DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2005 Páx. 5.230

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 23 de marzo de 2005 pola que se modifican as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, en réxime de concorrencia competitiva, e se convocan para o ano 2005.

O Regulamento (CE) 1493/1999, do Consello, do 17 de maio, establece a organización común do mercado vitivinícola; as disposicións de aplicación no relativo ao potencial de produción veñen previstas no Regulamento (CE) 1227/2000, da Comisión, do 31 de maio. No ámbito estatal, as medidas de desenvolvemento da normativa comunitaria están establecidas no Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, que regula o potencial de produción vitícola.

Pola súa banda, a Orde do 5 de setembro de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria regula os plans de reestruturación e reconversión do viñedo nesta comunidade autónoma, establecendo un réxime de axudas para a realización dos ditos plans.

A Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo e, en particular, o seu artigo 12, dá unha nova redacción ao artigo 78 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, establecendo que será un órgano colexiado quen formule a proposta de concesión de axudas no procedemento ordinario de concesión de subvencións en réxime de concorrencia competitiva. A aplicación do dito artigo 12 aconsella modificar o artigo 8º da orde do 5 de setembro de 2000 da Consellería de Agricultura, Gandería e Política Agroalimentaria, para os efectos de definir a composición do dito órgano colexiado.

Así mesmo e, previstas as bases reguladoras das axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, con vixencia indefinida, na Orde do 5 de setembro de 2000, cómpre realizar a convocatoria correspondente a este ano 2005.

En virtude do exposto, de conformidade co artigo 30.1.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é modificar a Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se regulan os plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia e convocar as axudas correspondentes ao ano 2005.

Sección primeira.-Modificación da Orde do 5 de setembro de 2000.

Artigo 2º

Introdúcense as seguintes modificacións na Orde do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan os

plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia:

1. Modificación do artigo 8º da orde do 5 de setembro de 2000.

O artigo 8º quedará redactado nos seguintes termos:

«Artigo 8º.-Resolución das solicitudes.

A resolución do expediente correspóndelle ao conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural a proposta dun órgano colexiado que avaliará as solicitudes presentadas e que estará presidido polo subdirector xeral de Explotacións Agrarias e integrada por tres funcionarios desa subdirección xeral con categoría non inferior a xefe de negociado, un dos cales actuará como secretario.

O prazo máximo para ditar e notificar a resolución será de seis meses contados desde o día seguinte ao da publicación no DOG da correspondente convocatoria. Transcorrido o dito prazo sen que se notificase a resolución, esta poderase entender desestimada.

Contra as resolucións expresas ou presuntas, que poñen fin á vía administrativa, poderase recorrer potestativamente en reposición ante o mesmo órgano que a ditase no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación no caso de resolucións expresas. No caso de que a resolución se entenda desestimatoria por silencio administrativo, o prazo será de tres meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

De non estimar a presentación deste recurso poderán os interesados interpoñer recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao de recepción da correspondente notificación, se a resolución é expresa. No caso de que a resolución se entenda desestimada por silencio administrativo, o prazo será de seis meses contados a partir do día seguinte ao que se produza o acto presunto.

2. Adición dunha disposición adicional única á orde do 5 de setembro de 2000.

Engádese unha disposición adicional co seguinte texto:

Disposición adicional

Única.-En todo o non previsto nesta orde, rexerá o disposto nos artigos 78 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, e o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, que o desenvolve.

Sección segunda.-Convocatoria das axudas para o ano 2005.

Artigo 3º.-Convocatoria.

Convócanse para o ano 2005, as axudas aos plans de reestruturación e reconversión de viñedo en Galicia, de acordo coas bases previstas na Orde do 5 de setembro de 2000, publicadas no DOG nº 175, do 8 de setembro, modificada no seu artigo 7 pola

orde do 27 de marzo de 2003, DOG nº 63, do 31 de marzo e coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.

Artigo 4º.-Condicións e finalidade.

1. Para poder acceder a estas axudas, deberanse cumprir os requisitos establecidos na Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se establecen as condicións de concesión de axudas para os plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde.

2. Estas axudas teñen por finalidade incentivar os plans de reestruturación e reconversión do viñedo, no marco do obxectivo xeral, establecido no artigo 11 do Regulamento (CE) 1493/1999 do Consello do 17 de maio, de adaptar la produción á demanda do mercado abranguendo algunha das accións seguintes:

a) Reconversión varietal.

b) Reimplantación de viñedos.

c) Melloras das técnicas de xestión do viñedo.

Artigo 5º.-Prazo e presentación das solicitudes de axuda.

1. As solicitudes de axuda presentaranse entre o 1 de abril e o 31 de maio de 2005, en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común e, preferentemente, nas oficinas agrarias comarcais da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural.

2. As solicitudes, documentación e procedemento de xestión das axudas serán os establecidos con carácter xeral na Orde do 5 de setembro de 2000 pola que se regulan os plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia, coas modificacións introducidas no artigo segundo desta orde, salvo o modelo de solicitude (anexo I) que será o establecido na Orde do 22 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo).

3. Para acreditar estar ao día nas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma de Galicia, o solicitante poderá optar por acudir individualmente á Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), á Tesouraría Xeral da Seguridade Social e á Consellería de Economía e Facenda para solicitar a expedición dos certificados acreditativos, ou ben poderá autorizar á Xunta de Galicia para que a solicite por vía informática. Neste último caso, deberá cubrir a autorización que figura como anexo I desta orde, e que sustitúe ao anexo II da Orde do 22 de marzo de 2002 (DOG nº 61, do 27 de marzo), e entregala co resto da documentación no momento de facer a solicitude de axuda.

Non obstante, quedan exentos de achegar os xustificantes do cumprimento das obrigas ás que se refire o artigo 78.4º c) do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, os beneficiarios das axudas especificadas no

artigo 41.1º g) da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

Artigo 6º.-Pagamentos anticipados.

No caso de solicitar o pagamento anticipado das axudas, rexerá o disposto no artigo 9.2º da Orde de 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) que establece que se poderán conceder anticipos das axudas cando se cumpran as seguintes condicións:

a) Cando se teña comezada a execución da medida específica. Para estes efectos, considérase que se ten comezada a dita medida cando se teña realizado o arrinque da plantación ou se achegue factura de compra de planta, ou se demostre ou verifique fidedignamente calquera outra operación de carácter irreversible.

b) Cando se teña constituída unha garantía por un importe igual ao 120%.

Artigo 7º.-Prazo e xustificación.

O cumprimento da finalidade para a que foi concedida a axuda xustificarase de conformidade e segundo os prazos previstos na Orde do 5 de setembro de 2000 (DOG nº 175, do 8 de setembro) pola que se regulan os plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia.

Artigo 8º-Financiamento.

1. As axudas aos plans de reestruturación e reconversión do viñedo en Galicia estarán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A

776.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

2. A súa dotación para o exercicio 2005 será de 3.700.000 euros. Para exercicios futuros, tamén con cargo á aplicación orzamentaria 09.03.614-A 776.1, disporase de 1.000.000 euros para o exercicio 2006, 600.000 euros para o exercicio 2007, 600.000 euros para o exercicio 2008 e 100.000 euros para o exercicio 2009. Estas dotacións poderán verse incrementadas con outros remanentes orzamentarios, sen prexuízo de posteriores variacións producidas como consecuencia de modificacións orzamentarias así como asignacións financeiras fixadas en consonancia co artigo 25 do Real decreto 1472/2000, do 4 de agosto, polo que se regula o potencial de produción vitícola.

3. En todo caso, a concesión das axudas reguladas nesta orde, estará limitada ás dispoñibilidades orzamentarias.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Produción e Sanidade Agropecuaria para ditar as instrucións que considere oportunas para o desenvolvemento e execución desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural

CONSELLERÍA DE CULTURA, COMUNICACIÓN SOCIAL

E TURISMO