DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 60 Mércores, 30 de marzo de 2005 Páx. 5.223

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 21 de marzo de 2005 de axudas aos concellos para a erradicación do chabolismo na Comunidade Autónoma de Galicia no exercicio de 2005.

O Decreto 266/1989, do 23 de novembro, desenvolve a Lei 5/1989, de medidas para a erradicación do chabolismo no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia.

Esta disposición regula o procedemento, abre o prazo de presentación das solicitudes, indica o importe máximo das axudas e a partida orzamentaria en que figuran os créditos que amparan esta orde, sinala a contía máxima das subvencións que se concederán para alugueres a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, e por último, en uso da autorización do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, de modificación do anterior, modifica os límites porcentuais das subvencións, establecidos no Decreto 266/1989, do 23 de novembro.

A disposición adicional segunda do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, faculta o conselleiro de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda para ditar, no ámbito das súas competencias, todas as disposicións que sexan necesarias para o desenvolvemento da devandita norma.

Logo dos informes preceptivos segundo o Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e en uso das referidas autorizacións,

DISPOÑO:

Artigo 1º

O importe máximo destas axudas será de 1.500.000 euros, dos cales 300.000 euros serán con cargo ao exercicio corrente e 1.200.000 euros serán con cargo ao seguinte exercicio orzamentario, sen prexuízo do seu reaxuste a anualidades posteriores en función do determinado nos correspondentes convenios.

Estas axudas instrumentaranse financeiramente durante este exercicio a través do crédito que figura consignado para esta finalidade na aplicación 06.60.331A.760.0 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

Cando, de conformidade co disposto no artigo 7 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, de medidas para a erradicación do chabolismo, a vía de actuación sexa a da promoción directa polo propio Instituto Galego da Vivenda e Solo, as actuacións financiaranse durante este exercicio con cargo á aplicación 06.60.331A.607.1 do vixente orzamento de gastos do Instituto Galego da Vivenda e Solo.

A dotación inicial prevista poderase incrementar en función das solicitudes e en función das dispoñibilidades orzamentarias con cargo á mesma aplicación.

Artigo 2º

Para os efectos desta orde, en uso da autorización do artigo único do Decreto 111/1991, do 4 de abril, os límites porcentuais das subvencións a que se refire o Decreto 266/1989, do 23 de novembro, quedan modificados do modo seguinte:

1. Artigos 6.2º e 8.1º. A subvención poderá acadar ata o 80% do custo de adquisición ou do orzamento das vivendas promovidas polos concellos, en municipios de poboación inferior aos 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.

2. Artigo 9. A subvención poderá acadar ata o 80% do importe dos respectivos contratos de aluguer, en municipios de poboación inferior aos 50.000 habitantes e ata o 65% nos restantes.

O límite máximo por vivenda do importe da subvención para alugueres a que se refire o artigo 9 do Decreto 266/1989, do 23 de novembro, queda establecido en 300 euros/mes.

Artigo 3º

Para os efectos do disposto no artigo 3.1º do Decreto 266/1989, o formulario para a elaboración dos censos de chabolas é o que figura no anexo desta orde.

Artigo 4º

1. Os concellos presentarán nas delegacións provinciais do Instituto Galego da Vivenda e Solo que corresponda ou en calquera das formas previstas na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, a solicitude das axudas xunto cos censos debidamente cubertos, así como a proposta das actuacións que van realizar para facilitar o acceso á vivenda dos chabolistas xunto cun esquema dos recursos que achegarán ambas as dúas administracións.

2. Os concellos peticionarios das axudas presentarán coa solicitude inicial unha declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes.

Así mesmo, no momento da xustificación da execución total do proxecto e, en calquera caso, antes do último pagamento, presentarán unha declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

3. A documentación achegada polos concellos será sometida ao informe da xefatura da delegación provincial do IGVS que corresponda e servirá de base

ás correspondentes propostas do convenio de colaboración que redactará o IGVS e que se remitirá aos concellos para que lle presten a súa conformidade.

4. A conformidade dos concellos xustificarase mediante certificación do acordo do órgano competente polo que se aproba a proposta de convenio e se faculta o alcalde para asinalo. O devandito documento deberá ir xunto cunha certificación na cal se faga constar que o concello dispón dos fondos necesarios para facer fronte ás obrigas propias que resulten do asinamento do convenio.

Artigo 5º

O incumprimento das condicións establecidas para a concesión das axudas determinará a obriga do reintegro por parte do concello dos recursos achegados polo IGVS.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º

Os concellos beneficiarios están obrigados a facilitar toda a información que lles sexa requirida polo IGVS así como pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas de Galicia, no exercicio das suas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Artigo 7º

O prazo de presentación de solicitudes comenzará o día seguinte ao da publicación desta disposición e rematará o 31 de xullo de 2005.

Disposición transitoria

As axudas económicas solicitadas dentro do prazo ao abeiro de convocatorias anteriores seguiranse tramitando conforme a normativa aplicable a elas e poderanse atender con cargo aos créditos consignados para esta finalidade nas aplicacións que figuran no artigo 1º desta orde para este exercicio.

Disposición derrogatoria

Queda derrogada a orde da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda do 10 de marzo 2004 (Diario Oficial de Galicia nº 56, do 22 de marzo), así como cantas disposicións de igual ou inferior rango se opoñan ao disposto nesta orde.

Disposición derradeira

Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 21 de marzo de 2005.

Alberto Núñez Feijóo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda

ANEXO

O formulario para a elaboración dos censos de chabolas a que se refire o artigo 3.1º do Decreto 286/1989 axustarase ao seguinte modelo.

1. Características do asentamento.

1.0. Denominación do asentamento. Denominación da zona.

1.1. Situación, delimitación e descrición xeral do asentamento e dos accesos a este. Localización sobre plano 1/10.000 e en detalle sobre plano 1/2.000. Distribución das chabolas dentro do asentamento e numeración destas sobre plano.

1.2. Reportaxe fotográfica en cor do conxunto do asentamento e dos principais grupos de chabolas.

1.3. Titularidade dos terreos en que está situado o asentamento. Cualificación urbanística dos terreos.

1.4. Nivel de urbanización: pavimentación. Conexións coas redes de servizos de eliminación de residuos, abastacemento de augas e subministración de enerxía eléctrica. Accesos á rede de comunicacións.

1.5. Nivel de servizos públicos: iluminación. Recollida do lixo. Transporte público. Teléfono público.

1.6. Nivel de equipamentos. Dispensario ou centro de saúde. Centro escolar. Farmacia. Centro cívico, relixioso, etc.

1.7. Nivel de salubridade. Proximidade de vertedoiros urbanos ou industriais. Nivel de degradación ecolóxica do medio.

1.8. Nivel de perigosidade. Proximidade de vía férrea ou de vías de tráfico rápido sen semáforos con perigo de accidentes. Terreos en pendente. Inundacións estacionais, etc.

2. Características da poboación afectada.

2.0. Número de familias do asentamento. Número de habitantes do asentamento. Pirámide de idades.

2.1. Antigüidade e continuidade do asentamento. Estabilidade media das familias na zona.

2.2. Procedencia das familias: do medio rural de Galicia, doutras cidades de Galicia, de zonas doutras comunidades autónomas, de países estranxeiros, de comunidades xitanas nómades, etc.

2.3. Nivel de saúde por idades e comunidades diferenciadas, se as hai.

2.4. Nivel cultural e de formación por idades e comunidades diferenciadas, se as hai.

2.5. Nivel económico. Medios de vida e principais ocupacións. Integración no mercado de traballo. Principais fontes de ingresos. Salario social. Traballo infantil.

2.6. Nivel de integración social. Número de persoas sen censar. Escolarización. Número de persoas con Seguridade Social. Nivel de autocontrol social interno. Asociacións veciñais.

2.7. Nivel de conflitividade. Delincuencia. Tráfico e consumo de drogas. Conflitos interétnicos, loitas

de clans. Ocupación de vivendas deshabitadas. Mendicidade, etc.

3. Características das chabolas.

3.0. Chabola nº . Reportaxe fotográfica en cor.

3.1. Tipoloxía. Alboios. Furgóns. Casetas. Edificacións en ruínas, contiguas, illadas, en aluguer, etc.

3.2. Materiais empregados na fabricación, sistema de construción e nivel de deterioración.

3.3. Superficie e distribución interior da chabola. Número de persoas que a utilizan. Nivel de amoreamento.

3.4. Nivel de seguridade, estanquidade e illamento térmico. Pavimentación.

3.5. Nivel de salubridade; condicións hixiénico-sanitarias.

3.6. Nivel de servizos, auga corrente, electricidade.

4. Características das familias.

4.0. Nome da persoa cabeza da familia, fotocopia do DNI e número da chabola que ocupan.

4.1. Composición da unidade familiar. Habitantes da chabola por idades, sexo e parentesco. Fotocopia do DNI de cada un dos membros.

4.2. Ingresos brutos do conxunto da unidade familiar, dos cales se efectuará unha valoración tomando por bases as declaracións responsables dos afectados visadas polos concellos respectivos, no caso de non poder achegar a documentación oficial acreditativa dos ingresos. Relación entre os ingresos, o SMI e o salario social. Pensións e axudas recibidas.

4.3. Estado de saúde de cada un dos compoñentes da unidade familiar.

4.4. Nivel de coñecementos, formación e escolaridade de cada un dos compoñentes da unidade familiar. Características culturais da unidade familiar.

4.5. Medios de vida, ocupacións e profesións exercidas polos membros da unidade familiar e situación laboral.

4.6. Procedencia e tempo de permanencia que levan no asentamento.

4.7. Nivel de integración social. Relacións cos habitantes e veciños dos núcleos do contorno. Relación cos demais habitantes do asentamento. Actitudes, opinións e expectativas cara á integración noutros barrios e grupos sociais ou consolidación e mellora da propia comunidade, etc.