DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2005 Páx. 5.243

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 18 de marzo de 2005 pola que se convocan unhas xornadas sobre a contratación e fiscalidade das sociedades de xestión urbanística.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse, en colaboración coa Revista de Derecho Urbanístico y Medio Ambiente unhas xornadas sobre a contratación e fiscalidade das sociedades de xestión urbanística, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Analizar o réxime xurídico das sociedades municipais de xestión urbanística, unha das cuestións de maior interese no eido do dereito urbanístico. Sen dúbida, este tipo de sociedades estase constituíndo, paulatina pero decididamente, nunha vía de intervención pública áxil, cada vez de maior importancia no día a día do desenvolvemento urbanístico, o que xustifica, pola relevancia deste tema, a convocatoria desta actividade.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-A creación das sociedades municipais de xestión urbanística. A iniciativa económica local como presuposto da actividade das sociedades municipais de xestión urbanística. Especialidades procedementais na iniciativa económica local. Dereito da competencia e sociedades municipais de xestión urbanística.

-Estatuto xurídico das sociedades de xestión urbanísticas: constitución e aspectos organizativos. Réxime de persoal. Alcance da capacidade de obrar. Réxime patrimonial. Modalidades de actuación. Análise da lexislación aplicable estatal e de Galicia.

-Réxime fiscal das sociedades de xestión urbanística.

-Financiamento das sociedades de xestión urbanística.

-Réxime de contratación das sociedades de xestión urbanística.

-Vivenda protexida e sociedades de xestión urbanística. A xestión do patrimonio municipal do solo polas sociedades municipais de xestión urbanística.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ferrol, sito na praza Camilo José Cela, s/n, da citada cidade, os días 19 e 20 de abril de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o venres, día 15 de abril de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por telefax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, se quedan prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión chamando por teléfono o día 18 de abril, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40 .

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a elas, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 18 de marzo de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración Pública