DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2005 Páx. 5.233

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 53/2005, do 10 de marzo, polo que se aproba a constitución do consorcio para a xestión e explotación da rede básica de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela.

As entidades locais galegas poden constituír consorcios locais coa Xunta de Galicia, con outras administracións públicas para fins de interese común ou con entidades privadas sen ánimo de lucro; consorcios dotados de personalidade xurídica propia e de capacidade para o cumprimento dos seus fins específicos, que veñen determinados nos seus estatutos.

Os consorcios locais, como fórmula de cooperación e colaboración, constitúen un medio idóneo para a prestación de determinados servizos que excedan da capacidade individual dos municipios.

Con esta idea preténdese constituír o consorcio para a xestión e explotación da rede básica de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela, integrado polo Organismo Autónomo Augas de Galicia e os concellos de Cervo e Burela.

Examinado o texto dos estatutos que rexerán o consorcio e demais documentación ao respecto, constátase que a súa aprobación se realizou conforme o disposto nos artigos 196, 150 e seguintes, así como o 137 e seguintes, todos eles correspondentes á Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia.

Polo exposto e en aplicación do artigo 196 da Lei 5/1997, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º

Ratificar a resolución do conselleiro de Medio Ambiente, do 15 de xullo de 2003.

Artigo 2º

Aprobar os estatutos do consorcio para a xestión e explotación da rede básica de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela, sendo o seu texto o que se recolle no anexo a este decreto.

Disposición derradeira

Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Xesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local

ANEXO

Estatutos do consorcio para a xestión e explotación

da rede básica de abastecemento de auga aos

concellos de Cervo e Burela

Capítulo I

Constitución, obxecto e coordinación

interadministrativa

Artigo 1º

1. Constitúese o consorcio para a xestión e explotación da rede básica de abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela, que estará integrado polos concellos de Cervo e Burela e por Augas de Galicia, organismo autónomo adscrito á Consellería de Medio Ambiente da Xunta de Galicia, para o cumprimento dos fins establecidos nestes estatutos e de conformidade cos acordos correspondentes dos seus órganos de goberno.

2. O consorcio ten personalidade xurídica propia e goza de autonomía plena para xestionar a actividade que lle é propia, conforme o establecido no texto refundido en materia de réxime local (Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril) e no artigo 37.2º do Regulamento de servizos das corporacións locais (Decreto do 17 de xuño de 1955).

3. Poderá participar tamén no consorcio, na proporción que se determine, calquera outra Administración pública ou entidade privada sen ánimo de lucro que teñan finalidades de interese público concorrentes coas do consorcio, e que por proposta do Consello Reitor, sexa aceptada polas entidades fundadoras, atendendo o disposto no punto 5º do artigo 6 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (30/1992, do 26 de novembro), artigo 110.1º do texto refundido en materia de réxime local (Real decreto lexislativo 781/1986, do 17 abril).

Artigo 2º

O consorcio réxese por estes estatutos, polos seus regulamentos de réxime interior, que deberán someterse en todo caso ao previsto na normativa vixente de aplicación, e, naquilo que non estea previsto, pola lexislación do réxime local e aquelas normas administrativas que resulten de procedente aplicación en atencións ás administracións públicas que se consorcian, así como polo dereito mercantil, civil e laboral, nos casos en que proceda.

En atención ao seu obxecto, o consorcio estará así mesmo ao disposto na normativa reguladora das augas, no Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que aproba o texto refundido da Lei de augas, así como a Lei 8/1993, do 23 de xuño, reguladora da Administración hidráulica de Galicia, así como a normativa de desenvolvemento.

Artigo 3º

O consorcio terá a súa sede no Concello de Cervo ser prexuízo de poder constituír delegacións noutros lugares.

Artigo 4º

O ámbito territorial do consorcio é o comprendido polos termos dos municipios que se consorcian.

Artigo 5º

O consorcio pode utilizar, respecto dos servizos que se lle encomendan, calquera das formas de xestión previstas na lexislación básica de réxime local e no artigo 295 da Lei de Administración local de Galicia.

Artigo 6º

O consorcio, na súa calidade de entidade pública con personalidade xurídica propia, goza das atribucións inherentes a esta condición e exérceas no marco do establecido nestes estatutos e nas normas legais que lle son de aplicación. O consorcio presenta, particularmente, as seguintes atribucións:

a) A capacidade de organizarse internamente creando, modificando ou suprimindo os diversos servizos, establecendo a súa estrutura e réxime de funcionamento; para este efecto, o consorcio pode aprobar regulamentos de réxime interno.

b) Contratar o persoal, as obras, os servizos e subministracións que sexan necesarios.

c) Levar a cabo a actividade financeira, concretar operacións de crédito ou endebedamento e emitir obrigas con aval ou sen el.

d) Adquirir, posuír, dispoñer, arrendar e administrar todo tipo de bens mobles e inmobles, así como gravalos, hipotecalos, constituír peñor ou outras garantías.

e) Aceptar legados, herdanzas, doazóns, subvencións e axudas, tanto se proveñen de entidades ou persoas públicas canto privadas.

f) Exercer as accións xudiciais e administrativas que sexan necesarias en defensa dos seus intereses e dereitos.

g) Participar legalmente noutras entidades públicas ou privadas, incluso en sociedades mercantís, sempre que a súa actividade se dirixa a finalidades análogas ás do consorcio.

Artigo 7º

O consorcio ten por obxecto:

a) A xestión e explotación da rede básica de abastecemento de auga, en alta, ata os depósitos municipais respecto do ámbito territorial delimitado no artigo 4º destes estatutos.

b) O estudo das necesidades en orde ao abastecemento de auga da zona especificada na letra anterior e a elaboración dos correspondentes proxectos para a satisfacción daquelas.

c) A solicitude dos títulos administrativos pertinentes para abastecementos de augas e, se é o caso, verquidos, así como a execución, conservación e explotación das correspondentes obras e instalacións.

d) O asesoramento técnico para o establecemento e explotación das redes locais.

e) Non obstante, o consorcio, por petición de calquera dos municipios consorciados, poderase facer cargo directamente tanto da xestión de abonados das súas respectivas redes locais canto do mantemento e explotacións destas.

Artigo 8º

Para o mellor cumprimento dos seus fins, o consorcio creará unha organización técnica que terá ao seu cargo as seguintes funcións:

a) Confeccionar un plan xeral das redes locais de abastecemento, en colaboración cos servizos municipais.

b) Colaborar e asesorar debidamente aos municipios consorciados, cando así o soliciten, e, se é o caso, realizar os proxectos e dirixir as obras das redes locais, cando así o soliciten os ditos concellos.

c) Efectuar, en conexión cos servizos económicos e administrativos do consorcio, a xestión de abonados dos municipios consorciados, e o mantemento e a explotación das redes locais de distribución de auga, sempre que o soliciten os concellos respectivos e as posibilidades do consorcio o permitan.

Artigo 9º

O consorcio coordinará as súas actividades, nas materias que constitúen o seu obxecto, coas das administracións consorciadas, tanto nos períodos de estudo, planificación e execución, canto nos de organizacións e xestión do servizo.

Para estes efectos as administracións que o integran comprométense a poñer en coñecemento do consorcio toda iniciativa que tomen sobre aquelas materias e a coordinala coas que adoptará o consorcio que tivesen o mesmo obxecto ou que técnica ou economicamente fosen incompatibles con elas.

Artigo 10º

1. As concesións administrativas de uso das augas, que formen parte da rede básica de abastecemento, que foran outorgadas aos concellos integrantes do consorcio, así como as obras derivadas daquelas, serán incorporadas a este mediante a oportuna cesión do dereito do seu titular para poder ser incorporados ao patrimonio do consorcio.

As devanditas concesións recolleranse nos inventarios a que fai referencia a disposición derraderia primeira destes estatutos.

2. Os concellos consorciados conservarán a propiedade das redes e instalacións de distribución a usuarios directos e das internas das súas respectivas poboacións, en tanto non decidan incorporalas ao consorcio nas condición que se acorden e o consorcio acepte aquela incorporación.

Para tal efecto, entenderase por rede interna a de abastecemento ao propio termo municipal.

3. Nas condicións que sexan acordadas entre o consorcio e o concello respectivo, aquel poderá subrogarse nos dereitos e obrigas deste.

Artigo 11º

1. Todos os estudos, proxectos, obras e instalacións que financie ou realice o consorcio serán da súa propiedade sen prexuízo de poder cedelos aos respectivos concellos consorciados, nos casos en que os ditos estudos, proxectos, obras e instalacións ser refiran ás redes de distribución locais.

2. Así mesmo, o consorcio será titular das concesións de augas que se obteñan para abastecemento a varias poboacións conforme o disposto no artigo 89 do Real decreto lexislativo 1/2001, do 20 de xullo, polo que se aproba o texto refundido da Lei de augas.

Capítulo II

Réxime orgánico e funcional

Artigo 12º

1. Son órganos de goberno e xestión do consorcio:

O Consello Reitor.

A Comisión Executiva.

A Xerencia.

2. Mediante regulamentos de réxime interior, ou por acordo puntual do Consello Reitor, poderase instituír e regular outros órganos de asesoramento, información ou xestión.

Artigo 13º

O Consello Reitor é o órgano superior de goberno e asumirá a administración final do consorcio. Estará integrado polos seguintes membros:

* Presidente, que será designado polo conselleiro de Medio Ambiente, de entre os órganos de goberno e administración dos entes especiais que integran a Administración Hidráulica de Galicia.

* Vicepresidente, elixido entre os dous vogais designados pola Consellería de Medio Ambiente.

* Vogais:

-Catro representantes dos concellos, a razón de dous por cada un dos concellos de Cervo e Burela. Estes representantes serán elixidos, de conformidade coa normativa reguladora do réxime local, mediante acordo adoptado polo pleno da entidade local correspondente.

-Dous representantes designados polo conselleiro de Medio Ambiente, de entre os órganos de goberno e administración dos entes especiais que integran a Administración Hidráulica de Galicia.

Serán tamén vogais, con voz e sen voto, o xerente ou xerentes do consorcio.

Artigo 14º

Os membros do Consello Reitor serán nomeados por un período de catro anos, renovables, podendo ser revogados libremente e en calquera momento pola autoridade competente para o seu nomeamento.

Artigo 15º

1. O Consello Reitor posúe as máximas facultades en relación co goberno e a supervisión do consorcio, sen máis limitacións que as que lle poidan impoñer as institucións constitutivas deste.

En particular, ten as seguintes atribucións:

a) Fixar as directrices e os criterios xerais, así como os obxectivos e as prioridades da actuación do consorcio e das súas entidades dependentes, e aprobar a súa planificación e programación.

b) Exercer o control superior da actuación do consorcio e dos seus órganos, ordenar as medidas correitoras ou de mellora que crea necesarias e aprobar as contratacións e os convenios de cooperación ou

colaboración con outras entidades, institucións ou persoas que subscribira o consorcio.

c) Aprobar anualmente o orzamento do consorcio, as contas e liquidacións dos orzamentos vencidos.

d) Autorizar os gastos plurianuais que excedan do que estea previsto no orzamento.

e) Aprobar a dotación de persoal e calquera modificación que se produza nela.

f) Aprobar, modificar ou suprimir as tarifas ou os prezos dos diferentes servizos que preste o consorcio.

g) Aprobar os regulamentos de réxime interior que desenvolvan estes estatutos.

h) Aprobar a forma de xestión pola que se deben rexer os diversos servizos ou ramas de actividade do consorcio, así como aprobar os respectivos estatutos e ordenanzas de funcionamento.

i) Nomear o xerente ou xerentes do consorcio.

j) Dispoñer e allear bens e dereitos do consorcio e transixir sobre estes.

k) Propoñer a admisión de novos membros ao consorcio.

l) Propoñer a modificación dos estatutos, así como a disolución do consorcio.

2. En relación coas cláusulas c) e d) da alínea anterior, os aspectos que comporten compromisos económicos das entidades consorciadas deberán contar coa aprobación previa da entidade correspondente. Para os supostos de falta de pagamento dos compromisos económicos adquiridos, o seu presidente poderá dirixirse á Comunidade Autónoma para a retención dos fondos da entidade consorciada debedora e o seu ingreso na facenda do consorcio.

3. O Consello Reitor pode delegar parte das súas funcións noutros órganos do consorcio.

Artigo 16º

1. O Consello Reitor reúnese ordinariamente unha vez cada semestre e, con carácter extraordinario, sempre que o presidente o considere oportuno por propia iniciativa ou a solicitude dun dos concellos. Neste último caso, a celebración da sesión non poderá demorarse por máis de dous meses desde que fora solicitada.

2. A celebración das convocatorias ordinarias e extraordinarias conterá a orde do día, e indicará a data, o lugar e a hora de celebración.

3. As sesións convocaranse, polo menos, con dous días hábiles de antelación, salvo as extraordinarias que o foran con carácter urxente, a convocatoria das cales con este carácter deberá de ser ratificada polo Consello Reitor. A documentación íntegra dos asuntos incluídos na orde do día, que deba de servir de base á sesión, deberá figurar a disposición dos membros do Consello Reitor, desde o mesmo día da convocatoria, na secretaría do consorcio.

4. Á convocatoria das sesións achegaranse a orde do día comprensiva dos asuntos que se tratarán co suficiente detalle, e os borradores de actas de sesións anteriores que deben de ser aprobadas na sesión.

5. Para a válida constitución, en primeira convocatoria, do consello, para efectos da celebración de sesións, deliberacións ou toma de acordos, requirirase a presencia do presidente e secretario, ou, se é o caso, dos que os substitúan, e a de a metade dos seus membros. En segunda convocatoria, abondará coa presenza de tres membros.

Non se pode celebrar a sesión sen a presenza do presidente e o secretario ou, se é o caso, das persoas que os substitúan.

Artigo 17º

1. Os acordos do Consello Reitor serán adoptados pola maioría simple dos votos emitidos, sen prexuízo do disposto no artigo 47 da Lei de bases do réxime local.

Para o caso de votacións co resultado de empate, efectuarase unha nova votación, e se persiste o empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

2. Non poderá ser obxecto de deliberación ou acordo ningún asunto que non figure incluído na orde do día, salvo que estean presentes todos os membros do Consello Reitor e sexa declarada a urxencia do asunto polo voto favorable da maioría.

3. O réxime das actas estará ao disposto no artigo 27 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común sen prexuízo do disposto no artigo 2º destes estatutos.

Artigo 18º

Corresponden ao presidente do Consello Reitor as seguintes atribucións:

a) Desempeñar a máxima representación do consorcio.

b) Convocar, presidir e dar por rematadas as reunións ordinarias e extraordinarias do Consello Reitor e dirixir as deliberacións, así como fixar a correspondente orde do día, tendo en conta, se é o caso, as peticións dos demais membros formuladas coa suficiente antelación.

c) Propoñer a presenza nas reunións do Consello Reitor dos asesores e técnicos que coide pertinentes, para que informen sobre cuestións determinadas.

d) Propoñer aos órganos de goberno do consorcio as resolucións que lles corresponden na esfera das súas competencias, e procurarlles a información necesaria para a toma de decisións.

e) Visar as actas das reunións do Consello Reitor e dar o visto e prace ás certificacións que entregue o secretario.

f) Exercer a representación xudicial do consorcio.

g) Velar pola execución dos acordos e resolucións doutros órganos de goberno do consorcio.

h) Concertar e asinar os compromisos económicos necesarios ou convenientes para o funcionamento do consorcio que estean comprendidos no orzamento vixente por acordo dos órganos competentes.

i) Desenvolver todas as demais facultades que lle delegue o Consello Reitor.

Artigo 19º

1. O presidente poderá delegar no vicepresidente todas as súas atribucións, agás a comprendida na alínea f), e no xerente ou xerentes, respecto dos servizos que teñan encomendados, as comprendidas nas alíneas g) e h) do artigo anterior.

2. O vicepresidente substituirá o presidente nas súas ausencias.

Artigo 20º

A Comisión Executiva estará integrada polos seguintes membros:

a) Presidente, que será o mesmo presidente do Consello Reitor ou ben o vicepresidente deste mesmo órgano, en substitución daquel.

b) Catro vogais, dos cales dous o serán en representación e por designación de Augas de Galicia e outros dous en representación e por designación dos concellos consorciados, designados de maneira rotatoria, por acordo destas corporacións. O Consello Reitor determinará a periodicidade da rotación así como as quendas que nesta lle corresponda a cada un destes concellos.

c) O xerente ou xerentes do consorcio, con voz e sen voto.

Artigo 21º

1. A Comisión Executiva ten as seguintes atribucións:

a) Elaborar e presentar ao Consello Reitor os proxectos de orzamento e o programa de acción para a súa aprobación, e someterlle as contas e as auditorías.

b) Levar a cabo a xestión económica e orzamentaria e autorizar ordinariamente os gastos, as contratacións e as obrigas en xeral, así como autorizar as operacións de crédito cando a súa contía estea na franxa que se determine no orzamento.

c) Aprobar a organización do consorcio e dos seus servizos e controlar a actividade deste.

d) Propoñer ao Consello Reitor os convenios de cooperación ou colaboración con outras entidades, institucións e persoas.

e) Aceptar subvencións, doazóns, achegas, herdanzas e legados feitos a prol dos diversos servizos ou entidades en particular, ou a favor do consorcio xeral.

f) Allear e gravar os bens propios que non superen a cantidade que se determine nas bases de execución do orzamento.

g) Aprobar os proxectos de obras e as remodelacións que afecten aos diversos servizos do consorcio.

h) Exercer as accións xudiciais e administrativas necesarias para os intereses do consorcio.

i) Contratar e despedir o persoal correspondente á dotación do consorcio.

j) As outras que reciba en delegación, ou calquera outra non atribuída expresamente a outros órganos de goberno do consorcio.

2. A Comisión Executiva poderá delegar no xerente ou xerentes todo aquilo que considere oportuno e outorgarlles poderes con esta finalidade. Non obstante, en ningún caso serán delegables as atribucións das alíneas a), d) e j) da alínea anterior.

Artigo 22º

1. A Comisión Executiva será convocada con carácter ordinario unha vez cada dous meses e, con carácter extraordinario, sempre que o presidente o considere oportuno por propia iniciativa ou a solicitude dun dos concellos.

2. Para a válida celebración das sesións da Comisión Executiva en primeira convocatoria requirirase a presenza do presidente e secretario, ou daqueles que os substitúan e a de, polo menos, a metade dos seus membros.

3. Os acordos da Comisión Executiva serán adoptados por maioría simple de votos.

4. En materia de sesións, convocatorias, ordes do día, nulidade de acordos e actas, haberá que aterse ao disposto nos artigos 16º e 17º para o Consello Reitor.

Artigo 23º

Correspóndelle ao xerente ou xerentes o exercicio das seguintes funcións:

a) Executar e cumprir os acordos do Consello Reitor.

b) Dirixir e inspeccionar os servizos.

c) Representar administrativamente ao consorcio.

d) Ordenar os pagamentos que teñan consignación expresa.

Artigo 24º

No suposto de que o consorcio se organice, de todo ou en parte, en empresas ou organismos autónomos con personalidade diferenciada, as atribucións que neste capítulo II se asignan aos seus órganos de goberno poderán ser transferidas en todo aquilo que sexa necesario aos respectivos órganos das ditas empresas ou organismos.

Capítulo III

Réxime económico e orzamentario

Artigo 25º

Para a realización dos seus fins, o consorcio disporá dos seguintes recursos económicos.

a) Os ingresos que obteña pola explotación dos servizos directamente prestados aos usuarios, derivados da tarifa da auga que estes deberán subministrar.

b) Achegas dos entes consorciados, que en todo caso serán de carácter voluntario.

c) Rendemento dos seus servizos.

d) Subvencións e outros ingresos de dereito público ou privado.

e) Empréstitos e préstamos.

f) Aqueloutros legalmente establecidos.

Artigo 26º

1. O consorcio posúe un patrimonio vinculado ás súas finalidades específicas, integrado polos seguintes bens:

a) Aqueles que adquira o consorcio por calquera concepto.

b) Aqueles doados ou cedidos en propiedade polas entidades públicas ou privadas que integren o consorcio.

2. O consorcio ten capacidade para administrar e dispoñer libremente dos seus bens.

3. Así mesmo, o consorcio administra os bens de dominio público achegados polas administracións consorciadas mediante a oportuna adscrición destes por parte da administración titular, e sempre que se xustifique a súa necesidade para os fins perseguidos polo consorcio.

4. En relación cos bens adscritos e cedidos en uso, o consorcio asumirá as seguintes obrigas:

a) Atender os custos de conservación e mantemento.

b) Subrogarse nos contratos de subministración.

c) Asumir o pagamento de todos os tributos.

d) Asegurar a responsabilidade civil que derive do uso das instalacións, así coma de todas as actividades e manifestacións que se realicen nelas.

Artigo 27º

1. O consorcio desempeñará na materia as potestades e prerrogativas que son propias das administracións locais.

2. O consorcio pode utilizar a vía de constrinximento para recadar os ingresos de dereito público que xestione.

Artigo 28º

1. O consorcio elaborará anualmente un orzamento de gastos e de ingresos. A este documento acom

pañarase unha memoria do labor levado a cabo e dos obxectivos que se van acadar durante o exercicio e unha avaliación económica dos proxectos de investimentos que se deben iniciar no mesmo exercicio.

2. No caso de que o consorcio se organice en entidades ou empresas con personalidade diferenciada, os orzamentos destas consolidaranse no orzamento do consorcio. Tamén se consolidarán os estados financeiros de peche de exercicio, que serán obxecto da correspondente auditoría e serán enviados ás administracións consorciadas.

Artigo 29º

O control de legalidade do gasto e o control financeiro levaranse a cabo polos propios órganos do consorcio, mediante os mecanismos que se acorden, para a súa posterior supervisión polas administracións que o integran, sen prexuízo das competencias do Consello de Contas de Galicia e do Tribunal de Contas.

Artigo 30º

1. O proxecto de orzamento e a liquidación deste, unha vez finalizado o exercicio e previamente á súa aprobación por parte do Consello Reitor, serán enviados ás administracións públicas participantes xunto cunha memoria explicativa, co fin de que o estuden e formulen as propostas pertinentes.

2. Así mesmo, o consorcio enviará trimestralmente ás administracións consorciadas información económico-financeira que faga posible o coñecemento da evolución da actividade do consorcio.

Artigo 31º

As disposicións de fondos dos servizos organizados en fórmulas de natureza pública serán controladas mediante contas xustificativas.

Artigo 32º

O consorcio sométese ao Plan xeral de contabilidade pública.

Capítulo IV

Tarifa da auga

Artigo 33º

Será uniforme o prezo da tarifa de auga consumida, situada en puntos terminais nos que se tome polas entidades consorciadas.

1. A tarifa da auga distribuíble ás entidades que pola súa vez a subministren aos usuarios directos, deberá forzosamente incluír os gastos financeiros de primeiro establecemento, os custos de explotación e conservación ordinarios e extraordinarios, os custos de reposición, a creación de reservas para futuras ampliacións ou para afrontar grandes reparacións e calquera outros que repercutan sobre os custos da auga distribuída.

2. Partindo da tarifa de aplicación á subministración aos concellos consorciados, establecerase outra para os usuarios directos do consorcio, que

pola súa condición de grandes consumidores, por non ter capacidade para garantir a subministración ao concello en onde se sitúan e tras a autorización deste, reciban a auga das instalacións do consorcio dunha maneira directa e outra máis para a eventual subministración de auga aos concellos que, sen formar parte integramente do consorcio, poidan, en determinados momentos, demandar auga deste, garantindo a subministración dos concellos consorciados.

Capítulo V

Persoal

Artigo 34º

1. O consorcio contará cun secretario e un interventor que asistirán con voz e sen voto a reunións tanto do Consello Reitor canto da Comisión Executiva. Estes cargos serán exercidos polos secretarios e interventores de calquera dos concellos consorciados, e serán nomeados polo Consello Reitor por proposta do presidente.

2. Corresponde ao secretario:

a) Estender as actas correspondentes a cada sesión.

b) Asesoramento legal preceptivo do consorcio.

c) Dar fe de todos os actos e acordos.

d) Emitir certificados e actas.

3. Correspóndelle ao Interventor o control e fiscalización da xestión económico-financeira, orzamentaria e de contabilidade do consorcio.

Artigo 35º

1. O consorcio disporá do persoal necesario para o cumprimento dos seus fins. O número, categorías e funcións virán determinadas no cadro de persoal e na relación de postos de traballo.

2. As prazas do cadro de persoal e os postos de traballo serán creados, modificados, amortizados e definidos obxectivamente polo Consello Reitor, atendendo os principios de eficacia, eficiencia, economía, calidade do servizo e racionalización dos recursos.

Artigo 36º

1. O persoal do consorcio estará constituído por:

a) Persoal contratado polo consorcio baixo o réxime de dereito laboral. Na contratación do persoal observaranse os principios constitucionais de igualdade, mérito e capacidade e as normas legais que os desenvolven.

b) Persoal laboral que as administracións públicas intervenientes adscriban, respecto ao que se aplicará o mecanismo de sucesión de empresa, nos termos da lexislación laboral.

c) Persoal funcionario que as ditas administracións adscriban.

2. Os acordos do Consello Reitor referentes a condicións de traballo, dotación de persoal orzamentaria, catálogo e relacións de postos requirirán para a súa efectividade a ratificación polas administracións consorciadas.

Capítulo VI

Modificación dos estatutos

Artigo 37º

A modificación destes estatutos rexerase polo disposto nos artigos 143 e 151 da Lei de administración Local de Galicia.

Artigo 38º

No caso de que se incorporen novas entidades ao consorcio, o procedemento de admisión virá iniciado por solicitude dirixida ao presidente do consorcio ou directamente ao Consello Reitor que terá que aprobalo coa maioría establecida no artigo 17º.

Artigo 39º

1. O consorcio ten unha duración indefinida en función dos obxectivos e finalidades polos que foi constituído.

2. A disolución do consorcio producirase:

a) Por disposición legal.

b) Por imposibilidade de cumprir os seus fins consorciados.

c) Por transformación do consorcio noutra entidade.

d) Por resolución simultánea da maioría absoluta das administracións consorciadas, a iniciativa propia ou proposta do Consello Reitor.

Capítulo VII

Disolución do consorcio

Artigo 40º

1. O consorcio pode ser disolto axustándose ao procedemento establecido nos artigos 143 e 151 da Lei de administración local de Galicia.

2. No caso de que só unha das administracións consorciadas resolva a súa retirada do consorcio, este continuará vixente en relación coas demais entidades consorciadas, cando as haxa. No caso contrario, disolverase o consorcio.

Artigo 41º

1. No caso de retirada unilateral non reverten nin o patrimonio nin os investimentos feitos polo consorcio, as entidades ou iniciativas creadas por este, nin os bens e dereitos cedidos plenamente polas administracións ou entidades que o conforman ou por terceiros.

2. No caso de disolución do consorcio, as entidades que o constitúan designarán, conxuntamente, unha comisión que acordará o destino dos bens e dereitos a que fai referencia o punto anterior.

3. Coa disolución cesarán a representación de todos os seus órganos, para a realización de novos contratos e contraer novas obrigas.

Artigo 42º

1. No caso de disolución ou de retirada unilateral do consorcio, cada unha das entidades responde das achegas comprometidas puntualmente ou das previstas no último orzamento aprobado.

2. Así mesmo, a disolución do consorcio ou a retirada dunha das administracións consorciadas non implica a desaparición da responsabilidade subsidiaria en relación coas débedas contraídas e o déficit acumulado no momento da disolución ou retirada.

3. Os entes consorciados poderán separarse do consorcio cando estean ao corrente das obrigas e compromisos anteriores, garantan o cumprimento dos que están pendentes, e formule aviso previo nun prazo mínimo dun ano, sen deixar de cumprir os compromisos contraídos nese prazo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Os recursos e bens cedidos polas administracións fundadoras do consorcio relacionaranse en inventarios, especificándose en cada caso se se trata de cesión plena ou de simple adscrición.

Segunda.-A Xunta de Galicia cederá plenamente ao consorcio as instalacións das obras:

Abastecemento de auga aos concellos de Cervo e Burela (OH.227.315).

Esta cesión farase unha vez que as devanditas obras estean rematadas e o consorcio plenamente constituído.

Terceira.-En relación coas alíneas b) e c) do artigo 35º.1, o Consello Reitor establecerá a relación de prazas que serán cubertas polo persoal proveniente das administracións públicas consorciadas ou por persoal contratado en réxime de dereito laboral polo propio consorcio e os prazos en que se realizará esta incorporación, de acordo coa correspondente descrición e valoración dos postos de traballo e as posibilidades orzamentarias do consorcio.