DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 66 Xoves, 07 de abril de 2005 Páx. 5.660

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 23 de marzo de 2005 pola que se publica a convocatoria para a concesión de subvencións a escolas de música públicas.

A Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo, establece no seu artigo 39.5º que os estudos de música se poderán cursar, sen límite de idade, en escolas específicas. Estes estudos en ningún caso poderán conducir á obtención de títulos con validez académica e profesional.

A Orde da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria do 11 de marzo de 1993 (Diario Oficial de Galicia do 22 de abril) regula a creación e o funcionamento das escolas de música da Comunidade Autónoma de Galicia salientando a especial responsabilidade das corporacións locais nesta materia.

A notable demanda das ensinanzas de música xustifica o crecemento do número de escolas de titularidade pública para achegar á mocidade e afeccionados a posibilidade de cursar estes estudos, tanto para realizar unha actividade de formación artística como para continuar posteriormente estudos regrados de música en conservatorios ou centros autorizados.

Co fin de potenciar o funcionamento destas escolas de música das que son titulares determinados entes públicos, en virtude das atribucións que ten conferidas a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

DISPOÑO:

Primeiro.-Facer pública a convocatoria de axudas destinadas a subvencionar o funcionamento, no desenvolvemento das súas actividades docentes, das escolas de música que radiquen na Comunidade Autónoma de Galicia das que sexan titulares entes públicos, dende o 1 de xaneiro de 2005 ata o prazo límite de xustificación de gastos.

Segundo.-Poderán solicitar estas subvencións os titulares das escolas de música sinaladas no punto anterior que conten coa correspondente autorización da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ao final do prazo establecido para a presentación de solicitudes que se dispón no punto catro desta orde.

Terceiro.-O importe total das axudas será de trescentos noventa mil euros (390.000 euros) e librarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322E.460.0 da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais. Esta contía poderá incrementarse na medida en que exista crédito adecuado e suficiente nos orzamentos do exercicio económico do ano 2005.

En calquera caso a contía máxima da axuda por beneficiario non poderá superar a cantidade de trinta e dous mil euros (32.000 euros).

Cuarto.-As solicitudes, segundo o modelo de instancia e mailo anexo que figura nesta orde, xunto coa documentación xustificativa correspondente, dirixiranse ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria e presentaranse no rexistro xeral da consellería, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares que sinala o artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico

das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), no prazo de corenta días hábiles contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

A solicitude debe ir xunto coa seguinte documentación:

a) Breve memoria descritiva dos obxectivos que se pretenden alcanzar mediante as actividades que se realicen no ano 2005.

b) Fotocopia cotexada da tarxeta de identificación fiscal.

c) Orixinal ou fotocopia cotexada de certificación bancaria a nome do solicitante, na que conste o número de conta na que desexe que se lle ingrese, se é o caso, o importe da axuda.

d) Declaración xurada de ter solicitado, ou non, axuda para a mesma finalidade doutras administracións ou entes públicos.

Quinto.-Na valoración de solicitudes teranse en conta, polo menos, os seguintes aspectos:

1. Número de alumnos/as matriculados/as no curso 2004/2005

2. Número de especialidades instrumentais impartidas

3. Número de profesores/as e tempo de dedicación.

4. Dimensións das instalacións.

5. Volume de orzamento da escola de música.

6. Importe total que o centro percibe do alumnado no curso escolar 2004-2005 pola impartición de clases.

A concesión das subvencións realizarase mediante o réxime de concorrencia competitiva.

Sexto.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para complementar o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos solicitantes.

Calquera alteración que se produza nos datos contidos na documentación que se xunta á solicitude será comunicada polo solicitante á mencionada dirección xeral, para os efectos previstos no punto décimo segundo desta orde.

Sétimo.-Baixo a presidencia da directora xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais ou persoa en quen delegue, constituirase unha comisión encargada de valorar as solicitudes presentadas e que estará integrada por:

-O xefe do Servizo de Ensinanzas de Réxime Especial.

-O xefe do Servizo de Xestión Económica e Educación de Adultos.

-Un/unha representante da Inspección Central.

-Un/unha asesor/a de ensinanzas artísticas da Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais.

-Un/unha funcionario/a da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria que actuará como secretario/a con voz e sen voto.

A comisión poderá solicitar, en todo momento, a asistencia daqueles funcionarios que estime oportuno, que no caso de acudir ás reunións desta farano con voz e sen voto.

Oitavo.-A comisión elaborará unha proposta provisional de adxudicación das axudas que se notificará aos interesados para que estes, no prazo de dez días hábiles, poidan formular as alegacións que consideren oportunas. Valoradas as alegacións, a comisión elevará a proposta definitiva de adxudicación das axudas ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria para a resolución que proceda.

Noveno.-A orde de concesión de axudas ditada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de seis meses contados desde a publicación da convocatoria. As solicitudes denegadas serán motivadas.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

A resolución, que esgotará a vía administrativa, poderá ser obxecto de recurso de reposición no prazo dun mes, contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia, perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, segundo o disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro), modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro (BOE do 14 de xaneiro), ou ben os interesados poderán presentar directamente recurso contencioso-administrativo, perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da súa publicación, conforme se establece na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa (BOE do 14 xullo).

Décimo.-As subvencións estarán condicionadas aos orzamentos dispoñibles e irán destinadas a sufragar os gastos de carácter fixo e recorrente que se especifiquen no anexo.

O pagamento realizarase de conformidade co disposto nos artigos 16 e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia (Diario Oficial de Galicia do 11 de decembro). En todo caso, o beneficiario presentará antes do 15 de outubro de 2005 a xustificación completa.

Para que se poida dar curso aos libramentos, os solicitantes deberán achegar certificación do órgano que teña atribuídas as facultades de control, do cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda e da aplicación dos fondos destinados para tal efecto.

Ademais, de acordo co artigo 15.4º do mencionado Decreto 287/2000, do 21 de novembro, no momento da xustificación e, en calquera caso, antes do derradeiro pagamento, o beneficiario presentará unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para a mesma finalidade, das distintas admi

nistracións públicas competentes ou das súas entidades vinculadas ou dependentes.

A xustificación deberá facerse sobre a subvención total concedida e, de non facerse pola totalidade, minorarase a subvención en proporción á contía xustificada.

As xustificacións referidas serán dirixidas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela.

Décimo primeiro.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, a través dos servizos provinciais de inspección, realizará o seguimento da aplicación das subvencións nas escolas de música beneficiarias, facendo, cando menos, dúas visitas anuais.

Así mesmo, o beneficiario ten a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das subvencións.

Décimo segundo.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención ou, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión, tal como se establece no Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro (Diario Oficial de Galicia do 5 de novembro), polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Décimo terceiro.-Nas comunicacións, publicidade e propaganda das escolas de música que obteñan axuda, deberá figurar o logotipo da Xunta de Galicia, acompañado da seguinte expresión literal «Centro subvencionado pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria».

Décimo cuarto.-O beneficiario da axuda deberá proceder ao reintegro das cantidades recibidas e mais os xuros de demora, de conformidade co disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e polas causas que nel se citan.

Disposición adicional

No non previsto nesta orde haberá que aterse ao Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os artigos 78 e 79 do referido decreto lexislativo, modificados pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas de réxime financeiro e administrativo, así como ao Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, no que non se contrapoña.

Disposición derradeira

Facúltase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria