DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2005 Páx. 5.062

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

INSTITUTO GALEGO DE PROMOCIÓN ECONÓMICA

RESOLUCIÓN do 11 de marzo de 2005 pola que se lle dá publicidade ao acordo do Consello de Dirección do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), que aproba a nova regulamentación das bases reguladoras das axudas para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

O Consello de Dirección do Igape, na súa reunión do día 24 de febreiro de 2005, acordou por unanimidade dos membros asistentes a aprobación da nova regulamentación das bases reguladoras das axudas para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega.

Na súa virtude e de conformidade coas facultades que teño conferidas,

RESOLVO:

Único.-Publicar a nova regulamentación das bases reguladoras das axudas para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega, as que figuran como anexo 1 a esta resolución.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2005.

Margarita Rodríguez Rama

Directora xeral do Instituto Galego de Promoción

Económica

ANEXO 1

Bases reguladoras das axudas do Igape para

os programas de apoio á continuidade e mellora

competitiva da PEME galega

Coa promulgación destas novas bases, o Igape pretende dar un novo impulso á mellora competitiva das Pemes galegas nun esforzo compartido entre o sector público e as empresas, que lles permita a estas incrementar a competitividade mediante a modernización dos seus equipos produtivos, a adopción de técnicas adecuadas de organización e informatización, a comercialización das súas producións, anticiparse a situacións de crise mediante as ferramentas de autodiagnóstico e plans de viabilidade, en determinados supostos, e abordar, se é o caso, as problemáticas específicas que se dan na empresa familiar e en sociedades de ampla base societaria.

En base á experiencia acadada coas anteriores bases, faise un novo ordenamento dos distintos obxectivos e medidas de apoio co propósito de conseguir unha maior claridade e simplificación, ao tempo que se suprimen algunhas condicionantes e se introducen novas accións poñendo especial énfase nos apoios ligados á introdución de novas técnicas e equipamentos.

Por último, introdúcese a presentación de solicitudes e comunicación telemática entre o solicitante e o Igape como forma e exemplo da mellora competitiva en beneficio de ambas partes.

Base 1ª.-Iniciativas obxecto de apoio.

Os apoios previstos nestas bases terán como obxectivo prioritario a procura da mellora competitiva da pequena e mediana empresa, e poderán consistir en:

1.1. Apoios á implantación de proxectos de mellora competitiva de carácter xeral. Segundo a regulación establecida para cada caso na base 3ª, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido a:

1.1.1. Investimento empresarial e outros gastos vinculados ao investimento.

1.1.2. Implantación de ferramentas informáticas para a mellora da xestión empresarial.

1.1.3. Iniciativas tendentes a facilitar a internacionalización.

1.1.4. Iniciativas de apoio á continuidade da empresa familiar.

1.1.5. Iniciativas tendentes á consolidación e competitividade de cooperativas e sociedades de base laboral.

1.1.6. Iniciativas dirixidas a fomentar a viabilidade da PEME galega.

1.2. Apoios á difusión por organismos intermedios de técnicas e ferramentas de mellora competitiva. Segundo a regulación establecida para cada caso na base 4ª, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido ás accións que en materia de difusión

dos instrumentos dirixidos á mellora competitiva das Pemes se acometan por organismos intermedios.

1.3. Apoios específicos incardinados no Plan de consolidación e competitividade da PEME. Segundo a regulación establecida para cada caso na base 6ª, o Igape poderá conceder subvencións a fondo perdido a iniciativas concretas en materia de consolidación e competitividade:

1.3.1. Sociedade da Información.

1.3.2. Innovación de procesos: xestión e organización na PEME.

1.3.3. Innovación en técnicas empresariais:

a) Deseño.

b) Redes interempresariais de cooperación.

c) Sistemas de calidade.

1.4. Servizos de apoio ás Pemes. Ademais dos apoios regulados nestas bases referidos nos puntos anteriores, o Igape poderá así mesmo levar a cabo as seguintes actuacións:

1.4.1. Apoios á xeración e prestación de servizos de valor ás Pemes, cando así resulte aconsellable e de acordo co establecido no marco regulador que para o efecto se estableza.

1.4.2. Asistencia técnica na elaboración de autodiagnósticos empresariais, mediante a utilización de ferramentas informáticas específicas desenvoltas polo Igape.

1.4.3. O Igape, de oficio, poderá realizar sempre que, dispoñendo das dotacións orzamentarias axeitadas así se considere de interese, entre outros, os servizos que a continuación se relacionan:

a) Estudos de mercado, consistentes na avaliación do interese dun mercado potencial, adecuadamente identificado e que poida beneficiar a un conxunto de empresas.

b) Estudos sectoriais, consistentes na realización de análises en profundidade das Pemes galegas dun determinado sector, co fin de determinar en consecuencia un conxunto de accións planificadas que poidan beneficialas individual ou colectivamente.

c) Accións de difusión das diferentes estratexias a acometer polas Pemes para asegurar a súa continuidade e capacidade competitiva.

Base 2ª.-Beneficiarios e condicións de carácter xeral.

2.1. Serán beneficiarios destas axudas as pequenas e medianas empresas (Pemes), segundo definición da Comisión Europea feita pública para efectos do Igape mediante Resolución do 27 de decembro de 2004, DOG nº 11, do 18 de xaneiro de 2005, que cumpran os requisitos establecidos para cada liña de apoio e que estean ao día das súas obrigas coa Facenda Pública, coa Comunidade Autónoma de Galicia e coa Seguridade Social.

2.2. Para aquelas actividades que se atopen comprendidas dentro dos sectores regulados por normas específicas da Unión Europea sobre axudas estatais, as axudas previstas nestas bases axustaranse en cada caso a ditas normas específicas.

2.3. Os incentivos regulados nestas bases incardínanse no ámbito do último parágrafo do punto 1 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na redacción establecida pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, constituíndo o contido destas bases a súa normativa de aplicación.

2.4. Salvo as excepcións que expresamente se establezan nestas bases, unicamente serán subvencionables os investimentos e gastos realizados e pagados posteriormente á presentación da solicitude de axuda e con anterioridade á finalización do prazo concedido para a execución do proxecto. Este período denomínase prazo de vixencia para os efectos de cumprir todas as condicións que estableza a resolución individual de concesión da axuda.

2.5. O Igape poderá establecer convenios, individual ou conxuntamente, cos distintos departamentos da Xunta de Galicia, e outras administracións e institucións públicas, co fin de implementar liñas de apoio sectoriais ou de proxectos que se consideren estratéxicos. O réxime e condicións destas adecuarase ao que se estableza nos citados convenios, que serán obxecto de publicación no DOG.

Base 3ª.-Apoios á implantación de proxectos de mellora competitiva de carácter xeral.

3.1. Investimento empresarial e outros gastos vinculados ao investimento. Poderán incentivarse con subvencións a fondo perdido os proxectos de investimento empresarial para a consolidación ou inicio de determinadas actividades empresariais.

3.1.1. Beneficiarios. As pequenas e medianas empresas que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia e propoñan un proxecto de investimento para a consolidación ou posta en marcha dalgunha das actividades subvencionables.

3.1.2. Actividades subvencionables:

3.1.2.1. Serán subvencionables ao abeiro deste programa, os proxectos de investimento en Galicia para a consolidación ou posta en marcha de actividades industriais, loxísticas, hoteleiras ou de servizos avanzados ás Pemes, dirixidos a mellorar a súa competitividade, asignables a algunha das relacionadas no anexo II. O proxecto subvencionable deberá en todo caso estar vinculado a algunha destas actividades, independentemente de calqueroutra que, ademais, desempeñe o solicitante.

3.1.2.2. Tamén poderán ser susceptibles de axudas os proxectos dirixidos á implantación de establecementos comerciais propios no estado español, fóra da Comunidade Autónoma de Galicia, cando sexan

propostos por Pemes industriais galegas e dirixidos á venda de produtos propios en mercados onde non tivesen presenza anterior.

3.1.3. Conceptos subvencionables:

3.1.3.1. Para os efectos de cálculo da subvención a fondo perdido consideraranse integrados na base subvencionable os conceptos seguintes:

A) Investimentos realizados en:

a) Adquisición dos terreos necesarios para acometer o proxecto, traídas e acometidas de servizos, urbanización e obras exteriores adecuadas ás necesidades do proxecto.

b) Obra civil en: oficinas, laboratorios, servizos sociais e sanitarios do persoal, almacenamento de materias primas, edificios de produción, edificios de servizos industriais, almacenamento de produtos terminados e outras obras vinculadas ao proxecto.

c) Adquisición de inmobles.

d) Bens de equipo: maquinaria de proceso, instalacións específicas para a actividade subvencionable, elementos de transporte interior, vehículos especiais de transporte exterior, medios de protección do ambiente e outros bens de equipo ligados ao proxecto. Nos sectores do transporte e loxístico quedan excluídos os gastos destinados á adquisición de elementos de transporte (activos móbiles).

e) Outros investimentos en activos fixos materiais incluíndo mobiliario.

f) Traballos, estudos de planificación, enxeñaría de proxecto e dirección facultativa.

g) Aplicacións informáticas e adquisición de propiedade intelectual e industrial, incluíndo licenzas de fabricación, patentes e o canon fixo de franquías no seu primeiro ano.

h) No caso de apertura de establecementos comerciais propios fóra de Galicia e dentro do estado español por Pemes industriais galegas dirixidos á venda de produtos propios: investimentos dirixidos ao acondicionamento do local comercial (tales como instalacións, mobiliario e decoración).

B) Custos financeiros: dentro dos límites máximos de axuda aplicable ao conxunto de investimentos do proxecto e calculada esta sobre a base uniforme composta polos conceptos de investimento subvencionable, poderán acollerse outros gastos ligados ao investimento consistentes en gastos financeiros vinculados ás operacións de préstamo concedidas por entidades financeiras e destinadas a financiar o proxecto investidor que se devenguen durante os 5 primeiros anos da dita operación. O importe subvencionable do préstamo non poderá superar o resultante de detraer da base subvencionable aprobada a suma dos importes da subvención concedida e do autofinanciamento mínimo exixido para o proxecto, co límite en todo caso do 70% da base subvencionable aprobada. Para o cálculo dos ditos gastos financeiros estarase ás condicións que se establezan

na solicitude de axuda e para o pagamento da subvención, o que sexa aplicable no momento da primeira disposición do préstamo, sempre que este se entenda axustado ás condicións de mercado. Non se admitirán operacións financeiras concedidas ou subvencionadas por organismos públicos. O importe da subvención destinarase á amortización anticipada do préstamo subvencionado.

3.1.3.2. Para a determinación do importe da base subvencionable, seguiranse aos criterios e módulos de custo máximo subvencionable que aprobe o Consello de Dirección do Igape para os distintos conceptos previstos no punto 3.1.3.1 anterior, que se é o caso prevalecerán sobre os prezos de adquisición destes.

3.1.3.3. Os investimentos deberán realizarse en bens de primeiro uso empresarial, salvo cando o proxecto consista no traspaso dun establecemento que pechara ou tivera pechado de non procederse á súa readquisición. Neste suposto, computarase como importe subvencionable máximo o valor de taxación recollido en informe elaborado por sociedade de taxación homologada.

3.1.3.4. Salvo polo que respecta ao acondicionamento de locais alugados, os bens obxecto do investimento deberán ser adquiridos polo beneficiario en propiedade. No caso de adquisición dos bens mediante fórmulas de pagamento aprazado, estes deberán pasar a ser de propiedade plena da empresa antes da finalización do prazo concedido para a execución do proxecto (prazo de vixencia), debendo constar no dito momento o vencemento e pagamento das cantidades aprazadas.

3.1.3.5. No caso de investimentos en obra civil, os solicitantes estarán obrigados a levantar acta notarial que reflicta de modo fidedigno con posterioridade á presentación da súa solicitude de axuda a non-iniciación da obra ou do estado de execución desta, acompañada, neste caso, pola valoración obxectiva do investimento executado. Nestes casos, unicamente serán subvencionables aqueles investimentos realizados con posterioridade ao levantamento da citada acta.

3.1.3.6. Naqueles casos de subvención ao terreo, construcións e urbanizacións por cambio de localización dentro da Comunidade Autónoma de Galicia, a base sobre a que se aplicará a subvención será o que resulte da diferenza entre o prezo de adquisición dos novos activos e o valor dos da antiga localización, segundo informe de taxación subscrito por sociedade de taxación homologada, sempre e cando as instalacións para abandonar fosen propiedade da empresa ou dos seus socios maioritarios. Se dentro do prazo de execución do proxecto (prazo de vixencia) establecido na resolución de concesión da subvención fosen alleados os terreos da antiga localización da empresa e o importe neto da venda resultase superior ao da taxación homologada que se tivo en conta para os efectos da subvención, reaxustarase o importe da subvención concedida.

3.1.4. Límites do proxecto e subvención.

3.1.4.1. Para ser apoiables, os proxectos terán que superar un mínimo de base subvencionable de 50.000 A e poderán acadar ata un máximo de base subvencionable de 600.000 A. Para o cómputo do dito máximo acumularanse as solicitudes de subvención presentadas por un mesmo solicitante nun período dun ano natural desde a primeira delas.

3.1.4.2. Con caracter xeral, o límite máximo de axuda non superará a porcentaxe do 25% calculada sobre a base subvencionable aprobada.

3.1.4.3. No caso de adquisición de terreos localizados en polígonos de promoción pública realizada directamente ao organismo promotor, ou en polígonos de promoción privada sempre que conten coa homologación do organismo autonómico competente en ordenación do territorio, concederase unha subvención de ata o 50% do seu prezo, dentro dos límites máximos de intensidade de axuda do 55% establecidos na base 13.2º a). No caso de terreos en polígonos de promoción privada o prezo determinante da base subvencionable non poderá ser superior aos de promoción pública. O Consello de Dirección do Igape poderá acordar a superación da porcentaxe de subvención do 50% do prezo de adquisición no caso de empresas de nova localización na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que o interese estratéxico do proxecto así o aconselle.

3.1.4.4. Poderá superarse a intensidade de axuda establecida no punto 3.1.4.2 anterior ata o límite establecido na base 13.2º a) para investimentos nos seguintes casos:

a) Actividades de especial consideración por referirse a sectores maduros ou a actividades intensivas en emprego, ou de alta tecnoloxía, ou sectores emerxentes de interese. O detalle destas actividades establécese no anexo III.

b) Proxectos promovidos por cooperativas ou sociedades de base laboral definidas na base 3.5.1.

3.1.5. Criterios de avaliación.

O expediente avaliarase tomando en conta os seguintes criterios:

a) Inicio da actividade do solicitante inferior a un ano.

b) Estrutura de emprego estable preexistente na PEME (ratio emprego indefinidos/emprego total).

c) A creación de emprego con contrato indefinido en relación á base subvencionable aprobada.

d) O sector de actividade, considerándose preferentes:

d1) As enmarcadas nalgún dos complexos seguintes:

I) Mar-industria.

II) Rochas ornamentais.

III) Agro-industria.

IV) Téxtil/confección.

V) Automóbil.

VI) Telecomunicacións-audiovisual.

VII) Turismo.

VIII) Silvícola-forestal e cadea da madeira.

IX) Ambiente.

d2) As actividades de especial consideración referidas no punto 3.1.4.4 a) anterior.

e) O valor engadido medio da actividade empresarial.

f) A existencia de sistemas de xestión ambiental certificados por entidade acreditada.

g) A compoñente tecnolóxica do proxecto (implantación de tecnoloxía avanzada).

h) A existencia de sistemas de calidade certificados por entidade acreditada.

i) O interese estratéxico do proxecto para a actividade económica da Comunidade Autónoma ou a súa localización, segundo acordo do Consello de Dirección do Igape.

3.2. Implantación de ferramentas informáticas para a mellora da xestión empresarial. Poderá incentivarse a posta en marcha de plans de actuación adicados á innovación na xestión da empresa no seu conxunto ou nalgún dos seus procesos, por medio da implantación de ferramentas informáticas de xestión.

3.2.1. Beneficiarios. As pequenas e medianas empresas que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

3.2.2. Actividades subvencionables: todas as actividades económicas.

3.2.3. Conceptos subvencionables: poderán ser subvencionados os seguintes conceptos:

3.2.3.1. Investimentos en:

I) Software e aplicacións de xestión interna (paquetes estándar ou desenvolvementos específicos).

II) Hardware necesario para o manexo das aplicacións de xestión a implantar (ordenadores ou servidores).

III) Instalación de redes informáticas internas á empresa.

3.2.3.2. Asistencia técnica específica para a implantación do proxecto.

3.2.4. Límites do proxecto e subvención: con carácter xeral, o límite máximo de axuda sobre a base subvencionable aprobada non superará:

a) Para os investimentos do punto 3.2.3.1: o 55% da base subvencionable. A subvención máxima en hardware será de 12.000 A.

b) Para os gastos do punto 3.2.3.2: o 50% da base subvencionable ata un límite de subvención de 5.000 A.

3.2.5. Criterios de avaliación: o expediente avaliarase tomando en conta os criterios establecidos no punto 3.1.5. anterior.

3.3. Iniciativas tendentes a facilitar a internacionalización. Poderanse apoiar os distintos procesos tendentes a facilitar o acceso das Pemes a novos mercados internacionais, favorecendo o seu coñecemento.

3.3.1. Beneficiarios:

a) As pequenas e medianas empresas que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Os consorcios de exportación con personalidade xurídica propia, participados exclusivamente por pequenas e medianas empresas.

3.3.2. Actividades subvencionables: todas as actividades económicas, sempre e cando conste que o proxecto subvencionable se dirixa a fomentar a comercialización de produtos de orixe maioritariamente galega.

3.3.3. Conceptos subvencionables: poderán ser subvencionados os seguintes conceptos:

3.3.3.1. Traballos realizados por colaboradores externos que permitan determinar as vantaxes competitivas para a actividade no exterior do estado español, xa sexa co obxecto do abastecemento de materias primas ou produtos intermedios, a implantación empresarial ou para a comercialización de produtos elaborados na comunidade autónoma e de servizos prestados por empresas da comunidade autónoma. Os estudos terán que dirixirse a espazos xeográficos singularizados, téndose que xustificar o interese específico del para o solicitante e a súa repercusión na actividade económica galega.

Os traballos poderán consistir en:

a) Estudos de mercado dun país estranxeiro, podendo circunscribirse, dentro dun país, a determinados ámbitos xeográficos.

b) Definición de estratexias, recomendacións e procesos necesarios para o lanzamento de produtos ou empresas en mercados externos ao Estado español.

c) Determinación de condicionantes existentes en cada zona para a implantación (requisitos legais, restricións, limitacións, recomendacións e outros), incluíndo os requisitos rexistrais para a protección internacional da propiedade intelectual ou industrial.

Coa presentación da solicitude de cobramento, o beneficiario cédelle ao Igape os dereitos de explotación e difusión sobre as conclusións e informacións de carácter xeral derivadas dos traballos subvencionados, para o seu emprego no cumprimento dos seus fins públicos e sen ánimo de lucro. O Igape

poderá difundir as ditas informacións xerais dos traballos realizados a posteriores solicitantes de axuda. Non serán subvencionables aqueles estudos que versen sobre materias xa postas a disposición das Pemes polo Igape.

3.3.3.2. Gastos incorridos para a súa primeira presenza nun determinado evento expositivo internacional relacionado directamente coa actividade do solicitante en Galicia, cando cumpra as seguintes condicións:

a) Se celebre fóra de Galicia.

b) Periodicidade anual ou superior a un ano.

c) Histórico de celebracións anteriores igual ou superior a tres edicións.

d) Presenza de expositores externos ao país de celebración na última edición superior ao 20% ou con visitantes estranxeiros que representen polo menos un 4% do total de visitantes.

As anteriores condicións, así como a condición de «primeira presenza» deberán acreditarse no momento da xustificación do proxecto, mediante certificación expedida pola organización responsable do evento. Non obstante, para feiras incluídas no calendario oficial de feiras comerciais internacionais publicado anualmente pola Secretaría de Estado e Comercio do Ministerio de Economía e Facenda, ou homologadas pola Unión de Feiras Internacionais (UFI, con enderezo web na páxina www.ufinet.org), deberá acreditarse unicamente a condición de «primeira presenza».

A base subvencionable estará composta polos seguintes conceptos:

I. Custos de aluguer de espazo expositivo (incluíndo servizos básicos directamente vinculados ao aluguer e facturados pola mesma organización).

II. Custos de traslado de materiais (ida e volta).

III. Custos de deseño e construción do stand (unha única vez por beneficiario).

3.3.4. Límites do proxecto e subvención.

3.3.4.1. As solicitudes de axuda presentadas por primeira vez acadarán unha subvención do 50% da base subvencionable aprobada, cos límites establecidos no punto 3.3.4.3 seguinte. A dita intensidade de axuda será reducida nas sucesivas solicitudes que se presenten no período dun ano a partir da primeira.

3.3.4.2. Para os beneficiarios do punto 3.3.1 b) anterior, a contía da subvención determinarase en función da cada acción proposta e tendo en conta o número de partícipes do beneficiario, podéndose superar o 50% da base subvencionable, dentro dos límites establecidos pola Unión Europea para axuda de minimis.

3.3.4.3. Límites de subvención:

a) Para estudos recollidos no punto 3.3.3.1 a subvención máxima por ámbito xeográfico de interese será de 9.000 A.

b) Para os custos do punto 3.3.3.2.III a subvención máxima será de 9.000 A.

3.3.4.4. Estas axudas son incompatibles coas concedidas por outros organismos públicos para a mesma finalidade.

3.3.5. Liña de avais. No marco da normativa xeral de regulación de avais do Igape, poderase establecer unha liña específica de avais que garantan as operacións destinadas a financiar os gastos necesarios para favorecer a comercialización dos produtos galegos, nos termos que resulten do convenio coas entidades financeiras que para tal fin se subscriba.

3.4. Iniciativas de apoio á continuidade da empresa familiar. Poderanse conceder subvencións a fondo perdido para actuacións dirixidas a favorecer a continuidade da PEME familiar galega, facilitando a súa gobernabilidade e contribuíndo a garantir a súa permanencia futura:

3.4.1. Beneficiarios. Sociedades mercantís, de carácter familiar, que cumpran os criterios de PEME e que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

3.4.2. Actividades subvencionables: todas as actividades económicas.

3.4.3. Conceptos subvencionables: poderá ser subvencionado o custo de consultoría para a elaboración dun plan e protocolo de sucesión e os honorarios e aranceis dos fedatarios públicos necesarios para a súa subscrición e inscrición rexistral. Concederase a axuda unha única vez por beneficiario.

3.4.4. Intensidade de axuda e límites da subvención: os proxectos acadarán unha subvención do 50% dos gastos subvencionables aprobados, cunha subvención máxima de 5.000 A sobre os gastos de consultoría.

3.5. Iniciativas tendentes á consolidación e competitividade de cooperativas e sociedades de base laboral.

3.5.1. Beneficiarios. Poderán ser beneficiarias as pequenas e medianas empresas que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, constituídas en réxime cooperativo ou en réxime de sociedade laboral que realicen unha actividade de carácter marcadamente empresarial e que presenten a súa solicitude en tempo nos dous anos seguintes ao inicio da súa actividade empresarial ou ben tiveran durante os últimos dous exercicios resultados de actividades ordinarias negativos. Poderán denegarse as solicitudes de sociedades que non xustifiquen o desen

volvemento dunha actividade de interese para a dinamización económica de Galicia.

3.5.2. Actividades subvencionables: todas as actividades económicas.

3.5.3. Conceptos subvencionables: poderán ser subvencionados os seguintes conceptos:

a) Os custos de elaboración dun estudo empresarial de viabilidade, realizado por consultor independente que non lle preste habitualmente servizos ao solicitante, e axustado aos contidos definidos no anexo IV a estas bases.

b) Con base nas necesidades da empresa que resulten do plan de viabilidade, poderanse subvencionar os custos de asistencia técnica cualificada para a implantación das medidas contidas no dito plan que se devenguen durante o primeiro ano de implantación.

3.5.4. Límite da subvención: poderá subvencionarse ata un 75% da base subvencionable aprobada, podendo establecerse módulos máximos de custo subvencionable por estudo e asistencia técnica.

3.5.5. Criterios de avaliación: o expediente avaliarase tomando en conta os criterios establecidos na base 3.1.5.

3.6. Iniciativas dirixidas a fomentar a viabilidade das Pemes galegas.

3.6.1. Beneficiarios. As pequenas e medianas empresas, constituídas como persoas xurídicas, que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia, que desenvolvan calquera actividade económica, e que durante os últimos dous exercicios pechados obtiveran resultados de actividades ordinarias negativos.

Excepcionalmente, con base nas características da solicitude, o Consello de Dirección do Igape poderá recoñecer a condición de beneficiario ás empresas que non teñan a consideración de PEME, neste suposto a subvención concederase suxeita ao réxime de minimis establecido no Regulamento 69/2001 da Comisión Europea ou a normativa que o substitúa.

3.6.2. Actividades subvencionables: todas as actividades económicas.

3.6.3. Conceptos subvencionables. Os custos establecidos no punto 3.5.3 a) anterior.

3.6.4. Límite da subvención: o establecido no punto 3.5.4 anterior.

3.6.5. Criterios de avaliación: o expediente avaliarase tomando en conta os criterios establecidos na base 3.1.5.

3.7. Condicións xerais para todos os proxectos.

3.7.1. Quedan expresamente excluídos os seguintes gastos:

a) Custos ordinarios habituais de funcionamento, non vinculados exclusivamente ao proxecto subvencionable.

b) Custos de persoal.

c) Custos de formación xeral, salvo o adestramento específico en manexo de equipamento ou ferramentas implantadas a través do proxecto.

d) Gastos de publicidade.

e) Impostos, taxas e demais arbitrios.

3.7.2. Serán subvencionables os investimentos realizados e pagados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda e con anterioridade ao remate do prazo concedido para a execución do proxecto. Este período denomínase prazo de vixencia para os efectos de cumprir todas as condicións que estableza a resolución de concesión da axuda.

3.7.3. Os beneficiarios deberán achegar para o financiamento do proxecto un autofinanciamento de polo menos un 30% dos investimentos subvencionables, que non poderá ser obxecto de axuda ou subvención ningunha. Para os efectos de acreditar o dito autofinanciamento, a resolución de concesión fixará o nivel de fondos propios a acadar durante o prazo de execución do proxecto (prazo de vixencia).

3.7.4. A axuda poderá condicionarse ao mantemento dunha determinada distribución da propiedade da empresa beneficiaria nos supostos en que esta represente un elemento substancial para garantir a viabilidade técnica, económica e financeira do proxecto e así se estableza na resolución de concesión da axuda.

Base 4ª.-Iniciativas en materia de difusión e divulgación de técnicas dirixidas á mellora competitiva das Pemes.

4.1. Iniciativas subvencionables. O Igape poderá subvencionar as iniciativas dos organismos intermedios en materia de difusión e divulgación de técnicas dirixidas á mellora competitiva das Pemes, tales como xornadas, seminarios, ciclos de conferencias, congresos, etc. que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ser realizadas no territorio da Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Complementar claramente as accións de difusión en materia de técnicas dirixidas á mellora competitiva das Pemes desenvoltas polo Igape ou por outros axentes de promoción e non interferir con ningunha outra actividade prevista.

c) Xustificar o interese e a novidade da proposta de difusión, e a relevancia da iniciativa en termos da súa repercusión.

4.2. Beneficiarios. Organismos intermedios que presten con carácter habitual servizos ás Pemes que teñan radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia. Entenderase por organismo intermedio aquelas entidades de carácter público, semipúblico ou privado, con persoalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro nas súas actividades.

4.3. Conceptos subvencionables. Gastos de publicidade, difusión, impresión e distribución dos relatorios ou publicacións directamente vinculadas á iniciativa aprobada.

O IVE formará parte da base subvencionable aprobada cando o solicitante acredite a exención total do imposto; no caso de solicitantes suxeitos á regra de pro rata, o custo efectivamente soportado calcularase con base na pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade do solicitante incluír o resultado final na liquidación das súas obrigas fiscais.

4.4. Límites e contía da subvención:

4.4.1. A contía da contribución do Igape será do 80% dos gastos de publicidade, difusión, impresión e distribución dos relatorios ou publicacións vinculadas á iniciativa aprobada, sen que en ningún caso supere as seguintes cantidades:

-Iniciativas de ámbito local ou comarcal: 3.000 euros. Poderán ser subvencionables ata un máximo de 6 convocatorias anuais da mesma iniciativa.

-Iniciativas de ámbito provincial: 6.000 euros. Poderán ser subvencionables ata un máximo de 3 convocatorias anuais da mesma iniciativa.

-Iniciativas de ámbito autonómico: 15.000 euros. Unicamente será subvencionable unha convocatoria anual da iniciativa.

-Iniciativas de ámbito nacional: 30.000 euros. Unicamente será subvencionable unha convocatoria anual da iniciativa.

-Iniciativas de ámbito internacional: 60.000 euros. Unicamente será subvencionable unha convocatoria anual da iniciativa.

4.4.2. Para a determinaciòn do ámbito xeográfico de aplicación serán tidos en conta, ademais dos razoamentos e feitos achegados polo solicitante, o alcance xeográfico dos medios de publicidade e promoción previstos así como a difusión posterior dos relatorios e publicacións vinculadas á iniciativa.

4.4.3. Unicamente serán subvencionables os investimentos e gastos realizados e pagados con posterioridade á presentación da solicitude de axuda e anteriores á data límite de execución do proxecto fixada na resolución de concesión.

Base 5ª.-Tramitación solicitudes para os programas establecidos nas bases 3ª e 4ª.

5.1. Para presentar unha solicitude de axuda os interesados deberán cubrir previamente un cuestionario descritivo das circunstancias do solicitante e do proxecto a través da aplicación de axuda establecida no enderezo de internet http://www.tramita.igape.es. Co fin de prestar asistencia na cumprimentación do cuestionario, o Igape pon á disposición dos interesados o seu Servizo de Asistencia Técnica, cun sistema de cita previa concertada a través do mencionado enderezo de internet ou dos

números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que en cada momento se establezan para esta finalidade.

Deberán cubrirse necesariamente todos os campos do formulario establecidos como obrigatorios, tras o cal a aplicación emitirá un identificador de documento electrónico (IDE) que identificará univocamente o cuestionario.

Este IDE estará composto de 40 caracteres alfanuméricos e obterase mediante o algoritmo estándar de extractado «SHA-1 160 bits» a partir do documento electrónico xerado pola aplicación de axuda citada anteriormente.

5.2. As solicitudes de axuda presentaranse mediante a instancia normalizada que se adxunta como anexo I, nas que será obrigatoria a inclusión dos 40 caracteres alfanuméricos do IDE obtido no paso anterior. As solicitudes que carezan do IDE ou nas que este sexa erróneo (sexa porque ten un formato erróneo ou porque non foi xerado pola aplicación de axuda) serán devoltas sen tramitación.

5.3. O interesado presentará a instancia de solicitude co IDE no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

5.4. Así mesmo, os interesados poderán asinar electronicamente o formulario de solicitude co IDE e presentalo no rexistro telemático da Xunta de Galicia.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado o formulario de solicitude co IDE, mediante certificación dixital do presentador, e transferidos estes ao Igape, procederase á

anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

e) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do Igape no punto «Tramitación Telemática», para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun acuse de recibo das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos no Real decreto 209/2003, do 21 de febreiro.

5.5. Os solicitantes poderán obter en todo momento un xustificante da recepción por parte do Igape dos termos da súa solicitude contidos no cuestionario. Para iso utilizarán a aplicación establecida no enderezo da internet citado anteriormente, introducindo os 40 caracteres do IDE e o enderezo de correo electrónico no que desexan recibir o xustificante.

5.6. Instrución do procedemento.

5.6.1. A solicitude de axuda será avaliada polos servizos técnicos do Igape competentes en cada caso en función dos datos relativos ao proxecto declarados no cuestionario descritivo do proxecto.

5.6.2. Na tramitación das solicitudes presentadas no ámbito da base 3ª, o Igape citará os solicitantes a unha reunión presencial co fin de analizar os seus proxectos. Con anterioridade á data fixada para a dita reunión, os servizos do Igape comunicaranlles aqueles casos nos que os termos do cuestionario non precisen aclaracións, nos restantes casos a incomparecencia non xustificada do solicitante implicará que o expediente sexa resolto cos elementos contidos na solicitude inicial.

Os solicitantes con iniciativas presentadas no ámbito da base 4ª serán obxecto de cita só nos casos en que se precisen aclaracións.

5.6.3. As modificacións da solicitude inicial deberán ser presentadas utilizando a aplicación de axuda para xerar un cuestionario modificado, cuxo IDE será de obrigatoria inclusión no escrito de comunicación ao Igape das ditas aclaracións.

5.6.4. Proposta de resolución.

Unha vez emitido informe técnico polos servizos técnicos, o director xeral elevará proposta de resolución motivada ao presidente do Igape, que resolverá por delegación do Consello de Dirección.

5.6.5. Resolución.

5.6.5.1. Na resolución de concesión de axuda faranse constar os importes da base subvencionable para xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida, as condicións e prazos de execución previstos no proxecto subvencionado, o prazo establecido para o cumprimento de todas as condicións da subvención, así como a obriga por parte do perceptor da subvención de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análoga da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e, no seu caso, pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), así mesmo poderán establecer condicións técnicas e económicas de obrigada observancia para a realización do proxecto.

5.6.5.2. As resolucións seranlle notificadas ao solicitante quen terá un prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación cubrindo a dilixencia que se anexe, así como a presentación da documentación (en orixinal ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte:

a) DNI do asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación.

b) Poder de representación inscrito, se é o caso, no rexistro competente do asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación.

c) Escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

d) Se é o caso, certificado de estar ao día de pagamentos á Seguridade Social.

e) Calquera outra documentación necesaria para efectos da liquidación que voluntariamente decida anticipar.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

5.6.5.3. Transcorrido o prazo de aceptación sen a recepción da dilixencia de aceptación ou da documentación requirida, o Igape terá o beneficiario por renunciado da axuda aprobada, procedendo ao arquivo do expediente, logo da resolución declarativa desta circunstancia.

5.6.5.4. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución do expediente será de tres meses contados desde o día seguinte ao da presentación do formulario de solicitude. Transcorrido o dito plazo sen ter recaído resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a solicitude.

Base 6ª.-Apoios específicos incardinados no Plan de Consolidación e Competitividade da PEME (PCCP).

6.1. O Plan de Consolidación e Competitividade da PEME (PCCP) que se recolle no Real decreto

582/2001, do 1 de xuño, publicado no BOE do día 2 de xuño, prevé medidas de apoio e actuacións de fomento destinadas ás pequenas e medianas empresas españolas no marco dunha política orientada a consolidar o tecido empresarial, aumentar a competitividade da empresa, mellorar o ambiente e, como consecuencia, propiciar a creación de emprego e de riqueza.

Poderán ser obxecto de axuda mediante a concesión de subvencións a fondo perdido os proxectos e actuacións que se axusten ás seguintes medidas:

1. Sociedade da Información.

2. Innovación de procesos: xestión e organización na PEME.

3. Innovación en técnicas empresariais:

-Deseño.

-Redes interempresariais de cooperación.

-Sistemas de calidade.

6.2. Beneficiarios. Poderán ser beneficiarios dos apoios recollidos na presente base:

6.2.1. As pequenas e medianas empresas que cumpran os seguintes requisitos:

a) Ter radicado o centro da súa actividade ou algún centro de traballo na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) Realizar algunha actividade económica nas epígrafes recollidas no anexo IX a estas bases.

6.2.2. Os organismos intermedios que presten servizos de carácter empresarial en beneficio das Pemes galegas. Para estes efectos, entenderanse por organismos intermedios:

a) Aquelas entidades de carácter público, semipúblico ou privado, con persoalidade xurídica propia e sen ánimo de lucro no desenvolvemento das súas actividades.

b) As entidades con participación maioritaria de capital público que presten servizos de carácter empresarial ás Pemes galegas, cando promovan proxectos subvencionables segundo o seguinte punto e non persigan nos ditos proxectos a obtención de beneficios.

6.2.3. Polo seu carácter non específico de prestación de servizos directamente ás Pemes ou a súa condición institucional, exclúense como beneficiarios das subvencións as entidades locais, comunidades de veciños, mutuas, asociacións de pais de alumnos, fundacións e asociacións culturais e outras entidades de fins sociais, asociacións relixiosas, sindicais, organizacións de consumidores, caixas de aforros, bancos e outras entidades financeiras (agás sociedades de garantía recíproca), institucións feirais e outras similares.

Exclúense igualmente dos organismos intermedios beneficiarios do Plan PEME as AIE (agrupacións de interese económico) polo seu carácter mercantil e por realizar actividades de carácter mercantil para

os seus socios, e as asociacións e federacións deportivas por non prestarlles habitualmente servizos de carácter empresarial ás Pemes.

6.2.4. Os beneficiarios de proxectos relevantes ou significativos, aprobados co cofinanciamento dos fondos deste Plan de Consolidación e Competitividade da PEME, cando así o indique a súa resolución, deberán facer constar en toda manifestación pública ou expresión externa a existencia do dito cofinanciamento, por polo menos unha das seguintes vías:

a) Facendo constar explicitamente o cofinanciamento do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME.

b) Incluíndo con idéntica relevancia nas comunicacións, textos, carteis, etc. os logotipos do Igape, da Dirección Xeral de Política da PEME e do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder).

6.3. Actividades subvencionables e non subvencionables.

6.3.1. Actividades subvencionables.

As actividades serán ou non subvencionables segundo a relación establecida nos anexos IX e X a estas bases.

6.3.2. Sectores excluídos.

a) As axudas do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME aplicaranse ás Pemes dos sectores de industria, comercio, construción e servizos, así como aos organismos intermedios que actúen a favor delas, sen prexuízo dos regulamentos ou directivas comunitarias especiais establecidas no marco do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea polos que se rexe a concesión de axudas estatais en sectores específicos, tales como siderurxia, construción naval, fibras sintéticas, vehículos de motor e transporte.

b) As axudas descritas na presente base non lles serán de aplicación aos sectores de produción, primeira transformación ou comercialización por xunto de producións agrícolas, gandeiras, pesqueiras ou forestais. Co cofinanciamento do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME, non poderán concederse axudas ás Pemes pertencentes aos sectores relacionados.

c) Tampouco serán aplicables as axudas destinadas a actividades relacionadas coa exportación, entendéndose como tales as vinculadas directamente ás cantidades exportadas, ao establecemento ou explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes relacionados coa actividade exportadora.

6.4. Proxectos subvencionables.

6.4.1. Proxectos propostos por organismos intermedios. Poderán ser subvencionados os proxectos propostos polos beneficiarios que propoñan a aplicación de bens ou servizos nun conxunto determinado ou determinable de Pemes (non pertencentes aos sectores de actividade excluídos no anexo X

a estas bases). Os proxectos poderán incluír unha parte de actuacións de carácter xenérico que non deberá superar o 50% do gasto subvencionable previsto, salvo en proxectos que pola súa especial tipoloxía non aconsellen a dita limitación.

As resolucións de concesión de axuda deberán establecer as desviacións admisibles na execución dos proxectos e as consecuencias delas.

6.4.2. Tipoloxías de proxecto.

6.4.2.1. Sociedade da Información.

a) Proxectos de información e asesoramento empresarial ás Pemes que, baseados en redes telemáticas faciliten a unha serie determinada ou determinable de empresas, con carácter horizontal ou sectorial, servizos de información (técnica, legal, normativa, etc.) ou asesoramento (calidade, loxística, produción, xestión ambiental, etc.).

b) Proxectos de adaptación e implantación de ferramentas de control e modelización nas Pemes, baseadas en novas tecnoloxías da información e as comunicacións, para a mellora dos seus procesos: produción, comercialización, información ou xestión.

c) Proxectos que baseados en redes telemáticas faciliten o desenvolvemento de portais para conxuntos de empresas, de carácter sectorial ou horizontal, con contidos como:

-Comercio electrónico.

-Tendas virtuais, catálogos virtuais, etc.

-Creación, enlaces e albergue de páxinas web.

-Sistemas de teletraballo ou teleasistencia en ámbitos de xestión empresarial.

d) Non se considerarán axustados ao programa os proxectos que como gasto específico presenten exclusivamente a adquisición de equipamento informático por parte das empresas participantes, senón que é preciso proporcionar a través do proxecto, servizos de valor engadido na capacidade de xestión das Pemes.

6.4.2.2. Innovación de procesos: xestión e organización en Pemes.

a) Proxectos destinados a un colectivo determinado ou determinable de Pemes, sectorial ou horizontal, que lles poidan facilitar ás participantes do mesmo traballo unha diagnose da súa situación comparada, por exemplo mediante análise benchmarking.

b) Proxectos destinados a asesorar e facilitar a implantación nun conxunto de Pemes de procesos e mecanismos para a mellora da xestión e organización podendo incluír a aplicación de novas tecnoloxías. (Sistemas innovadores de xestión, implantación de sistemas de contabilidade analítica, sistemas informáticos de xestión integral...).

6.4.2.3. Innovación en técnicas empresariais.

6.4.2.3.1. Subprograma de deseño:

a) Deseño de produto para aplicalo a un conxunto determinado ou determinable de Pemes: deseño das características funcionais, estéticas e/ou ergonómicas de novos produtos ou redeseño destas en produtos existentes (exclúese o deseño de produtos de ciclo curto -inferior a 1 ano- salvo cando supoñan unha nova liña de actividade nas Pemes).

b) Deseño de envases, embalaxes, soportes e etiquetas destinados a mellorar a presentación de produtos ou servizos para un conxunto determinado ou determinable de Pemes, tanto desde o punto de vista técnico (formas, materiais, características estruturais) como desde o punto de vista gráfico (lendas, cores, grafismos), ou realizados por Pemes fabricantes destes para uso de terceiros.

c) Deseño gráfico para a aplicación a un conxunto determinado ou determinable de Pemes:

-Deseño ou redeseño de identidade corporativa e elementos constitutivos.

-Deseño de elementos de comunicación: folletos, catálogos, dípticos, CD, anuncios, páxinas web e/ou videopresentacións.

d) Análise de situación, auditorías de deseño e implantación de sistemas de xestión do deseño máis eficaces propostos para un conxunto de empresas por organismos intermedios.

6.4.2.3.2. Subprograma de redes interempresariais de cooperación.

a) Proxectos e actuacións destinadas á sinatura de acordos de cooperación entre empresas xuridicamente independentes cun obxectivo identificado que, aproveitando sinerxias, reciprocidades ou complementariedade lles permita ás Pemes galegas mellorar a súa competitividade. Os proxectos poderán incluír análise de viabilidade do acordo, estudo de alternativas xurídicas para a súa formalización e legalización del.

b) Proxectos de identificación de problemáticas, necesidades e determinación das posibles solucións a través da cooperación, para colectivos de Pemes interrelacionados, propostos por organismos intermedios.

c) Análise de viabilidade e definición das actuacións conxuntas mais vantaxosas para un colectivo de Pemes, propostos por organismos intermedios (poden ir desde a simple fusión de catálogos ata a fusión de empresas).

6.4.2.3.3. Subprograma de Sistemas de Calidade.

a) Proxectos para a implantación nun colectivo determinado ou determinable de Pemes pertencentes aos sectores da construción, comercio ou servizos e no propio organismo intermedio, se así o propuxese,

de normativas de aseguramento da calidade (ISO 9000) e/ou ambiente (ISO 14000) que permitan obter a certificación dunha entidade certificadora acreditada por ENAC. Os proxectos consideraranse realizados cando as Pemes acrediten que se iniciou o proceso de certificación.

b) Elaboración de procesos de normalización (calidade ou ambiente) nun colectivo de Pemes de sectores non industriais, propostos por organismos intermedios; estes proxectos poden recoller estudos comparativos de nivel acadado (normativa e grao de aplicación) con outras rexións ou países.

6.4.3. Conceptos subvencionables do proxecto incorridos polo organismo intermedio.

6.4.3.1. Colaboracións externas (consultoría, asesoría, desenvolvemento e implantación de aplicacións ou outros servizos directamente relacionados co proxecto) destinadas á parte xenérica do proxecto, estudo de necesidades comúns, solucións, etc. Subvención de ata o 100% do custo de servizos externos (sen IVE e non pertencentes ao organismo intermedio nin a ningunha das empresas destinatarias finais do proxecto).

6.4.3.2. Investimentos materiais necesarios para a implantación da rede telemática (hardware/software): ata o 100% do custo de adquisición (sen IVE). Agás en proxectos de carácter suprarrexional, a subvención máxima será de 50.000 A.

6.4.3.3. Viaxes interurbanas en medios de transporte público (avión clase turista, tren ou autobús) e aloxamento do persoal do organismo intermedio beneficiario da axuda. Subvención de ata o 100% do gasto (sen IVE). Os gastos de viaxe subvencionables deben ser propostos en detalle na memoria do proxecto, indicando o obxecto de cada unha das viaxes formuladas en relación co proxecto proposto. O custo máximo de aloxamento subvencionable en función da categoría laboral, vén reflectido na táboa que se inclúe como anexo XI a estas bases.

6.4.3.4. Persoal técnico do organismo intermedio adscrito ao proxecto. Aplicarase a porcentaxe do salario correspondente ao período de execución do proxecto segundo a dedicación horaria prevista, ata os límites máximos especificados na táboa do anexo XI segundo a categoría dos técnicos asignados. Sobre o custo de dedicación resultante, a subvención aplicable será de ata o 100%. O Igape resérvase o dereito de axustar a dedicación proposta cando a considere inxustificada respecto das necesidades do proxecto.

6.4.3.5. Gastos indirectos previstos e propostos na solicitude de axudas polo solicitante para o proxecto, ata un máximo do 50% do gasto de persoal interno que resulte aprobado no proxecto. A subvención poderá chegar ata o 100% dos gastos.

6.4.3.6. IVE ou equivalente dos custos e gastos anteriormente relacionados soportado polo organismo intermedio cando lle supoña un custo real. Cando acredite a exención total do imposto, será subven

cionable a totalidade do imposto aplicado aos conceptos subvencionados. No caso de beneficiarios suxeitos á regra de pro rata, o custo efectivamente soportado calcularase en base á pro rata definitiva do último exercicio pechado antes da concesión da axuda, sendo responsabilidade do organismo incluír o resultado final na liquidación das súas obrigas fiscais.

6.4.4. Gastos subvencionables do proxecto soportados polas Pemes participantes.

Cando as Pemes ou patrocinadores participen no financiamento do proxecto, a resolución de concesión poderá prever que os documentos acreditativos de gasto achegados por eles sexan admitidos como xustificación de gasto do proxecto segundo o previsto no artigo 7, punto 2º do Real decreto 582/2001, do 1 de xuño.

6.4.4.1. Investimentos en equipos necesarios para a participación nos beneficios do proxecto (hardware/software), só en proxectos de Sociedade da Información e de deseño: ata o 55% do custo de adquisición (sen IVE). Subvención máxima por PEME: 10.000 A.

6.4.4.2. Colaboracións externas e servizos asociados cuxos custos sexan soportados directamente pola PEME. Subvención: ata o 50%. Para subvencións inferiores a 13.000 A, sometida a réxime de minimis a subvención poderá superar o 50% do gasto subvencionable.

6.5. Proxectos propostos por Pemes individuais.

As Pemes individuais poderán presentar proxectos individuais no programa de innovación en técnicas empresariais:

6.5.1. Tipoloxía de proxectos.

6.5.1.1. Deseño: as Pemes poderán presentar individualmente proxectos de deseño das tipoloxías seguintes:

a) Deseño de produto: deseño das características funcionais, estéticas e/ou ergonómicas de novos produtos ou redeseño destas en produtos existentes (exclúese o deseño de produtos de ciclo curto -inferior a 1 ano- salvo cando supoñan unha nova liña de actividade na PEME).

b) Deseño de envases, embalaxes, soportes e etiquetas destinados a mellorar a presentación de produtos ou servizos da PEME, tanto desde o punto de vista técnico (formas, materiais, características estruturais) como desde o punto de vista gráfico (lendas, cores, grafismos), ou realizados por Pemes fabricantes deles para uso de terceiros.

c) Deseño gráfico:

-Deseño ou redeseño de identidade corporativa e elementos constitutivos.

-Deseño de elementos de comunicación: folletos, catálogos, dípticos, CD, anuncios, páxinas web e/ou videopresentacións.

6.5.1.2. Redes interempresariais de cooperación: as Pemes poderán presentar individualmente proxectos de cooperación destinados á sinatura de acordos de cooperación entre empresas xuridicamente independentes cun obxectivo identificado que, aproveitando sinerxias, reciprocidades ou complementariedades lles permita ás Pemes galegas mellorar a competitividade. Os proxectos poderán incluír análise de viabilidade do acordo, estudo de alternativas xurídicas para a súa formalización e legalización.

6.5.1.3. Sistemas de calidade: as Pemes dos sectores comercio, construción e servizos, poderán presentar individualmente proxectos de sistemas destinados á implantación nunha PEME de sistemas de aseguramento da calidade (ISO 9000, ISO 17000, Q de calidade turística) e/ou ambiente (ISO 14000) que permitan obter a certificación dunha entidade certificadora acreditada por ENAC. Os proxectos consideraranse realizados cando se acredite que se iniciou o proceso de certificación.

6.5.2. Gastos subvencionables dos proxectos presentados por Pemes individuais.

Poderán ser subvencionables os gastos realizados desde o 1 de xaneiro do ano no que se solicite a axuda sempre que o proxecto non estea finalizado no momento da presentación da solicitude. Respecto dos investimentos, só serán subvencionables os realizados desde a data de presentación da solicitude de axuda.

6.5.2.1. Deseño.

a) Adquisición de hardware/software específico de deseño e activos inmateriais para as Pemes (licenzas ou patentes): Subvención de ata o 55% do custo de adquisición (sen IVE). Subvención máxima por PEME: 10.000 A. Esta subvención concederase unha única vez por solicitante.

b) Colaboracións externas en materia de deseño e servizos asociados: subvención de ata o 50% dos custos dos servizos (sen IVE). que poderá superarse, sometido ao réxime de minimis, sempre e cando a subvención resultante non exceda os 13.000 A.

c) Serán de aplicación as seguintes limitacións:

c1) Deseño gráfico:

-Proxectos de deseño de imaxe corporativa e elementos de comunicación: límite máximo anual de subvención de 48.000 A por beneficiario, engadidas, se é o caso, as axudas para este mesmo concepto recibidas a través de proxectos de deseño promovidos por organismos intermedios ao abeiro do PCCP.

-A base subvencionable máxima para os custos de deseño ou redeseño de identidade corporativa e elementos constitutivos limitarase a 25.000 A.

-A base subvencionable máxima para deseño de anuncios en prensa limitarase a 1.000 A por anuncio.

-A base subvencionable máxima para o deseño de páxinas web limitarase a 5.000 A.

-A base subvencionable máxima para o deseño de catálogos limitarase a 10.000 A.

-Non se considerarán subvencionables os proxectos que consistan no desenvolvemento dunha única acción illada de deseño dun elemento de comunicación comercial, nin as accións de deseño de papelería, rotulación, sinaléctica, etc. que non estean comprendidas dentro dun proxecto integral de deseño ou redeseño de imaxe corporativa da empresa e as súas diferentes aplicacións.

-Non se considerarán subvencionables as accións de deseño de elementos de comunicación que teñan un carácter puntual, estacional ou de tempada.

-Non se considerará subvencionable o deseño de obxectos de merchandising.

c2) Deseño de produto:

-A subvención ao deseño de produtos de ciclo curto que constitúan unha nova liña de actividade na empresa limitarase a 10.000 A.

6.5.2.2. Redes interempresariais de cooperación.

Consultoría externa (técnica, económica e xurídica), gastos notariais e rexistrais necesarios para a formalización de acordos, na parte proporcional correspondente ás Pemes beneficiarias respecto do total de participantes no acordo de cooperación. A subvención poderá acadar ata o 50% dos custos dos servizos (sen IVE), que poderá superarse, sometido ao réxime de minimis sempre e cando a subvención resultante non exceda os 13.000 A.

6.5.2.3. Sistemas de calidade.

a) Colaboracións externas e servizos asociados: subvención de ata o 50% do custo dos servizos (sen IVE). A base subvencionable máxima limitarase a 12.000 A para a consultoría de implantación dunha soa norma e a 18.000 A para a implantación conxunta das de calidade e ambiente.

b) Custo de certificación do sistema, facturados por entidade acreditada por ENAC. Subvención de ata o 50% do custo (sen IVE). A base subvencionable máxima limitarase a 6.000 A para a certificación nunha soa norma e a 12.000 A para a certificación en calidade e ambiente.

c) Sempre e cando non se acade o límite de subvención de 13.000 A, poderase superar o 50% do gasto subvencionable, sometido ao réxime de minimis.

6.6. Criterios de concesión da axuda.

6.6.1. Será condición necesaria para avaliar o proxecto:

a) Que sexa tecnicamente factible (que utilice tecnoloxías suficientemente probadas).

b) Que se axuste á tipoloxía de proxectos subvencionables e presente unha mínima definición.

c) Que a capacidade da entidade solicitante sexa suficiente para garantir a completa execución do proxecto.

6.6.2. As solicitudes que cumpran as anteriores condicións serán avaliadas baixo os seguintes criterios:

6.6.2.1. Para proxectos de Pemes con propostas individuais:

a) O grao de maduración e definición do proxecto.

b) Que o proxecto sexa completo, é dicir que aínda que ampliable e mellorable no futuro, sexa totalmente suficiente para a súa aplicación.

c) Recursos humáns e técnicos utilizados e experiencia dos promotores.

d) Experiencia e capacidade dos colaboradores externos se os houbese.

e) A previsión de incremento de emprego derivado do proxecto.

f) O grao de innovación que supoña para a PEME.

g) O sector de actividade. Serán complexos de actividade preferente:

-Rochas ornamentais.

-Téxtil/confección.

-Industria auxiliar de automoción.

-Telecomunicacións-audiovisual.

-Turismo.

-Madeira e moble.

-Ambiente.

6.6.2.2. Para proxectos propostos por organismos intermedios:

a) O interese do proxecto e o grao de maduración e definición.

b) Os antecedentes e experiencia do organismo intermedio.

c) Experiencia e capacidade dos colaboradores externos se os houbese.

d) O sector de actividade mantendo como preferentes os complexos de actividade recollidos no punto g) do punto anterior.

e) Proxecto multisectorial.

f) O número de empresas participantes no proxecto.

Dentro das medidas recollidas, daráselles especial cobertura aos proxectos dirixidos a colectivos de autónomos, artesáns e mulleres empresarias.

6.7. Tramitación.

6.7.1. Os interesados poderán presentar a súa solicitude para cada programa de axuda a través da instancia normalizada que figura como anexo V a estas bases, xuntando no caso de solicitudes presentadas por Pemes individuais o formulario que figura como anexo VI, e no caso de solicitudes presentadas por organismos intermedios o formulario que figura como anexo VII a estas bases e cubrindo a documentación establecida no anexo VIII segundo cada tipo de proxecto.

6.7.2. Co fin de prestar asistencia para cubrir a solicitude, o Igape pon á disposición dos interesados o seu Servizo de Atención Telemática, ao cal se accederá a través dun sistema de cita concertada no enderezo de internet http://www.tramita.igape.es ou dos números de teléfono 902 30 09 03 ou 981 54 11 47, ou os que se establezan para esta finalidade.

6.7.3. Os interesados presentarán as súas solicitudes e documentación anexa no rexistro xeral dos servizos centrais do Igape, nas súas oficinas territoriais ou a través dalgunha das formas recollidas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

6.7.4. Así mesmo, os interesados poderán presentar as súas solicitudes asinadas electronicamente no rexistro telemático da Xunta de Galicia.

Os solicitantes por esta vía telemática deberán reunir os seguintes requisitos:

a) Será necesario que o asinante da solicitude teña a representación legal da empresa ou entidade solicitante. Esta representación deberá ser individual ou solidaria, de xeito que coa súa sinatura abonde para acreditar a vontade do solicitante.

b) O asinante deberá posuír un certificado dixital en vigor baixo a norma X.509 V3 válido tal e como especifica a Orde do 25 de novembro do 2004 da Consellería de Economía e Facenda pola que se establecen as normas específicas sobre o uso da sinatura electrónica nas relacións por medios electrónicos, informáticos e telemáticos coa Consellería de Economía e Facenda e os seus organismos e entidades adscritas (DOG nº 239, do 10 de decembro). Os certificados de clase 2 CA emitidos pola Fábrica Nacional de Moeda e Timbre-Real Casa da Moeda serán válidos para efectos de presentación de solicitudes. Se o certificado corresponde a unha persoa física, a súa representación acreditarase documentalmente ao longo da tramitación do expediente.

c) Unha vez asinado co certificado dixital do presentador o formulario de solicitude e a documentación anexa, e transferidos estes ao Igape, procederase á anotación dunha entrada no Rexistro Telemático da Xunta de Galicia, creado polo Decreto 200/2003, do 20 de marzo.

d) No momento da presentación o rexistro expedirá, empregando as características da aplicación telemática, un recibo no que quedará constancia do feito da presentación, consonte o citado Decreto 200/2003.

e) Os interesados que cumpran os requisitos do punto b) anterior, tamén poderán empregar a vía telemática para a recepción de notificacións do Igape e para o envío de escritos ao órgano xestor da axuda. Para a recepción de notificacións será preceptivo que o solicitante teña indicado no formulario normalizado a súa preferencia polo emprego da notificación telemática neste procedemento de axudas. Neste caso o solicitante deberá acceder á web do

Igape no punto «Tramitación Telemática», para recibir as notificacións. O sistema solicitará do interesado o seu certificado dixital en vigor e a sinatura electrónica dun xustificante de recepción das notificacións (xustificante de recepción telemático). Os efectos destas notificacións serán os establecidos no Real decreto 209/2003, do 21 de febreiro.

6.7.5. Emenda de defectos. Se coa solicitude non se achegase a documentación exixida nestas bases, requirirase o interesado para que nun prazo de 10 días hábiles desde o seguinte á recepción do requirimento emende a falta ou presente os documentos preceptivos, con indicación de que, en caso contrario, considerarase desistido da súa petición, ditándose a correspondente resolución de arquivo, de acordo co establecido no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e cos efectos previstos no artigo 42.1º da dita lei. Este prazo, cando existan causas xustificadas, poderá ser prorrogado de oficio ou por instancia de parte por un período que non exceda a metade do inicial. O requirimento de documentación suspenderá o prazo para resolver.

6.7.6. O Igape poderá solicitar en calquera momento durante a tramitación do expediente, calqueroutra documentación que considere relevante para os efectos de analizar a solicitude.

6.7.7. Unha vez completas, as solicitudes serán analizadas polos servizos técnicos do Igape e a avaliación da proposta será remitida á Comisión Mixta de Seguimento do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME na Comunidade Autónoma de Galicia; a cal emitirá as propostas de resolución correspondentes, que lle serán elevadas polo director xeral ao presidente do Igape para a súa resolución.

6.7.8. Na resolución de concesión faranse constar os importes da base subvencionable para xustificar, a contía e porcentaxe da subvención concedida, as condicións e prazos previstos no proxecto subvencionado, o prazo de vixencia para o cumprimento de todas as condicións da subvención, así como a obriga por parte do perceptor da subvención de indicar en todo labor de difusión, publicidade ou análoga da actividade subvencionada, a mención expresa de que a dita actuación foi financiada polo Igape e, se é o caso, pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do Plan de Consolidación e Competitividade da PEME.

6.7.9. As resolucións seranlle notificadas ao solicitante quen terá un prazo de quince días hábiles a partir do seguinte ao da súa notificación para a súa aceptación cubrindo a dilixencia que se anexe, así como a presentación da documentación (en orixinal ou copia cotexada) especificada na resolución de concesión, que con carácter xeral será a seguinte:

a) DNI do asinante da solicitude, DNI do asinante da dilixencia de aceptación e CIF da empresa.

b) Poder de representación inscrito, se é o caso, no rexistro competente do asinante da solicitude e da dilixencia de aceptación.

c) Escritura de constitución e estatutos debidamente inscritos no rexistro competente e modificacións posteriores destes.

d) No seu caso certificado de estar ao día de pagamentos á Seguridade Social.

e) Calquera outra documentación necesaria para efectos da liquidación que voluntariamente decida anticipar.

A aceptación por parte do interesado suporá a obriga de cumprir as condicións establecidas na resolución, nestas bases e demais disposicións que sexan de aplicación.

6.7.10. Transcorrido o prazo de aceptación sen a recepción da dilixencia de aceptación, ou da documentación requirida, o Igape terá o beneficiario por renunciado da axuda aprobada, procedendo ao arquivo do expediente, logo da resolución declarativa desta circunstancia.

6.7.11. Persoas xurídicas en constitución. Cando a concesión recaia sobre unha persoa xurídica en constitución, na resolución individual outorgarase un prazo máximo de 3 meses desde a aceptación da resolución de concesión, para que o beneficiario presente a documentación acreditativa da súa constitución e as circunstancias rexistrais, no caso de que non fose presentada anteriormente. O dito prazo poderá ser prorrogado de oficio ou por instancia do beneficiario por un período que non superará a metade do inicialmente acordado, sempre que existan causas xustificadas. Transcorrido o prazo sinalado no parágrafo anterior ou, se é o caso, as prórrogas concedidas ao devandito, sen ter presentado a documentación, terase o interesado por decaído nos seus dereitos, ditándose resolución de arquivo.

6.7.12. O prazo máximo para ditar e notificarlles aos interesados a resolución do expediente será de seis meses contados desde o día seguinte ao da presentación da solicitude. Transcorrido o dito prazo sen ter recaído resolución expresa, o solicitante poderá ter por desestimada a solicitude.

Base 7ª.-Recursos.

7.1. As resolucións dos expedientes instruídos ao abeiro do disposto nestas bases esgotarán a vía administrativa, polo que, de conformidade co previsto na Lei da xurisdición contencioso-administrativa, poderase interpoñer contra elas recurso contencioso-administrativo ante os xulgados do Contencioso-Administrativo de Santiago de Compostela no prazo de dous meses contados desde o seguinte ao da súa notificación.

7.2. Potestativamente e con anterioridade á interposición do recurso contencioso-administrativo, poderase interpoñer no prazo dun mes desde o día seguinte á recepción da notificación da resolución recurso de reposición, que resolverá o Consello de Dirección do Igape.

Base 8ª.-Obrigas dos beneficiarios.

8.1. Son obrigas dos beneficiarios:

a) Executar o proxecto subvencionado dentro dos prazos máximos que se establezan na respectiva resolución de concesión con cumprimento das condicións e prescricións establecidas nela, nas presentes bases ou demais normativa de aplicación. En casos xustificados, os prazos poderán ser prorrogados de oficio ou por instancia do interesado.

b) Acreditar ante o Igape a realización do custo subvencionado, achegando toda a documentación xustificativa da realización do proxecto nos termos establecidos na resolución de concesión e o cumprimento das condicións se é o caso impostas. Os custos incorridos polo beneficiario deberán ser xustificados mediante a presentación de facturas orixinais e xustificantes de pagamento efectivo das devanditas emitidos por entidades financeiras, non admitíndose pagamentos en efectivo, salvo para importes inferiores aos 3.000 A por provedor.

c) Acreditar coa solicitude de cobramento que se atopa ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e da Seguridade Social, así como que non ten pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, na forma determinada regulamentariamente e sen prexuízo do establecido na disposición adicional décimo oitava da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

d) Afectar os bens subvencionados á actividade subvencionada un mínimo de 5 anos desde a súa adquisición, no caso de bens inscribibles en rexistro público, e de 2 anos respecto ao resto de bens subvencionados. A dita afección será obxecto de inscrición nos rexistros competentes nos termos que regulamentariamente resulten de aplicación xeral ao réxime de subvencións. Cumprir as demais condicións establecidas na resolución de concesión.

e) No caso de cofinanciamento europeo, dar a adecuada publicidade do devandito, nos termos que resulten da resolución de concesión.

f) Someterse ás actuacións de comprobación para efectuar polo órgano concedente ou calquera outra comprobación e control financeiro que poidan realizar os órganos de control competentes, tanto nacionais como comunitarios, e achegar canta información lles sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores. Estas actividades de comprobación poderán ser entre outras:

-Visitas ás instalacións nas que se realizou o proxecto.

-Acceso a toda a documentación relacionada co proxecto.

-Acceso aos rexistros internos da empresa, nos que se basean as xustificacións técnicas e administrativas.

g) Comunicarlle ao Igape a obtención de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso coa solicitude de abonamento da subvención. O importe da subvención non poderá en ningún caso ser de tal contía que illadamente ou en concorrencia con subvencións ou axudas doutras administracións públicas ou doutros entes públicos, nacionais ou internacionais, supere o custo do proxecto subvencionado ou as porcentaxes máximas de subvención establecidas na base 13ª.

h) Dispoñer, se é o caso, dos libros contables, rexistros dilixenciados e demais documentos debidamente auditados nos termos exixidos pola lexislación mercantil e sectorial aplicable ao beneficiario en cada caso, así como cantos estados contables e rexistros específicos sexan exixidos na resolución de concesión.

i) Conservar os documentos xustificativos da aplicación dos fondos recibidos en tanto poidan ser obxecto das actuacións de comprobación e control; isto é por non ter prescrito o prazo de 5 anos desde o cumprimento de condicións, sen prexuízo dos prazos específicos que se establezan en virtude da normativa da UE no control da aplicación de fondos comunitarios.

j) Adoptar as medidas de difusión da concesión da axuda ou subvención que sexan establecidas na resolución.

k) Proceder ao reintegro dos fondos percibidos nos supostos recollidos na base num. 12ª.

8.2. O incumprimento das citadas obrigas poderá dar lugar á revogación da concesión e, se é o caso, ao reintegro do indebidamente percibido e aos seus xuros de demora.

Base 9ª.-Incidencias e modificacións do proxecto.

9.1. Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da axuda e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos, nacionais ou internacionais poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión ou á súa revogación, no caso de considerarse que a modificación afecta a un aspecto substancial da concesión.

9.2. Os beneficiarios quedan obrigados a comunicarlle ao Igape calquera circunstancia ou eventualidade que poida afectar substancialmente a execución dos fins para os que foron concedidas as ditas axudas. En particular, deberá remitir unha declaración complementaria das axudas recibidas para o mesmo proxecto.

9.3. En caso de modificación do proxecto aprobado, o beneficiario da axuda poderá solicitar, motivadamente, a modificación da resolución. Para as axudas previstas nas bases 3ª e 4ª, no caso de que a modificación solicitada afecte os datos declarados no cuestionario, deberá cubrir previamente un novo

cuestionario descritivo do proxecto na aplicación de axuda en internet, e obter un novo código IDE. Este IDE incluirase na solicitude de modificación. As solicitudes de modificación do prazo de execución do proxecto (prazo de vixencia) non precisarán cubrir dun novo cuestionario.

9.4. O presidente do Igape poderá acordar a modificación da resolución por instancia do beneficiario, debendo cumprirse os seguintes requisitos:

a) Que a actividade, conduta ou modificación do proxecto estea comprendida dentro da finalidade das normas ou bases reguladoras.

b) Que a modificación non cause prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motiven a modificación de ter concorrido na concesión inicial non supuxesen a denegación da subvención.

9.5. O acto polo que se acorde a modificación da resolución de concesión ou, se é o caso, a súa denegación, será ditado polo órgano concedente, unha vez instruído o correspondente expediente no que se lles dará audiencia aos interesados. Non obstante poderase prescindir deste trámite de audiencia cando non figuren no procedemento, nin se teñan en conta na resolución outros feitos, alegacións ou probas que as aducidas polos interesados.

Base 10ª.-Xustificación.

10.1. A xustificación ante o Igape da execución do proxecto e do cumprimento de todas as condicións establecidas na resolución de concesión, realizarase polo beneficiario como máximo dentro dos dous meses seguintes ao vencemento do prazo de vixencia establecido na resolución de concesión para a execución do devandito.

10.2. Dado que a resolución de concesión de axuda é ditada con base nas declaracións relativas ao proxecto contidas na solicitude, en trámite de xustificación deberá acreditarse documentalmente o cumprimento dos extremos declarados, mediante a presentación da solicitude de cobramento normalizada, anexo XII, e a documentación en orixinal ou copia cotexada que para tal efecto se especifique na resolución de concesión. Advírtese que calquera discrepancia entre a documentación xustificativa e as declaracións da solicitude de axuda poderá ser motivo de inicio de expediente de incumprimento que, se é o caso, poderá conlevar a modificación ou revogación da concesión e o reintegro das cantidades previamente aboadas, nos termos establecidos na base 12ª.

10.3. Cando na resolución de concesión se fixasen prazos parciais para que o beneficiario acredite a execución, como mínimo, dunha determinada porcentaxe do gasto subvencionado ou o cumprimento doutras condicións, o seu incumprimento significará o inicio dun expediente que poderá finalizar coa revogación da axuda.

10.4. No caso de que existan razóns xustificadas para o atraso no cumprimento de condicións, os prazos de execución que se establezan na resolución poderán ser ampliados de oficio ou por instancia do beneficiario mediante resolución expresa e motivada.

10.5. Para os efectos de que o Igape expida informe positivo da correcta execución do proxecto será necesaria, se é o caso, a acreditación polo beneficiario de ter obtido as autorizacións administrativas que correspondan ao seu proxecto. Este informe de correcta execución entenderase emitido con carácter provisional ata transcorrido o prazo de prescrición de 5 anos a partir do total cumprimento de condicións establecido no punto 8.1º i).

10.6. Excepcionalmente, cando a xustificación documental resulte insuficiente para acreditar o importe e a realización de determinados gastos, o Igape poderá solicitar que se achegue informe de auditoría independente.

10.7. Sen necesidade de instar procedemento de incumprimento ou modificación da subvención, o Igape poderá aceptar variacións nos diversos capítulos da base subvencionable aprobada, coa dobre condición de que a oscilación, en máis ou menos, non supere o 20% de cada capítulo e que, no seu conxunto, non varíe o importe total da base subvencionable aprobada nin da axuda concedida, nin desvirtúe as características do proxecto e as condicións que foran tidas en conta para resolver a concesión.

10.8. De acordo co disposto no artigo 35 f) da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, non será necesario presentar a documentación que xa se atope en poder do Igape, sempre que se manteña vixente e se identifique o procedemento administrativo para o que foi presentada. No suposto de imposibilidade material de obter a documentación ou no caso de que se constate a non validez desta, o órgano competente poderá requirirlle ao solicitante a súa presentación ou, no seu defecto, a acreditación por outros medios dos requisitos a que se refire o documento.

Base 11ª.-Aboamento das subvencións.

11.1. O aboamento das subvencións realizarase unha vez o Igape considere xustificada a realización total do proxecto e o cumprimento das condicións.

11.2. Poderase solicitar o cobramento mediante a presentación do anexo XII a estas bases:

a) Como liquidación única da subvención: dentro do prazo máximo de dous meses seguintes á finalización do prazo de vixencia establecido na concesión, deberá acreditarse a execución da totalidade do proxecto e o cumprimento das condicións se é o caso establecidas na resolución.

Así mesmo, poderase efectuar un pagamento único da subvención, dentro do prazo de vixencia, aínda

cando quede pendente de acreditar algunha condición, unha vez xustificada a execución da totalidade do proxecto subvencionado e o cumprimento daquelas condicións que o seu prazo vencese con anterioridade á presentación da solicitude de cobramento. Neste caso, o cobramento da subvención estará condicionado á previa presentación das oportunas garantías exixidas polo Igape nos termos indicados no punto 11.2.b) E) desta base. Cando o beneficiario acredite que foron cumpridas todas as condicións da resolución individual, autorizarase o levantamento do aval.

b) Mediante liquidacións parciais: dentro do prazo de vixencia e a medida que se vaia xustificando a realización do gasto subvencionado e o cumprimento de condicións, poderán efectuarse pagamentos parciais a conta da liquidación sempre que concorran os requisitos e circunstancias seguintes:

A) Que o interesado o solicite.

B) Que se xustifiquen non só o gasto incorrido senón os pagamentos efectuados na mesma proporción que represente o pagamento parcial respecto á subvención concedida ata ese momento con cargo ao proxecto de investimento aprobado.

C) O importe que se pode satisfacer por pagamentos parciais non poderá exceder en ningún caso a anualidade prevista para cada exercicio orzamentario de acordo co calendario anexo á resolución de concesión, nin exceder o 80% do total da subvención concedida, nin solicitarse por un importe inferior a 25.000 euros.

D) Os pagamentos parciais quedarán condicionados ao resultado da liquidación definitiva da subvención.

E) Deberase presentar garantía constituída mediante aval solidario de entidade financeira ou outra garantía suficiente, depositada na Caixa Xeral de Depósitos, que cubra o importe do pagamento parcial e dos seus xuros calculados co tipo de xuro legal do diñeiro vixente no momento da súa concesión e polo prazo que medie entre a data de solicitude e como mínimo aquela en que se cumpran seis meses da fin do prazo de xustificación previsto na resolución de concesión.

Base 12ª.-Incumprimento.

12.1. Non se poderá exixir o pagamento da subvención concedida e procederá a revogación da axuda e se é o caso o reintegro total ou parcial da contía percibida e os xuros de demora devengados dende o seu pagamento, nos casos seguintes:

a) Incumprimento da obriga de xustificación ou xustificación insuficiente segundo os termos contidos nas presentes bases.

b) Obtención da subvención sen reunir os requisitos exixidos para a súa concesión, falseando as condicións requiridas para isto ou ocultando aquelas que o impedisen.

c) Incumprimento total ou parcial do obxectivo, actividade, proxecto ou non adopción do comportamento que fundamentou a concesión da subvención.

d) Incumprimento das condicións impostas as beneficiarios con motivo da concesión da axuda ou subvención pública, así como dos compromisos por estes asumidos, sempre que afecten ou se refiran ao modo no que deben acadarse os obxectivos, realizar a actividade, executar o proxecto ou adoptar o comportamento que fundamente a concesión da subvención, ou daqueles distintos dos anteriores, cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o cumprimento do obxectivo, a realidade ou regularidade das actividades subvencionadas ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade procedentes de calquera Administración ou ente público, nacionais, da Unión Europea ou organimos internacionais.

e) Incumprimento de adoptar as medidas de difusión que se impuxeran na resolución de concesión.

f) Resistencia, excusa, obstrución ou negativa ás actuacións de comprobación e control financeiro desempeñadas pola Administración ou calquera dos seus órganos, así como o incumprimento das obrigas contables, rexistrais ou de conservación de documentos cando disto derive a imposibilidade de verificar o emprego dado aos fondos percibidos, o incumprimento do obxectivo, a realidade e regularidade das actividades subvencionadas, ou a concorrencia de subvencións, axudas, ingresos ou recursos para a mesma finalidade, procedentes de calquera Administración ou ente público, nacionais, da Unión Europea, ou de organismos internacionais.

g) A adopción, en virtude do establecido nos artigos 87 a 89 do Tratado da Unión Europea, dunha decisión da cal derive unha necesidade de reintegro.

h) Nos demais casos previstos na normativa reguladora da subvención.

12.2. Igualmente procederá o reintegro do exceso percibido nos supostos nos que o importe da subvención, illadamente ou en concorrencia coas subvencións ou axudas doutras administracións ou doutras entidades públicas, supere o custo do proxecto ou as porcentaxes máximas de axuda establecidas nestas bases, segundo o establecido no punto 8.1º g) anterior.

12.3. O procedemento de incumprimento iniciarase de oficio polo órgano do Igape que ditou a resolución de concesión, ben por iniciativa propia, logo de informe dos servizos do Igape competentes na xestión ou liquidación dos expedientes, ou como consecuencia das actuacións de control da Intervención Xeral, por petición razoada doutros órganos que teñan atribuídas facultades de comprobación na materia ou por denuncia, mediante a comunicación ao beneficiario das presuntas causas determinantes do incumprimento e as posibles consecuencias deste. Os interesados poderán, en calquera momento do

procedemento anterior ao trámite de audiencia, aducir alegacións ou achegar documentos e outros elementos de xuízo.

12.4. Incumprimento parcial. Sempre que se cumpran os requisitos ou condicións esenciais tomadas en conta na concesión das axudas, o Igape poderá apreciar un incumprimento parcial, debendo resolver sobre o alcance del, aplicando a mesma ponderación que tivese a condición incumprida na resolución de concesión, e, se é o caso, establecendo a obriga de reintegro do indebidamente percibido e os seus xuros de mora de acordo cos seguintes criterios:

a) No caso de condicións referentes á contía ou conceptos da base subvencionable, o alcance do incumprimento determinarase proporcionalmente ao gasto deixado de practicar ou aplicado a conceptos distintos dos considerados subvencionables, debendo, se é o caso, reintegrarse as cantidades percibidas na dita proporción. Con carácter xeral, se o incumprimento superase o 50% da base subvencionable do proxecto, entenderase que o dito incumprimento é total, debendo reintegrarse todas as cantidades percibidas e os seus xuros de mora. Nos expedientes que se refiran a varias das medidas contidas nas bases 3.1. a 3.6., a determinación do alcance do incumprimento calcularase por cada medida de xeito independente. Excepcionalmente o Consello de Dirección do Igape poderá autorizar un incumprimento parcial distinto cando as súas causas quedasen suficientemente xustificadas e non se desvirtuase a finalidade da subvención.

b) En caso de que o incumprimento se refira á obtención da subvención por unha contía que o seu importe, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións ou axudas supere os topes máximos legalmente permitidos, procederá o reintegro do exceso obtido sobre os ditos topes máximos.

c) Se o incumprimento derivase da inobservancia dalgunha condición ou suposto distinto dos previstos nos puntos anteriores, o seu alcance será determinado en función do grao e da entidade da condición incumprida.

d) A concorrencia de distintas causas de incumprimento ou incidencias dará lugar á aplicación a cada unha delas das regras previstas neste punto.

e) Procederá declarar a revogación total da axuda cando o incumprimento se refira aos requisitos establecidos en cada caso para obter a condición de beneficiario.

12.5. Instruído o procedemento, e inmediatamente antes de redactar a proposta de resolución, poñeráselles de manifesto aos interesados, que disporán dun prazo de quince días para alegar e presentar os documentos e xustificacións que estimen pertinentes. Poderase prescindir deste trámite cando non figuren no procedemento nin se teñan en conta na resolución outros feitos nin outras alegacións ou probas que as aducidas polo interesado.

12.6. Presentadas as alegacións ou transcorrido o prazo de quince días sen contestación por parte do beneficiario, o Igape ditará a resolución que proceda, pronunciándose sobre o alcance do incumprimento e, se é o caso, a obriga de reintegro das cantidades percibidas.

12.7. O prazo máximo para resolver e notificar os procedementos sobre incumprimento será de seis meses computados desde o acordo de iniciación. Se pasado o dito prazo non se tivese notificada a resolución entenderase caducado o procedemento, sen prexuízo de que se notifique a resolución declarando a dita circunstancia de caducidade e ordenando o arquivo de actuacións, cos efectos previstos no artigo 92 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, procedéndose a incoar novo expediente en tanto non prescriba o dereito a iso.

12.8. O reintegro voluntario polo interesado, en calquera momento anterior á proposta de resolución, producirá a terminación do procedemento, sen prexuízo de que se dite resolución pola que se declare a dita circunstancia e da iniciación do procedemento sancionador cando os feitos que motivaron o procedemento de reintegro puidesen ser constitutivos de infracción administrativa segundo o establecido na Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000 que a desenvolve en materia de axudas e subvencións.

12.9. A declaración xudicial ou administrativa de nulidade ou anulabilidade da resolución de concesión por concorrer as causas previstas nos artigos 62 e 63 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, levará consigo a obriga de devolver as cantidades percibidas. Non procederá a revisión de oficio do acto de concesión cando concorra causa de reintegro.

12.10. As cantidades que se deban reintegrar terán a consideración de ingresos de dereito público, resultando de aplicación para o seu cobramento o previsto nos artigos 19 e 23 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Base 13ª.-Incompatibilidade.

13.1. As axudas previstas na base 3ª e 4ª serán incompatibles con aqueloutras reguladas polo Igape.

13.2. Sen prexuízo dos límites específicos establecidos nestas bases e con carácter xeral estas axudas serán compatibles con calqueroutra das establecidas por calquera Administración pública, institución ou ente público, sempre e cando non se superen os seguintes límites e a axuda total non supere o custo efectivo do proxecto:

a) Para as axudas previstas na base 3.1 e 3.2, o 55% de subvención neta equivalente.

b) Para as axudas establecidas na base 3.3 a 3.6, o 50% de subvención bruta, podéndose acadar ata

o 75% no que se refire aos custos de contratación de asistencias técnicas especializadas e gastos notariais e rexistrais.

Base 14ª.-Publicación de concesións.

Trimestralmente, serán obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia as axudas concedidas ao abeiro das presentes bases para aqueles proxectos que superen os 300.000 euros de subvención, expresando beneficiario, finalidade, contía, emprego creado e aplicación orzamentaria.

Base 15ª.-Informes.

Para os efectos de configurar unha base de datos autonómica sobre axudas e subvencións públicas, segundo o establecido na disposición adicional terceira do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o Igape remitiralle á Consellería de Economía e Facenda a información sobre a xestión das axudas establecidas nestas bases.

Base 16ª.-Restricións ao dereito de acceso a arquivos e rexistros.

En virtude do establecido no artigo 37 da Lei de réxime xurídico das administracións públicas e procedemento administrativo común, e en aras da necesaria protección do segredo comercial ou industrial dos solicitantes das axudas reguladas nestas bases, entenderase excluído o dereito de acceso a arquivos e rexistros administrativos respecto dos datos contidos no expediente que polo seu contido deban ter este mesmo tratamento.

Base 17ª.-Control e comprobación das axudas.

17.1. As axudas establecidas nas presentes bases poderán ser cofinanciadas co fondo Feder da Unión Euopea.

17.2. Sen prexuízo da comprobación material previa ao pagamento, da realidade dos gastos subvencionados que proceda, anualmente elaborarase en coordinación coa Intervención Xeral da Comunidade Autónoma un Plan de comprobación de axudas e subvencións, cos criterios que para tal efecto se establezan.

17.3. Así mesmo, as empresas beneficiarias sométense ás actuacións de control financeiro que correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma de Galicia, ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas, así como ás que poida efectuar, no seu caso, a Comisión e o Tribunal de Contas das Comunidades Europeas, no suposto de cofinanciamento das axudas con fondos europeos. Neste sentido os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida polos ditos organismos.

Base 18ª.-Interpretación.

Correspóndelle ao presidente do Igape a facultade de ditar as disposicións necesarias para a aplicación das axudas previstas nestas bases, así como para

resolver as dúbidas concretas que se subsciten na súa aplicación.

Base 19ª.-Vixencia.

19.1. As presentes bases entrarán en vigor o 1 de abril de 2005, podéndose presentar solicitudes de axuda en tanto non se derroguen expresamente e ata o límite de crédito dispoñible. O crédito para o exercicio 2005 é o definido na Resolución do 4 de xaneiro de 2005 pola que se fan públicos os importes dos créditos reservados para o financiamento dos diferentes programas de axudas que se concederán con cargo aos orzamentos do Instituto Galego de Promoción Económica para o ano 2005 e os seus compromisos plurianuais; coa seguinte equivalencia destas bases coa citada resolución:

Partida

orzamentaria

Finalidade

Equivalencia

actual da

finalidade

01.02.11/04/01Promoción da mellora competitiva. Subvención a fondo perdidoBase 4ª

02.02.11Proxectos baseados nun diagnóstico e actuacións específicas. Subvención a fondo perdidoBase 3ª

02.02.11/03/01Proxectos plan PEME. Subvención a fondo perdidoBase 6ª

En anualidades sucesivas este límite será obxecto de publicación no Diario Oficial de Galicia, limitándose a concesión das axudas ás dispoñibilidades orzamentarias.

19.2. No caso dos expedientes que non puidesen ser resoltos favorablemente por falta de crédito, unha vez habilitado no exercicio seguinte, os solicitantes poderán reiterar a súa solicitude, computándose a data da primeira solicitude para os efectos de realización das actuacións subvencionables.

Base 20ª.-Silencio administrativo.

As solicitudes que non fosen resoltas nos prazos que para cada caso se establecen nas presentes bases poderán considerarse desestimadas.

Base 21ª.-Disposición transitoria.

Os expedientes que á entrada en vigor destas bases se atopen en tramitación ao abeiro das bases establecidas na Resolución do 13 de xullo de 2001 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das axudas do Instituto Galego de Promoción Económica para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega (DOG nº 142, do 23 de xullo), regularanse pola normativa vixente á data de presentación da súa solicitude ata a resolución. Na tramitación posterior rexerá o establecido nas presentes bases.

Base 22ª.-Disposición derrogatoria.

Quedan derrogadas as bases reguladoras das axudas do Igape para os programas de apoio á continuidade e mellora competitiva da PEME galega, feitas públicas mediante resolución da directora xeral do Igape do 13 de xullo de 2001 (DOG nº 142, do 23 de xullo).

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA