DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2005 Páx. 4.899

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E DESENVOLVEMENTO RURAL

DECRETO 49/2005, do 4 de marzo, polo que se acorda a cesión en propiedade, a título gratuíto, do predio 270, da zona de concentración parcelaria de Santiago de Novefontes (Touro-A Coruña).

O artigo 31.3º da Lei 12/2001, do 10 de setembro, de modificación da de concentración parcelaria para Galicia, sinala que a consellería competente en materia de agricultura está autorizada a exercer as funcións dominicais sobre o fondo de terras segundo o establecido na lexislación patrimonial, sen prexuízo do informe previo da Consellería de Economía e Facenda para os actos de disposición sobre bens inmobles.

O concello de Touro solicitou a cesión en propiedade dun inmoble situado no seu termo municipal, o predio sobrante nº 270 da zona de concentración parcelaria de Santiago de Novefontes (Touro), que pertence á Comunidade Autónoma de Galicia en virtude do disposto no artigo 31 da Lei 10/1985, de concentración parcelaria para Galicia.

Por orde da Consellería de Política Agroalimenteria e Desenvolvemento Rural do 28 de outubro de 2004 (Diario Oficial de Galicia nº 231, do 26 de novembro) declarouse a alleabilidade do antedito inmoble.

A Secretaría Xeral da Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural tramitou o expediente de cesión de acordo co previsto nos artigos 83 e seguintes do regulamento que desenvolve a Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma de Galicia.

Por todo o exposto, de conformidade coa proposta do conselleiro de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural e logo da deliberación do Consello da Xunta de Galicia, na súa reunión do día catro de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo 1º.

Acórdase a cesión en propiedade, a título gratuíto, a favor do concello de Touro do seguinte ben inmoble:

1. Predio nº 270 da zona de concentración parcelaria de Santiago de Novefontes, concello de Touro, que ten unha superficie de 1.655 m, que estrema: norte, Luis Couto Otero (268); sur, camiño; leste, camiño, e oeste, camiño que separa da igrexa católica (271). Inscrito no Rexistro da Propiedade de Arzúa no tomo 649, libro 92, folio 184, predio nº 18.038.

Artigo 2º.

A cesión en propiedade relacionada no artigo anterior queda sometida ás seguintes cláusulas:

a) O fin da cesión será a adicación do predio nº 270 a cemiterio e o sobrante a servizos de interese sociocultural.

b) Se o ben cedido non se aplicase ao fin sinalado dentro do prazo dun ano, contado desde o outorgamento da respectiva escritura pública, ou deixase de estalo con posterioridade, se descoidasen ou utilizasen con grave quebranto, ou se incumplisen as condicións do acordo, consideraranse resoltas as cesións e os bens reverterán á Comunidade Autónoma de Galicia, de conformidade co disposto no artigo 87 do Regulamento da Lei 3/1985, do 12 de abril, do patrimonio da Comunidade Autónoma galega.

c) A cesión formalizaranse mediante escritura pública, debendo constar nela os acordos de cesión e as aceptacións do cesionario, sendo os custos de outorgamento de conta do cesionario, así como os impostos derivados da transmisión, incluído se o houbese o de incremento de valor de terreos.

Disposición derradeira

A Consellería de Política Agroalimentaria e Desenvolvemento Rural, a través da secretaría xeral, realizará os trámites necesarios para a efectividade de canto se dispón no presente decreto.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

José Antonio Santiso Miramontes

Conselleiro de Política Agroalimentaria

e Desenvolvemento Rural