DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2005 Páx. 5.034

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 23 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

A Xunta de Galicia, no exercicio da competencia en materia de emprego atribuída en virtude do disposto nos artigos 29.1º e 30 do Estatuto de autonomía de Galicia, e logo da asunción de funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado no ámbito do traballo, o emprego e a formación, en virtude dos sucesivos reais decretos de transferencias, vén desenvolvendo un conxunto integral de medidas activas de emprego dirixidas á xeración de novos postos de traballo e ao fomento da iniciativa emprendedora, en consonancia coa Estratexia Europea para o Emprego, as directrices anuais para o emprego da Unión de Europea, o Plan Nacional de Acción para o Emprego, e de acordo coa política de modernización da estrutura produtiva expresada no Plan Estratéxico de Desenvolvemento de Galicia 2000/2006.

Este marco de actuación recolle como actuacións prioritarias no desenvolvemento das políticas activas de emprego, entre outras, o fomento do espírito de empresa, o reforzo da política de igualdade de oportunidades para o acceso ao mercado laboral e a corrección das disparidades do territorio mediante a creación de emprego a nivel local.

A competencia en materia de políticas activas de emprego correspóndelle á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, de acordo co disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica. No desenvolvemento destas políticas vén establecendo programas de axudas ou apoios á creación de emprego e a inserción laboral dos desempregados, entre eles, os que inclúen medidas de apoio a actividades e iniciativas de autoemprego.

Aos xa existentes programas de fomento do autoemprego, como a promoción de emprego autónomo, fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, vénse a engadir un novo Programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego, que pretende contribuír ao desenvolvemento económico dos concellos rurais.

A evolución do mercado de traballo, o aumento da poboación activa e o índice de desemprego feminino e xuvenil na Comunidade Autónoma de Galicia aconsellan establecer un novo programa que inclúa accións innovadoras para favorecer a inserción laboral destes desempregados, mediante a creación de iniciativas empresariais, concentrando o apoio nas empresas que desenvolvan a súa actividade no medio rural galego, para que, así mesmo, as novas iniciativas empresariais se constitúan en fórmulas de estímulo do desenvolvemento local e correctoras dos desequilibrios territoriais.

Nesta orde regúlase o Programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego e procédese á súa convocatoria para o ano 2005.

Coa introducción deste programa créase unha liña de incentivos para a promoción do emprego, en empresas de nova creación xeradoras de emprego feminino e de mozos menores de 30 anos, que desenvolvan a súa actividade en concellos rurais, facilitándolles o acceso a tres tipos de axudas: subvención á xeración de emprego, subvención financeira e subvención para o inicio da actividade.

As bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e principios de xestión

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do Programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego, coa finalidade de xerar emprego, preferentemente de mulleres e mozos, a través de apoios ás novas iniciativas empresariais nos concellos rurais de Galicia, promovendo o seu desenvolvemento económico.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas privadas calquera que sexa a forma xurídica que adopten, agás as persoas físicas, comunidades de bens ou sociedades civís, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde para cada tipo de axuda e nas que concorran as seguintes circunstancias:

a) Que sexan empresas de nova creación, viables técnica, económica e financeiramente e xeren emprego estable.

b) Que teñan o seu domicilio social, fiscal e o seu centro de traballo nun concello rural de Galicia.

c) Que no momento da súa constitución o seu cadro de persoal non sexa superior a 10 traballadores, incluídos os promotores que exerzan unha actividade regular na empresa, e cunha porcentaxe mínima do 50% de mulleres e mozos de 30 anos.

2. Esta orde non será de aplicación:

a) Ao sector do transporte e ás actividades relacionadas coa produción, primeira transformación ou comercialización por xunto dos produtos que figuran no anexo I do Tratado Constitutivo da Comunidade Europea.

b) Ás subvencións relacionadas coas actividades de exportación, entendéndose como tales as vinculadas directamente ás cantidades exportadas, ao establecemento ou explotación dunha rede de distribución ou a outros gastos correntes relacionados coa actividade exportadora.

c) Ás subvencións que dependan de que se prime a utilización de produtos nacionais en detrimento dos importados.

Artigo 3º.-Definicións.

Para os efectos desta orde entenderase por:

a) Desempregados: os que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, na data da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social.

b) Empregos creados na constitución da empresa: as altas nos correspondentes réximes da Seguridade Social realizadas nos tres primeiros meses de actividade da empresa.

c) Empregos subvencionables: os postos de traballo creados con carácter estable, na constitución da empresa, para mulleres e mozos menores de 30 anos que sexan desempregados, incluídos o promotor ou promotores.

d) Inicio de actividade empresarial: a data na que se cause alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, desde a data de alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

e) Concello rural: aquel que teña unha poboación de menos de 20.000 habitantes. Para computar o número de habitantes dos concellos galegos, tomarase como referencia as cifras de poboación referidas

ao 1 de xaneiro de 2004, resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 2348/2004, do 23 de decembro.

Capítulo II

Tipos de axuda

Artigo 4º.-Tipos de axuda.

1. O Programa de dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego inclúe os seguintes tipos de axudas:

a) Subvención á xeración de emprego.

b) Subvención financeira.

c) Subvención para o inicio da actividade.

Artigo 5º.-Subvención á xeración de emprego.

1. Para a xeración de postos de traballo estables poderá concederse unha subvención de ata 3.600 euros por cada emprego subvencionable.

Cando a dedicación sexa a tempo parcial, as contías destes incentivos serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo, en función da xornada a tempo completo establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, na xornada ordinaria legal.

2. O prazo de presentación de solicitudes de subvención á xeración de emprego será de dous meses desde a data de alta no correspondente réxime da Seguridade Social, respectando en todo caso o prazo xeral establecido no artigo 10º.3 desta orde, aínda que non transcorreran os dous meses anteriormente citados.

Artigo 6º.-Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade promover a creación de postos de traballo mediante a redución de xuros de préstamos destinados a financiar os investimentos en activo fixo que sexan necesarios para a posta en marcha da empresa.

Para seren subvencionables, deberán ser concedidas polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. Esta subvención ten como límite a contía de 3.000 euros por cada emprego subvencionable.

2. A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ao inicio da execución do proxecto de investimento e, en todo caso, antes de que transcorran dous meses desde a data de alta no IAE ou, se é o caso, no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda, respectando en todo caso o prazo xeral establecido no artigo 10º.3 desta orde, aínda que non transcorreran os dous meses anteriormente citados.

Artigo 7º.-Subvención para o inicio da actividade.

1. Poderá concederse unha subvención de ata 2.400 euros por cada emprego subvencionable para o financiamento dos primeiros gastos da actividade.

2. A través desta axuda, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados nos seis primeiros meses de actividade empresarial nos seguintes conceptos: alugueres, publicidade, adquisición de primeiras mercadorías e subministracións.

Os gastos poderán ser computados, sempre que as facturas estean estendidas a nome da entidade solicitante, e non sexan emitidas por algún dos promotores da empresa. Exclúense así mesmo os impostos e os gastos referidos aos domicilios particulares dalgún dos promotores.

3. A solicitude de subvención para o inicio da actividade deberá presentarse antes de que transcorran os seis primeiros meses desde o inicio da actividade empresarial, respectando en todo caso o prazo xeral establecido no artigo 10º.3 desta orde, aínda que non transcorreran os seis meses anteriormente citados.

Artigo 8º.-Incremento dos incentivos.

As contías das axudas do programa regulado nesta orde incrementaranse nun 10 por 100, nos casos de desempregados que, téndose en conta para o cálculo da subvención, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social, concorran nalgunhas das seguintes circunstancias:

a) Estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro), e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro).

b) Traballadores desempregados por mor dalgunha das causas previstas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

c) Desempregados en situación de risco de exclusión social pertencentes a algún dos seguintes colectivos:

-Perceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.

-Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

-Penados ou ex-reclusos que non tiveran antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

-Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

-Mozos que estean ou estiveran ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

-Traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

Estes incrementos aplicaranse con independencia de que, como consecuencia da súa aplicación, se superen ou non os límites cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 9º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Artigo 10º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

3. O prazo xeral de presentación de solicitudes de axudas desta orde finalizará o 30 de setembro de 2005, aínda que nesta data non transcorresen os prazos específicos establecidos nos artigos 5º, 6º e 7º.

4. Para a presentación de solicitudes de axudas, os beneficiarios contarán co asesoramento dos técnicos de emprego da rede coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es) que emitirán informe sobre a idoneidade, xustificación e necesidade das axudas solicitadas.

Artigo 11º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a este programa, e deberán ir acompañadas por exemplar duplicado, e un deles será orixinal ou fotocopia

compulsada, da seguinte documentación común e específica que se relaciona:

1. Documentación común para todos os tipos de axuda:

a) DNI e poder suficiente do representante da sociedade e CIF da empresa.

b) Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda.

No suposto de que se solicite subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

c) Memoria descritiva da actividade, asinada polo solicitante, que deberá conter os datos de identificación e descrición da actividade, o currículo dos promotores, o número de empregos creados, os aspectos técnicos de produción e comercialización, unha descrición detallada dos aspectos económicos que inclúa o orzamento de investimento, o plan de financiamento que acredite a viabilidade da iniciativa empresarial e a xustificación da necesidade das axudas solicitadas.

Deberán achegarse facturas proforma ou orzamentos dos activos fixos e dos gastos para o inicio da actividade, con indicación daqueles aos que se van destinar as subvencións.

d) Informe do técnico ou axente de emprego da rede de técnicos de emprego, ou no seu caso copia da solicitude de informe, segundo o modelo do anexo IV.

e) Relación nominal de todos os traballadores e promotores con indicación dos desempregados polos que se solicita a subvención, segundo o modelo do anexo III.

f) DNI dos promotores e traballadores da empresa.

g) Dos desempregados polos que se solicita subvención deberase achegar: documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego das persoas incorporadas á empresa, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social e documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social.

No suposto de que se solicite subvención financeira con anterioridade ás altas dos desempregados polos que solicita a subvención, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

h) No seu caso, documentos acreditativos das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos establecidos no artigo 8º desta orde.

i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou

nin percibiu outras subvencións (segundo o modelo do anexo V).

j) Documentación acreditativa de que se encontran ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

k) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VI para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

1. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo VIII).

2. Documentación específica para a subvención financeira:

-Compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo no que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VII) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo.

Artigo 12º.-Instrución, tramitación e informes.

1. Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co preceptuado no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará por desistido na súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

2. No caso de que coa solicitude non conste o informe do técnico local de emprego do concello correspondente ao domicilio social e fiscal da empresa ou, no seu caso, dun axente de emprego, o órgano instrutor solicitará de oficio a súa emisión, que deberá realizarse nun prazo de 15 días naturais desde a súa recepción.

Artigo 13º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización pola respectiva Intervención da proposta emitida polo correspondente servizo, a resolución será ditada polo director xeral de Promoción do Emprego, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberá serlles notificada aos interesados. As resolucións concesorias ou denegatorias deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1

e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 14º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a que se concedeu a subvención segundo o tipo de axuda.

b) Declaración complementaria do establecido no artigo 11º alínea i) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

B. Documentación específica:

a) Cando se trate da subvención financeira, xuntarase copia do contrato de préstamo e facturas acreditativas de que o importe do préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto de subvención. Con posterioridade, o beneficiario no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

Escritura de constitución e inscrición no Rexistro Mercantil, alta no imposto de actividades económicas ou, de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda, de non se xuntar á solicitude.

DNI, documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da

Seguridade Social e documentos acreditativos da incorporación efectiva con carácter indefinido e altas no correspondente réxime da Seguridade Social das persoas incorporadas á empresa, polas que se solicite subvención, de non telo presentado con anterioridade.

b) Cando se trate da subvención para o inicio da actividade, documentación xustificativa da realización dos gastos imputados á subvención

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación exixida para a fase de pagamento común ou específica poderá presentarse xunto coa solicitude, a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias axudas só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

4. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da Comunidade Autónoma.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 15º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas e subvencións establecidas neste programa son incompatibles coas establecidas nos programas de promoción de emprego autónomo, iniciativas locais de emprego e iniciativas de emprego rural, iniciativas de emprego de base tecnolóxica, fomento da integración laboral das persoas con discapacidade e fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, agás a axuda para a adquisición da condición de socio traballador.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos neste programa.

4. A subvención á xeración de emprego estable será incompatible coas establecidas nos diferentes programas de fomento da contratación por conta allea, agás as bonificacións ás cotizacións á Seguridade Social.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

1. Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

b) Comunicaranlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

2. As empresas beneficiarias destas subvencións deberán cumprir, respecto dos distintos tipos de axuda, as seguintes obrigas:

a) Subvención á xeración de emprego: as empresas beneficiarias, co fin de garantir o mantemento dos postos de traballo estables xerados que fosen obxecto de subvención, deberán presentar dentro do primeiro trimestre de cada ano unha relación da variación de altas e baixas do persoal adscrito.

A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel no que se concedeu a axuda ou subvención.

Cando no período de tres anos, desde a data de incorporación á empresa, se produza o cesamento dalgún traballador, a empresa beneficiaria está obrigada a cubrir a vacante no prazo dun mes, polo menos, en tempo de dedicación igual ao anterior, debendo reunir o novo traballador o requisito de pertencer a algún dos colectivos de beneficiarios deste programa, o que deberá serlle comunicado ao órgano que concedeu a axuda dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova incorporación non dará lugar en ningún caso a unha nova axuda.

b) Subvención para o inicio da actividade: as empresas deberán enviar unha breve memoria do desenvolvemento da actividade dentro do primeiro trimestre de cada ano e referida ao ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres exercicios seguintes a aquel no que se concedeu a subvención.

Artigo 17º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros

entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 18º.-Revogación e reintegro

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 19º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 20º.-Axudas baixo a condición de minimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de minimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de minimis (DOCE nº L10, do 13-1-2001).

Artigo 21º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios do programa establecido nesta orde:

a) Os empregos de carácter estable realizados con desempregados que, nos 24 meses anteriores á data de alta na Seguridade Social prestasen servizos mediante unha relación de carácter estable, en empresas ou grupos de empresas, nas que participaran persoas ou entidades, que pola súa vez, sexan promotoras da empresa solicitante.

O disposto no parágrafo anterior será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do desempregado con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1999, do 24 de marzo.

b) Empresas que supoñan a continuación dunha actividade existente e estean participadas por persoas ou entidades propietarias da anterior empresa, así como polos seus familiares ata o segundo grao inclusive, por consanguinidade, afinidade ou adopción.

c) Así mesmo, serán excluídos os solicitantes que incorran nalgunha das prohibicións que aparecen recollidas no artigo 13.2 da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promoción do Emprego para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvención previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora: xuventude con experiencia será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas e subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

Sexta.-No exercicio económico 2005, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.241A 470.4, código de proxecto 2005 00358, cun crédito de 4.000.000 euros; 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00361, cun crédito de 10.000.000 euros, 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00362, cun crédito de 5.000.000 euros, 16.02.241B.470.0, código de proxecto 2002 14109, cun crédito de 918.788 euros, 16.02.241V.470.2, código de proxecto 2002 14439, cun crédito de 2.000.000 euros. Estas contías están recollidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo, cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á

súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT) cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER) cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do

Programa para a promoción do emprego autónomo e á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integración laboral das persoas con discapacidade e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora de empregabilidade de colectivos desfavorecidos cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede a súa convocatoria para 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos para a contratación de persoal en centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou garderías infantís, nas empresas e parques empresariais e se procede á súa convocatoria para 2005, e das demais

ordes que establezan as bases reguladoras e a convocatoria dos programas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A, 241B e 241V.

Así mesmo, os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais