DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2005 Páx. 4.900

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

RESOLUCIÓN do 23 de febreiro de 2005, da Dirección Xeral de Relacións Laborais, pola que se dispón o rexistro, o depósito e a publicación, no Diario Oficial de Galicia, do convenio colectivo da empresa Editorial Compostela, S.A.

Visto o texto do convenio colectivo de ámbito autonómico da empresa Editorial Compostela, S.A., que se subscribiu con data do 7 de febreiro de 2005, entre a representación da empresa e os representantes dos traballadores, e de conformidade co disposto no artigo 90.2º e 3º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores, e no Real decreto 1040/1981, do 22 de maio, sobre rexistro e depósito

de convenios colectivos de traballo, a Dirección Xeral de Relacións Laborais

ACORDA:

Primeiro.-Ordenar a inscrición do devandito convenio colectivo no rexistro xeral de convenios desta dirección xeral.

Segundo.-Remitir o texto orixinal ao correspondente servizo deste centro directivo.

Terceiro.-Dispoñer a súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 23 de febreiro de 2005.

Antonio de la Hera Roldán

Director xeral de Relacións Laborais

Convenio colectivo de Editorial Compostela, S.A.

Anos 2004-2005

Capítulo I

Disposicións preliminares

Sección primeira

Ámbito do convenio

Artigo 1º.-Ámbito de aplicación.

Este convenio é de aplicación en todos os centros de traballo de Editorial Compostela, S.A. actualmente existentes e naqueles que durante a vixencia deste convenio puidesen establecerse.

Artigo 2º.-Ámbito funcional e persoal.

Este convenio é de obrigatoria aplicación a todo o persoal da empresa Editorial Compostela, S.A.

Sección segunda

Vixencia e prórroga

Artigo 3º.-Vixencia.

Este convenio colectivo páctase por unha duración de dous anos e entrará en vigor para todos os seus efectos o 1 de xaneiro de 2004, con independencia da data da súa publicación no DOG, rematando a súa vixencia o 31 de decembro de 2005.

Artigo 4º.-Denuncia e prórroga.

O convenio poderá ser denunciado por calquera das partes cunha antelación mínima de dous meses á súa finalización.

En caso de non ser denunciado en tempo e forma, entenderase prorrogado tacitamente por anualidades ata a conclusión da negociación dun novo convenio.

Unha vez producida a denuncia, manterá a súa vixencia o contido íntegro deste convenio ata a sinatura dun novo.

Sección terceira

Organización do traballo, peche do xornal e concorrencia

Artigo 5º.-Organización do traballo.

Na organización do traballo, que é competencia exclusiva da empresa, teranse en conta os informes da representación legal dos traballadores. Cando non se chegue a un acordo entre as partes, as modificacións pretendidas deberán ser aprobadas pola autoridade laboral.

Terán a consideración de modificacións substanciais de traballo as que afecten as seguintes materias:

* Xornada de traballo.

* Horario.

* Réxime de traballo.

* Sistema de remuneración.

* Sistema de traballo a rendemento.

Artigo 6º.-Peche do xornal.

Tendo en conta que constitúe obxectivo esencial en toda empresa xornalística facerlles chegar aos seus lectores os seus produtos co máximo de información e a unha hora idónea, faise necesario fixar esta meta como punto primordial de referencia para a organización dos seus ciclos de produción.

Consecuentemente, convense que o horario de peche do xornal e comezo da tiraxe da primeira edición será o fixado pola empresa en cada caso, oído o comité de empresa segundo as necesidades, en atención aos obxectivos expostos. O comezo das restantes edicións levarase a cabo sen outras interrupcións, respecto da fin de tiraxe da precedente, que as normais orixinadas polo cambio de pranchas da rotativa.

Os xefes e mandos intermedios dos distintos departamentos e seccións coordinarán os traballos dos diferentes grupos ao seu cargo e establecerán entre si os contactos que consideren necesarios para tal fin, sendo responsables dos atrasos indebidos que se orixinen por defecto ou falta da mencionada coordinación, ou polo non exercicio das súas competencias ou cometidos específicos.

Artigo 7º.-Concorrencia.

Os métodos de produción e as informacións de todo tipo que afecten o proceso industrial, informativo ou administrativo da empresa, son datos exclusivos desta, que non deben ser citados ou divulgados a terceiros. Por conseguinte, sen prexuízo do obrigado cumprimento do que antecede, os empregados non poderán colaborar con outros medios, axencias ou empresas cuxas actividades sexan concorrentes ou competitivas coas propias de Editorial Compostela, S.A., de non mediar autorización escrita desta. Non obstante, respectaranse nas súas mesmas condicións os acordos verbais existentes con anterioridade á sinatura deste convenio.

Capítulo II

Melloras de carácter salarial

Sección primeira

Do salario base

Artigo 8º.-Retribucións.

Os salarios base do persoal afectado por este convenio, son os que se reflicten na táboa do anexo.

Páctase expresamente un incremento salarial do 3% para o ano 2004 e do 2,50% para o ano 2005, revisable en función do disposto no artigo 32 deste convenio.

O incremento resultante repartirase de forma lineal entre todos os traballadores, quedando establecido para o ano 2004 na cantidade de 40,75 euros por traballador a xornada completa e mes, importe que se incrementará no punto de complemento de convenio.

Sección segunda

Dos complementos persoais

Artigo 9º.-Complemento de distancia e transporte urbano.

Este complemento de carácter persoal, desfrutado por todos os traballadores de Editorial Compostela S.A., desaparece neste convenio integrándose o seu importe no punto complemento de convenio.

Artigo 10º.-Complemento de antigüidade.

Por este concepto percibiranse aumentos nos haberes por ano de servizo na empresa, excluído o período de aspirantado, aprendizaxe e mozo dos recados, consistentes en dous trienios do 5% e quinquenios sucesivos do 5%, calculado sobre o salario base correspondente a cada categoría. Estes incrementos comezarán a devengarse a partir do día primeiro do mes seguinte ao que se produza este feito.

Artigo 11º.-Xubilacións anticipadas.

Os traballadores que de mutuo acordo coa empresa se xubilen antes da idade regulamentaria (65 anos), negociarán coa mesma calquera tipo de compensación económica que individualmente resulte do pacto entre ambas as partes. Este pacto deberá ser recollido por escrito.

Artigo 12º.-Compensación por enfermidade.

O traballador que se encontre en situación de baixa por ILT será compensado pola empresa mentres permaneza de baixa, a partir do primeiro día desta, cunha cantidade que, sumada á prestación da Seguridade Social polo dito concepto, alcance o 100% do seu salario mensual fixo e continuo.

Artigo 13º.-Títulos.

Os xornalistas percibirán unha asignación mensual de 50 euros, denominada complemento de artigo 48º.

Artigo 14º.-Complemento de libre disposición.

O soldo base dos subdirectores, redactores-xefe, xefes de sección e redactores que presten servizos en réxime de libre disposición incrementarase nun 35%, como mínimo, do sinalado na táboa.

Sección terceira

Dos complementos de posto de traballo

Artigo 15º.-Complemento de nocturnidade.

Considérase traballo nocturno o que se realiza entre as 22.00 e as 6.00 horas. O traballo comprendido neste período retribuirase cun incremento do salario base correspondente á xornada completa equivalente ao 25% deste, cando polo menos 4 horas se efectúen en tal período, sendo para os inferiores a esta duración, retribuído á pro rata do salario base diario.

Artigo 16º.-Complemento de rúa.

Os redactores que en cómputo mensual desenvolvan polo menos a metade da súa xornada nas tarefas profesionais denominadas de rúa, percibirán por tal concepto un complemento de 40 euros mensuais, que se rateará na proporción correspondente para aqueles cuxa duración nas devanditas funcións sexa inferior. Este complemento non é computable para efectos de pagas e horas extraordinarias e non se percibirá en caso de enfermidade, accidente ou xubilación.

Artigo 17º.-Complemento de repartición penosa.

Todas as persoas pertencentes á sección de repartición recibirán unha cantidade lineal de 30 euros mensuais, en concepto de repartición penosa.

Artigo 18º.-Complementos.

Dentro deste punto, irán incluídos os distintos incentivos á produción de carácter mensual e variable que en cada momento se estableza. Este complemento non intervirá para efectos de cómputo de pagas extraordinarias.

Artigo 19º.-Horas extraordinarias.

Dadas as especiais características da produción da industria de prensa, poderán realizarse horas extraordinarias durante o período comprendido entre as 10.00 da noite e as 6.00 da mañá.

Sección cuarta

Dos complementos de vencemento periódico superior a un mes

Artigo 20º.-Pagas extraordinarias.

Os traballadores afectados por este convenio recibirán 4 gratificacións extraordinarias ao ano, nas datas e contías seguintes:

* 15 de marzo: retribuirase de acordo co establecido no artigo 65 da Ordenanza laboral de traballo na prensa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

* 15 de xullo: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento, segundo o disposto no último punto deste artigo.

* 15 de outubro: o importe será o equivalente a unha paga extra normal, co límite máximo de 800 euros para o ano 2004. Para aqueles traballadores cuxa xornada de traballo sexa inferior á normal, aplicarase a parte proporcional do devandito límite.

* 15 de decembro: retribuirase a razón dun salario dunha mensualidade completa, salvo os conceptos expresamente excluídos deste complemento.

Para efectos de confección das pagas de 15 de marzo, 15 de xullo e 15 de decembro só se computarán os seguintes conceptos: salario base, complemento convenio, antigüidade, nocturnidade, títulos e complemento de libre disposición.

O traballador que ingrese ou cese no transcurso do ano percibirá a parte proporcional que corresponde ao tempo da súa permanencia na empresa, en cómputo anual.

Capítulo III

Melloras sociais

Artigo 21º.-Premio de permanencia.

Todos os traballadores percibirán por este concepto unha paga equivalente ao salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio. Percibirase ao cumprir os 20, 30, 40 e 50 anos de permanencia ininterrompida na empresa. O importe deste premio calcularase conforme o disposto no último punto do artigo 20º.

Artigo 22º.-Premio de natalidade.

Establécese un premio de natalidade na contía de 200 euros por cada fillo, debendo acreditarse tal circunstancia documentalmente ante a empresa, no suposto de que o pai e a nai do nacido traballasen nesta empresa, ambos terán dereito a este premio.

Artigo 23º.-Premio de nupcialidade.

Durante a vixencia deste convenio, os traballadores que contraian matrimonio percibirán por este concepto a cantidade de 300 euros, logo de xustificación documentada.

Artigo 24º.-Premio xubilación.

O traballador que estando ao servizo da empresa se xubile con dereito a prestación económica por tal concepto da Seguridade Social, percibirá en concepto de premio e por unha soa vez a cantidade equivalente ao salario dunha mensualidade, salvo os conceptos expresamente excluídos deste premio, que se lle fará efectiva de acordo co establecido na lexislación vixente.

Artigo 25º.-Póliza de seguros.

A empresa contratará unha póliza de seguro colectivo de vida e accidente, co fin de garantirlle un capital para caso de morte ou invalidez absoluta a cada un dos compoñentes do colectivo asegurado, sempre que pertenza ao cadro de persoal da empresa en activo, e os riscos sexan ou fosen en cada caso aceptados pola compañía de seguros. Esta póliza entrará en vigor aos cinco días da sinatura deste convenio.

Os capitais asegurados son os seguintes:

En caso de morte natural e invalidez absoluta por causa natural: 6.000 euros.

En caso de morte por accidente e invalidez absoluta por accidente: 12.000 euros.

Para estes efectos, enténdese por invalidez absoluta a situación física irreversible provocada por causas naturais e accidentes orixinados independentemente da vontade do asegurado, determinante da total ineptitude deste para o mantemento permanente de calquera relación laboral ou actividade profesional.

Capítulo IV

Outras percepcións

Artigo 26º.-Axudas de custo e quilometraxe.

Os traballadores que, dentro do territorio nacional e por necesidades da empresa, teñan que efectuar viaxes ou desprazamentos a localidades distintas a aquelas en que estea o seu centro de traballo, percibirán as seguintes cantidades:

Media axuda de custo: 26,14 euros/día.

Axuda de custo completa: 52,29 euros/día (se non se pernoita).

Se se pernoita fóra da casa, a empresa cubrirá os gastos de estancia nun hotel de 3 estrelas, logo de exhibir a correspondente factura.

No suposto de que o traballador, por razóns do seu cometido profesional, teña que desprazarse fóra do territorio nacional, as axudas de custo satisfaranse a razón dos gastos que se lle orixinen, de acordo cos

criterios establecidos pola empresa, debendo ser, en calquera caso, xustificados documentalmente:

Así mesmo, aboarase a quilometraxe a razón de 0,17 euros/quilómetro.

Capítulo V

Xornada, vacacións e rendemento

Artigo 27º.-Xornada anual.

Establécese a xornada laboral anual para os anos de vixencia deste convenio en 1.632 horas de traballo efectivo.

Artigo 28º.-Vacacións.

Todo o persoal ao servizo da empresa desfrutará dun período de vacacións de 31 días naturais.

Dadas as especiais características da empresa, poderase traballar aquelas festividades que no correspondente calendario laboral figuren como aboables e non recuperables, compensándose este traballo mediante 21 días de vacacións, ou parte proporcional se non traballasen todas as festividades.

Para efectos de posibles reclamacións por parte dos traballadores en canto á adxudicación dos respectivos períodos de vacacións, a empresa exporá no taboleiro de anuncios, ao menos cun mes de antelación ao desfrute, as distintas quendas mensuais.

Se durante o desfrute de vacacións o traballador sofre algunha enfermidade ou accidente non laboral, estas quedarán interrompidas sempre que medie baixa da Seguridade Social, e se xustifique esta cun prazo, salvo forza maior, de 72 horas, podendo o traballador afectado continuar as vacacións ata completar o período que lle corresponda a partir da data de alta, ou ben, de común acordo co empresario, nas datas que fixen ambas as partes.

Por outro lado, os traballadores que desfruten as súas vacacións no período comprendido entre o 1 de outubro e o 1 de maio recibirán en compensación unha bolsa de vacacións de 45 euros dunha soa vez.

Artigo 28º.-Permisos e licenzas.

O traballador, logo de aviso e xustificación, poderá ausentarse do traballo con dereito a remuneración por algún dos motivos e polo tempo seguinte:

* 15 días naturais en caso de matrimonio.

* 4 días naturais en casos de nacemento dun fillo, enfermidade grave ou falecemento de parentes ata segundo grao de consanguinidade ou afinidade. Este permiso é máximo, independentemente de que o traballador afectado teña que desprazarse.

* 2 días por traslado de domicilio habitual.

* Polo tempo indispensable para o cumprimento dun deber inescusable de carácter público ou persoal. Cando conste nunha norma legal ou convencional un período determinado, observarase o que esta dispoña en canto á duración da ausencia e á súa compensación económica.

* Cando o cumprimento do deber antes referido supoña a imposibilidade da prestación do traballo debido en máis do 20% das horas laborais nun período

de tres meses, poderá a empresa pasar ao traballador afectado á situación de excedencia regulada no punto un do artigo 46 do Estatuto dos traballadores.

* No suposto de que o traballador, por cumprimento do deber ou desempeño do cargo, perciba unha indemnización, descontarase o importe desta do salario a que tivese dereito na empresa.

* Para realizar funcións sindicais ou de representación do persoal nos termos establecidos legal ou convencionalmente.

Artigo 29º.-Cómputo de rendementos.

O rendemento normal de cada produtor do artigo anterior será o que normalmente e no mesmo tempo realiza outro traballador da mesma sección e igual categoría profesional, cando non haxa de comparación propio, pois, de ser coñecido o rendemento normal propio anterior, deberase observar este.

Os rendementos normais das seccións que se indican non poderán ser inferiores aos que a continuación se expresan:

1. Persoal de fotocomposición: o persoal integrado na empresa con anterioridade ao 1 de xaneiro de 1984 dará unha produción debidamente corrixida non inferior a 12.000 pulsacións home/hora con orixinal bo. O persoal ingresado con posterioridade á citada data dará unha produción non inferior a 15.000 pulsacións, tamén computada individualmente, con orixinal bo.

2. Montadores: corenta minutos por páxina, de media.

3. Persoal de fotomecánica: doce minutos por páxina.

4. Correctores: vinte liñas por minuto, con orixinal bo.

Para o non especificado expresamente neste artigo, observarase o disposto nos manuais de estilo das respectivas seccións, os cales serán de obrigado cumprimento.

Capítulo VI

Outras cuestións

Artigo 30º.-Contratos temporais.

De todos os contratos temporais, sexa cal fose a súa modalidade, a empresa facilitaralle información ao comité, indicando tanto a cantidade dos contratos como os motivos que a levasen a realizalos.

Se o pedise o traballador, a sinatura do contrato realizarase en presenza do comité de empresa. Facilitaráselles copia do contrato ao traballador e ao comité.

O salario dos traballadores con contrato temporal será o correspondente ao que figure no convenio para a súa categoría profesional.

Artigo 31º.-Contratos eventuais por circunstancias da produción.

A teor de o disposto no artigo 15 b) do texto refundido do Estatuto dos traballadores e o Real decreto 2546/1994, do 29 de decembro (RCL 1995, 226)

ambos os dous vixentes, este contrato ten por obxecto atender exixencias circunstanciais do mercado, acumulación de tarefas ou exceso de pedidos, aínda tratándose da actividade normal da empresa.

Formalización de contrato: formalizarase por escrito consignándose con suficiente precisión e claridade a causa e circunstancia que o motive, rexistrándose no Instituto Nacional de Emprego.

Duración e prórroga: a duración destes contratos non poderá ser inferior a sete días nin superior a doce meses, dentro dun período de dezaoito meses, contados a partir do momento en que se produzan as causas ou circunstancias que os motivaron.

En caso de que se concerte o contrato por un prazo inferior aos doce meses, poderá ser prorrogado mediante acordo das partes, sen que a duración total do contrato poida exceder do devandito límite máximo. As prórrogas terán unha duración mínima de quince días. A duración mínima do contrato e das súas prórrogas axustaranse ao disposto anteriormente, salvo que exista pacto en contrario.

Artigo 32º.-Revisión salarial.

Non existirá revisión salarial para o ano 2004, quedando pactado, de forma definitiva, no 3%. Se o IPC do ano 2004 é superior ao 2,50%, a subida para o ano 2005 calcularase da seguinte forma:

Escollerase o maior dos tres IPC de referencia no ano 2004 (provincial da Coruña, autonómico de Galicia e estatal de España), redondeándose ao cuarto de punto superior.

Artigo 33º.-Liquidacións.

Todo traballador poderá solicitar a presenza do comité de empresa co obxecto de recibir o asesoramento que estime oportuno antes de proceder á sinatura do recibo de liquidación.

Artigo 34º.-Comisión paritaria.

A comisión paritaria será un órgano de interpretación, arbitraxe e vixilancia do cumprimento do convenio colectivo. As súas funcións serán as seguintes:

1. Interpretación xeral do convenio.

2. Coñecemento, arbitraxe e resolución dos conflitos, problemas ou cuestións que lle sexan sometidas por ambas as partes en asuntos derivados deste convenio colectivo.

3. Vixilancia do cumprimento do pactado.

As resolucións ou acordos adoptados por unanimidade terán carácter vinculante.

Artigo 35º.-Promoción interna.

Os traballadores fixos da empresa terán preferencia en igualdade de condicións a cubrir as vacantes ou postos de nova creación. Da existencia das ditas vacantes darase coñecemento con 15 días de antelación. Para tal efecto crearase un órgano cualificador que contará coa participación dos representantes do comité de empresa ou persoal que designe.

Artigo 36º.-Dereitos laborais básicos.

Recoñécese expresamente o dereito dos traballadores de Editorial Compostela S.A., á non discriminación laboral por razóns de sexo, estado civil, raza, condición social, ideas relixiosas ou políticas, afiliación ou non a un sindicato, así como por razón de lingua, discapacidades ou minusvalías físicas, psíquicas ou sensoriais.

Artigo 37º.-Dereitos sindicais.

Os traballadores afiliados a un sindicato poderán no ámbito da empresa:

* Constituír seccións sindicais de conformidade co establecido nos estatutos do sindicato.

* Celebrar reunións logo de autorización do empresario, recadar cotas e distribuír información sindical, sen que por isto se perturbe a actividade normal da empresa.

* Recibir información que lle remita o sindicato.

As seccións sindicais terán os seguintes dereitos:

* Disposición dun taboleiro de anuncios situado nun lugar visible de fácil acceso para os traballadores no centro de traballo.

* A 12.00 horas anuais retribuídas para realizar asembleas.

* As seccións sindicais estarán representadas, para todos os efectos, por un delegado sindical elixido por e entre os seus afiliados.

* A un local adecuado onde poidan realizar os seus labores sindicais.

Artigo 38º.-Comité de empresa.

O comité de empresa estará constituído polos delegados de taller, administración e redacción. Recoñécenselle, sen prexuízo dos contidos na lei, os seguintes dereitos:

1. Recibir información pola dirección da empresa e trimestralmente, sobre a evolución xeral do sector económico ao que pertence a empresa, evolución do negocio, situación da produción e evolución do emprego na empresa.

2. Coñecer e ter anualmente á súa disposición:

* O balance de contas de resultados.

* As memorias e cantos documentos se dean a coñecer aos socios.

3. Logo de xustificación de gastos, a empresa dotará o comité de empresa dun fondo de 750 euros ao ano para levar a cabo as funcións que lle son propias.

Cada delegado do comité de empresa terá dereito ás horas mensuais que lle correspondan legalmente para o exercicio dos seus labores sindicais.

Artigo 39º.-Protección de datos de carácter persoal.

Toda persoa vinculada á empresa por relación laboral ou contractual de calquera índole, e que no desenvolvemento das súas funcións interveña en calquera

fase do tratamento dos datos de carácter persoal incluídos nos ficheiros pertencentes á empresa, queda obrigada, en cumprimento da normativa vixente en materia de protección de datos, a gardar segredo profesional respecto destes, a non reproducilos por ningún medio ni utilizalos con fins persoais ou distintos dos que son obxecto do desempeño das súas funcións na empresa. Estas obrigas subsistirán aínda despois de finalizar as súas relacións contractuais coa empresa.

Cláusula adicional.

En todo o non establecido neste convenio observarase o disposto nas leis vixentes en cada momento e, en especial, no Estatuto dos traballadores.

ANEXO

Táboa de retribucións para o exercicio 2004

Persoal técnicoSalario baseComplemento convenio

Técnico titulado de grao superior1.142455

Técnico titulado de grao medio854455

Técnico non titulado713455

Persoal de redacción

Subdirector1.142455

Redactor xefe998455

Xefe sección854455

Xefe área713455

Redactor596455

Documentalista536455

Auxiliar de redacción475455

Persoal administrativo

Xefe de sección713455

Xefe de negociado596455

Oficial primeira475455

Oficial segunda457455

Auxiliar de administración424455

Servizos auxiliares

Telefonista424455

Conserxe424455

Persoal de talleres

Rexente617455

Subrexente596455

Xefe de sección526455

Corrector493455

Oficial primeira475455

Oficial segunda457455

Oficial terceira437455

Peón406455

Aprendiz389455

Distribución e peche

Xefe de sección (distribución)596455

Distribuidor406455

Repartidor (media xornada)238227

Xefe de sección (peche)526455

Repartidor-atador424455

Empaquetador-manipulador424455

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA