DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2005 Páx. 4.964

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

RESOLUCIÓN do 10 de marzo de 2005, da Dirección Xeral de Transportes, pola que se convocan probas para a obtención e renovación do certificado CE de conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas por estrada e por ferrocarril.

A Directiva 96/35/CE do Consello, do 3 de xuño de 1996, relativa á designación e á cualificación profesional de conselleiros de seguridade para o transporte por estrada, por ferrocarril ou por vía navegable de mercadorías perigosas, exixe, como medida de seguridade preventiva, que as empresas que realicen tales transportes e as que efectúen operacións de carga ou descarga a eles vinculadas dispoñan dun ou varios conselleiros de seguridade, o Real decreto 1566/1999, do 8 de outubro (BOE nº 251, do 20 de outubro), incorpora a citada directiva ao ordenamento xurídico interno, para o efecto de regular a obriga das empresas que transporten mercadorías perigosas ou realicen operacións de carga e descarga ligadas aos ditos transportes, a designar conselleiros de seguridade, as funcións encomendadas a estes, a cualificación profesional exixida e o procedemento que hai que seguir para avaliar a formación requirida.

A Orde FOM/605/2004, do 27 de febreiro (BOE nº 59, do 9 de marzo), de desenvolvemento do citado Real decreto 1566/1999, sobre obtención do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade no transporte de mercadorías perigosas, establece as distintas modalidades de certificado e o contido dos exames, así como o procedemento de renovación dos devanditos certificados, dispoñendo igualmente que as probas serán convocadas polo órgano competente da comunidade autónoma onde se celebren, na súa virtude,

DISPOÑO:

Artigo único.-Convócanse probas para a obtención e renovación do certificado CE de formación para os conselleiros de seguridade para o transporte de mercadorías perigosas, de conformidade cosas bases que seguen, para os modos de transporte por estrada e ferrocarril para as especialidades seguintes:

* Clase 1 (Materias e obxectos explosivos).

* Clase 2 (Gases).

* Clase 7.

* Clases 3, 4.1, 4.2, 4.3, 5.1, 5.2, 6.1, 6.2, 8 e 9. Materias sólidas e líquidas contidas na enumeración de cada unha das clases do Acordo Europeo para o Transporte Internacional de Mercadorías Perigosas (ADR).

* Materias líquidas inflamables cos números de identificación da Organización de Nacións Unidas 1202 (Gasóleo), 1203 (Gasolina) e 1223 (Queroseno).

BASES

Primeira.-Ámbito das probas.

Os exercicios de capacitación para a obtención e renovación do certificado CE de formación para conselleiros de seguridade versarán sobre o coñecemento das materias incluídas no programa que figura como anexo do citado R.D. 1566/1999, do 8 de outubro.

O ADR sobre o que versarán os exercicios será o publicado no BOE nº 18, do 20 de xaneiro de 2005.

Segunda.-Obtención do certificado por primeira vez.

Os exercicios de que constarán as probas, a súa estrutura e forma de cualificación serán as establecidas na Orde FOM/605/2004, reguladora das probas citadas.

Os exames constarán de dúas probas: unha de 50 preguntas tipo test, valorándose cada resposta acertada con 2 puntos e sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non puntúan. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar a proba.

Outra proba consistente na realización dun suposto referido ao modo de transporte e á especialidade correspondente, que versará sobre as tarefas e obrigas a realizar e/ou cumprir polo conselleiro. Os aspirantes disporán de 30 minutos para a realización desta proba, permitíndose a consulta de textos sempre que non figure neles a resolución de supostos. Esta segunda proba puntuarase ente 0 e 100 puntos, sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba.

Terceira.-Renovación de certificados.

Poderán solicitar a renovación do certificado aqueles aspirantes que teñan o seu certificado expedido no ano 2001.

O exame constará dunha proba de 50 preguntas tipo test, valorándose cada resposta acertada con 2 puntos e sendo necesario acadar un mínimo de 50 para superar a proba. As respostas erróneas ou en branco non puntúan. Os aspirantes disporán de 60 minutos para realizar o exercicio.

Cuarta.-Solicitudes.

1. A instancia na que se solicita tomar parte nas probas debidamente cuberta, de conformidade cos modelos que se xuntan a esta resolución, (anexo I para a obtención do certificado por primeira vez e anexo II para a renovación), presentarase no rexistro xeral da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, sita no edificio administrativo de San Caetano, Xunta de Galicia, Santiago de Compostela, ou por calquera medio previsto na vixente Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, no prazo dun mes a partir do día seguinte á publicación no Diario Oficial de Galicia desta convocatoria.

2. Á solicitude deberase xuntar a fotocopia do DNI vixente, achegando, se é o caso, xustificante acreditativo da súa renovación, e o impreso de taxa autoliquidación correspondente á Administración.

No suposto de solicitar a renovación do certificado, deberase achegar copia del.

3. A consignación de datos falsos na solicitude ou na documentación achegada polos aspirantes sancionarase coa anulación da solicitude, sen prexuízo das demais medidas legais que corresponda.

Quinta.-Dereitos de exame.

1. De conformidade co anexo 2 da Lei 6/2003, do 9 de decembro (DOG nº 240, do 11 de decembro) e a Lei 8/2003, do 23 de decembro (DOG nº 251, do 29 de decembro), os dereitos de exame fíxanse na cantidade de dezanove euros con sesenta e oito céntimos (19,68 A), por cada unha das clases mencionadas, que serán noventa e oito euros con vinte e cinco céntimos (98,25 A), no suposto de presentarse a todas as especialidades dun modo, e ingresaranse logo de cubrir os impresos de taxas (CONSELLERÍA DE: PTOPV, CÓD.: 06; DELEGACIÓN DE: SSCC, CÓD.: 13, SERVIZO DE: TRANSPORTES, CÓD.: 02; DENOMINACIÓN: DEREITOS DE EXAME PROBAS TRANSPORTISTA; CLAVE: 31.01.06),que se poderán obter nos servizos centrais da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, nos servizos provinciais de Transportes ou nas delegacións provinciais da citada consellería.

2. Finalizado o prazo de presentación de solicitudes, o tribunal encargado de avaliar as probas procederá á súa revisión.

Ultimado o proceso, exporase nos taboleiros de anuncios dos organismos a que fai referencia o punto anterior, a relación provisional de admitidos e excluídos con indicación do motivo da súa exclusión.

3. Os aspirantes excluídos disporán dun prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte ao da exposición da citada lista, para poder emendar, se é o caso, o defecto que motivou a súa exclusión.

4. Unha vez resoltas as reclamacións presentadas, o citado tribunal publicará no Diario Oficial de Galicia a resolución pola que se anuncia a exposición pública da lista definitiva de admitidos e excluídos nos organismos á que fai referencia o punto 1º da base quinta.

5. Devolveránselles os dereitos de exame aos solicitantes excluídos definitivamente das probas, sempre que o soliciten no prazo dun mes contado a partir da publicación no Diario Oficial de Galicia da resolución citada no punto anterior e o soliciten co modelo que figura na presente resolución como anexo III.

Sexta.-Tribunal, datas e lugar dos exames.

1. O tribunal cualificador das probas estará constituído polos seguintes membros da Dirección Xeral de Transportes:

Presidente: David González Coalla.

Presidente suplente: Carlos González Rodríguez.

Vogais:

Javier García de Bidegain.

María del Mar Estévez Mosquera.

Rodrigo López Asorey.

Vogais suplentes:

Luisa García Vilela.

Antón García Río.

Alberto Eiras Martínez.

Secretario: Jesús Magariños Negreira.

Secretaria suplente: Pilar Méndez Vázquez.

2. Calendario, horario e lugar.

As probas terán lugar o día 10 de setembro de 2005 no Pazo de Congresos, avd. San Lázaro s/n, Santiago de Compostela. Os horarios dos exercicios publicaranse xunto coa relación definitiva de admitidos.

Sétima.-Domicilio e requisitos dos aspirantes.

1. Os aspirantes presentaranlle ao tribunal correspondente no momento do comezo dos exercicios o orixinal do seu documento nacional de identidade, debendo estar o domicilio que figure neste, incluído no ámbito territorial ao que se estenda a actuación do citado tribunal.

2. Só se admitirá que o domicilio sexa distinto ao que aparece no dito documento cando se dea algunha das seguintes circunstancias:

a) Que o aspirante acredite mediante o certificado de empadroamento, no que deberá figurar a data de alta no padrón municipal, que tivo o seu domicilio en lugar distinto polo menos 185 días naturais do último ano, contados ata o día de finalización do prazo de presentación de solicitudes para concorrer ás probas.

b) Que o aspirante acredite que, aínda que tivese o seu domicilio en lugar distinto menos de cento oitenta e cinco días do último ano, viuse na obriga, por razóns familiares ou profesionais, a trocar a súa residencia. Esta derradeira circunstancia non se entenderá cumprida cando se trate dunha estancia temporal nunha localidade para a realización dunha actividade de duración determinada. A asistencia a unha universidade, escola ou centros docentes non implicará o traslado da residencia habitual. Nestes supostos, xunto co certificado orixinal de empadroamento, xuntarase a documentación oportuna (a título de exemplo: certificado do centro de traballo ou copia do contrato de traballo).

3. O domicilio que figure na solicitude considerarase como único válido para os efectos de notificación, sendo responsabilidade exclusiva do solicitante, tanto o erro na súa consignación, como a comunicación á Dirección Xeral de Transportes de calquera cambio del.

Santiago de Compostela, 10 de marzo de 2005.

Valeriano Martínez García

Director xeral de Transportes