DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 57 Mércores, 23 de marzo de 2005 Páx. 4.958

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA TERRITORIAL, OBRAS PÚBLICAS E VIVENDA

ORDE do 15 de marzo de 2005 pola que se regula a concesión de axudas a entidades locais para formulación de planeamento urbanístico.

Como continuación do programa dirixido ás entidades locais para fomento da realización de traballos de redacción de planeamento urbanístico municipal e elaboración de cartografía para a mesma finalidade, procede a publicación dunha nova convocatoria de axudas que contribúa a completar as finalidades inicialmente establecidas.

As necesidades de incorporar ao planeamento as determinacións contidas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia modificada pola Lei 15/2004,

do 29 de decembro, conleva a necesidade de adaptar os traballos actualmente en redacción e fomentar a revisión dos planeamentos vixentes.

Por outra banda, a entrada en vigor das modificacións do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, introducidas pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo a consecuencia da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, unidas á experiencia acumulada por actuacións en procedementos anteriores, aconsella realizar unha redefinición dos criterios básicos de selección incorporando parámetros e mecanismos de perfeccionamento e outros mecanismos de control co obxectivo de incrementar a eficacia finalista das axudas.

Así mesmo, a experiencia amosa dificultades de xestión das axudas vixentes, derivadas do específico proceso de elaboración e tramitación do planeamento urbanístico agravado, neste caso, pola obrigadas modificacións e/ou adaptacións á nova lexislación. Por isto, procede introducir, excepcionalmente, a posibilidade de que as axudas cubran os importes correspondentes a fases concretas de traballos xa subvencionados, que quedaran sen efecto, por falta de xustificación.

Por todo iso, en uso das facultades que teño atribuídas e debida aplicación dos créditos orzamentarios para a finalidade prevista,

DISPOÑO:

Artigo 1º.-Obxecto e destinatarios.

1. Constitúe o obxecto desta orde a concesión de axudas, en réxime de concorrencia competitiva ás entidades locais que o soliciten, para financiar os honorarios de redacción de planeamento urbanístico e de execución de cartografía para esta finalidade, mediante a súa contratación conforme as prescricións establecidas na lexislación de contratos das administracións públicas.

2. Poderán ser obxecto de axuda:

a) A redacción de plans xerais de ordenación municipal, ben sexa como figura de nova formulación, revisión ou adaptación dos instrumentos de planeamento vixentes ou en tramitación, dos concellos de menos de 50.000 habitantes.

b) A redacción de plans xerais de agrupacións de concellos que formen unha unidade de planeamento homoxénea sempre que acrediten o cumprimento das condicións que, para o caso, establece o artigo 82 da Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

c) A execución de cartografía analítica para a redacción de planeamento urbanístico, sempre que non forme parte dos programas de contratación da consellería e resulte compatible tecnicamente cos sistemas de execución empregados nestes programas.

3. Poderán acollerse así mesmo ás axudas previstas, aquelas entidades locais da Comunidade Autónoma de menos de 50.000 habitantes que cando se publique esta orde tivesen contratados ou en fase de contratación traballos dos contemplados anteriormente, sempre que esta contratación se axuste ao disposto no artigo 9º desta orde con respecto aos pregos de prescricións técnicas.

4. Será posible a concesión de axudas por fases do traballo, sempre que estean contempladas na Lei 9/2002, do 30 de decembro, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia.

Artigo 2º.-Financiamento.

As axudas outorgadas conforme o disposto nesta orde serán financiadas con cargo á aplicación orzamentaria 06 02 332 A 760 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e cun importe dun millón cento noventa e oito mil trescentos trinta e dous euros (1.198.332 euros). Esta cantidade poderase incrementar, se as dispoñibilidades económicas o permiten. Así mesmo destinaranse á finalidade desta orde, os importes que, de ser o caso, se produzan como consecuencia da renuncia e/ou anulación de axudas concedidas ao abeiro de ordes de anos anteriores.

As axudas poderán ser de carácter plurianual cos límites e porcentaxes establecidos no punto 3º do artigo 58 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

As subvencións obxecto desta orde declaranse compatibles, de ser o caso, con outras achegas, axudas ou subvencións que a entidade beneficiaria destine á execución das actuacións que se describen no artigo 1º. Non obstante, a suma total de todas elas non poderá superar o 100% do orzamento total que require a actuación. Neste caso, a axuda concedida ao abeiro desta orde reducirase ata acadar o cumprimento da condición establecida anteriormente.

Artigo 3º.-Criterios de adxudicación das axudas.

As solicitudes puntuaranse por aplicación, en cada caso, dos seguintes criterios valorados segundo se indica a continuación:

a) Revisión e/ou adaptación á Lei 9/2002, do 30 de decembro, e á Lei 15/2004, de modificación da Lei 9/2002 de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, do planeamento municipal vixente ou en tramitación, así como da cartografía que, de ser o caso, fose precisa, sempre que antes de efectuar a valoración, o plan obtivese a aprobación inicial ou estivese presentado na consellería para o seu informe logo da valoración e non fose devolto á respectiva entidade local por carencia de documentación (20 puntos).

b) Concellos que carecen de planeamento (de 5 a 20 puntos), en función da súa complexidade urbanística.

c) Calidade do planeamento e dificultade de aplicación, ponderando tamén a súa antigüidade (de 0 a 10 puntos).

d) Proximidade a áreas de importante aglomeración urbana (de 10 a 15 puntos), a valoración apreciarase segundo se teña constancia da influencia ou presión urbanística da área urbana no desenvolvemento do concello.

e) Concellos afectados, total ou parcialmente, por suspensións de planeamento derivadas de sentencias xudiciais ou decreto autonómico (7 puntos).

f) Concellos nos que total ou parcialmente teñan solo clasificado como parque natural ou espazos naturais protexidos ou que se prevexa a necesidade da súa protección (de 5 a 20 puntos), a valoración establecerase en función da importancia que se lle atribúa á especial protección que exista ou se pretenda.

Para o outorgamento das puntuacións relativas ás alíneas b), c), d) e f) terase en conta a xustificación ofrecida polas entidades locais na memoria prevista no artigo 5º.1.a e a Comisión de Valoración poderá requirir informe ao respecto dos servizos da Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 4º.-Contía das axudas.

1. As subvencións que se outorguen regularanse conforme as seguintes porcentaxes do custo de redacción ou execución dos traballos, obxecto de axuda:

-Para concellos con poboación de ata 5.000 habitantes o 100%.

-Os concellos cun censo de poboación comprendido entre 5.001 e 10.000 habitantes o 90%.

-Os concellos cun censo de poboación comprendido entre 10.001 e 15.000 habitantes o 80%.

-Para os restantes concellos a contía da axuda será o 70% .

2. O orzamento a que fai referencia este artigo será, en todo caso, o calculado ou aceptado pola Dirección Xeral de Urbanismo, unha vez informado pola Subdirección Xeral de Urbanismo. Para estes efectos, tomaranse como referencia os honorarios resultantes dos baremos aprobados polo Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia, coas actualizacións que de darse o caso fose preciso introducir.

3. A suma das axudas e subvencións recibidas por unha entidade local para calquera das finalidades establecidas nesta orde, que proveñan de entes públicos ou privados e percibidas coa mesma finalidade, non poderán nunca superar o 100% do orzamento de contratación global.

Para tal fin, a entidade subvencionada deberá poñer en coñecemento da Dirección Xeral de Urbanismo, o importe doutras axudas para igual fin outorgadas por outros entes públicos ou privados.

Artigo 5º.-Prazo de presentación de solicitudes e documentación.

1. No prazo de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, as entidades locais interesadas deberán presentar no rexistro da Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, ou mediante calquera das formas previstas

no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, unha solicitude de acordo co modelo que figura como anexo I desta orde, acompañada da seguinte documentación:

a) Memoria en que se xustifique a necesidade e oportunidade dos traballos para os que se solicita subvención, con expresión detallada, se fose o caso, de estaren incluídos nas circunstancias consideradas nos criterios do artigo 3º desta orde que a entidade solicitante considere de aplicación.

b) Orzamento previsto de elaboración de cada un dos traballos para os cales se solicita a axuda, especificando xustificadamente o método de valoración empregado.

c) Para o caso previsto no artigo 3º a) desta orde, copia do contrato de elaboración dos traballos e dos correspondentes pregos de cláusulas nos cales debe figurar inequivocamente o prezo, as fases de execución e forma de pagamento.

d) Declaración do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas, para o mesmo concepto, ante as administracións públicas ou outros entes públicos ou privados.

Artigo 6º.-Resolución.

1. Delégase no director xeral de Urbanismo o exercicio das competencias para resolver os procedementos de concesión, aprobación do gasto e demais actuacións para o desenvolvemento das axudas obxecto desta orde, así como o recoñecemento de obrigas e proposta ao conselleiro de Economía e Facenda da ordenación dos correspondentes pagamentos que procedan. O órgano instrutor das axudas será a Subdirección Xeral de Urbanismo

2. Revisados os expedientes polo órgano instrutor, remitiránselle á Comisión de Valoración para o seu estudo e conseguinte proposta de resolución.

Para os efectos previstos nesta orde, créase unha Comisión de Valoración que estará composta polo subdirector xeral de Urbanismo, que a presidirá, e serán vogais o xefe do servizo de planificación urbanística, o xefe do servizo de xestión económica e un funcionario da Dirección Xeral de Urbanismo, que tamén actuará como secretario.

Formulada a correspondente proposta de concesión de axudas pola Comisión de Valoración, ata os límites dos créditos orzamentarios destinados para tal fin, e con carácter previo á súa resolución, someterase ás actuacións establecidas no artigo 97 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, polo que se aproba o texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

3. Nas resolucións de concesión das subvencións, que serán motivadas de acordo cos criterios de outorgamento e porán fin á vía administrativa de acordo co artigo 10 do Decreto 287/2000, indicarase o obxecto e contía da subvención e o programa de pagamentos correspondente a estas.

4. O prazo para resolver e notificar as solicitudes ao abeiro desta orde será de tres meses, que se com

putarán a partir da publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia.

Resolta a convocatoria e notificada aos concellos beneficiarios, darase publicidade no DOG en cumprimento do disposto no artigo 18.1º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

De acordo co artigo 44.1º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, o vencemento do prazo máximo establecido, sen que se ditase e notificase resolución expresa, determinará que os solicitantes poidan entender desestimadas as súas pretensións por silencio administrativo.

Sen prexuízo do potestativo recurso de reposición ante o órgano que o ditou, no prazo establecido no artigo 117 da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, contra a resolución poderá interpoñerse recurso contencioso-administrativo ante a Sala do Contencioso-Administrativo do Tribunal Superior de Xustiza de Galicia na forma e nos prazos establecidos na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa.

Artigo 7º.-Aceptación da subvención.

1. A entidade local beneficiaria disporá do prazo de quince días, contados a partir da recepción da notificación da resolución de concesión, para comunicar a aceptación da subvención. Para tal efecto deberá unir a seguinte documentación:

a) Certificación do acordo do órgano competente da entidade local polo que se acepte a subvención nos termos e prescricións desta orde e da resolución de concesión.

b) Certificación na que se faga constar que non existen outras subvencións aplicables aos traballos obxecto da axuda ou, de existir, que todas as subvencións aplicables aos citados traballos non superan a totalidade do seu orzamento.

c) Certificación de que existen os fondos necesarios para facerlles fronte ás achegas que deberá realizar a entidade local.

d) Acordo do órgano municipal competente que considere o establecido nos dous puntos seguintes:

-Autorización á Dirección Xeral de Urbanismo, para a utilización do documento de planeamento, obxecto da axuda, na súa totalidade ou parcialmente, para publicación de xeito convencional ou a través de páxina web, podendo percibir a citada Dirección Xeral de Urbanismo, de ser o caso, os importes para o resarcimento dos servizos prestados pola publicación e/ou venda de contidos do documento citado.

-Compromiso de entrega á Dirección Xeral de Urbanismo, en soporte dixital (CD ou DVD preferentemente), de toda a documentación que integra o traballo subvencionado, en todas as súas fases, especialmente os documentos definitivos. Esta entrega deberá realizarse, para o planeamento, no prazo máximo de dous meses desde que se produza o acto

administrativo de aprobación definitiva, e para a cartografía, con anterioridade ao derradeiro aboamento correspondente a esta.

2. Transcorrido o prazo indicado no punto anterior sen que se produza a devandita comunicación, e de non xustificarse suficientemente a concorrencia de circunstancias excepcionais que impidan facelo, ditarase resolución deixando sen efecto a concesión da axuda. Esta resolución será recorrible nos mesmos termos que se establecen no último punto do artigo 6º desta orde.

Artigo 8º.-Adxudicación e formalización de contrato.

No prazo de tres meses, contados a partir da notificación da concesión da axuda, as entidades locais deberán de ter presentado, na Dirección Xeral de Urbanismo, os documentos contractuais asinados co correspondente adxudicatario dos traballos. Nestes contratos estableceranse as fases en que se desenvolverán os traballos de acordo coa Lei 9/2002 de ordenación urbanística e de protección do medio rural de Galicia, así como o seu importe

Para o caso de que sexan obxecto de subvención traballos xa contratados será, así mesmo, necesario que os contratos correspondentes recollan a división en fases e o seu importe, de acordo co establecido no punto anterior. Para tal efecto, se é preciso, deberán de presentar o documento contractual modificado.

Artigo 9º.-Pregos de prescricións técnicas.

As entidades beneficiarias das subvencións empregarán, con carácter preferente, no proceso de contratación dos traballos os pregos de prescricións técnicas facilitados para o efecto pola Dirección Xeral de Urbanismo. Para o caso de que os pregos sexan elaborados directamente polos concellos, deberán contar co informe favorable dos servizos técnicos da Dirección Xeral de Urbanismo.

Artigo 10º.-Obrigas de cumprimento de prazos.

1. A entidade local vén obrigada a xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo, antes do 1 de decembro de cada ano o cumprimento de execución das fases que dean lugar a libramento de fondos, segundo se estableza nos documentos contractuais que o concello teña asinados cos adxudicatarios.

Todo isto de conformidade co establecido no artigo 15 c) e 16.dous do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, DOG nº 238, do 11 de decembro.

2. O incumprimento dos prazos parciais, comprendidos na anualidade establecida na resolución de concesión da axuda determinará que o órgano concedente proceda á apertura do correspondente procedemento para, logo da audiencia ao interesado, resolver a redución da contía desta polo importe correspondente ao prazo incumprido, salvo circunstancias excepcionais debidamente acreditadas pola entidade local beneficiaria da subvención e que xustificarán suficientemente ante a Dirección Xeral de Urbanismo con anterioridade ao vencemento do prazo indicado.

Artigo 11º.-Garantías, xustificación do investimento, pagamentos e control.

1. Para garantir o investimento e rendemento das axudas concedidas ao abeiro desta orde, as entidades beneficiarias das axudas reguladas por esta orde quedan obrigadas, ademais de ás actuacións que acorde a entidade concedente, ao disposto no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia e o réxime de infraccións e sancións que establece o artigo 79 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia.

2. Coa aceptación da subvención a corporación local asume os seguintes compromisos:

-Reintegrar á Comunidade Autónoma, de acordo co artigo 78.10º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, a cantidade total ou parcial da axuda establecida, e dos xuros de mora devengados desde o momento do seu pagamento, para o caso de incumprimento das condicións establecidas na resolución de concesión.

-Facilitarlle, se fose o caso, toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, polo Tribunal de Contas e polo Consello de Contas de Galicia, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas obxecto desta orde.

-Comunicarlle á Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda, se fose o caso, as alteracións das condicións tidas en conta para a concesión da axuda obxecto desta orde e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións, entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais para os efectos de propoñer, se procedese, a modificación das condicións establecidas na resolución de concesión da axuda.

-Asumir, pola súa consideración de beneficiario segundo o artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia todas as obrigas que, para isto, establece o citado artigo.

Para proceder ao aboamento das achegas parciais, a entidade beneficiaria deberá xustificar ante a Dirección Xeral de Urbanismo a realización da correspondente fase dos traballos e demais requisitos establecidos nesta orde.

Para tal efecto, o concello deberá presentar certificación detallada, expedida polo director do traballo, nomeado polo concello entre o seu persoal técnico para estes efectos, relativa ao cumprimento da fase, dos pregos de prescricións do contrato subscrito e o pagamento proporcional que lle corresponde ao concello con respecto á fase citada. Esta certificación, se fose o caso, tamén incluirá a xustificación de ter realizado o pagamento, ao adxudicatario do contrato, do total da axuda recibida para a fase anterior.

Así mesmo, en cada fase, a entidade beneficiaria deberá achegar á Dirección Xeral de Urbanismo copia en soporte dixital dos traballos efectuados.

3. O pagamento da axuda efectuarase conforme o programa de execución por fases establecido nos documentos contractuais que o concello teña asinados para a redacción da correspondente figura de planeamento.

Para os efectos do establecido no artigo 16 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, o importe que se poida satisfacer ao concello en concepto de pagamentos parciais non poderá superar o 80% da axuda concedida.

Coa solicitude de aboamento do derradeiro pagamento achegarase certificación do conxunto das axudas concorrentes obtidas efectivamente para o financiamento do obxecto da axuda. Se da correspondente comprobación se derivasen ingresos superiores ao 100% do custo, o concello deberá reintegrarlle á comunidade autónoma, por aplicación do disposto no artigo 37.3º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións, o exceso obtido e os xuros correspondentes.

4. A Dirección Xeral de Urbanismo poderá supervisar a execución dos traballos, co obxecto de comprobar o cumprimento dos requisitos establecidos. Para tal fin o concello deberá comunicar o nomeamento do director dos traballos, co fin de que as unidades administrativas dependentes da consellería teñan acceso á información necesaria durante o desenvolvemento das distintas fases.

Disposicións adicionais

Primeira.

1. De xeito excepcional, as entidades locais beneficiarias de axudas concedidas ao abeiro de ordes precedentes que quedasen sen efecto, de acordo co establecido nelas, poderán solicitar, ao abeiro desta orde, unha nova axuda polo importe correspondente ás fases non xustificadas das citadas axudas, así como, se é o caso, o custo da adaptación do instrumento de planeamento en tramitación á Lei 9/2002, do 30 de decembro e á Lei 15/2004, de modificación da Lei 9/2002, de ordenación urbanística e protección do medio rural de Galicia, sempre que teñan presentado na Consellería de Política Territorial, Obras Públicas e Vivenda o documento para informe previo á aprobación inicial adaptado á lexislación en vigor. Neste caso, deberá xuntarse un cronograma de execución dos traballos que reflicta de xeito inequívoco, as fases e prazos de execución pendentes de cubrir.

2. Neste caso, a documentación achegada polo concello ao expediente orixinado pola subvención que quedou sen efecto, quedará incorporada ao novo expediente.

3. As axudas concedidas ao abeiro desta disposición rexeranse polo disposto nesta orde.

Segunda.

A Dirección Xeral de Urbanismo poderá realizar, durante o prazo de vixencia da orde, as readaptacións das anualidades orzamentarias, que razoadamente considere oportunas, en función do cumprimento dos prazos inicialmente establecidos na resolución de adxudicación. A readaptación non poderá modificar

o importe total da subvención, nin o seu réxime xurídico, nin no seu conxunto, as porcentaxes que, sobre investimento plurianual, establece o artigo 3 da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, que modifica o punto 3º do artigo 58, do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro. Destes actos darase conta ás entidades locais afectadas.

Terceira.

Pola natureza das actuacións subvencionables e, de acordo co punto 2º do artigo 13 da Lei 38/2003,

do 17 de novembro, xeral de subvencións e o artigo 41 da Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da comunidade autónoma para 2005, as entidades locais quedan exentas de presentar a acreditación de atoparse ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias estatais, autonómicas e da Seguridade Social, así como de non ter pendente de pagamento ningunha outra débeda coa Administración Pública da Comunidade Autónoma.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2005.

Alberto Núñez Feijoo

Vicepresidente primeiro e conselleiro de Política

Territorial, Obras Públicas e Vivenda