DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2005 Páx. 5.022

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 22 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do Programa de incentivos para a contratación de persoal en centros de atencion á primeira infancia, escolas infantís ou gardarías infantís nas empresas e parques empresariais e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, ao abeiro dos sucesivos plans de fomento do emprego, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo, na actualidade incorporados ao Programa Operativo Integrado de Galicia para o período 2000-2006.

No marco da estratexia europea para o emprego, e co obxectivo de favorecer a creación de centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou gardarías infantís (de 0 a 6 anos) no seo de empresas privadas, parques empresariais e polígonos industriais, dirixidas á atención dos fillos das persoas traballadoras durante a xornada laboral, establécese un programa específico para apoiar a contratación de traballadores desempregados que, tendo os requisitos especiais de titulación requiridos pola normativa vixente na materia, podan prestar os seus servizos neles.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, en función das competencias que ten atribuidas e consciente da nova realidade social, proponse con esta orde satisfacer as necesidades xurdidas en relación coa atención dos nenos de cero a seis anos, fomentando a creación de gardarías dedi

cadas ao seu coidado nas empresas onde os seus pais desenvolvan a súa actividade profesional, co fin de favorecer a concilación da vida laboral e familiar das persoas traballadoras.

Nesta orde regúlanse os incentivos tanto á contratación indefinida como a contratación en prácticas e de beneficiarios do Programa Labora, de persoal especializado para prestar servizos nestes centros.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis, polo tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento (CE) nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro de 2001, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13-1-2001).

Neste marco de actuación, as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito e réxime das axudas

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de incentivos á contratación de persoal en centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou gardarías infantís no seo de empresas privadas, parques empresariais e polígonos industriais, coa finalidade de facilitar a incorporación e permanencia no mercado laboral dos traballadores con responsabilidades familiares a través de axudas económicas á contratación de persoal especializado para prestar servizos nelas.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Ámbito de aplicación, contratacións subvencionables e definicións.

1. Poderán ser obxecto de subvención as contratacións indefinidas iniciais, as contratacións en prácticas reguladas no artigo 11 do Estatuto dos traballadores, e a contratación temporal de traballadores desempregados que no momento da contratación estean incorporados e manteñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, de 23 de xaneiro) e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro).

2. As contratacións subvencionables deberán ser realizadas con traballadores que no momento da contratación teñan a condicion de desempregados.

3. Para efectos das axudas consideradas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe de vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

4. Os contratos para que poidan ser obxecto de subvención deberán formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas previstas nesta orde as empresas privadas, as asociacións de empresas, así como as agrupacións de empresas dun mesmo polígono industrial ou parque empresarial, que promovan na Comunidade Autónoma de Galicia a creación ou o mantemento de centros de atención á primeira infancia, escolas infantís ou gardarías infantís, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, e contraten traballadores para prestar servizos nelas.

2. Os centros que se promovan deben reunir os requisitos establecidos no Decreto 243/1995, do 28 de xullo, polo que se regula o réxime de autorización e acreditación de centros de servizos sociais, e na Orde do 29 de febreiro de 1996 da extinta Consellería de Familia e Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, modificada pola Orde do 6 de novembro de 2000, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reunir os centros de menores e os centros de atención á infancia.

3. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas

nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 4º.-Exclusións.

1. Exclúense dos beneficios regulados nesta orde:

a) As relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como as contratacións de traballadores para prestaren servizos noutras empresas mediante contratos de posta á disposición.

b) As contratacións realizadas con traballadores que, nos 24 meses anteriores á data de contratación, prestasen servizos na mesma empresa ou grupo de empresas mediante un contrato por tempo indefinido.

O disposto no parágrafo precedente será tamén de aplicación no suposto de vinculación laboral anterior do traballador con empresas ás que o solicitante dos beneficios sucedese en virtude do establecido no artigo 44 do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

c) Traballadores que finalizasen a súa relación laboral de carácter indefinido nun prazo de 3 meses previos á formalización do contrato polo que se solicita a subvención, agás que a dita relación laboral finalizase por causa dun despedimento declarado improcedente ou se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

Artigo 5º.-Requisitos.

Para poder acceder aos beneficios á contratación establecidos neste programa, deberan cumplirse as seguintes condicións e requisitos:

1. As contratacións indefinidas iniciais deberán supoñer incremento no cadro de persoal fixo da empresa no ámbito territorial de Galicia, de modo que supere a media aritmética dos 12 meses anteriores á data de inicio da relación laboral, ou, se é o caso, na referencia que se estableza en plans de emprego pactados coa representación legal dos traballadores no ámbito da empresa.

Para os efectos do cómputo do incremento do cadro de persoal non se terán en conta as baixas dos traballadores que se producisen pola súa propia vontade, ou por morte, xubilación, incapacidade permanente total ou absoluta ou grande invalidez legalmente recoñecidas.

2. As contratacións en prácticas deberán concertarse a xornada completa, ter unha duración mínima de 12 meses, e ser realizadas con desempregados que teñan algunha das seguintes titulacións: licenciado ou diplomado universitario, técnico ou técnico superior en FP regulada, sen que teña transcorrido máis de 4 anos desde a terminación dos correspondestes estudos e que o posto de traballo permita a obtención da práctica profesional adecuada ao nivel dos estudos cursados.

3. As contratacións temporais, deberán ter unha duración mínima inicial de 12 meses, e ser realizadas con traballadores que teñan a condición de bene

ficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia.

4. Os traballadores contratados deberán, conforme ao establecido na Orde do 29 de febreiro de 1996 da Consellería de Familia, Promoción do Emprego, Muller e Xuventude, pola que se regulan os requisitos específicos que deben reunir os centros de menores e os centros de atención á infancia, posuír algunha das seguintes titulacións:

-Persoal de atención:

-Licenciado en pedagoxía ou psicopedagoxía.

-Mestre especialista en educación infantil ou equivalente.

-Técnico superior en educación infantil ou equivalente.

-Persoal de apoio:

-Técnico en atención sociosanitaria.

-Técnico superior en animación sociocultural.

-Técnico en coidados auxiliares de enfermaría.

-Diplomado en puericultura recoñecido pola Consellería de Sanidade.

Artigo 6º.-Axudas.

1. As contratacións indefinidas iniciais, incluídos os fixos descontinuos, realizadas con traballadores desempregados, incentivaranse cunha axuda de ata 3.900 euros.

Cando se trate de contratacións a tempo parcial, a contía dos incentivos previstos nesta orde serán proporcionais ao tempo efectivo de traballo en función da xornada establecida no convenio colectivo de aplicación ou, no seu defecto, da xornada ordinaria legal.

2. Os contratos en prácticas, incentivaranse nunha contía de ata 3.300 euros.

3. As contratacións temporais de traballadores desempregados que teñan a consideración de beneficiarios do Programa Labora: xuventude con experiencia, incentivaranse cunha axuda de ata 3.000 euros.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 7º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalle ao director xeral de Promoción do Emprego.

Artigo 8º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas e subvencións recollidas nesta orde dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.(www.xunta.es/conselle/as/index.htm.)

3. As axudas previstas neste programa solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se inicie a relación laboral.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de setembro de 2005, aínda que nesta data non transcorreran dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.

Artigo 9º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde e deberán ir acompañadas, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou fotocopia debidamente compulsada, da seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF e, se é persoa xurídica, DNI e poder suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa, e, se é o caso, estatutos ou calquera outra documentacion acreditativa da súa personalidade xuridica.

2. Alta no imposto de actividades económicas ou, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Facenda.

3. Relación nominal dos traballadores polos que se solicita subvención, con indicación do tipo de incentivo que se solicita (segundo o modelo do anexo III).

4. Declaración do cadro de persoal fixo de todos os centros de traballo da empresa en Galicia en cada un dos doce meses anteriores ao inicio da relación laboral do traballador contratado. (segundo o modelo do anexo IV).

Se é o caso, documentos acreditativos das baixas previstas no artigo 5º.1.

5. Título ou certificado acreditativo da titulación necesaria para realizar a actividade.

6. No caso de contratos en prácticas, título ou certificado acreditativo da data de terminación dos estudos.

7. DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego e do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesourería Xeral da Seguridade Social, así como contrato de traballo e a alta na Seguridade Social do traballador contratado.

8. Declaración comprensiva do conxunto de todas as axudas solicitadas ou concedidas para a mesma finalidade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras subvencións (segundo o modelo do anexo V).

9. Ficha de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo VI).

10. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

11. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da Comunidade Autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización (segundo o modelo do anexo VII) para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

Artigo 10º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 11º.-Resolución, recursos e criterios de valoración.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o devandito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido no artigo 1 e 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 12º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas ou subvencións quedará condicionado á presentación, no prazo e nos termos e na forma que se establezan na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Declaración complementaria da establecida no artigo 9º.8 desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos, ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

b) Documentos TC2 correspondentes ás mensualidades que se indiquen na resolución de concesión, ou, se é o caso, certificación da Tesourería Xeral da Seguridade Social na que conste o numero de traballadores con contrato indefinido, ou dos traballadores con contrato de interinidade e dos demais traballadores temporais en cada unha das ditas mensualidades no conxunto dos centros de traballo da empresa en Galicia.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida para a fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude, a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en tanto o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas- e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Artigo 13º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 14º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior, enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 15º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social.

2. Os beneficios establecidos á contratación nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

3. Os incentivos establecidos nesta orde serán compatibles con calquera outra axuda para distinta finalidade da Unión Europea, doutras administracións públicas ou entes públicos ou privados pero, sen que en ningún caso, illadamente ou en concorrencia con outras poidan superar os límites establecidos pola Unión Europea e os que establece o artigo 78.8º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

Artigo 16º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións previstas nesta orde:

1. Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

2. O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

3. Manter no seu cadro de persoal aos traballadores contratados ao abeiro desta orde, polo período mínimo de duración do contrato obxecto da subvención, ou, no caso de contratacións indefinidas, por un período mínimo de tres anos.

No suposto de extinción da relación laboral do traballador polo que se concedese a subvención, a cobertura do posto por un novo traballador, que deberá reunir os requisitos do traballador substituído, terá que realizarse dentro do mes seguinte ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria ao órgano competente que concedese a axuda, dentro dos 20 días seguintes á substitución. Esta nova contratación en ningún caso dará lugar a unha nova axuda.

Esta obriga manterase durante tres anos desde a data de realización do contrato indefinido obxecto de subvención. Cando se trate de empregos ligados a un investimento deberán manter os postos de traballo durante un período de cinco anos.

4. As empresas beneficiarias, co fin de garantir o mantemento do posto de traballo estable creado obxecto de subvención, deberán presentar, dentro do primeiro trimestre de cada ano, unha declaración do mantemento do emprego xunto co TC2 do mes de decembro do ano anterior. A dita obriga manterase durante os tres anos seguintes a aquel en que se concedeu a axuda ou subvención.

5. Aqueloutras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e

orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 17º.-Seguimento e control.

A Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da Comunidade Autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atope en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais no director xeral de Promocion do Emprego, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de benificiario do Programa Labora: xuventude con experiencia será realizada directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Sexta.-No exercicio 2005 as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.241A.470.2 código de proxecto 2002 14439 cun crédito de 3.142.692 euros, 16.02.241A.470.3 código de proxecto 2002 14823 cun crédito de 6.300.000 euros, 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00361 cun crédito de 10.000.000 de euros, 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00362 cun crédito de 5.000.000 de euros, 16.02.241B.470.0 código de proxecto 2002 14106 cun crédito de 5.533.562 euros, 16.02.241B.470.1 código de proxecto 2002 14444 cun crédito de 3.845.563 euros e 16.02.241A.480.5 código de proxecto 2004 00337 cun crédito de 1.200.000 euros. Estas contías están reco

llidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais e a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións as empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións as empresas cualificadas como iniciativas locais de

emprego (ILE) o como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo, e se procede a súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a sua convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para a promoción da integracion laboral das persoas con discapacidade e se procede a sua convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas de incentivos á contratación por conta allea como medida de mellora da empregabilidade

de colectivos desfavorecidos, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede a sua convocatoria para o ano 2005 e das demais ordes que establezan as bases das medidas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas orzamentarios 241A, 241B e 241V.

Así mesmo, os ditos créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polos fondos europeos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 22 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego

e Relacións Laborais