DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2005 Páx. 5.161

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 50/2005, do 10 de marzo, polo que se declara a urxente ocupación, para efectos de expropiación forzosa, pola Deputación Provincial da Coruña, dos bens e dereitos necesarios para a realización das obras do proxecto de acondicionamento da estrada provincial 3802 de Ordes a Ponte Carreira, punto quilométrico 0,00 ao punto quilométrico 0,71 (termo municipal de Ordes).

A Deputación Provincial da Coruña, en sesión que tivo lugar o día trinta de xullo de dous mil catro, aprobou o proxecto de acondicionamento da estrada provincial 3802 de Ordes a Ponte Carreira, punto quilométrico 0,00 ao punto quilométrico 0,71, e na sesión do vinte e cinco de novembro de dous mil catro acordou solicitar da Xunta de Galicia a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos afectados pola expropiación forzosa ao abeiro do disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa.

Os bens en que se concreta a declaración de urxente ocupación están determinados no expediente que se someteu a información pública.

Que o dito expediente tivo entrada na Consellería de Xustiza, Interior e Administración Local e, solicitado informe á Dirección Xeral de Urbanismo da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, este foi emitido favorablemente.

Considérase necesaria a declaración de urxente ocupación dos bens e dereitos precisos para a realización das obras do proxecto técnico sinalado, xa que, segundo sinala a deputación, a actuación é necesaria para evitar o altísimo risco de accidentes con perigo para a vida humana, debido á existencia de curvas perigosas con pequeno raio, edificacións e vivendas pegadas á estrada, o estado do firme e o largo da calzada de dimensións inferiores ás necesidades dos vehículos.

A competencia para a declaración da urxente ocupación correspóndelle ao Consello da Xunta de Galicia segundo o disposto nos artigos 27.2º e 28.2º do Estatuto de autonomía de Galicia.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día dez de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-De conformidade co disposto no artigo 52 da Lei de expropiación forzosa, declárase a urxente ocupación, pola Deputación Provincial da Coruña para efectos de expropiación forzosa, dos bens e dereitos concretados no expediente administrativo instruído para o efecto e necesarios para a execución das obras do proxecto de acondicionamento da estrada provincial 3802 de Ordes a Ponte

Carreira, punto quilométrico 0,00 ao punto quilométrico 0,71 debendo, de ser o caso, unha vez ocupados os terreos necesarios, obter as autorizacións que fosen necesarias dos organismos competentes, con carácter previo ao inicio das obras.

Santiago de Compostela, dez de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús Carlos Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local