DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2005 Páx. 5.181

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2005 pola que se fan públicas as bases dos concursos sobre cooperativismo nos centros escolares de Galicia e se procede á súa convocatoria.

A Constitución española no seu artigo 129.2º, encoméndalles aos poderes públicos a promoción das diversas formas de participación na empresa e o fomento, mediante unha lexislación adecuada das sociedades cooperativas.

A Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, recoñece de interese social a promoción e o desenvolvemento das sociedades cooperativas, e crea o Consello Galego de Cooperativas como máximo órgano de promoción e difusión do cooperativismo na comunidade autónoma, que ten entre as súas funcións a promoción da educación e formación cooperativa.

Con esta finalidade o Consello Galego de Cooperativas, na súa reunión do Pleno do 8 de marzo de 2005, acordou para este ano, a convocatoria de concursos sobre cooperativismo, nas súas distintas modalidades, nos centros escolares de ensino de primaria e secundaria e nos centros de formación profesional.

A concreción e realización destas actividades articúlase a través de acordo de cooperación entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, que serán as encargadas de designar o comité organizador.

Polo que antecede, en uso das atribucións que teño conferidas pola Lei 5/1998, do 18 de decembro, de cooperativas de Galicia, e polo Decreto 25/2001, do 18 de xaneiro, polo que se regula a organización e o funcionamento do Consello Galego de Cooperativas

DISPOÑO:

A publicación das bases dos concursos nas modalidades de debuxo, pintura e/ou vídeo sobre cooperativismo, e de actividades cooperativizadas, dirixidos ao alumnado dos centros de ensino de primaria e secundaria, así como na modalidade de proxectos empresariais cooperativos dirixidos ao alumnado dos centros de formación profesional, e a súa convocatoria no Diario Oficial de Galicia. As bases reguladoras recóllense nos anexos I e II.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Presidenta do Consello Galego de Cooperativas

ANEXO I

Bases dos concursos de debuxo, pintura e vídeo e de actividades cooperativizadas

1. Participantes.

Poden participar neste certame todos os centros educativos da nosa comunidade autónoma con alumnado de educación primaria e secundaria obrigatoria.

No concurso de debuxo, pintura e/ou vídeo poden participar as seguintes categorías:

-A: alumnos de 1ºe 2º de educación primaria.

-B: alumnos de 3º e 4º de educación primaria.

-C: alumnos de 5º e 6º de educación primaria.

-D: alumnos do primeiro ciclo de ESO.

-E: alumnos do segundo ciclo de ESO.

Na modalidade de actividades cooperativizadas, poderán concursar as seguintes categorías D e E.

2. Fases do certame.

Establécense dúas fases:

1ª Fase: selección de centros participantes.

Os centros que desexen participar presentarán, antes do 15 de abril de 2005, un plan de traballo que desenvolverán no seu centro educativo sobre o fomento do cooperativismo; nel deberán prever a realización de xornadas sobre o cooperativismo, visitas a cooperativas, xogos cooperativos e calquera outra actividade de divulgación dos valores cooperativos. Débese especificar o número de alumnos que se ten previsto que participen nestas actividades.

Como soporte de apoio ás actividades propostas contarase con material divulgativo en formato electrónico nas páxinas web das consellerías de Educación e Ordenación Universitaria e de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

De entre todos os centros solicitantes o comité organizador seleccionará 12 centros, repartidos do seguinte xeito: 4 centros da provincia da Coruña, 4 centros da provincia de Pontevedra, 2 centros da provincia de Lugo e outros 2 centros da provincia de Ourense. No caso de que non se presenten propostas en número

suficiente nalgunha das provincias, reaxustarase esta distribución. A relación de centros seleccionados publicarase no portal educativo (www.edu.xunta.es) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria antes do 30 de abril de 2005.

As decisións do comité organizador serán inapelables.

Valorarase, nos plans de traballo presentados, as actuacións que potencien e propicien os valores cooperativos, así como a forza e presenza de accións de animación, divulgación e promoción do cooperativismo, ademais do número de alumnos participantes.

Os centros seleccionados contarán cun importe de 1.000 euros para a realización das actividades propostas no seu plan de traballo. Estas actividades realizaranse durante o mes de maio deste ano.

2ª Fase: presentación dos traballos dos alumnos ao concurso.

Cada un dos centros seleccionados presentarán os traballos realizados polos seus alumnos en calquera das seguintes modalidades:

-Debuxo, pintura e/ou vídeo.

-Actividades cooperativizadas.

Os centros que participen neste certame presentarán os traballos realizados polos seus alumnos, antes do 30 de xuño de 2005, na secretaría do Consello Galego de Cooperativas (San Caetano, s/n bloque 5º, 3º andar, Santiago de Compostela).

Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

3. Condicións técnicas.

a) Debuxo, pintura e/ou vídeo.

Os traballos de debuxo e pintura presentaranse en formato e soporte libre, empregando as técnicas que o alumnado decida. No reverso do debuxo ou pintura consignaranse, en letras maiúsculas, os datos do autor/a, autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar, así como a categoría en que participan.

No caso de vídeos, as producións presentaranse en vídeo VHS, independentemente do formato en que fosen producidas. Tamén poderán ser presentadas en CD, en formato AVI cun tamaño mínimo de 320x240 píxels, audio en 44.1 e códec de compresión Divx. De optaren pola opción de presentación electrónica ou páxina web, presentarase nun arquivo powerpoint (*.ppt), ou a web completa cun arquivo de inicio denominado index.htm nun CD. Tanto as cintas como os CD, non poderán conter máis dun programa e deberán ser entregadas debidamente identificadas. As obras, realizadas en grupo de entre tres e cinco integrantes, editaranse en galego, a súa duración non poderá exceder de 10 minutos e deberán estar tituladas. En lugar visible deberán indicarse os datos dos autores: nome, apelidos, idade, curso, enderezo do centro escolar e categoría en que participan.

b) Actividades cooperativizadas.

Nesta modalidade poderanse presentar os traballos realizados por grupos de alumnos e/ou alumnas que consistirán nalgunha das seguintes actividades: unha viaxe de ampliación de estudos, un festival de fin de curso, un campionato deportivo, un xornal, unha páxina web, un programa de radio ou unha obra de teatro.

A presentación dos traballos realizarase a través da memoria descritiva do proceso de elaboración e realización da actividade que indique:

* Definición dos obxectivos. Cómpre aclarar as metas que se pretenden acadar, que beneficios de tipo cooperativo vai reportar a actividade, así como poñerlle un título ao traballo que resuma as súas intencións.

* Asignación de tarefas. Débese dividir o traballo en partes e decidir que persoa ou persoas se encargan de cada unha delas. Para iso é importante ter en conta os intereses de cadaquén, as súas posibilidades, coñecementos, preferencias, etc.

* Tarefas desenvolvidas. Especificar que tipo de materiais se precisan para levar a cabo a actividade, e cales deles se utilizan. Estes poden ser de tipo documental, gráficos, sonoros, económicos, etc. Tamén é necesario precisar a maneira de obtelos.

* Dinámica das reunións. Para que o traballo estea coordinado hai que realizar reunións periódicas para poñer en común o realizado, así como para establecer cales son as seguintes tarefas, os prazos, os/as encargados/as de realizalas, e calquera decisión sobre a marcha do proxecto. Para iso débense levantar actas das reunións nas cales se deixe constancia de todo iso.

* Realización final. O traballo debe plasmarse finalmente nun produto dos establecidos para esta modalidade.

Esta memoria terá unha extensión máxima de 6 follas DIN A4 escritas por unha soa cara en Times New Roman cun corpo de 12 puntos e unhas marxes de 15mm en cada bordo. Terán que entregarse dúas copias en papel e o seu apoio en sistema informático. Deberanse engadir, como anexos: o resultado final e os documentos precisos para xustificar a realización do proxecto, nas súas diferentes etapas, tales como: fotografías da realización, documentos e materiais realizados, actas das reunións, debidamente identificados co nome do centro e o título do proxecto.

4. Xurado.

a) Os traballos que participen neste certame serán examinados e valorados por un xurado composto polos seguintes membros:

-Dous representantes do Consello Galego de Cooperativas.

-Un representante da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Un técnico especialista nas materias de debuxo e pintura (para o suposto de traballos de debuxo e pintura).

-Un técnico especialista en audiovisual (para o suposto de traballos de vídeo).

Os membros do xurado serán nomeados polo comité organizador do certame.

b) O xurado valorará nos traballos presentados a orixinalidade e a representación dos valores e actitudes que fomenta o cooperativismo.

Particularmente, para a modalidade de actividades cooperativizadas terase en conta:

* O número de persoas participantes.

* A orixinalidade do tema elixido.

* A organización do grupo para a realización do traballo de maneira cooperativa.

* A calidade final do produto elaborado.

c) As decisións do xurado serán inapelables.

5. Premios.

Os traballos presentados poderán optar aos seguintes premios:

Debuxo, pintura e/ou vídeo:

-Un premio ao mellor traballo de cada categoría: o/a autor/a, autores do traballo premiado en cada categoría recibirán un ordenador. Cando se trate de varios autores, este premio poderá ser substituído por lotes de material escolar para cada un deles, sempre que así o decidan por unanimidade.

-Un accésit por cada categoría: o/a autor/a, autores de cada traballo premiado recibirá materiais de debuxo e pintura ou de vídeo, segundo corresponda.

Actividades cooperativizadas:

-Un premio ao mellor traballo por categoría, consistente nunha dotación económica de ata un máximo de 1.500 A que contribuirá a financiar os gastos de realización da actividade.

Todos os premios e accésits de cada unha das categorías serán outorgados polo xurado.

6. Publicación e entrega dos premios.

A concesión dos premios publicarase no DOG.

A entrega dos premios terá lugar o día 10 de decembro de 2005 (día do cooperativismo galego) nun acto público.

7. Recollida dos traballos.

Os centros poderán recoller os traballos non premiados dos seus alumnos na secretaría do Consello Galego de Cooperativas (San Caetano, s/n bloque 5º, 3º andar, Santiago de Compostela), nun prazo de dous meses a partir do día da publicación dos premios.

8. Aceptación das bases.

A participación no concurso supón a aceptación destas bases, así como a cesión do dereito da propiedade no caso dos debuxos e pinturas e vídeos gañadores.

ANEXO II

Bases do concurso de proxectos empresariais

cooperativos en formación profesional

1. Participantes.

Poden participar neste certame todos os centros educativos, que impartan formación profesional específica, da nosa comunidade autónoma.

2. Fases do certame.

Establécense dúas fases:

1ª Fase: plan de traballo sobre o cooperativismo no centro escolar.

Os centros que desexen participar presentarán un plan de traballo que se desenvolverá no seu centro educativo sobre o fomento do cooperativismo; nel poden preverse xornadas sobre o cooperativismo, visitas a cooperativas e calquera outra actividade para desenvolver que propicie o cooperativismo entre o alumnado do centro educativo. Débese especificar o número de alumnos que se ten previsto que participen nestas actividades.

De entre todos os centros participantes seleccionaranse 12 centros, repartidos do seguinte xeito: 4 centros da provincia da Coruña, 4 centros da provincia de Pontevedra, 2 centros da provincia de Lugo e outros 2 centros da provincia de Ourense. A relación de centros seleccionados publicarase no portal educativo (www.edu.xunta.es) antes do 30 de abril de 2005.

No caso de que non se presenten propostas en número suficiente nalgunha das provincias reaxustarase esta distribución.

Tendo en conta que o cooperativismo é recoñecido como a expresión práctica de importantes valores sociais e que a súa práctica fomenta actitudes e valores sociais como a solidariedade, o espírito democrático, a participación, a actuación colectiva, a solución de conflitos de forma pactada, etc. valoraranse do plan de traballo presentado as actuacións que potencien e propicien estes valores, así como a forza e presenza de accións de animación, divulgación e promoción do cooperativismo como saída laboral dos alumnos de formación profesional, ademais do número de alumnos participantes.

Os centros seleccionados contarán cun importe de 1.000 euros para a realización das actividades propostas no seu plan de traballo. Estas actividades realizaranse durante os meses de maio e xuño deste ano.

2ª Fase: proxectos empresariais cooperativos.

Cada un dos centros seleccionados deberá presentar un ou varios proxectos empresariais cooperativos. En cada proxecto deberán participar como mínimo tres alumnos, que deberán estar dirixidos na elaboración deste proxecto por un profesor/a-director/a.

Valorarase dos proxectos empresariais cooperativos a súa coherencia, orixinalidade e viabilidade económica, así como a súa relación co contorno onde se desenvolven.

Os proxectos deberán estar redactados en galego.

3. Xurado.

a) O comité organizador do certame seleccionará na Fase 1, os doce centros.

b) Os proxectos empresariais cooperativos que participen neste certame serán examinados e valorados por un xurado composto polos seguintes membros:

-Dous representantes do Consello Galego de Cooperativas.

-Un representante da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

-Dous técnicos especialistas en temas cooperativos.

Os membros do xurado serán nomeados polo comité organizador do certame.

c) As decisións tanto do comité organizador como do xurado serán inapelables.

4. Premios.

Os proxectos empresariais cooperativos presentados poderán optar aos seguintes premios:

Premios ao mellor proxecto empresarial cooperativo:

-3.000 euros que se repartirán entre os alumnos que elaboraron o proxecto.

-Unha viaxe para visitar unha cooperativa, por valor máximo de 1.000 euros, para o profesor/a-director/a do proxecto.

Premios aos dous proxectos empresariais cooperativos finalistas:

-500 euros para cada proxecto finalista, que se repartirán entre os alumnos que elaboraron cada un dos proxectos finalistas.

-200 euros en cheques para libros para cada un dos profesores-directores dos proxectos finalistas.

Todos os premios serán outorgados polo xurado.

5. Inscrición.

1ª Fase:

Os centros participantes neste certame deberán presentar antes do 15 de abril de 2005, o seu plan de traballo na secretaría do Consello Galego de Cooperativas (San Caetano, s/n, bloque 5º, 3º andar, Santiago de Compostela).

Deberá xuntarse á solicitude, que incluirá os datos identificativos do centro, dos alumnos e do/a profesor/a-director/a, o plan de traballo que se vai desenvolver.

2ª Fase:

Os proxectos empresariais cooperativos, que deberán presentar os centros seleccionados, deberán entregarse na secretaría do Consello Galego de Cooperativas (San Caetano, s/n, bloque 5º, 3º andar, Santiago de Compostela).

O seu prazo de presentación finaliza o día 15 de setembro de 2005. Poderase utilizar calquera tipo de envío sempre que garanta a entrega do proxecto no lugar e prazo referidos anteriormente.

Os centros educativos serviranse dos medios necesarios (mensaxaría urxente e outros) para garantir que os traballos se reciban na secretaría do Consello Galego de Cooperativas na data indicada.

Deberá xuntarse aos proxectos empresariais cooperativos:

-Curriculum do grupo (nomes, apelidos, idades, estudos dos integrantes do grupo, así como datos sobre o/a profesor/a-director/a do proxecto).

6. Publicación e entrega dos premios.

A concesión dos premios publicarase no DOG.

A entrega dos premios terá lugar o día 10 de decembro de 2005 (día do cooperativismo galego), nun acto público.

7. Recollida dos traballos.

Os centros poderán recoller os traballos dos seus/súas alumnos/as na secretaría do Consello Galego de Cooperativas (San Caetano, s/n, bloque 5º, 3º andar, Santiago de Compostela), nun prazo de tres meses a partir do día da publicación dos premios.

8. Aceptación das bases.

A participación no certame supón a aceptación destas bases.