DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2005 Páx. 4.896

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas de desprazamento para a realización de prácticas de campo recoñecidas nos plans de estudos correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas universidades galegas.

O Estatuto de autonomía de Galicia no seu artigo 31 establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto e solicitude.

Convócanse axudas de desprazamento para a realización de prácticas de campo recoñecidas nos plans de estudos correspondentes ás titulacións autorizadas pola Xunta de Galicia nas tres universidades galegas para o curso académico 2004/2005.

Poderán solicitar estas axudas os responsables das universidades, decanos ou directores de centros universitarios das tres universidades galegas (A Coruña, Santiago de Compostela e Vigo) que teñan recollidas nos plans de estudos das titulacións autorizadas e impartidas no seu centro, como mínimo, un 20% de horas prácticas de campo para realizaren os alumnos.

En ningún caso se poderá admitir máis dunha solicitude por titulación e por universidade.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.441.0 dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, cunha contía máxima de 35.991 A.

Artigo 3º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo ED425A que se publica como anexo á esta orde, asinada polos responsables das universidades, decanos ou directores dos centros universitarios correspondentes, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades, Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela) ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999, (BOE do 14 de xaneiro) para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contados a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 4º.-Documentación.

As solicitudes deberán ir acompañadas da seguinte documentación:

a) Memoria breve, cun máximo de dous folios, en que se indique que os plans de estudos das titulacións que solicitan teñen como mínimo un 20% de horas prácticas de campo, o tipo de prácticas que se van realizar no centro, a súa importancia na formación dos alumnos, o lugar onde se realizarán e unha estimación dos quilómetros que se van realizar e dos custos para os cales se solicita a axuda, así como a especificación do período de tempo (inicio e remate) de realización das prácticas.

b) Declaración xurada do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para este fin das distintas administracións públicas competentes coa cal se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria, exporanse as listas provisorias das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e nas vicerreitorías de Estudantes das tres universidades galegas, sinalando, se é o caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, www.edu.xunta.es.

As listas provisorias estarán expostas do 24 de maio ao 2 de xuño deste ano. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades, presentando, no seu caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión. considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 6º.-Selección e contía.

A selección farase en función do interese das prácticas e a distancia quilométrica desde o centro universitario

ata o lugar da súa realización, atendendo aos seguintes criterios:

CriteriosContía máxima

-Interese das prácticas (importancia na formación dos alumnos, lugar onde se realizan, inicio, remate e custos).300 euros

Distancia quilométrica:-0 a 500 km-501 a 1.500 km-1.501 a 5.000 km-Máis de 5.000 km

Estranxeiro, agás Francia e Portugal

200 euros

500 euros

700 euros

800 euros

1.653 euros

A contía das axudas será repartida en subvencións individualizadas por centros para cada titulación que se solicite, non podendo superar en ningún caso cada subvención individualizada o teito de 1.953 A.

Artigo 7º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

-Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

-Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevaralle, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpor recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Pagamento.

Para os efectos de pagamento o solicitante, decano ou director do centro universitario, asumirá as obrigas recollidas na vixente Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para as entidades colaboradoras, que se materializará na sinatura do correspondente convenio, no cal se regularán as condicións e as obrigas asumidas por estas, así como as que figuran no artigo 15 do Decreto 287/2000. Deberá entregar antes do 10 de outubro de 2005 a seguinte documentación:

Unha certificación do cumprimento das actividades obxecto de concesión, quedando a documentación xustificativa no centro universitario á disposición da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

Declaración xurada complementaria do conxunto das axudas solicitadas para a mesma finalidade, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG nº 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Quinta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións, e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor ao día seguinte da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL