DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2005 Páx. 5.137

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE INNOVACIÓN, INDUSTRIA E COMERCIO

ORDE do 7 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e se procede á convocatoria para o ano 2005, en réxime de concorrencia competitiva, de subvencións para o fomento da cooperación empresarial e a implantación de sistemas de calidade, en desenvolvemento do Plan de mellora da competitividade para o comercio galego: 2005-2008.

Actualmente o sector comercial enfróntase a un mercado cada vez máis competitivo, no que coexisten diversas formas de distribución comercial, que intentan satisfacer as necesidades dun consumidor cada vez máis cualificado.

As integracións estratéxicas ofrecen máis vantaxes ao pequeno comerciante, a pertenza a unha asociación converteuse nun activo fundamental que dota de maior capacidade competitiva, polo que o fomento do asociacionismo é un dos obxectivos fundamentais recollidos no Plan de mellora da competitividade para o comercio galego: 2005-2008, no cal se adica un programa especifíco á cooperación empresarial, a través do que se busca mellorar a competencia nos mercados de distribución, mediante o fomento da creación e desenvolvemento de organizacións comerciais, que supoñan unha alternativa real de compra para os consumidores e de distribución para os produtores, incentivando o asociacionismo comercial con vínculos fortes entre os participantes, que permitan a mellora da estrutura dos canles de comercialización.

Así mesmo, no plan tamén se establece un programa específico, que ten como obxectivo fundamental fomentar a mellora competitiva das Pemes galegas, mediante

a mellora da cualificación do sector, e a adecuación física dos establecementos. A implantación dunha norma de calidade e a posta á disposición do sector das pautas de xestión e comportamento, que esta norma debe levar implícitas, contribuirán a mellorar a imaxe e competitividade do comercio retallista galego.

O contido desta orde de axudas axústase ao establecido polo Decreto 172/2001, do 12 de xullo, sobre incentivos para o desenvolvemento económico e fomento da actividade empresarial na Comunidade Autónoma de Galicia (DOG nº 142, do 23 de xullo), que recolle o réxime de axudas rexionais autorizado pola Unión Europea.

En virtude do exposto, e no exercicio das atribucións que me foron conferidas,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto.

O obxecto desta orde é establecer as bases reguladoras e proceder á convocatoria para a concesión de axudas para o exercicio 2005, en réxime de concorrencia competitiva, destinadas á mellora da competividade do comercio galego, fundamentalmente a través de dous tipos de axudas:

En primeiro lugar, mediante a creación e desenvolvemento de organizacións comerciais, que supoñan unha alternativa real de compra para os consumidores e de distribución para os produtores, mediante a elaboración e execución de plans estratéxicos de mellora competitiva de establecementos comerciais, que pertenzan ao mesmo sector de oferta, así como fomentar a colaboración entre os sectores industriais e distributivos, todo isto encamiñado a mellorar a eficiencia e a rendibilidade empresarial.

E en segundo lugar, a través da implantación dunha norma de calidade, que sirva de vehículo para aumentar a competitividade do sector comercial galego.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán beneficiarse das axudas obxecto desta orde:

1.1. As pequenas e medianas empresas comerciais retallistas, que desenvolvan a súa actividade comercial en Galicia, e teñan a condición de PEME, conforme cos requisitos establecidos pola Comisión Europea na súa recomendación 2003/361/CE, do 6 de maio de 2003 (DO L 124, do 20.5.2003, p 36).

Segundo a cal enténdese por pequena e mediana empresa a que cumpre cos seguintes requisitos: ocupar menos de 250 persoas, que o seu volume de negocio anual non exceda de 50 millóns de euros ou o seu balance anual non exceda 43 millóns de euros, e que non estean participadas en máis dun 25% por unha o máis empresas que teñan carácter de PEME, segundo esta definición.

1.2. Os organismos intermedios e asociacións de comerciantes de carácter territorial ou sectorial, sen fins de lucro, que estean legalmente constituídas, domiciliadas en Galicia e que representen o sector comercial retallista, e cuxa actividade se desenvolva desde a Comunidade Autónoma de Galicia.

2. Cando o beneficiario sexa unha agrupación de persoas físicas ou xurídicas deberanse facer constar expresamente na solicitude os compromisos de execución asumidos por cada membro da agrupación, así como o importe da subvención a aplicar por cada unha das entidades, que terán igualmente a consideración de beneficiarios. Nestes casos, deberá nomearse un representante ou apoderado único da agrupación con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, corresponden á agrupación. Non se poderá disolver a agrupación ata que transcorra o prazo de prescrición previsto nos artigos 23 e 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Os solicitantes non poderán estar incursos en ningunha das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Artigo 3º.-Actuacións subvencionables.

1. Se o solicitante é unha Peme comercial minorista serán subvencionables as seguintes actuacións:

1.1. As actuacións derivadas da implantación da norma de calidade PNE 175001-1, o proxecto poderá contemplar as seguintes actuacións:

a) A asistencia técnica que reciban os empresarios que queiran obter a certificación dos seus establecementos. Serán gastos cofinanciables os derivados da consultoría necesaria para proporcionar esta asistencia as empresas, así como a preparación da documentación necesaria para solicitar a certificación, normalización e homologación.

b) A realización de auditorías e os gastos ocasionados das consultorías realizadas por asesorías externas, previos á obtención da certificación.

c) As auditorías e inspección do servizo, que se teñan que realizar con posterioridade para a obtención da certificación.

Para estes efectos entenderanse coma entidades avaliadoras ou certificadoras, aquelas organizacións debidamente acreditadas pola Entidad Nacional de Acreditación (ENAC), de acordo co establecido no Real decreto 2200/1995.

d) Os gastos derivados da emisión do certificado.

1.2. As marcas de canal como instrumentos que permitan impulsar plans extratéxicos de creación, optimización e desenvolvemento de establecementos retallistas e a súa expansión como cadeas sucursalistas.

O proxecto de creación e desenvolvemento dunha marca de canal, para a súa viabilidade técnica, comercial e financeira, deberá contemplar as seguintes etapas:

a) Análise interna da empresa.

b) Análise do contorno: a competencia, segmento do mercado o que se dirixe e utilidade que quere achegar.

c) Definición da imaxe corporativa

d) Análise da viabilidade financeira.

e) Definición de obxectivos de rendibilidade.

f) Plan de implementación do proxecto con especificación dos resultados cuantitativos e cualitativos esperados, o calendario de execución e orzamento detallado.

Adicionalmente, o proxecto de creación ou expansión dunha marca de canal pode prever outros aspectos coma:

a) A definción do interiorismo e merchandising.

b) Plan de formación dos recursos humanos.

c) Plan loxístico.

d) Plan de sistemas de información.

2. Se o solicitante é un organismo intermedio ou unha asociación de comerciantes:

2.1. Proxectos de información, difusión e sensibilización que versen sobre contidos que contribúan á promoción da implantación da norma de calidade PNE 175001-1, mediante a realización de xornadas, encontros técnicos, cursos, publicacións e estudos.

2.2. Os proxectos de creación e consolidación de agrupacións e centrais de compras e servizos.

Os proxectos deben contemplar os seguintes aspectos:

a) Plan de viabilidade e de captación de novos socios.

b) Plan de mellora do funcionamento da central xa existente.

c) Plan de formación dos recursos humanos.

d) Plan loxístico.

e) Plan de sistemas de información.

Subvencionaranse os gastos externos de consultoría en concepto de realización de estudos de investigación, análise de estratexia, realizada por unha empresa especialista e con acreditada experiencia. No suposto de creación dunha nova entidade, pódense subvencionar os gastos correntes ata o terceiro ano de inicio da entidade, sendo a concesión de carácter anual.

2.3. Proxectos de investimento dirixidos á transformación estrutural dos mercados de abastos en centros comerciais xestionados polos propios comerciantes (tales como unidades xerenciais, realización de accións de promoción comercial, actividades formativas, etc).

3. Non terán carácter subvencionable os impostos recuperables o repercutibles polos beneficiarios.

4. Entenderanse como actuacións subvencionables todas as accións realizadas entre o 1 de xaneiro do 2005 e a data límite de presentación da xustificación, establecido no artigo 9 desta orde.

Artigo 4º.-Contía e ámbito.

1. Estas axudas outorgaranse en réxime de concorrencia competitiva, con cargo aos créditos previstos nos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, destinándose para o seu financiamento 550.000 euros para a anualidade 2005 nas seguintes aplicacións orzamentarias:

BeneficiariosAplicaciónImporte

ano 2005

Pemes comerciais08.04.521-V.770.4250.000

Organismos intermediarios ou asociacións de comerciantes08.04.521-V.780.3300.000

Estas contías poderán incrementarse en función das peticións presentadas, e de acordo coas dispoñibilidades de crédito.

2. Contía da subvención.

2.1. Para comerciantes retallistas:

Subvención a fondo perdido de ata o 50% do investimento subvencionable aprobada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

2.2. Para organismos intermedios ou asociacións de comerciantes:

Subvención a fondo perdido de ata 70% do investimento subvencionable aprobada pola Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

3. Non podendo á súa vez exceder no caso de organismos intermedios ou asociacións de comerciantes o tope do 90%, e o 70% no caso de comerciantes retallistas, o conxunto de axudas que poidan existir para o mesmo proxecto inversor das distintas administracións públicas e dos seus organimos, entes e sociedades nacionais ou internacionais.

Artigo 5º.-Presentación de solicitudes e documentación.

1. As solicitudes deberán dirixirse ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio e presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través de calquera das formas sinaladas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, entre as que se inclúen os rexistros dos concellos que subscribiron convenio de colaboración para a implantación dun sistema intercomunicado de rexistro coa Administración autónomica de Galicia.

2. A solicitude de subvención, segundo o modelo normalizado do anexo I, deberá presentarse acompañada coa documentación que de seguido se relaciona por duplicado exemplar, en orixinal ou copia compulsada alomenos unha delas:

2.1. Se o solicitante é un comercio retallista:

a) Documentos acreditativos da personalidade ou identidade do solicitante (DNI ou CIF no caso de sociedades) e, se é o caso, da representación coa que se actúa.

b) Copia da escritura de constitución e modificacións posteriores, no caso de ser unha sociedade.

c) Documentación acreditativa do número de traballadores da empresa (TC2) do mes anterior á presentación da solicitude ou, se é o caso, certificación da Seguridade Social da non existencia de traballadores e último recibo de cotización no réxime de Seguridade Social correspondente.

d) Certificación expedida pola Axencia Tributaria na que se indiquen as epígrafes do Imposto de Actividades Económicas, nas que figura dado de alta o solicitante.

2.2. Se o solicitante é un organismo intermedio ou unha asociación de comerciantes sen fins de lucro:

a) Acta e estatutos de constitución, con acreditación da súa inscrición no rexistro correspondente, se o houbese, e modificacións posteriores, así como o CIF

b) Poder suficiente do representante da entidade solicitante.

c) Certificación expedida polo secretario ou cargo ao que lle corresponda da asociación ou organismo intermedio relativa o número de asociados e acordo do órgano de goberno de aprobación do proxecto obxecto da axuda, onde se deben indicar as empresas participantes, enderezo social das mesmas, actividades que desenvolven así como a actividade nova que se quere desenvolver, se é o caso, e o número de traballadores das distintas empresas participantes no proxecto.

2.3. Documentación para achegar por ambos os dous tipos de solicitantes:

a) Memoria de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, que incluirá alomenos, a súa descrición, obxectivos, e o número e características dos participantes e beneficiarios.

b) Orzamento detallado de gastos previstos para a realización de cada unha das actividades para as que se solicita subvención, e/o factura proforma da actividade ou adquisición a subvencionar por quen vaia suministrar o ben ou a prestar o servizo.

c) Declaración expresa sobre a concesión, ou solicitude de outras axudas ou subvencións para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou entes públicos, nacionais ou internacionais, así como de non estar incurso en ninguna das circunstancias previstas no artigo 13 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, segundo modelo normalizado establecido no anexo II desta orde.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

3. O prazo de presentación de solicitudes rematará o 16 de maio de 2005.

Artigo 6º.-Instrución e resolución.

1. A Dirección Xeral de Comercio e Consumo será o órgano competente para a instrución dos procedementos, que se tramiten ao abeiro do disposto nesta orde.

2. Se a solicitude e/ou a documentación que se xunta, non reúnen os requisitos establecidos no artigo 5º desta orde, requirirase a entidade solicitante para que, no prazo de dez días, contados a partir do seguinte á recepción do devandito requirimento, emende o defecto ou achegue os documentos preceptivos, coa indicación de que, se non o fixera, considerarase desistido da súa petición despois da correspondente resolución, de conformidade co disposto polo artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. Os órganos administrativos encargados do procedemento poderán reclamar das entidades solicitantes a documentación adicional, que consideren oportuna.

4. Revisados e completados, se é o caso, os expedientes, o órgano instrutor deberá emitir, coma paso previo á valoración, un informe relativo ao cumprimento dos requisitos que para os solicitantes se establecen no artigo anterior.

Unha vez revisadas as solicitudes polo órgano instrutor, procederse á valoración das mesmas por unha comisión de valoración, constituída para o efecto e que estará integrada por un xefe de servizo, un xefe de sección, e un técnico da Dirección Xeral de Comercio e Consumo.

5. O conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, á vista dos informes de avaliación, ditará a resolución de concesión ou denegación da axuda ou subvención que proceda.

6. As resolucións de concesión ou denegación das axudas ou subvencións serán motivadas e expresarán, polo menos, o obxecto e importe do proxecto subvencionado, a porcentaxe da axuda ou subvención concedida e a contía desta ou, se é o caso, o motivo da denegación.

O beneficiario da axuda deberá aceptala no prazo de quince días naturais contados a partires do día seguinte ao da súa notificación, sen prexuízo dos recursos que procedan contra a resolución, e para os sos efectos da optimización dos fondos dispoñibles. No caso contrario, entenderase que renuncia á axuda ou subvención concedida e se procederá de conformidade co establecido no artigo 42.1º da Lei 30/1992, do 26 novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A aceptación da axuda ou subvención formalizarase mediante un documento asinado polo beneficiario no que se compromete a cumprir todas as condicións establecidas nesta orde da convocatoria de axudas e, se é o caso, na resolución de concesión desta.

7. O prazo máximo para resolver e notificar a resolución do procedemento non poderá exceder de seis meses. O prazo computarase a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

O vencemento do prazo máximo sen terse notificado a resolución lexitima os interesados para entender desestimada por silencio administrativo a solicitude de concesión da subvención.

Artigo 7º.-Criterios de selección dos proxectos.

Os proxectos ou actuacións que se presenten deberán ser técnica, comercial e financeiramente viables e os criterios de avaliación, que servirán de base para a determinación da preferencia na concesión e contía das subvenciones, relacionados por orden decrecente de importancia, serán os seguintes:

1. Que a rama de actividade se atope en proceso de profunda transformación dado o incremento da competencia pola aparición no mercado de novos formatos de distribución.

2. Que o número de empresas participantes no proxecto, así como o seu esforzo económico e o seu grao de participación no mesmo sexan especialmente relevantes.

3. A rigorosidade do proxecto na definición dos obxectivos do mesmo.

4. A metodoloxía empregada nas súas diferentes fases de implantación, así como o seu carácter innovador.

5. O orzamento do proxecto e o seu prazo de execución.

Artigo 8º.-Modificación da resolución de concesión.

1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos poderán dar lugar á modificación da resolución da concesión.

2. O órgano competente para a concesión da axuda poderá acordar a modificación da resolución a instancia do beneficiario. Os requisitos que se deberán cumprir para isto son os seguintes:

a) Que se acredite a inexistencia de prexuízo a terceiros.

b) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación, de ter concorrido na concesión inicial, non supuxesen a denegación da axuda ou subvención

c) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade establecida nesta orde.

3. O beneficiario deberá solicitar a dita modificación mediante instancia dirixida ao conselleiro de Innovación, Industria e Comercio, acompañada da documentación acreditativa do cumprimento dos requisitos reflectidos no punto anterior, cun límite de 20 días hábiles antes da data de finalización do prazo de xustificación do investimento.

4. O acto polo que se acorde a modificación da resolución ou, se é o caso, se denegue, será ditado polo órgano concedente previa instrución do correspondente expediente, no que se dará audiencia aos interesados na forma prevista no artigo 9.4º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 9º.-Xustificación e prazo dos investimentos.

1. As subvencións concedidas faranse efectivas unha vez que se presenten por duplicado exemplar, preferentemente en orixinal, ou no seu defecto, copia compulsada, dos documentos que de seguido se relacionan:

a) Os que acrediten a realización das actuacións obxecto desta orde, acompañado dunha memoria explicativa de cada unha das accións realizadas, así como facturas segundo relación nominativa agrupadas por actuacións subvencionables, segundo corresponda e facendo constar para cada documento o seu número de orde, data de expedición, expedidor, concepto e importe en euros, así como documentos xustificativos do pago dos investimentos realizados.

b) Certificación do órgano que teña atribuídas as facultades da aplicación dos fondos á finalidade para a que foron concedidos.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, para a mesma finalidade, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, das distintas administracións públicas ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades públicos ou privados nacionais ou internacionais.

d) Certificacións expedidas polos organismos competentes, acreditativas de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa seguridade social, e de non ter pendente de pagamento ningunha débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

O disposto nos parágrafos anteriores enténdese sen prexuízo do establecido no número 3º do artigo 15 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

2. O organos competentes da Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderán solicitar as aclaracións ou informes relativos á xustificación do investimento, que consideren convenientes. No caso de que non fosen remitidos polo beneficiario dentro do prazo que se sinale, poderá entenderse que renuncia á axuda.

3. A falta de presentación da xustificación implicará a anulación da subvención concedida.

4. A documentación acreditativa do investimento obxecto de subvención, deberá presentarse polo beneficiario, no rexistro xeral da Consellería de Innovación, Industria e Comercio ou a través dalgunha das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, con data límite o día 31 de outubro de 2005.

Artigo. 10º.-Pagamento da subvención.

1. O libramento da subvención farase nun único pagamento, unha vez xustificado o investimento, mediante transferencia bancaria, para o cal se lle unirá a documentación de xustificación, certificación expedida pola propia entidade bancaria, na que conste código de banco, código de sucursal, díxito de control e código de conta corrente onde se debe realizar o aboamento.

2. As subvencións minoraranse proporcionalmente se o investimento xustificado é inferior ao orzamento que serviu de base para a resolución da súa concesión e sempre que estea garantida a consecución do obxecto.

Artigo 11º.-Réxime de recursos.

As resolucións, expresas ou presuntas, dos expedientes tramitados ao abeiro do disposto nesta orde esgotarán a vía administrativa e contra delas caberá interpoñer:

a) Recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Innovación, Industria e Comercio no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da súa notificación se é expresa, ou de tres meses contado a partir do día seguinte a aquel no que se produza o acto presunto.

b) Ou ben directamente recurso contencioso-administrativo perante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no

prazo de dous meses contado desde o día seguinte ao da súa notificación, se é expresa ou de seis meses contados a partir do día seguinte a aquel en que se produza o acto presunto.

E todo isto sen prexuízo de que os interesados poidan exercer, se é o caso, calquera outro que estimen procedente.

Artigo 12º.-Obrigas do beneficiario.

Son obrigas do beneficiario:

a) Realizar a actividade ou adoptar o comportamento, que fundamenta a concesión da subvención.

b) Acreditar con anterioridade a ditarse a proposta de resolución de concesión que se atopa ao corrente das súas obrigas tributarias estatais e coa Seguridade Social, e que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma.

c) Someterse ás actuacións de comprobación e efectuar polo órgano concedente, así como calquera outra comprobación e control que poidan realizar os órganos de control competentes, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Comunicar á entidade concedente a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto coma se coñezca e, en todo caso, con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

e) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos incluídos os documentos electrónicos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control.

Artigo 13º.-Reintegro das axudas ou subvencións.

1. No se poderá exixir o pagamento da axuda ou subvención concedida, e procederá ao reintegro total ou parcial da contía percibida, xunto cos xuros de demora percibidos desde o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación, ou xustificación insuficiente nos termos do artigo 30 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impidan.

c) Incumprimento da finalidade, actividade, proxecto ou a non adopción do comportamento para a que foi concedida a subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas ao beneficiario con motivo da concesión da axuda ou subvención.

2. Así mesmo, procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutras entidades públicas ou privadas, nacionais ou internacionais, supere o custo da actividade que vai desenvolver o beneficiario ou, se é o caso, a porcentaxe

máxima de subvención establecida no artigo 4º.3 desta orde.

3. O procedemento de reintegro tramitarase conforme o establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

4. As cantidades, que os beneficiarios deban reintegrar, terán a consideración de ingresos de dereito público e será de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Artigo 14º.-Fiscalización e control.

1. A concesión das axudas e subvencións reguladas nesta orde estará sometida ao exercicio da función interventora e de control financeiro por parte da Intervención Xeral da Comunidade Autónoma nos termos que establece o capítulo V do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, as actuacións de comprobación previstas na lexislación do Tribunal de Contas e do Consello de Contas.

2. A Consellería de Innovación, Industria e Comercio poderá realizar en calquera momento as inspeccións que considere oportunas, sobre os investimentos realizados.

Artigo 15º.-Réxime xurídico.

No non previsto nesta orde, atenderase ao disposto na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada parcialmente pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, ao establecido nos artigos 78 e 79 do texto refundido da Lei de rexime financeiro e orzamentario de Galicia, modificados parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, na Lei de orzamentos xerais da comunidade autónoma para cada exercicio, na Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 16º.-Réxime sancionador.

As infraccións administrativas cometidas en relación coas axudas e subvencións reguladas nesta orde sancionaranse de conformidade co disposto no artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, modificado parcialmente pola Lei 14/2004, do 29 de decembro e no capítulo VII do Decreto 287/2000, do 21 de novembro.

Artigo 17º.-Publicación.

Unha vez resolta a convocatoria das axudas publicarase no Diario Oficial de Galicia a relación de solicitudes concedidas con indicación da entidade beneficiaria, contía e finalidade da subvención.

Disposición derradeira

Facúltase o director xeral de Comercio e Consumo para que dite as disposicións necesarias para a aplicación do disposto nesta orde.

Santiago de Compostela, 7 de marzo do 2005

Juan Rodríguez Yuste

Conselleiro de Innovación, Industria e Comercio