DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 56 Martes, 22 de marzo de 2005 Páx. 4.886

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 14 de marzo de 2005 pola que se convocan actividades formativas de inglés e de francés para o curso 2005-2006 destinadas a profesorado que imparte docencia en niveis non universitarios e se aproban as súas bases de concesión.

No marco da Lei orgánica 1/1990, do 3 de outubro, de ordenación xeral do sistema educativo (LOXSE) e nos desenvolvementos que sobre linguas estranxeiras se regulan nos reais decretos 245/1992, do 30 de xullo, 78/1993, do 25 de febreiro e 275/1994, do 29 de xullo, que establecen os currículos da educación primaria, da educación secundaria obrigatoria e do bacharelato, respectivamente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria vén convocando, desde hai sete anos, actividades formativas para o profesorado de linguas estranxeiras, máis concretamente de inglés e de francés, co obxecto de fomentar a actualización metodolóxica e a mellora do seu nivel de competencia comunicativa en contacto directo coa cultura dos países de orixe das devanditas linguas. Máis recentemente, esta consellería, consciente da importancia da aprendizaxe destas linguas para os cidadáns da nosa Comunidade Autónoma e da preocupación que neste sentido se manifesta desde todos os ámbitos sociais, puxo en

marcha o proxecto de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria e o plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, que requiren para a súa óptima implantación dun profesorado especialista actualizado e cun alto nivel de competencia comunicativa.

O contexto europeo da nosa comunidade, plurilingüe e multicultural, esixe que todos os membros da sociedade estean en igualdade de condicións para poderen acceder e gozar das oportunidades que a Unión Europea lles ofrece no mundo laboral, persoal e de acceso á cultura a través das tecnoloxías da comunicación e da información.

A consecución destes obxectivos debe igualmente considerarse desde a perspectiva da contribución a reforzar unha cidadanía europea activa, cunha educación que invite a xente nova a asumir as súas responsabilidades a nivel supranacional e de contribución á creación dunha Unión Europea aberta a todos os países, baseada na comprensión, a cooperación, a tolerancia e a solidariedade.

Na procura destes fins, a Administración educativa galega é consciente da súa tarefa na formación permanente do profesorado e no deseño de actividades formativas que lle proporcionen a oportunidade de enriquecer os coñecementos nestas linguas, noutros sistemas educativos e no contorno cultural deles.

Baseándose na cooperación activa entre a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria e institucións e organizacións educativas estranxeiras, establécese un deseño de actividades formativas para realizar na Gran Bretaña, Francia e Irlanda, coa oferta de cursos de formación e de actividades de intercambio de profesores

que lles facilite a mellora da competencia lingüística e fomente o interese pola cultura dese país.

En consecuencia co anteriormente exposto, e en virtude das competencias que lle son atribuídas pola normativa vixente, a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

DISPÓN:

* Convocatoria.

Primeiro.-Convocar actividades de formación para o curso 2005-2006, dirixidas a profesorado que imparte docencia en niveis non universitarios, destinado actualmente e durante o vindeiro curso 2005-2006 en centros públicos dependentes desta Comunidade Autónoma.

As actividades convocadas son as seguintes:

a) Cursos de formación:

1. Un curso de inglés para 20 mestres, especialistas en inglés, que se impartirá na Universidade de Limerick (Irlanda), cunha duración de catro semanas e desenvolvido do 4 ao 29 de xullo de 2005.

2. Un curso de inglés para 20 mestres, especialistas en inglés, que se impartirá na Universidade de Limerick (Irlanda), cunha duración de catro semanas e desenvolvido do 4 ao 29 de xullo de 2005.

3. Un curso de inglés para 20 profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, especialistas en inglés, que se impartirá na Universidade de Limerick (Irlanda), cunha duración de 4 semanas e desenvolvido do 4 ao 29 de xullo de 2005. O 10% destas prazas reservarase para o profesorado do corpo de escolas oficiais de idiomas; no caso de quedaren vacantes desta reserva, as prazas serán cubertas polo resto do profesorado solicitante desta actividade.

4. Un curso de inglés para 20 profesores de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, especialistas en inglés, que se impartirá na Universidade de Limerick (Irlanda), cunha duración de 4 semanas e desenvolvido do 4 ao 29 de xullo de 2005. O 10% destas prazas reservarase para o profesorado do corpo de escolas oficiais de idiomas; no caso de quedaren vacantes desta reserva, as prazas serán cubertas polo resto do profesorado solicitante desta actividade.

5. Un curso de inglés para 20 mestres non especialistas en inglés. Non poderán participar os mestres especialistas en francés. O curso celebrarase en Limerick (Irlanda) do 4 ao 15 de xullo de 2005.

6. Un curso de inglés para 20 profesores de ensino secundario, non especialistas en inglés (15 prazas para o corpo de ensino secundario e 5 prazas para o corpo de Inspección Educativa). Non poderán participar os profesores de ensino secundario especialistas en francés. O curso celebrarase en Limerick (Irlanda) do 18 ao 29 de xullo de 2005.

Os participantes do curso 1 aloxaranse en familias da localidade de Limerick e os participantes nos cursos 2 a 6 aloxaranse na residencia universitaria sita no campus da Universidade de Limerick.

7. Un curso de francés dirixido a 20 profesores non especialistas en francés (10 prazas para o corpo de mestres, 7 prazas para o corpo de ensino secundario e 3 prazas para o corpo de Inspección Educativa). Non

poderán participar os profesores de ensino secundario e mestres especialistas en inglés. O curso celebrarase en Nantes (Francia) do 4 ao 22 de xullo de 2005. No caso de quedaren prazas vacantes nun destes corpos, acumularanse ás vacantes ofertadas para o outro corpo.

8. Un curso de francés dirixido a 20 profesores de ensino secundario especialistas en francés e de escolas oficiais de idiomas. O curso celebrarase en Nantes (Francia) do 4 ao 22 de xullo de 2005.

9. Un curso de francés dirixido a 20 profesores de ensino primario especialistas en francés. O curso celebrarase en Nantes (Francia) do 4 ao 22 de xullo de 2005.

Os participantes nos cursos de francés aloxaranse na residencia universitaria La Brunelliere.

b) Actividades de intercambio:

10. Un intercambio posto a posto para 15 profesores de francés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, cunha duración de 3 semanas, con docentes de español en Francia, desenvolvido no primeiro trimestre do curso 2005-2006.

11. Un intercambio-asistencia (jobshadow) para 5 mestres de inglés e para 10 profesores de inglés de ensino secundario e de escolas oficiais de idiomas, con docentes de español en Gran Bretaña. O intercambio terá unha duración de dúas semanas. As datas de desenvolvemento desta actividade serán acordadas polas parellas de docentes dentro do primeiro trimestre do curso 2005-2006, e comunicadas por escrito ao Servizo de Formación de Profesorado.

Segundo.-O profesorado poderá solicicitar os dous tipos de actividade: cursos e intercambios, indicando na folla de solicitude do anexo I, a súa prioridade. Nas actividades de intercambio posto a posto e de intercambio-asistencia (jobshadow), a Consellería de Educación e Ordenación Universitaria poderá reducir o número de prazas ofertadas naqueles casos en que, debido a causas de forza maior, as administracións educativas colaboradoras do país correspondente non poidan dispoñer do profesorado necesario para a formación das parellas de docentes.

* Condicións e requisitos de participación.

Terceiro.-Os solicitantes destas actividades deberán reunir os seguintes requisitos:

1. Ser profesor especialista na lingua estranxeira para a actividade que así o requira.

2. Estar en situación de servicio activo en centros dependentes da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou na Inspección Educativa na actualidade e durante o curso para o que se solicita a actividade.

3. Con carácter xeral, ter, como mínimo, tres anos de antigüidade (con data 31 de agosto de 2005) como funcionario de carreira nos corpos de primaria, de secundaria ou de ensinanzas especiais (escolas oficiais de idiomas ou de inspección educativa), segundo corresponda.

No caso do profesorado que accedeu a un corpo tendo como procedencia outro anterior, a antigüidade mínima esixida no corpo actual, como funcionario de carreira, é dun ano.

No caso do profesorado solicitante das actividades de intercambio posto a posto e intercambio-asistencia (jobshadow), a esixencia será ser funcionario en prác

ticas ou funcionario de carreira, sen mínimo de antigüidade.

4. Non estar destinado en comisión de servicios durante o período para o que se solicita a actividade de formación, é dicir, durante o curso 2005-2006.

Cuarto.-Terán preferencia na adxudicación das prazas convocadas para o profesorado de inglés e de francés:

-Os profesores que estean impartindo a lingua estranxeira correspondente durante o curso 2004-2005.

Non se verá afectado por esta cláusula o profesorado solicitante do curso de francés e curso de inglés para non especialistas.

-Os profesores que non desfrutaran de licenza por estudos.

Quinto.-Profesorado con condicións especiais de participación:

-O profesorado de linguas estranxeiras participante en proxectos de anticipación da primeira lingua estranxeira no segundo ciclo da educación infantil e no primeiro ciclo da educación primaria, autorizados pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado de linguas estranxeiras participante no plan experimental de potenciación da aprendizaxe de linguas estranxeiras nos institutos de educación secundaria, establecido pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado que atende a alumnado inmigrante de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado que participe no plan experimental de seccións europeas nun CPI ou IES.

-O profesorado de escolas oficiais de idiomas, de acordo co especificado no punto primeiro desta orde.

-O profesorado que realizou actividades de intercambio ou estadías, con alumnos, no estranxeiro, de acordo co especificado no baremo desta orde.

-O profesorado que participou nas actividades de intercambio-asistencia (jobshadow) das convocatorias organizadas por esta Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, de acordo co especificado no baremo desta orde.

Sexto.-Profesorado excluído desta convocatoria:

-O profesorado ao que se lle concedera un curso de formación destas accións formativas nas convocatorias para os cursos académicos 2003-2004 e 2004-2005.

-O profesorado que solicite por terceira vez un intercambio-asistencia en Gran Bretaña ou un intercambio en Francia.

-O profesorado que estea gozando no curso 2004-2005, ou que teña concedida para o curso 2005-2006, licenza por estudos outorgada pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria.

* Organización e características dos cursos.

Sétimo.-A organización dos cursos, do intercambio e do intercambio-asistencia (jobshadow) correspóndelle á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, quen poderá convir os servizos necesarios para levar a cabo estas actividades.

Oitavo.-A Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais, co obxecto de asegurar un mellor desenvolvemento destas actividades na súa modalidade de curso de formación, promoverá a elección dun coordinador de grupo entre as persoas seleccionadas para participaren en cada un dos cursos convocados.

As funcións do coordinador de grupo serán de enlace entre o profesorado seleccionado e o Servizo de Formación do Profesorado, por unha banda, e de enlace do profesorado seleccionado e a institución educativa que imparta o curso, pola outra.

Noveno.-Os cursos e os intercambios estarán orientados, por unha parte, á mellora do nivel de competencia lingüística e á actualización metodolóxica no ensino das linguas estranxeiras e no ensino precoz delas.

* Solicitudes de participación e prazo de presentación.

Décimo.-Os interesados nas actividades de formación que se convocan deberán presentar a súa solicitude segundo o modelo do anexo I e segundo o procedemento establecido no punto décimo segundo.

Décimo primeiro.-Á solicitude xuntaráselle a seguinte documentación:

1. Folla de servizos, debidamente cuberta, pechada o 31 de agosto de 2005.

2. Copia compulsada do título administrativo de funcionario de carreira ou, no seu defecto, do documento administrativo equivalente.

3. Certificado expedido polo secretario do centro, se é o caso, co visto e prace do seu director, no que conste que durante o curso 2004-2005 o solicitante imparte a lingua estranxeira.

4. Acreditación dos méritos académicos, profesionais ou de calquera índole que se considere conveniente alegar. Estes serán xustificados mediante os documentos que se especifican no baremo que se inclúe no anexo II desta orde.

A compulsa de documentos xustificativos de méritos, e calquera outro que o solicitante incorpore á súa instancia, poderá efectuarse nos centros de educación infantil/primaria, centros públicos integrados, centros de secundaria e escolas de ensino de réxime especial, compulsa que asinará o director ou secretario do centro, sen prexuízo de que poida realizarse nos distintos órganos administrativos acreditados para tal fin.

5. Relación numerada e asinada da documentación presentada, seguindo a orde que aparece no indicado anexo II.

6. Non serán tidos en conta nin valorados os méritos alegados e non xustificados debidamente, nin os que aleguen fóra do prazo ao que se refire a base décimo terceira desta convocatoria.

Décimo segundo.-As solicitudes, xunto coa documentación expresada anteriormente, deberán presentarse no prazo de 15 días naturais contados a partir do día seguinte á publicación desta orde no Diario Oficial de Galicia, a través do rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, das súas delegacións provinciais ou mediante calquera dos procedementos establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, sendo imprescindible que

na instancia apareza a data de recepción no organismo público correspondente. Se, en uso deste dereito, o expediente é remitido por correo, é necesario que se presente en sobre aberto para que sexa datado e selado polo funcionario de correos antes de que se proceda á súa certificación.

Décimo terceiro.-Unha vez rematada cada unha das actividades, os profesores participantes terán o prazo de 15 días, contado desde a data de remate, para remitirlle á Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais un informe da actividade realizada. As pautas para a realización do informe facilitaránselles oportunamente aos interesados.

Unha vez transcorridos tres meses desde a data de publicación da resolución definitiva, os interesados, ou os seus representantes legais, poderán retirar a documentación ante o presidente da comisión.

* Procedemento para a adxudicación das prazas.

Décimo cuarto.-A selección dos candidatos realizaraa unha comisión integrada polos seguintes membros:

-Presidente: o secretario xeral, ou persoa en quen delegue.

-Vogais: ata un máximo de catro vogais, con categoría de subdirector xeral, xefe de servizo ou membros da Inspección Educativa.

-Un funcionario da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, que actuará como secretario, con voz e sen voto.

-Os sindicatos integrantes da mesa sectorial de persoal docente non universitario poderán nomear un representante para asistir ás sesións da comisión.

-A comisión poderá solicitar a incorporación aos seus traballos de asesores especialistas, limitándose os devanditos asesores a prestaren a súa colaboración.

A comisión poderá dispoñer a constitución dunha subcomisión técnica especializada só para os efectos de colaborar na valoración dos méritos previstos nos puntos 1 e 2 do baremo do anexo II. Ás reunións desta subcomisión poderán asistir representantes das organizacións sindicais con representación na mesa sectorial de persoal docente.

Para os efectos previstos no artigo 26.2º do Decreto 144/2001, do 7 de xuño, esta comisión considérase incluída na categoría primeira.

Décimo quinto.-A comisión seleccionadora realizará unha preselección segundo a puntuación obtida conforme o baremo que figura como anexo II desta convocatoria.

1. En caso de empate entre os funcionarios, este dirimirase atendendo sucesivamente os seguintes criterios:

a) Maior puntuación no punto 1.1 do baremo.

b) Maior puntuación no punto 1.2 do baremo.

c) Maior puntuación no punto 2.2 do baremo.

A continuación, desempatará o número de rexistro persoal máis baixo e, se é o caso, ano de oposición e número de lista.

2. Finalizada a preselección, a comisión fará pública a resolución provisional, que se exporá no taboleiro de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nos edificios administrativos de San Cae

tano e nos das delegacións provinciais, así como no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (www.edu.xunta.es) na internet.

A exposición abrirá un prazo de dez días naturais para efectuar reclamacións ou renuncias á concesión das actividades perante o presidente da comisión. Transcorrido este prazo, unha vez estudadas e, se é o caso, atendidas as ditas reclamacións e renuncias, a comisión seleccionadora elevaralle a proposta definitiva ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria que resolverá a relación final dos seleccionados. A resolución definitiva publicarase no Diario Oficial de Galicia e exporase nos taboleiros de anuncios e no portal educativo da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria da Xunta de Galicia (www.edu.xunta.es) na internet.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes contado a partir do día seguinte ao da súa publicación no DOG, segundo o disposto nos artigo 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro) de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Décimo sexto.-Unha vez resolta esta convocatoria, soamente se admitirán renuncias ás actividades concedidas en casos de excepcional gravidade e libremente apreciados polo presidente da comisión. O profesorado que non participe na actividade para a que foi seleccionado perderá a súa preferencia para participar nas vindeiras tres convocatorias da actividade, agás nos casos excepcionais autorizados.

As solicitudes consideraranse desestimadas de non quedar resolta a convocatoria no prazo de seis meses, desde a data da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

* Condicións económicas.

Décimo sétimo.-As condicións económicas de participación son as seguintes:

a) Os gastos de docencia dos cursos en Irlanda, así como os de aloxamento e mantenza, tanto en familias como en residencias universitarias, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. As condicións da mantenza en familia serán: de luns a venres aloxamento con dereito a almorzo e cea; sábados e domingos aloxamento con dereito a todas as comidas, así como servizo tipo pick-nick os días que se teña previsto unha excursión por parte da universidade. Con respecto á residencia do campus de Limerick proporcionaráselles aos profesores asistentes un cuarto nela, incluíndo o dereito ao uso da cociña do apartamento, así como os bonos para o xantar no comedor da universidade, ou nun comedor similar, nos días lectivos (20 para os cursos de catro semanas e 10 para os cursos de dúas semanas). O profesorado asistente percibirá o importe correspondente aos gastos de desprazamento desde o centro de destino ao lugar de celebración do curso e viceversa,

contía que en ningún caso poderá superar os 700 A por profesor/alumno.

b) Os gastos de docencia, os de aloxamento e xantar, nos días lectivos, dos cursos de francés que se celebren en Nantes, serán financiados directamente pola Consellería de Educación e Ordenación Universitaria. Este profesorado percibirá o importe correspondente aos gastos de desprazamento desde o centro de destino ao lugar de celebración do curso e viceversa, contía que en ningún caso poderá superar os 650 A por profesor/alumno.

c) O profesorado de francés de secundaria e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio posto a posto con Francia recibirá unha bolsa de estudos por día de 40 A, así como o importe correspondente aos gastos de desprazamento desde o seu centro de destino ao centro de destino francés e viceversa, contía que en ningún caso poderá superar os 1.300 A por profesor/alumno.

d) O profesorado de inglés de ensino primario, secundario e de escolas oficiais de idiomas que sexa seleccionado para participar na actividade de intercambio-asistencia (jobshadow) con Gran Bretaña percibirá unha bolsa de estudos por día de 4 A, así como o importe correspondente aos gastos de desprazamento desde o centro de destino ao lugar de celebración do curso e viceversa. Por este concepto o profesorado non poderá percibir unha contía superior a 1.000 A por profesor/alumno.

As bolsas de estudo están suxeitas á retención do IRPF. Estas cantidades faranse efectivas despois de rematada a actividade. Os beneficiarios deberán presentar no prazo de 15 días contado desde a data da finalización:

1. Unha memoria pedagóxica da actividade, segundo as pautas proporcionadas polo Servizo de Formación do Profesorado.

2. Xustificación da totalidade do custo da viaxe acompañada dos xustificantes orixinais (billetes de avión, autobús, tren etc).

3. Copia compulsada do certificado expedido polo centro estranxeiro.

O financiamento dos gastos descritos realizarase con cargo á aplicación orzamentaria 07.04.322I.640.1 por importe de 157.500 A no exercicio orzamentario de 2005.

Décimo oitavo.-Durante o tempo de duración das actividades de formación os profesores seleccionados recibirán os emolumentos correspondentes ás súas retribucións básicas e complementarias, ademais da axuda compensatoria de gastos mencionada no punto décimo sétimo.

Décimo noveno.-Autorízase a Dirección Xeral de Formación Profesional e Ensinanzas Especiais e a Dirección Xeral de Persoal para ditar as instrucións necesarias para a aplicación e desenvolvemento desta orde.

Vixésimo.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no DOG.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria