DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 59 Martes, 29 de marzo de 2005 Páx. 5.127

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de marzo de 2005 pola que se convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares en centros públicos non universitarios de titularidade desta consellería, para o curso 2005/2006.

A Lei orgánica 10/2002, do 23 de decembro, de calidade da educación, na súa exposición de motivos, salienta a importancia de potenciar o uso e funcionamento das bibliotecas escolares e, entre os obxectivos sinalados para os distintos niveis, contempla o desenvolvemento no alumnado das habilidades para a utilización das fontes de información con sentido crítico, a aprendizaxe autónoma, o interese pola lectura e o hábito lector.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través dos decretos e ordes que establecen e desenvolven, respectivamente, os regulamentos orgánicos dos centros de ensino non universitario dos distintos niveis educativos, establece a organización da biblioteca escolar como un dos cometidos do centro e algunhas medidas que os equipos directivos deberán tomar para o funcionamento deste importante servizo educativo.

A biblioteca escolar é un recurso estratéxico para a innovación pedagóxica que axuda a revitalizar as prácticas educativas e a vida cultural dos centros, sendo unha oportunidade para que o profesorado e o alumnado empreguen múltiples recursos que permitan unha progresiva autonomía na aprendizaxe. Serve de canle para a integración na escola das tecnoloxías da comunicación que a sociedade vai desenvolvendo. Ofrece a posibilidade de acceso igualitario aos bens culturais, independentemente do estrato socioeconómico de procedencia, actuando como axente de compensación social. Devén nun recurso imprescindible para a formación do alumnado nunha sociedade da información que demanda cidadáns dotados de destrezas para a consulta eficaz das distintas fontes informativas, a selección crítica das informacións e a construción autónoma do coñecemento. Resulta, así mesmo, un espazo privilexiado para o achegamento á lectura de textos literarios e informativos, sexa en formato impreso, audiovisual ou

multimedia, de forma presencial ou telemática, e para a adquisición paulatina do hábito lector.

Na posta en marcha da biblioteca escolar é tan importante o recoñecemento, por parte do profesorado, da importancia deste recurso e da axuda que lle pode proporcionar para a consecución dos seus obxectivos, como a información e os apoios necesarios para levala a cabo.

Continuando coas actuacións levadas a cabo neste ámbito e co obxecto de favorecer a actualización e dinamización das bibliotecas escolares, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, convoca o Plan de mellora de bibliotecas escolares, que se vai desenvolver na súa primeira fase durante o curso 2005/2006.

Por todo o anterior exposto, esta consellería

DISPÓN:

Primeiro.-Obxecto e destinatarios.

1. Seleccionar os centros participantes no Plan de mellora de bibliotecas escolares para o curso escolar 2005/2006.

2. Poderán acollerse a esta convocatoria todos os centros públicos non universitarios de titularidade da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

3. Este plan de mellora pretende impulsar a elaboración e posta en marcha de proxectos de biblioteca escolar que recollan:

A. A organización, actualización e dinamización da biblioteca do centro, entendida como un centro de recursos da información.

B. A súa integración nos procesos de ensino e aprendizaxe.

C. A realización de actividades de formación de usuarios e educación documental.

D. O fomento da lectura.

E. A dinamización cultural entre toda a comunidade escolar.

4. O plan de mellora coordinarase desde a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa, a través da asesoría de bibliotecas escolares. Os centros participantes recibirán formación específica no contexto do Plan anual de formación do profesorado.

5. Os centros seleccionados recibirán unha achega económica, destinada especialmente á actualización dos fondos documentais da biblioteca escolar e á mellora do equipamento básico.

Segundo.-Dotación orzamentaria.

1. As dotacións económicas correspondentes a este plan de mellora realizaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 07.03.323A.628.1, por un importe máximo de 200.000 euros e 07.03.323A.625.1, na contía máxima de 50.000 euros dos orzamentos da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2005.

2. Cada centro seleccionado recibirá un mínimo de 5.000 euros, contía que poderá incrementarse en función do baremo establecido pola comisión avaliadora segundo a adaptación do proxecto aos criterios desta orde e logo da análise das necesidades de cada centro.

3. O importe concedido a cada centro deberá destinarse a sufragar, segundo as contías que se establezan na orde pola que se resolve a concesión, os seguintes gastos:

Punto A:

-Adquisición de fondos documentais en soporte impreso, audiovisual ou multimedia (un mínimo do 50% dos fondos adquiridos deberán estar en lingua galega).

-Subscricións a publicacións periódicas con destino á biblioteca escolar.

-Edición de materiais impresos para o alumnado ou as familias (guías da biblioteca, guías de lectura, diarios de lectura, materiais para a formación de usuarios, ...) sempre para actividades propostas pola biblioteca escolar.

Punto B:

-Adquisición de mobiliario específico para a biblioteca escolar.

Terceiro.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. Ás solicitudes, segundo o modelo de instancia que figura como anexo I a esta orde, deberá xuntárselles a seguinte documentación:

-Análise da situación da biblioteca do centro, segundo o anexo II.

-Breve memoria de actividades levadas a cabo nos dous últimos cursos, dirixidas á posta en marcha ou reorganización e dinamización da biblioteca escolar, ou programas de fomento da lectura, segundo o anexo III.

-Proxecto de biblioteca escolar para o curso 2005/2006, segundo o anexo IV. Recollerá actuacións detalladas por trimestre, facendo mención aos seguintes aspectos: organización e automatización dos fondos, fomento da lectura, formación de usuarios, educación documental e dinamización cultural do centro e de toda a comunidade escolar.

-Certificacións da dirección do centro en relación coas previsións do profesorado responsable da biblioteca escolar e coa aprobación, polo Claustro de profesores e polo Consello Escolar, dos compromisos necesarios para a participación nesta convocatoria, segundo os anexos V, VI e VII.

-Documentación acreditativa da formación do profesorado integrante do equipo de apoio, mediante copia dos certificados correspondentes, e/ou compromiso escrito de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2005/2006 para os centros participantes neste plan de mellora.

2. As instancias e demais documentación presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela, ou nos lugares e na forma previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (BOE do 27 de novembro).

Se a solicitude fose remitida por correo, será necesaria a súa presentación en sobre aberto para que o funcionario de correos poida facer constar o selo e a data antes de proceder á súa certificación.

3. O prazo de presentación de instancias será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

4. Presentada a solicitude, examinarase para ver se reúne os requisitos exixidos e se se acompaña da preceptiva documentación, requiríndose en caso contrario ao solicitante para que, no prazo de dez días, emende e/ou complete os documentos e/ou datos que

deben achegarse, advertíndolle que se así non o fixese, terase por desistido da súa petición e procederase ao seu arquivo sen máis trámite, logo de resolución ditada nos termos previstos no artigo 42 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

A Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa poderá requirir do solicitante cantos documentos e aclaracións considere necesarios para cubrir o expediente, e tamén poderá dispor que se leven a cabo as comprobacións oportunas dos datos achegados polos peticionarios.

5. Calquera alteración que se produza nos datos contidos na solicitude ou na documentación que a acompaña será comunicada polo solicitante á citada dirección xeral.

Cuarto.-Requisitos.

Os centros solicitantes deberán reunir os requisitos seguintes:

-Contar cun espazo destinado exclusivamente á biblioteca escolar do centro.

-Presentar un proxecto consensuado para o funcionamento e utilización da biblioteca escolar, acorde coas pautas recollidas nesta convocatoria, cunha xestión centralizada dos fondos documentais e unha organización que permita o seu aproveitamento por toda a comunidade escolar, con prioridade do alumnado e o profesorado.

-Designar un profesor ou profesora responsable da biblioteca escolar, preferentemente entre o profesorado definitivo no centro, por un período mínimo de dous anos e asignación de horas, dentro do seu horario lectivo, en número suficiente para as funcións propias, aproveitando as marxes que ofrece a actual configuración do réxime horario do profesorado. Este responsable integrarase na Comisión de coordinación pedagóxica do centro.

-Crear un equipo de biblioteca ou grupo de apoio, de carácter interdisciplinar, formado por profesorado dos diferentes ciclos ou departamentos presentes no centro, con dispoñibilidade e dedicación específica para a realización das distintas tarefas derivadas do proxecto, que se preverá na elaboración dos horarios do profesorado a comezo do curso escolar.

-Crear unha comisión de biblioteca no seo do Consello Escolar.

-Incluír o proxecto de biblioteca no proxecto educativo de centro e na programación anual de centro.

-Asignar un orzamento anual específico para o funcionamento e a actualización da biblioteca escolar.

-Destinar a totalidade do financiamento conseguido ao abeiro desta convocatoria para a actualización e funcionamento da biblioteca escolar do centro.

-Participar na formación do profesorado que se oferte en relación coa biblioteca escolar.

-Contar coa aprobación do Claustro de profesores e do Consello Escolar, así como o seu compromiso para facilitar a posta en práctica do proxecto.

Quinto.-Criterios de selección.

Para a selección dos centros participantes teranse en conta os seguintes aspectos:

-Calidade, coherencia e viabilidade do proxecto presentado.

-Grao de adecuación do proxecto ás orientacións consideradas nesta convocatoria, segundo o anexo IX.

-Formación e dedicación horaria do responsable designado e do profesorado integrante do equipo de apoio (a formación acreditarase mediante copia dos certificados correspondentes) e/ou compromiso mediante escrito para o efecto, de participar na formación específica que se oferte durante o curso 2005/2006.

-Grao de implicación da totalidade do profesorado do centro.

-Atención á biblioteca escolar por parte do centro nos dous anos anteriores en canto a orzamento, melloras, organización e actividades realizadas.

-Servizos ofertados pola biblioteca e uso destes polos diversos sectores da comunidade escolar.

-Horario de apertura da biblioteca, adaptación ás necesidades da comunidade educativa, colaboración con ela e integración no ámbito sociocultural.

Sexto.-Comisión de valoración.

Baixo a presidencia do director xeral de Centros e Ordenación Educativa ou persoa na cal delegue, constituirase unha comisión integrada polos seguintes membros:

-O xefe do Servizo de Xestión de Programas Educativos.

-Un representante da Subdirección Xeral de Inspección Educativa.

-Un asesor dun dos centros de formación e recursos da rede de formación do profesorado.

-A persoa responsable da asesoría de bibliotecas escolares.

-Un funcionario da Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa que actuará como secretario, con voz e sen voto.

Sétimo.-Resolución.

A comisión de selección, unha vez estudadas as solicitudes presentadas, emitirá unha proposta provisional de resolución, que incluirá aqueles proxectos que mellor se adecúen ás bases da convocatoria, indicando as cantidades asignadas a cada centro, segundo se recolle no punto segundo desta orde.

Esta proposta provisional poderá consultarse no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, no seguinte enderezo electrónico: http://www.edu.xunta.es, e nos taboleiros de anuncios da consellería e das súas delegacións provincias.

A partir do día seguinte ao da publicación desta proposta abrirase un prazo de dez días naturais co fin de que se poidan presentar cantas alegacións se

estimen oportunas. No mesmo prazo poderá renunciarse á participación no plan de mellora. Unha vez revisadas as reclamacións, a comisión elevará a proposta definitiva ao conselleiro para a resolución que proceda.

A resolución que incluirá os centros seleccionados, ditada polo conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, publicarase no Diario Oficial de Galicia no prazo máximo de 4 meses contados desde a publicación desta convocatoria.

No suposto de que non recaese resolución expresa dentro do prazo máximo previsto, os solicitantes deberán entender desestimadas as súas solicitudes.

Oitavo.-Xustificación e memoria.

As cantidades asignadas por este plan seranlles transferidas aos centros nun único pagamento, no período correspondente ao exercicio económico 2005.

Antes do 30 de xuño do 2006 os centros seleccionados deberán remitirlle á Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa a xustificación económica correspondente consistente en certificación da aprobación polo Consello Escolar, segundo anexo VIII.

Así mesmo, o responsable da biblioteca escolar, co visto e prace da dirección do centro, elaborará unha memoria das realizacións levadas a cabo para a posta en marcha do proxecto, que se enviará no prazo arriba indicado e se incluirá, ademais, na memoria final do curso que se remite á Inspección.

Esta memoria pedagóxica deberá observar o grao de cumprimento dos obxectivos propostos, as actividades desenvolvidas, o grao de implicación do centro e da comunidade educativa, as actividades de formación do ámbito da biblioteca escolar en que participou o profesorado, a produción de materiais, se os houbese, a avaliación realizada e as previsións de futuro.

A non entrega da memoria e/ou da xustificación do gasto no prazo sinalado poderá ser causa de revogación das cantidades asignadas, debendo proceder o centro ao reintegro da cantidade percibida, sen prexuízo das responsabilidades que se lle poidan exixir.

O incumprimento total ou parcial dos proxectos ou das condicións que se tiveron en conta para a súa concesión, poderán dar lugar á anulación ou modificación da contía do importe concedido.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Centros e Ordenación Educativa para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO IX

Orientacións

1. Modelo de biblioteca escolar.

A biblioteca escolar, concibida como espazo educativo ao servizo dos procesos de ensino e aprendizaxe, é un centro de recursos da información, unha mediateca, que pon ao servizo da comunidade educativa os fondos documentais existentes no centro, en soporte impreso, audiovisual ou multimedia.

Na biblioteca centralízase todo o material informativo que pode empregarse para os traballos escolares e para o fomento da lectura (libros, revistas, xornais, discos, vídeos, discos DVD, disco CD-ROM, mapas, fotografías, diapositivas, materiais de produción propia, ... A biblioteca acolle, organiza, facilita e difunde, entre os diversos sectores da comunidade escolar, os fondos existentes, para un uso eficaz deles. Presta diversos servizos (lectura en sala, préstamo, información, formación de usuarios, orientacións e materiais para a educación documental, actividades de fomento da lectura, acceso a internet ...).

Para unha axeitada xestión e organización dos materiais, cómpre seguir criterios estandarizados no ámbito bibliotecario, simplificando o sistema de clasificación e adaptándoo ao contexto escolar. A Asesoría de Bibliotecas Escolares vén publicando no portal educativo da Consellería de Educación diversos materiais de apoio neste sentido (adaptación da CDU para bibliotecas escolares galegas, orientacións, etc.).

O equipo de biblioteca elaborará un plan de adquisicións recollendo as suxestións e necesidades dos diversos ciclos ou departamentos do centro, establecendo prioridades en función dunha actualización equilibrada dos fondos.

É recomendable que todos os recursos documentais do centro (agás os de carácter administrativo), sexan xestionados pola biblioteca central, evitando a súa dispersión por aulas, ciclos, departamentos, seminarios e outros lugares, o que dificulta o coñecemento dos fondos existentes e a súa accesibilidade. Isto non quita que a biblioteca realice préstamos temporais en función das necesidades do profesorado na súa práctica pedagóxica.

O criterio para a colocación dos fondos terá en conta a accesibilidade a eles por parte dos usuarios. Os andeis serán preferentemente abertos, sen pechos nin barreiras innecesarias. Os armarios pechados non facilitan o acceso directo promovido no ámbito bibliotecario, tampouco actitudes responsables nin autonomía no uso dos bens de uso común.

A existencia dunha biblioteca escolar, organizada e dinamizada, facilita:

* Apoio aos procesos de ensino e aprendizaxe.

* Aprendizaxe autónoma.

* Achegamento aos distintos soportes documentais.

* Educación no acceso á información: educación documental.

* Integración das tecnoloxías da comunicación e da información na recollida e no seu tratamento, e na selección de lecturas.

* Creación e consolidación do hábito lector.

* Tratamento da lectura comprensiva en todas as áreas curriculares.

* Acceso igualitario aos recursos culturais.

* Educación nunha vivencia saudable do tempo de lecer.

* Apoio ao alumnado con necesidades educativas especiais.

O horario de funcionamento da biblioteca deberá ser o máis amplo posible, segundo a dispoñibilidade horaria do profesorado; en calquera caso procurarase que estea aberta a totalidade do tempo lectivo. Para a súa apertura no horario extraescolar poderá contarse con persoal auxiliar, en colaboración con outras institucións como a asociación de pais e nais, o concello ou outras, baixo a indispensable coordinación, sempre, do responsable designado pola dirección; logo de acordo escrito e con coñecemento das autoridades educativas.

Os equipos directivos dos centros, atendendo á normativa vixente, considerarán o funcionamento da biblioteca escolar como unha das necesidades organizativas do centro e, en consecuencia, terán en conta esta circunstancia á hora da distribución horaria de comezos de curso.

2. Formación de usuarios. Fomento da lectura.

No deseño de programas de dinamización da biblioteca escolar cómpre ter en conta dous tipos de actividades: aquelas dirixidas á formación de usuarios da biblioteca e á adquisición de habilidades e procedementos para o acceso á información e o seu tratamento (o que se coñece como educación documental e que constitúe un dos obxectivos básicos da biblioteca escolar) e aqueloutras que se engloban no concepto de fomento da lectura: narracións, lectura individual, lecturas compartidas, presentacións de libros, encontros con autores ou ilustradores, libro-fórum, xogos de animación, obradoiros de escritura creativa, ... Cómpre considerar a lectura nun senso amplo: a lectura para aprender, para facer un resumo, para buscar un dato, para resolver un problema, para elaborar un traballo, pero tamén a lectura pracenteira, a que realizada en soidade ou en compañía ten como único obxectivo o gozo do texto literario.

3. Responsable da biblioteca escolar.

O funcionamento eficaz da biblioteca escolar supón unha axuda fundamental para o labor de todo o profesorado, sendo necesaria a colaboración de todos e todas para a súa existencia. Porén, resulta imprescindible a presenza dunha persoa responsable deste servizo. O responsable da biblioteca escolar debe ser designado pola dirección, garantindo no posible a estabilidade e o bo funcionamento deste recurso do centro. Para isto, considerarase o interese, a idoneidade, a formación ou a experiencia neste ámbito, así como a dispoñibilidade horaria do profesorado.

As funcións do responsable da biblioteca escolar son:

* Elaborar o proxecto anual de biblioteca escolar, atendendo aos proxectos curriculares do centro, e a memoria final.

* Realizar o tratamento técnico dos fondos (seleccionar, organizar, clasificar, catalogar).

* Informar o Claustro das actividades da biblioteca e integrar as súas suxestións.

* Difundir os fondos existentes e as súas posibilidades de consulta entre toda a comunidade escolar.

* Definir os criterios para o préstamo e atender o servizo xunto co equipo de apoio.

* Asesorar o profesorado en técnicas de animación á lectura, estratexias de dinamización, formación de usuarios e traballo documental, seleccionando e elaborando materiais, xunto co resto do profesorado, para a formación do alumnado nestes aspectos e a dinamización cultural do centro.

* Coordinar o equipo de apoio á biblioteca escolar.

4. Equipo de apoio.

Estará formado por profesoras e profesores dos diferentes ciclos ou departamentos existentes no centro, que traballarán en coordinación co responsable da biblioteca para a consecución dos obxectivos previstos e a posta en marcha das actividades organizadas. A xefatura de estudos, aproveitando as marxes horarias do cadro de profesorado, preverá as necesidades da biblioteca escolar á hora de elaborar os seus horarios, nos que quedará recollida a súa participación neste servizo.

As funcións dos integrantes do equipo de biblioteca son:

* Apoiar o responsable da biblioteca na súa organización e dinamización.

* Recompilar informacións, materiais e recursos necesarios para o bo funcionamento do servizo, co fin de facilitárllelos ós usuarios da biblioteca escolar.

* Cooperar no deseño, organización e posta en marcha das actividades programadas.

* Establecer criterios para a adquisición e a actualización dos fondos da biblioteca.

* Recoller propostas e suxestións do profesorado e do alumnado co fin de mellorar as intervencións e colaborar co desenvolvemento da competencia lectora, o hábito lector e as habilidades de traballo intelectual.

5. Comisión de biblioteca no Consello Escolar.

A creación dunha Comisión de biblioteca no seo do Consello Escolar é de grande interese para a sensibilización de todos os membros da comunidade escolar respecto da necesidade deste servizo, procurándolle atención e estabilidade, así como a necesaria colaboración coa biblioteca pública de referencia (prevese como requisito para a participación na convocatoria do plan de mellora).

A Comisión de biblioteca podería ter a seguinte composición: por parte do Consello Escolar: un profesor, un pai/nai, un representante do concello, un representante da dirección; por parte da asociación de nais e pais, un representante; por parte da biblioteca pública máis próxima, o responsable; o responsable da biblioteca escolar, quen actuará como secretario/a. A comisión reunirase, como mínimo, unha vez ao trimestre, presidida pola xefatura de estudos ou o/a director/a.

As funcións desta Comisión de biblioteca serían:

* Analizar as necesidades da biblioteca escolar referidas a infraestrutura, equipamento, mantemento e atención en horario lectivo e en horario extraescolar.

* Realizar propostas ao Consello Escolar para as melloras necesarias.

* Xestionar a apertura da biblioteca en horario extraescolar, procurando as necesarias colaboracións e garantindo que todas as intervencións se realizarán seguindo os criterios establecidos polo equipo de apoio e o responsable da biblioteca escolar.

* Propor estratexias de colaboración entre a biblioteca escolar e a biblioteca pública máis próxima.

* Promover actividades de sensibilización e dinamización cultural entre toda a comunidade escolar.

* Realizar propostas para a adquisición de fondos e equipamento, co correspondente proxecto orzamentario, que se remitirán ao Consello Escolar.

* Realizar xestións cos sectores culturais, educativos, sociais e económicos do ámbito do centro educativo que poidan colaborar coa biblioteca escolar e os seus obxectivos.