DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 06 de abril de 2005 Páx. 5.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL E TURISMO

ORDE do 28 de marzo de 2005 pola que se crean ficheiros automatizados de datos de carácter persoal existentes nesta consellería.

O artigo 20 da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal (BOE nº 298, do 14 de decembro), especifica que a creación, modificación ou supresión dos ficheiros das administracións públicas só poderán facerse mediante a disposición xeral correspondente.

Na súa virtude, a Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo

DISPÓN:

Primeiro.-Mediante a presente orde créase o ficheiro especificado no anexo, que contén a información exixida no artigo 20.2º da Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro, de protección de datos de carácter persoal para as disposicións de creación dos ficheiros.

Segundo.-O titular do órgano responsable destes ficheiros adoptará as medidas de xestión e organización que sexan necesarias, asegurando a confidencialidade, os dereitos e as obrigas recoñecidos na Lei orgánica 15/1999, do 13 de decembro.

Terceiro.-Os datos de carácter persoal, rexistrados nos ficheiros da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo, aos que se refire o anexo só serán utilizados para os fins expresamente previstos e por persoal debidamente autorizado.

Cuarto.-Os datos só poderán ser cedidos nos supostos expresamente previstos pola lei.

Disposición adicional

No caso de cesións dos datos aos servizos de estatística das administracións públicas haberá que ater

se, ademais, ao disposto na normativa vixente en materia estatística.

Disposición derradeira

Esta orden entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 28 de marzo de 2005.

Jesús Pérez Varela

Conselleiro de Cultura, Comunicación Social

e Turismo

ANEXO

Ficheiros de nova creación da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

Sistema Integrado de Xestión de Centros Arquivísticos, Albalá, do Sistema de Arquivos de Galicia.

a) Finalidade do ficheiro e uso previsto: xestión integral de fondos documentais e dos procesos técnicos dos arquivos pertencentes ao Sistema de Arquivos de Galicia.

b) Persoas ou colectivos sobre os que se pretende obter datos de carácter persoal: usuarios do sistema de arquivos de Galicia e persoas físicas e xurídicas, públicas e privadas, produtoras de fondos documentais custodiados nos arquivos vinculados ao sistema ou cuxos datos persoais consten nestes fondos.

c) Procedemento de recollida de datos: formulario da aplicación informática a través da introdución directa dos datos.

d) Estrutura básica dos ficheiros: base de datos.

e) Cesión de datos: ningunha.

f) Órganos responsables do ficheiro:

Responsabilidade compartida entre:

-Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

-Dirección Xeral de Patrimonio Cultural.

-Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo.

g) Os dereitos de acceso, rectificación, cancelación e oposición de datos que constan no ficheiro poderán exercerse, se é o caso, ante a Secretaría Xeral da Consellería de Cultura, Comunicación Social e Turismo e a Dirección Xeral de Patrimonio Cultural no edificio administrativo de San Caetano s/n, 15771 Santiago de Compostela.

h) Medidas de seguridade: nivel básico.

i) Datos de carácter persoal recollidos:

1. No ficheiro de usuarios:

-Datos de carácter identificativo: DNI, nome e apelidos, enderezo, teléfono, correo electrónico.

-Datos de características persoais: nacionalidade e país de orixe.

-Datos académicos e profesionais: formación, titulacións, profesión, liñas de investigación.

-Datos relativos ao emprego: corpo/escala, categoría/grao, posto de traballo.

2. No ficheiro procedente da descrición dos fondos documentais:

-Datos de carácter identificativo das persoas físicas e xurídicas, públicas e privadas sobre as que se fan as descricións: DNI, NIF, CIF, nome e apelidos, enderezo postal, teléfono, correo electrónico.

-Datos de características persoais das persoas físicas e xurídicas, públicas e privadas sobre as que se fan as descricións: lugar e data de nacemento, nacionalidade e país de orixe.

-Datos académicos e profesionais: formación, titulacións.

Datos de información comercial: actividades e negocios.

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN

LOCAL