DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2005 Páx. 5.162

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 52/2005, do 10 de marzo, de alteración de límites municipais mediante a fixación dos que corresponden aos concellos da Illa de Arousa e Vilanova de Arousa, relativo á modificación do artigo 2 do Decreto 415/1996, do 21 de novembro.

Con data do 28 de novembro de 1996 publicouse no Diario Oficial de Galicia o Decreto 415/1996, do 21 de novembro, polo que se resolvía o expediente de segregación de parte do termo municipal de Vilanova de Arousa (Pontevedra), para a posterior constitución dun concello novo e independente, chamado A Illa de Arousa, e se aprobaban, así mesmo, as estipulacións xurídicas e económicas que figuraban no expediente e nas cales se establecía a fórmula de distribución de cargas e dereitos entre ambos os concellos.

No artigo 2 do citado decreto establecíase que o territorio do novo municipio que se constitúe é o que corresponde, na actualidade, á parroquia de San Xulián de Arousa, que coincide coa superficie da Illa de Arousa.

O Instituto Xeográfico Nacional, remite un informe do 16 de outubro de 2001 e un de ratificación do 1 de outubro de 2004, no cal manifesta que o termo da Illa de Arousa debe estar constituído polo conxun

to de terras emerxentes que integran o arquipélago correspondente, criterio que ten como base non só a proximidade das devanditas terras senón tamén consideracións de carácter xeográfico e de futuros servizos que se puidesen establecer, e que o límite dos citados termos municipais se sitúa no centro xeométrico da ponte que une ambos os municipios.

No que se refire ao expediente, este foi tramitado de acordo cos principios contidos na Lei 7/1985, do 2 de abril, reguladora das bases do réxime local e na Lei 5/1997, do 22 de xullo, de Administración local de Galicia, o artigos 2 e seguintes do texto refundido das disposicións legais vixentes en materia de réxime local (Real decreto lexislativo 781/1986, do 18 de abril) e os artigos 2 e seguintes do Regulamento de poboación e demarcación territorial das entidades locais (Real decreto 1690/1986, do 11 de xullo), así como nas disposicións concordantes, nos cales se establece o procedemento que se vai seguir neste expediente.

Considerando que da documentación existente no expediente e dos informes elaborados polo Instituto Xeográfico Nacional e da Deputación Provincial de Pontevedra ao respecto, e unha vez dada a correspondente audiencia aos dous concellos interesados, se desprende que os illotes Xidoiros deben figurar como parte integrante do concello da Illa de Arousa e que o límite entre ambos os concellos se sitúa no centro xeométrico da citada ponte, e proponse a modificación do artigo 2 do Decreto 415/1996, do 21 de novembro, no que definitivamente se inclúa a adscrición dos illotes Xidoiros ao concello da Illa de Arousa e se sitúe o límite entre os citados termos no centro xeométrico da ponte que une ambos os concellos.

Por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Primeiro.-A modificación do artigo 2 do Decreto 415/1996, do 21 de novembro, polo que se aproba o expediente de segregación de parte do termo municipal de Vilanova de Arousa, para a posterior constitución dun concello novo e independente chamado A Illa de Arousa, no cal definitivamente se inclúa a adscrición dos illotes Xidoiros ao concello da Illa de Arousa e se sitúe o límite entre os citados termos no centro xeométrico da ponte que une ambos os concellos, quedando o texto do seguinte xeito:

«O territorio do novo municipio que se constitúe é o que corresponde, na actualidade, á parroquia de San Xulián de Arousa, que coincide coa superficie da Illa de Arousa, incluíndo a adscrición dos illotes Xidoiros ao concello da Illa de Arousa.

O límite entre os termos municipais da Illa de Arousa e Vilanova de Arousa sitúase no centro xeométrico da ponte que une ambos os concellos».

Segundo.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Xesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local