DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2005 Páx. 4.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

ORDE do 16 de marzo de 2005 pola que se fixa o importe dos anticipos da prima especial ao bovino macho solicitada no ano 2004.

O procedemento para a solicitude, tramitación e concesión da prima especial a produtores de carne de vacún, solicitada no ano 2004, que se poderá aboar ata o 30 de xuño de 2005, vén recollido na Orde do 23 de decembro de 2003 (DOG nº 253, do 31 de decembro), pola que se regula a solicitude única, no ano 2004, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras, establecéndose no artigo 33 a posibilidade de redución do número de animais con dereito a prima por superación dos límites máximos anuais.

Pola súa banda, o artigo 54.1º d) da dita orde prevía o aboamento dun anticipo polo 60% do montante da axuda por vaca nutriz, prima especial e primas por sacrificio, de acordo coa norma básica estatal en vigor para as axudas solicitadas no ano

2004 (Real decreto 138/2002, do 1 de febreiro, sobre determinadas axudas comunitarias no sector da carne de vacún).

Non obstante, co fin de evitar que o anticipo resultase superior ao importe total da prima a percibir polo produtor, a Orde APA/359/2005, do 15 de febreiro (BOE nº 45, do 22 de febreiro) establece unha porcentaxe de anticipo inferior ao 60% para a prima especial solicitada no 2004, polo que cómpre, de acordo coa dita norma básica estatal, adecuar a Orde do 23 de decembro de 2003.

En consecuencia, de acordo co disposto no artigo 30.I.3 do Estatuto de autonomía de Galicia e no uso das facultades que me confire a Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente, e no Decreto 50/2002, do 14 de febreiro,

DISPOÑO:

Artigo único.-O importe para os anticipos da prima especial a productores de carne de vacún solicitada no ano 2004, ao abeiro do previsto na Orde do 23 de decembro de 2003, pola que se regula a solicitude única, no ano 2004, de axudas a superficies, animais e indemnización compensatoria, así como a solicitude doutras primas gandeiras, representará o 45% do montante da axuda.

Disposición derradeira

Única.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2005.

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural