DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2005 Páx. 4.892

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas a asociacións de estudantes universitarios, legalmente constituídas, das universidades galegas e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ao curso académico 2004-2005.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro, DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do sistema universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Lei orgánica 6/2001, do 21 de decembro, de universidades, no seu art. 46.2º, recoñécelles aos estudantes o dereito de asociación no ámbito universitario.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considerou conveniente estimar o asociacionismo universitario e as actividades de carácter informativo e científico dos estudantes deste nivel do ensino como un modo de potenciar o dinamismo da universidade.

En consecuencia, co fin de poñer en práctica esta tarefa, dentro das dispoñibilidades orzamentarias e tendo en conta as experiencias das convocatorias pasadas, convócase concurso público para a concesión de axudas ás asociacións estudantís universitarias de Galicia.

Estas accións son incompatibles con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas para as asociacións de estudantes legalmente constituídas das tres universidades galegas, durante o curso académico 2004/2005, para realizar algunha das seguintes accións:

a) Fomento das actividades de carácter científico, informativo, cultural, deportivo, e dos servizos de axuda e información aos estudantes en temas de ámbito académico, así como de formación e mellora das condicións de estudo.

b) Organización, asistencia a congresos científicos, certames e reunións de estudantes.

c) Fomento das actividades universitarias que faciliten información e favorezan a relación dos estudantes co mundo do traballo e co primeiro emprego.

Artigo 2º.-Orzamento.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria financiará estas axudas con cargo á partida orzamentaria 07.05.322C.480.1 dos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, por un importe de 51.777 A.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

As axudas poden ser solicitadas polas asociacións de estudantes de 1º e 2º ciclo, legalmente constituídas, das tres universidades do SUG dadas de alta no rexistro xeral de asociacións e no de cada universidade.

Artigo 4º.-Solicitudes e prazo de presentación.

1. As solicitudes, segundo o modelo ED 403A que se publica como anexo a esta orde, asinada polo presidente ou representante legal da asociación, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, dirixidas á Dirección Xeral de Universidades, Subdirección Xeral de Universidades (edificio administrativo San Caetano, s/n, 15781 Santiago de Compostela), ou ben, en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, modificada pola Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de certificala.

2. O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais, contado a partir do día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 5º.-Documentación.

Ás solicitudes deberá xuntárselles a seguinte documentación:

a) Copia do CIF da asociación.

b) Documento acreditativo de que a asociación de estudantes aparece rexistrada no rexistro da universidade como asociación de estudantes.

c) Programa de actividades deste curso co visto e prace do vicerreitor/a competente en materia de estudantes, acompañado dunha memoria en que debe incluírse xustificación, interese, obxectivos, alcance da actividade, datas de realización e orzamento detallado dos ingresos e gastos que comporta.

d) Unha declaración xurada do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para un mesmo proxecto ou actividade, perante as adminis

tracións públicas competentes ou outros entes públicos.

Artigo 6º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde de convocatoria exporanse as listas provisionais das solicitudes admitidas e excluídas nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais e das vicerreitorías de Estudantes das tres universidades galegas, sinalando, no seu caso, as causas de exclusión.

Así mesmo, estas listas tamén poderán ser consultadas na páxina web da Xunta de Galicia, Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, www.edu.xunta.es.

As listas provisionais estarán expostas do 24 de maio ao 2 de xuño deste ano. Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular as reclamacións para emendar erros e faltas de documentación ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, no seu caso, a documentación necesaria.

Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 7º.-Selección e contía.

A selección das asociacións de estudantes ás cales se lles concederá a axuda será realizada segundo o programa de actividades presentado (punto 5 c) desta orde) e sempre que estas teñan relación coas accións subliñadas no artigo 1º da convocatoria, atendendo aos seguintes criterios:

AcciónsCriteriosContía

Actividades de carácter científico, informativo, cultural, deportivo e dos servizos de axuda e información aos estudantes en temas de ámbito académico, así como de formación e mellora das condicións de estudo.Tipo de publicacións.

Adquisición de material.

Campañas varias.

Deseño de programas informáticos diversos.

Competicións deportivas.

Actividades culturais.

Mínimo: 450 A Máximo: 2.614 A

Organización ou asistencia a congresos científicos, certames e reunións de estudantes.Organización ou asistencia a congresos, reunións de estudantes, cursos, seminarios.Mínimo: 180 A Máximo: 2.614 A

Fomento das actividades universitarias que faciliten información e favorezan a relación dos estudantes co mundo do traballo e co primeiro emprego.Actividades varias que faciliten a integración no mundo laboral do estudante universitario.Mínimo: 500 A

Máximo: 2.614 A

A contía máxima que pode percibir a asociación non poderá superar a cantidade de 2.614 euros.

Artigo 8º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente: o director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario: un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 9º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevaralle, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, que o resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 10º.-Pagamento.

Para os efectos de cobramento, o presidente da asociación remitirá, antes do 10 de outubro de 2005, unha certificación do secretario ou xerente da universidade correspondente do cumprimento das actividades realizadas, de acordo co previsto no artigo 5º desta orde.

Así mesmo, a universidade como entidade colaboradora asume as obrigas recollidas na vixente Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia para as entidades colaboradoras, que se materializará na sinatura do correspondente convenio no que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por estas, así como as que figuran no artigo 15 do Decreto 287/2000.

O aboamento da axuda será realizado na conta bancaria da correspondente universidade, que procederá a ingresar a contía adxudicada á asociación beneficiaria.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Terceira.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora, teña que examinar as solicitudes, algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Cuarta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro), polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde, será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Quinta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións, e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria