DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 58 Luns, 28 de marzo de 2005 Páx. 5.021

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE FAMILIA, XUVENTUDE, DEPORTE E VOLUNTARIADO

ORDE do 10 de marzo de 2005 pola que se declara de interese galego e se ordena a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación G-Prodis.

Visto o expediente de recoñecemento de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego da Fundación G-Prodis.

Supostos de feito:

Primeiro.-A fundación solicitou a clasificación e a inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, por medio do escrito presentado por Leopoldo Torrente Varela, en calidade de representante da fundación.

Segundo.-A fundación constituíuse en escritura pública outorgada o 21 de decembro de 2004 en Santiago de Compostela, ante o notario Enrique Roger Amat co número 4352 do seu protocolo.

Terceiro.-A comisión integrada por todos os secretarios xerais na reunión celebrada o día 18 de xaneiro de 2005 elevou ao conselleiro da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública proposta de clasificación como de interese galego da Fundación G-Prodis.

Cuarto.-Á vista da proposta da comisión de secretarios xerais, pola orde da Consellería da Presidencia, Relacións Institucionais e Administración Pública, do 19 de xaneiro de 2005 (Diario Oficial de Galicia nº 18, do 27 de xaneiro; corrección de erros DOG nº 39, do 25 de febreiro), clasificouse como benéfico social a Fundación G-Prodis. Tendo en conta o disposto no artigo 32.2º.c) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado de fundacións de interese galego e dado o seu obxecto adscribiuse á Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, en virtude do Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, polo que se fixa a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, modificado polo Decreto 215/2004, do 23 de setembro, e o Decreto 5/2005, do 13 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica da antedita consellería.

Quinto.-Segundo consta nos artigos 6 e 7 dos estatutos da fundación, o obxecto é axudar, desde a orientación para a mellora da calidade de vida, ao desenvolvemento das organizacións que prestan servizos a persoas con discapacidade, mediante as seguintes actividades:

a) Levar a cabo iniciativas formativas para a mellora de cadros directivos, profesionais, servizos, co obxectivo de mellorar a calidade de vida dos beneficiarios.

b) Proporcionar e xestionar información eficaz para a mellora das organizacións que prestan servizos a persoas con discapacidade.

c) Potenciar o debate e intercambio de experiencias entre diferentes modelos organizativos.

d) Prestar apoio ás organizacións para a implantación e aseguramento de modelos orientados á mellora da calidade de vida dos seus beneficiarios.

e) Incentivar a investigación no campo do desenvolvemento organizacional mediante proxectos individuais ou a participación en iniciativas multisectoriais.

f) Difundir de maneira efectiva (publicacións, documentos) unha cultura de calidade baseada na mellora continua das organizacións que prestan servizos a persoas con discapacidade.

g) Desenvolver un código ético que oriente as devanditas organizacións nas accións necesarias para desenvolver programas e servizos desde o respecto á identidade e aos dereitos das persoas con discapacidade.

Sexto.-Na escritura pública pola que se constitúe a fundación, nos estatutos e na demais documentación que figura no expediente, constan, entre outros os seguintes extremos: acreditación da personalidade do fundador, dotación inicial da fundación, estatutos nos que consta a denominación (Fundación G-Prodis), a composición do órgano de goberno e o réxime de adopción de acordos.

O padroado da fundación estará integrado por José Carlos González Blanco, Gonzalo Vázquez Martínez, Francisco Costa Varela, Teresa Galisteo de la Fuente, Fernando Tomás Nieto Cortijo, Fausto García Rey, María del Carmen Puga Ferreiro, José Fernando Santoro Pumarega, Carlos Godoy Casalderrey, Leopoldo Torrente Varela e José Antonio Atienza Hoyuela.

Sétimo.-A Secretaría Xeral da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, unha vez revisados os seus estatutos, solicitou informe da Asesoría Xurídica, conforme o disposto no artigo 32.2º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, que aquela emitiu favorablemente con data do 8 de febreiro de 2005.

Fundamentos de dereito:

Primeiro.-O artigo 34 da Constitución española recoñece o dereito de fundación para fins de interese xeral, de acordo coa lei. O artigo 27.26º do Estatuto de autonomía para Galicia atribúelle a esta comunidade autónoma competencia exclusiva sobre o réxime das fundacións de interese galego.

Segundo.-Conforme o artigo 32.3º.a) do Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego e o Decreto 5/2005, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado, en virtude do Decreto 215/2004, do 23 de setembro, que modifica o Decreto 23/2003, do 20 de xaneiro, que establece a estrutura orgánica dos departamentos da Xunta de Galicia, é competencia desta consellería a declaración de interese galego e a inscrición no Rexistro de Fundacións, da Fundación G-Prodis, dado o seu obxecto coincidente coas competencias desenvolvidas por aquela, asumindo as funcións que como protectorado lle corresponden á Xunta de Galicia.

Terceiro.-Ao abeiro do disposto no artigo 7.5º da Lei 7/1983, do 22 de xuño, á realización da finalidade fundacional débese destinar, cando menos, o oitenta por cento das rendas que obteña a fundación e dos outros ingresos que non formen parte da dotación da fundación.

Cuarto.-A Lei 11/1991, do 8 de novembro, da nova redacción ao artigo 21.2º da Lei 7/1983, establecendo

a obriga de, por unha banda, formular e presentar o orzamento de ingresos e gastos ao protectorado con anterioridade ao inicio do exercicio económico, e, por outra banda, a de efectuar un inventario-balance, pechado na data do remate do exercicio, unha memoria das actividades realizadas durante o ano e da xestión económica do patrimonio, así como a liquidación do orzamento de ingresos e gastos do ano anterior, que deberán presentarse ao protectorado no prazo de seis meses desde a data de peche do exercicio.

Este conxunto de obrigas débense entender asumidas pola fundación, aínda que non se recollan expresamente nos seus estatutos.

Quinto.-Á vista do exposto, pódense entender substancialmente cumpridos os requisitos legais e regulamentarios para a declaración de interese galego e a súa inscrición no rexistro de fundacións, sección da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Así, en virtude do artigo 34 da Constitución española de 1978, o artigo 27.26º do Estatuto de autonomía de Galicia, a Lei 50/2002, do 26 de decembro, de fundacións, a Lei 49/2002, do 23 de decembro, de réxime fiscal das entidades sen fins lucrativos e dos incentivos fiscais ao mecenazgo, a Lei 7/1983, do 22 de xuño, de réxime de fundacións de interese galego, modificada pola Lei 11/1991, do 8 de novembro, o Decreto 248/1992, do 18 de xuño, polo que se aproba o Regulamento de organización e funcionamento do protectorado das fundacións de interese galego, o Decreto 5/2005, do 13 de xaneiro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado e a Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificado pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, así como a demais normativa de desenvolvemento e de xeral aplicación,

DISPOÑO:

Primeiro.-Recoñecer a declaración de interese galego á Fundación G-Prodis.

Segundo.-Ordenar a súa inscrición no Rexistro de Fundacións de Interese Galego, sección da Consellería de Familia, Xuventude, Deporte e Voluntariado.

Terceiro.-Aprobar os seus estatutos e a composición do seu órgano de goberno.

Cuarto.-A dita fundación queda sometida ao disposto na normativa de xeral aplicación citada, en especial á obriga de dar publicidade suficiente ás súas actividades e á ausencia de ánimo de lucro na prestación dos seus servizos, quedando obrigada a dar contas anualmente ao protectorado e a xustificar a través dunha memoria anual o cumprimento das cargas fundacionais, así como a presentar o proxecto de orzamento con anterioridade ao inicio do exercicio económico para o que se formula, debendo solicitar as preceptivas autorizacións do protectorado cando sexan necesarias.

Contra esta resolución, que pon fin á vía administrativa, poderá interpoñer potestativamente o recurso de reposición ante este mesmo órgano, no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución, ou recurso conten

cioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia, no prazo de dous meses contados a partir do día seguinte ao da notificación desta resolución. En todo caso non se poderá interpoñer recurso contencioso-administrativo ata que sexa resolto expresamente ou se producise a desestimación presunta do recurso de reposición interposto.

Santiago Compostela, 10 de marzo de 2005.

Pilar Rojo Noguera

Conselleira de Familia, Xuventude, Deporte

e Voluntariado