DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 65 Mércores, 06 de abril de 2005 Páx. 5.589

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 29 de marzo de 2005 pola que se prorroga o mandato dos órganos de goberno dos consellos reguladores das denominacións de calidade do ámbito agroalimentario.

A disposición transitoria cuarta da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e defensa da calidade alimentaria galega, sinala que os consellos reguladores existentes no momento da súa entrada en vigor, deben adaptar os seus regulamentos ao que dispón a lei nun prazo de dous anos.

Unha das características principais da nova configuración dos consellos reguladores é a súa conversión en corporación de dereito público con personalidade xurídica de seu, aos cales se lles encomenda, entre outras funcións, a organización dos procesos de elección dos seus órganos de goberno.

Actualmente a Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural está ultimando os proxectos de decreto de desenvolvemento da devandita lei, como paso previo á adaptación dos regulamentos das denominacións de calidade ás novas circunstancias, co obxectivo de que todas estas modificacións estean rematadas antes do prazo de dous anos mencionado. Isto pode supoñer que durante o período de adaptación se produza a finalización do mandato dos órganos de goberno dalgúns consellos reguladores.

Faise necesario, pois, que nestes supostos se prorrogue o seu mandato, para dar continuidade á representación legal dos órganos de goberno dos consellos reguladores do ámbito agroalimentario.

Polo tanto, de acordo coas consideracións expostas e co disposto no artigo 30.I.3 e 4 do Estatuto de autonomía de Galicia, e en uso das competencias que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Esta orde é de aplicación aos consellos reguladores das distintas denominacións xeográficas de calidade (denominacións de orixe, indicacións xeográficas protexidas e denominacións xeográficas de bebidas espirituosas) do ámbito agroalimentario, así como ao da agricultura ecolóxica de Galicia.

Artigo 2º.-Prórroga dos mandatos.

Prorrógase a vixencia dos órganos de goberno dos consellos reguladores que finalicen o seu mandato durante o período de adaptación dos seus regulamentos que establece a disposición transitoria cuarta da Lei 2/2005, do 18 de febreiro, de promoción e

defensa da calidade alimentaria galega. Esta prórroga estenderase ata o momento en que se produza a toma de posesión dos novos órganos de goberno elixidos mediante a convocatoria electoral correspondente.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguiente ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 29 de marzo de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO