroquial de San Xurxo en que está situado o monte, ao sur con predios particulares e o océano Atlántico.

h) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona do monte Brión, no concello de Ferrol. A delimitación desta zona é a seguinte: polo norte e oeste, demarcación parroquial de Doniños. Ao leste, con propiedades particulares da parroquia de Brión, ao sur con propiedades particulares e océano Atlántico.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Cecebre. A delimitación de esta zona é a seguinte:

N: desde a presa seguindo pola estrada que une o apeadoiro de Cecebre con San Román, atravesando os lugares de Seixurra e San Román, ata o cruzamento coa autoestrada do Atlántico.

E: seguindo a autoestrada ata o km 17 e continuando por unha pista en terra de servidume daquela, para rematar na presa de formigón sobre o río Mero.

S: desde o punto anterior seguindo a marxe dereita do río Mero ata a ponte, e continuando pola estrada entre os lugares de Torre, Cubelo, Agrolongo e Horto de Arriba ata o viaducto do río Barcés, a marxe dereita da cal segue ata o lugar de Táboas, na estrada de Mabegondo a Carral.

O: seguindo a marxe esquerda do río Barcés ata o viaduto e continuando pola estrada ata a presa do encoro.

j) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Sabón. A súa delimitación é a seguinte: desde a presa do encoro contiguo á central térmica de Sabón pola estrada de servizo do polígono industrial, deixando o encoro a man esquerda ata o cruzamento da estrada da Coruña a Fisterra. Desde este punto, e seguindo a estrada de servizo do polígono, ata as instalacións industriais de Silicios de Sabón, S.A. e presa.

k) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na lagoa de Millares e Eirexanova e nas súas marxes, no termo municipal de Sobrado dos Monxes.

l) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas Brañas de Sada: termo municipal de Sada, parroquia de Sada. Coordenadas: lonxitude 8º 15' W, latitude 43º 21' N.

ll) Queda prohibido o exercicio da caza na lagoa de Mera: termo municipal de Oleiros, parroquia de Mera. Coordenadas: lonxitude 8º 20' W, latitude 43º 22' 40''.

m) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na ría de Ortigueira e Ladrido como consecuencia de ser incluída polo Consello de Ministros como zona húmida do convenio de Ramsar, en todas as augas, zonas de seguridade e zonas marítimo-terrestres aprobadas por orde do Ministerio de Obras Públicas e Transportes (Dirección Xeral de Portos e Costas) do 29-9-1970, 4-6-1974, 19-12-1975, 17-5-1978.

n) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro da Ribeira, termo municipal das Pontes de García Rodríguez. A delimitación de esta zona é a seguinte:

N: marxe do encoro e límite do couto C-10.121 ata 200 m da confluencia do regato Brandián.

E: bordeando o predio Cabalar a 200 m do cercado e continuando pola marxe dereita do río Eume ata a área recreativa de Caneiro.

S: desde a área recreativa de Caneiro seguindo o camiño ou pista cara ás Pontes de García Rodríguez ata a confluencia do camiño que baixa o complexo recreativo de Vilarbó, seguindo este camiño ata ditas instalacións e despois continuando pola marxe esquerda do encoro, respectando os 200 m de influencia, ata a presa.

O: desde a presa seguindo a marxe do encoro en Cuíña, Vilarnovo e Maraxón ata pechar o perímetro.

ñ) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na ría de Ferrol desde a ponte das Pías ata a desembocadura do Xubia en ambas as marxes.

o) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas marismas de Baldaio, nos seguintes límites:

N: océano Atlántico.

S: o camiño desde Rebordelos a Santa Mariña, pasando pola Igrexa, Castrillón, Outeiro, Cambre e Arnados.

E: o camiño desde a praia Pedra do Sal ata Rebordelos.

O: o camiño desde Santa Mariña á Punta do Pazo.

p) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na enseada de Insua, en Ponteceso, nos seguintes límites:

N: o camiño local de Punta Balarés a Cospindo, continuando pola estrada de Corme ata Ponteceso, estrada de Ponteceso a Buño.

S: estrada de Ponteceso a Laxe, ata o lugar de Canduas.

E: o camiño que vai desde a estrada de Ponteceso a Buño ata o río Anllóns, continuando por este, ata Anllóns de Arriba.

O: a liña que une Canduas, Punta Padrón e Punta Balarés.

q) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na lagoa de Traba, nos seguintes límites:

N: océano Atlántico.

Leste e sur: desde Punta Arnado seguindo polo camiño en parte, ata enlazar coa derradeira pista de concentración parcelaria, que discorre paralelamente á lagoa en dirección ao lugar de Cernado.

O: pista asfaltada que une o lugar de Mórdomo coa estrada comarcal de Laxe-Ponte do Porto.

r) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas, marxes e zonas de servidume do encoro de Fervenzas do Xallas.

s) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas marismas de Betanzos ata a altura do Pazo de Mariñán.

t) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na estación cinexética de Cerqueiros en Monfero.

u) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na marisma de Carnota na área incluída dentro do perímetro da masa de auga.

v) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Vilagudín, nos termos municipais de Cerceda, Ordes e Tordoia, na área incluída dentro dos 200 metros da cota máxima do nivel de auga do encoro.

w) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Vilasenín, nos termos municipais de Cerceda e Ordes, na área incluída dentro dos 5 metros da cota máxima do nivel de auga do encoro.

O Servizo de Conservación da Natureza da Coruña sinalizará os límites territoriais que comprende a prohibición.

x) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos montes veciñais en man común Xián, Furiño, Gándara, Reviratorta e Reboredo, das parroquias de Colúns (San Salvador) e Arcos (Santiago), do concello de Mazaricos.

y) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no predio do mosteiro de Sobrado.

z) Queda prohibido o exercicio da caza na zona seguinte da Barbanza:

Linde O: iniciase na cota 557, que linda os montes de Barbanza de Cures e Barbanza de Nebra, continúa polas cotas 576, 567, 602, 600, 581, 593, 663, 606, 612, 597 e 620 de Barbanza de Nebra, segue polas cotas 622, 616 de Barbanza de Noal, continúa polas cotas 634, 626, 629, 644 e 616 de Barbanza de Baroña, cota que fai límite cos montes de Barbanza de Boiro.

Linde L: da cota 616, límite entre os montes de Barbanza de Baroña e Barbanza de Boiro, cruzando o rego Barazal ata a cota 561 de Barbanza de Boiro, de aquí á fonte de Porto Traveso e ás cotas 562, 572, 576 e 557 de Barbanza de Cures recollendo o inicio do linde O.

A bis) Queda prohibido o exercicio da caza, nos terreos do concello de Sobrado que abranguen os seguintes límites:

S: desde o quilómetro 2 da estrada LC-233 ata a saída do regato da Lagoa de Sobrado; séguese o seu curso ata o lugar da Pontepedra.

O: desde A Pontepedra, seguindo a estrada ata o quilómetro 18 da LC-231.

N: pola estrada que vai ao Centro Ictioxénico ata a dita instalación.

E: desde o Centro Ictioxénico, monte a través ata o quilómetro 2 da estrada LC-233.

2. Lugo:

a) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas xunqueiras e ría do Eo; desde a ponte de Porto pola pista que pasa por Mión de Louteiro, ata a altura do km 4,700 da estrada de Vegadeo a Lugo, onde cruza o río Eo; desde este punto quilométrico segue pola citada estrada de Lugo a Vegadeo ata Porto de Abaixo, desde aquí e pola estrada nacional de Santander á Coruña ata Ribadeo, desde aquí pola estrada provincial ata Senra, desde aquí pola pista que chega á punta de costa denominada punta de Penas Brancas.

b) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no monte propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia denominado Fraga Vella, sito nos termos dos concellos de Abadín e Mondoñedo. A delimitación correspondente é a seguinte:

N: monte de utilidade pública Tremoal e Fraga das Vigas, parroquia de Labrada, do concello de Abadín: Casarío dos Agros e río Fraga Vella.

L: río Fraga Vella e monte de utilidade pública nº 46-B Brañas e Toxiza, da parroquia de Mondoñedo e outras.

S: monte de utilidade pública nº 43 Coto da Cal, da parroquia de Romariz, do concello de Abadín.

O: monte de utilidade pública nº 44 Tremoal e Fraga das Vigas, da parroquia de Labrada, do concello de Abadín.

c) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos terreos de Espiñeira e lagoa de Cospeito, do concello de Cospeito. A delimitación correspondente é a seguinte:

N: termo do concello de Vilalba, ata o punto de cruzamento da estrada de Rábade a Montecelos por Cospeito, en Guisande.

L: estrada de Rábade a Moncelos por Cospeito.

S: estrada de Rábade a Montecelos por Cospeito, vila de Feira do Monte e estrada de Cospeito a Vilalba, ata a ponte de Sistallo.

O: pista da ponte de Sistallo á casa de Angulo da Espiñeira, ata o límite co concello de Vilalba.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos terreos do monte de Veral, propiedade da Comunidade Autónoma de Galicia, parroquia do Veral, concello de Lugo. A delimitación correspondente é a seguinte:

N: estrada de Lugo a Friol e río Mera.

L: propiedades particulares da parroquia de San Xoán do Alto.

S: propiedades de veciños de San Xoán do Alto e camiño de Avelaidas.

O: río Mera, monte da parroquia do Veral, e propiedades dos veciños do Veral.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no monte Paramedela no concello da Pobra de Brollón. A delimitación correspondente é a seguinte:

N: monte de Salcedo a Bairán.

L: monte de Salcedo a Bairán.

S: monte de Salcedo a Bairán e río Lor, concello de Quiroga.

O: monte de Salcedo e Bairán e río Loureiro.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no monte Bibei, concello de Quiroga. A delimitación correspondente é a seguinte:

N: monte de Enciñeira.

L: provincia de Ourense, monte comunal e propiedades particulares.

S: provincia de Ourense.

O: río Bibei, propiedades particulares, regato de Cavados e estrada de Ourense a Ponferrada.

g) Queda prohibido o exercicio da caza na Devesa de Rogueira, sito en Moreda-O Courel, coa seguinte delimitación:

N: monte e prados en Moreda.

L: monte de Moreda e de Vieña, ata o pico de Formigueiros.

S: termo municipal de Quiroga ata Corga de Mosa e monte de Ferreiros ata Pico Polín.

O: monte de Parada.

h) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na ría de Foz, nos límites territoriais que se sinalan a continuación:

N: boca da ría desde Punta do Cabo ata Punta de San Bartolomeu.

L: desde o punto anterior pola beira leste da praia de Altar á de Tupido, estrada de Viladaide e Aspera e camiño á igrexa de San Cosme de Barreiros, estrada ao Vilar, ferrocarril Ferrol-Gijón ata o camiño de dirección N-S á estrada comarcal 642 de Ferrol por Ortigueira.

S: estrada C-642, a Espiñeira e Ponte da Espiñeira.

O: desde a Ponte de Espiñeira, pola estrada C-642 ata Fondós, baixada á Punta de Malatel e beira da ría ata Punta do Cabo.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na Veiga de Pumar, concello de Castro de Rei. A delimitación correspondente é a seguinte:

N: termo municipal de Cospeito, pola estrada de Rocelle a Porto do Monte e en liña recta ao Porto de Boraño, no río Miño.

L: río Miño ata 200 metros augas abaixo da desembocadura do regato de Pumar, na presa de Oroxe, predios particulares ata o cruzamento da estrada de Xustas a Oroxe.

S: estrada de Oroxe a Almudia.

O: estrada de Almudia a Arneiro ata o límite do termo municipal de Castro de Rei.

j) Queda prohibido o exercicio da caza nos terreos que integran as Lagoas do Pedroso, parroquias de Pazos e Illán, no termo municipal de Begonte, cos seguintes límites:

N: pista de acceso desde O Pedroso ata a confluencia co río Ladra.

L: pista que comunica os lugares de Riocaldo e O Pedroso.

S: nacional VI.

O: río Ladra.

3. Ourense:

a) Queda prohibida a caza nas augas e marxes de dominio público do encoro das Conchas, nos termos municipais de Bande, Lobeira e Muíños.

b) Queda prohibida a caza nas augas e marxes de dominio público do encoro de San Martiño, nos termos municipais de Larouco, Petín e A Rúa.

c) Queda prohibida a caza nas augas e marxes de dominio público do encoro de Castrelo de Miño, nos termos municipais de Ribadavia, Castrelo de Miño e Cenlle, desde os lugares de Sanín e Oleiros ata o encoro.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro do Lindoso nos termos municipais de Lobios, Entrimo.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Salas nos termos municipais de Muíños e Calvos de Randín.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no Parque Natural do Invernadeiro, o termo municipal de Vilariño de Conso, de acordo co Decreto 166/1999, do 27 de maio, polo que se aproba o PORN.

g) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na finca Salgueiros, no termo municipal de Muíños, pertencente ao Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés.

h) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas zonas de reserva integral do Parque Natural da Baixa Limia-Serra do Xurés, de acordo co Decreto 27/1993, do 11 de febreiro, no que se declaran como parque natural os citados terreos.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nos terreos incluídos na zona de influencia de explotación de áridos da comarca da Limia, termo municipal de Sandiás, de acordo co plano existente no plan de recuperación das Areeiras da Limia, entre a pista norte, que bordea as explotacións de áridos e o río Limia.

j) Queda prohibido o exercicio da caza nos terreos que comprenden o predio da Edreira e Nabuíñas, no termo municipal de Laza.

4. Pontevedra:

a) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no Parque Natural das illas Cíes e na illa de Ons.

b) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público da enseada de San Simón, formada polo entrante da ría de Vigo ata a ponte de Rande, sobre o estreito de Rande.

c) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas augas mariñas, illotes e zona litoral de dominio público así como a zona marítima do complexo intermareal de Umia-O Grove-A Lanzada-Punta Bodeira, como consecuencia de que foi declarada polo Consello de Ministros como zona húmida incluída no Convenio Internacional de Ramsar.

d) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza nas zonas norte e sur das Gándaras de Budiño, sitas no concello do Porriño:

N: estrada que parte da estrada N-550 en dirección Santo André.

S: estrada que parte da N-550 en dirección Madanela.

L: N-550 e estrada de acceso ao polígono das Gándaras.

O: a división entre a vexetación da zona húmida e os piñeiros, matogueira e terras de cultivo. Camiño que parte da estrada que marca o límite norte e que atravesa Centeáns, Quintela, e chega ata Madanela.

e) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no encoro de Pontillón do Castro, sito no concello de Pontevedra e cunha superficie de 31,5 ha delimitadas polos seguintes lindeiros:

N: pista forestal contigua ao encoro.

L: pista forestal contigua ao encoro que continúa a anterior.

S: estrada comarcal de Pontevedra ao encoro, desde a confluencia coa pista anterior ata o dique daquel.

O: liña imaxinaria paralela ao límite dos terreos propiedade do concello de Pontevedra, a unha distancia de 250 m que parte do dique do encoro.

f) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona sur da illa de Arousa, denominada punta de Carreirón, cos seguintes límites:

N: enseada da Brava e praia de Salinas.

L: liña de costa.

S: liña de costa.

O: liña de costa.

g) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona denominada Baixo Miño e illa Canosa, cos seguintes límites:

N: pola pista que delimita o piñeiral da praia de Camposancos, segue pola faixa aberta polo tendido eléctrico de alta tensión, segue ata o campo de deportes, continúa por toda a zona húmida, desde a pista que sae de Pasaxe ata a ponte do río Tamuxe.

E: río Tamuxe.

S: río Miño.

O: océano Atlántico e punta de Santa Tegra.

h) Illa Canosa e Morraceira do Grilo en toda a súa extensión.

i) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza no parque natural del monte Aloia, en Tui.

j) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na zona de Val Miñor, cos seguintes límites:

N: estrada PO-340, desde a desviación para Mañufe ata monte Lourido.

S: estrada de Mañufe á ermida Sta. Marta.

L: estrada e ponte desde Mañufe á estrada PO-340.

O: zona marítima desde a Ermida de Santa Marta ata os illotes de Garza e monte Lourido.

k) Queda prohibido o exercicio de toda clase de caza na Xunqueira de Alba, no termo municipal de Pontevedra, cos seguintes límites:

N: pista de Ponte Cabras ata a autoestrada A-9.

S: río Lérez.

L: pista desde as Corrientes pasando pola Ponte do Maxeiro, Rúa da Gándara, ata Ponte das Cabras.

O: autoestrada A-9.

Disposición adicional

Única.-O plan de aproveitamento cinexético anual deberá de presentarse nos servizos de Conservación da Natureza, no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Conservación da Natureza para modificar o inicio ou o remate dos períodos de caza sinalados, cando haxa razóns especiais que o xustificasen, así como para ditar as normas necesarias para o desenvolvemento e aplicación desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2005.

José Manuel Barreiro Fernández

Conselleiro de Medio Ambiente

ANEXO I

Relación de especies cazables comercializables no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Aves:

Anas plathyrhynchos: pato real.

Alectoris rufa: perdiz rubia.

Phasianus colchicus: faisán común.

Columba palumbus: pombo torcaz.

Columba oenas: pomba zura (1).

Coturnix coturnix: paspallás (1).

Mamíferos:

Lepus granatensis: lebre.

Oryctolagus cuniculus: coello.

Vulpes vulpes: raposo.

Sus scrofa: xabaril.

Cervus elaphus: cervo.

Capreolus capreolus: corzo.

Dama dama: gamo.

Ovis ammon musimon: muflón (*).

(1) Só os exemplares procedentes de explotacións industriais.

(*) Especie incluída no convenio de Washington.

ANEXO II

Concellos da provincia da Coruña:

Mañón

Ortigueira

Valdoviño

Ferrol

Neda

Narón

Fene

Moeche

San Sadurniño

Cedeira

Cariño

Cerdido

As Somozas

Cabanas

Pontedeume

A Capela

Mugardos

Ares

Concellos da provincia de Lugo:

Burela

Cervo

Muras

Ourol

O Vicedo

Viveiro

Xove

Alfoz

Foz

Lourenzá

Mondoñedo

O Valadouro

Abadín

Barreiros

Ribadeo

Riotorto

A Pontenova

Trabada

ANEXO III

Concellos da provincia de Ourense, que abranguen a antiga Lagoa de Antela:

Rairiz de Veiga

Vilar de Santos

Sandiás

Vilar de Barrio

Sarreaus

Xinzo de Limia

Trasmiras

Porqueira

Xunqueira de Ambía