DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.738

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

AXENCIA GALEGA DE DESENVOLVEMENTO RURAL

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2005 pola que se fai público o contido das bases reguladoras das subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural, e se convocan as subvencións correspondentes ao ano 2005.

O Consello de Dirección da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), na súa reunión do 16 de decembro de 2004, facultou a directora xeral de Agader para a publicación das bases reguladoras das subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural, e das sucesivas convocatorias, así como para a realización de todos os trámites necesarios para o desenvolvemento do procedemento de concesión das subvencións.

Polo que antecede,

RESOLVO:

1. Facer público o texto das bases reguladoras das subvencións da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural, que se xunta a esta resolución como anexo.

2. Convocar para o ano 2005 as subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural, que se financiarán con cargo á conta orzamentaria 02 01 01/11/11 656800, cunha dotación máxima de 420.000 euros e de acordo coas bases reguladoras que figuran no anexo desta resolución.

3. Os investimentos xustificaranse documentalmente de acordo co disposto nas bases reguladoras. O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados aos proxectos subvencionados será o 12 de decembro de 2005.

4. As solicitudes deberán presentarse no prazo de corenta días naturais contados desde o seguinte ao da publicación desta resolución no Diario Oficial de Galicia, xunto coa documentación que se indica nas bases reguladoras.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2005.

Belén Hernández Lafuente

Directora xeral da Axencia Galega

de Desenvolvemento Rural

ANEXO

Bases polas que se regulan as subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural.

A Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) foi creada pola disposición adicional 6ª da Lei 5/2000, do 28 de decembro, de medidas fiscais e de réxime orzamentario e administrativo, como instrumento básico de actuación da Xunta de Galicia no fomento e a coordinación do territorio rural galego, para mellorar as condicións de vida e contribuír a frear o seu despoboamento.

No marco das súas funcións, desenvolvidas no Decreto 79/2001, do 6 de abril, polo que se aproba o seu Regulamento, correspóndelle a Agader a xestión, control e seguimento dos programas de desen

volvemento rural Leader e Proder en materia de infraestrutura rural, así como a xestión dos recursos que se encomenden de forma específica á dinamización das áreas rurais de Galicia, en especial os recursos que a Xunta de Galicia destine ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

Con cargo a este Fondo estanse a financiar os programas Proder, Leader e Agader. Ademais de financiar os programas de desenvolvemento rural, o Fondo Galego de Desenvolvemento Rural destinarase preferentemente, á promoción e apoio de proxectos con incidencia directa sobre o emprego e a renda das zonas rurais, a cofinanciar as accións que contribúan de forma eficaz á diversificación económica e á modernización do tecido produtivo rural e ao cofinanciamento de plans, programas e actuacións de entidades públicas galegas e grupos de acción local que xeren un impacto positivo sobre as zonas rurais. Neste marco, as subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural que se regulan nestas bases financiaranse con cargo ao Fondo Galego de Desenvolvemento Rural.

Tendo en conta as funcións sinaladas da Axencia, así como o convencemento de que a cooperación entre os axentes socioeconómicos do territorio e os distintos departamentos da administración autonómica debe actuar como un elemento clave para aglutinar e coordinar esforzos destinados a mellorar as condicións de vida nas zonas rurais galegas, o Consello de Dirección de Agader, do 16 de decembro de 2004, encomendou o presidente de Agader a aprobación das bases das subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural, cuxa elaboración foi encomendada á directora xeral nese mesmo Consello de Dirección.

De acordo co anterior, o presidente de Agader aproba as bases polas que se regulan as subvencións aos proxectos innovadores de desenvolvemento rural.

1. Proxectos subvencionables.

a) Obxecto da subvención.

Poderán subvencionarse, en réxime de concorrencia competitiva, os proxectos innovadores de desenvolvemento rural presentados polos grupos de acción local de Galicia (en adiante, GAL) beneficiarios dos programas Leader+, Proder II e Agader, en colaboración con entidades públicas ou privadas que, en calquera sector de actividade, promovan a valorización e explotación dos recursos endóxenos dos territorios rurais, e teñan as características establecidas no punto seguinte.

b) Natureza e requisitos dos proxectos.

Poderán subvencionarse proxectos de natureza non produtiva que cumpran os seguintes requisitos:

-Que presenten un carácter innovador, de xeito que formulen novas respostas a problemas existentes no territorio de actuación do GAL. O carácter innovador do proxecto describirase atendendo a algún, ou algúns, dos aspectos seguintes, ou outros semellantes:

a) Aparición de novos produtos ou servizos que incorporen trazos específicos locais.

b) Utilización de novos materiais, novas enerxías, novas cualificacións profesionais ou novas formas de organización empresarial.

c) Novas formas de explotación dos recursos naturais.

d) Novos métodos que permitan combinar entre si os recursos humanos, naturais e financeiros do territorio que teñan como consecuencia unha explotación máis eficaz do potencial endóxeno.

-Que teñan un efecto dinamizador ou demostrativo no territorio no que se pretenda implantar.

-Que teñan unha repercusión práctica e cuantificable na satisfacción das necesidades da poboación da comarca.

-Que teña carácter transferible, no sentido de que os resultados derivados do proxecto se poidan trasladar a outros territorios da comunidade autónoma.

-Que sexan viables e sustentables, de xeito que se acheguen especificacións técnicas e financeiras suficientes e que as súas repercusións continúen logo do cesamento das axudas.

-Que se desenvolvan na zona de actuación do GAL, definida como tal nos convenios de colaboración asinados o 16 de outubro de 2002 entre o GAL, Agader e o Organismo Intermediario, no caso da iniciativa comunitaria Leader+, entre o GAL, Agader e o Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación, no caso do programa Proder II, e entre o GAL e Agader no caso do programa Agader.

-Que non estean iniciados na data de presentación da solicitude de axuda e sexan executados dentro do prazo sinalado na convocatoria.

-Que non teñan cabida en ningunha outra liña de apoio sectorial dos distintos departamentos, organismos ou entidades das administracións públicas.

-Que sexan compatibles e complementarios coas intervencións derivadas do programa comarcal que o GAL está a desenvolver no marco dos programas Leader+, Proder II ou Agader.

c) Gastos subvencionables.

Poderán concederse subvencións para o financiamento dos seguintes conceptos, sempre que sexan directamente imputables ao proxecto, tales como:

a) Gastos de consultoría e asistencia técnica necesarios para a realización de estudos, proxectos de investigación, proxectos técnicos, diagnoses, planos, etc.

b) Gastos de investimento en activos fixos que se consideren imprescindibles para a execución do proxecto, que comprende tanto os activos fixos materiais (terreos, urbanización e acometida de servizos, obra civil, maquinaria, bens de equipo, etc.), como os activos de carácter intanxible (adquisición de propiedade intelectual e industrial).

c) Axudas de custo, de acordo cos conceptos e importes máximos previstos no Decreto 144/2001, do 7 de xuño, sobre indemnizacións por razón do servizo ao persoal con destino na Administración autonómica de Galicia, para o persoal do grupo II.

Quedan expresamente excluídos:

a) Gastos habituais de funcionamento do GAL e das demais entidades que colaboran no proxecto.

b) Custos do persoal contratado para a realización do proxecto.

c) Xuros debedores das contas bancarias, xuros, recargas e sancións administrativas e penais, e os gastos derivados de procedementos xudiciais vinculados ao proxecto.

2. Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das subvencións reguladas nestas bases os grupos de acción local de Galicia que sexan beneficiarios dun programa desenvolvemento rural Leader+, Proder II ou Agader, que presenten e promovan un proxecto innovador de desenvolvemento rural en colaboración con entidades públicas ou privadas, das que necesariamente unha delas será un departamento da Xunta de Galicia, organismo autónomo ou ente de dereito público da Administración autonómica galega.

Son GAL beneficiarios do programa Leader+ os referidos como tales na Resolución do 23 de novembro de 2001, pola que se fai público o resultado do proceso de selección para a concesión de subvencións no marco da iniciativa comunitaria Leader+ (DOG nº 238, do 11 de decembro), e que asinaron os respectivos convenios de colaboración co Organismo Intermediario.

Son GAL beneficiarios dos programas Proder II ou Agader os referidos como tales na Resolución do 29 de xullo de 2002, pola que se fai público o resultado do proceso de selección para a concesión de axudas aos programas de desenvolvemento rural de Galicia e a modificación dos cadros de financiamento correspondentes aos GAL beneficiarios da convocatoria Leader+ (DOG nº 165, do 28 de agosto), e que asinaron os respectivos convenios de colaboración co Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, no caso do programa Proder II, e coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural no caso do programa Agader.

A colaboración entre os GAL e as demais entidades públicas ou privadas, para a posta en marcha dos proxectos, deberá artellarse mediante a subscrición dun único convenio de colaboración, cuxo contido deberá referir, ademais da identificación do proxecto e obxectivos perseguidos, as funcións e, de ser o caso, os compromisos financeiros e os custos financeiros que asume cada entidade colaboradora en relación co proxecto.

Tendo en conta que necesariamente unha das entidades que colaboran no proxecto debe ser un departamento da Xunta de Galicia, organismo autónomo ou entidade pública dependente da administración autonómica galega, o convenio de colaboración que se subscriba deberá aterse ao disposto no acordo do Consello da Xunta de Galicia, do 27 de marzo de 1991, sobre convenios de cooperación con outros entes públicos e de colaboración con particulares, feito público por Resolución do 8 de abril de 1991.

Neste convenio determinarase que entidade asume as funcións de coordinación do proxecto.

Dado que o GAL é o beneficiario da subvención, dirixiranse a el todas as actuacións e comunicacións

que desde Agader resulten necesarias como consecuencia da concesión da axuda.

3. Financiamento do proxecto.

As subvencións reguladas nestas bases financiaranse con cargo á conta orzamentaria 02 01 01/11/11 656800, e polo importe máximo que se determine na convocatoria. En todo caso, a concesión da axuda limitarase ás dispoñibilidades orzamentarias.

O importe da subvención que pode corresponder a cada proxecto con cargo a esta liña de axuda virá determinado polo resultado obtido logo da súa valoración, de acordo cos criterios que se establecen no punto 4 destas bases, co límite máximo de 60.000 euros por proxecto.

En ningún caso poderá destinarse ao financiamento destes proxectos os fondos adxudicados aos GAL para a xestión dos programas Proder II, Leader+ ou Agader.

Poderán participar no cofinanciamento do proxecto todas as entidades que colaboran nel, nas contías e porcentaxes que se indiquen no respectivo convenio de colaboración.

O importe acumulado das axudas que se poidan conceder ao abeiro desta convocatoria, das axudas e achegas das demais entidades colaboradoras, e doutras axudas concedidas para a realización do proxecto poderá acadar ata o 100% do investimento subvencionable.

O importe total das axudas en ningún caso poderá ser de contía tal que, illadamente ou en concorrencia con outras subvencións, axudas, ingresos ou recursos, supere o custo da actividade subvencionada.

4. Criterios de adxudicación.

Para a valoración das solicitudes presentadas teranse en conta os criterios e ponderación seguintes:

1. Potencialidade para favorecer a aparición de novos empresarios e a xeración de novas iniciativas empresariais de interese estratéxico polo seu impacto na actividade económica da comarca: 20 puntos.

2. Composición do partenariado e volume de cofinanciamento do proxecto por parte das entidades que colaboran nel: 20 puntos.

3. Potencialidade do proxecto sobre a creación do emprego: 15 puntos.

4. Grao de innovación do proxecto: 15 puntos.

5. O efecto dinamizador do proxecto na economía da comarca: 10 puntos.

6. Aplicabilidade de TICs nos obxectivos do proxecto: 5 puntos.

7. Incidencia sobre colectivos desfavorecidos: 5 puntos.

8. Promoción de igualdade do home e da muller: 5 puntos.

9. Incidencia sobre espazos naturais protexidos: 5 puntos.

En relación a cada un dos criterios anteriores, para a valoración dos proxectos teranse en conta tramos mínimos, medios e máximos de puntuación.

Quedarán excluídos aqueles proxectos que, logo da súa valoración de acordo cos criterios sinalados

anteriormente, obteñan unha puntuación inferior a 40 puntos.

Os proxectos admitidos recibirán unha porcentaxe de subvención equivalente aos puntos obtidos logo da súa valoración, co límite establecido no punto 3 destas bases. A distribución do crédito entre os proxectos seleccionados farase por orde de puntuación, ata o límite do importe consignado anualmente na partida orzamentaria á que se imputen estas subvencións.

No suposto de que algún beneficiario renuncie á subvención concedida, decaia no dereito á súa percepción ou proceda o reintegro de acordo co previsto nestas bases e na normativa que resulta de aplicación, os créditos liberados poderán asignarse por orde decrecente de puntuación aos proxectos admitidos que non obtiveran subvención por esgotamento do crédito previsto.

5. Presentación das solicitudes.

As solicitudes presentaranse no rexistro xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, sita na avda. do Camiño Francés, nº 10-baixo, Santiago de Compostela, ou en calquera dos lugares previstos no artigo 38 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común (en adiante, LRXAP), e deberán dirixirse á Dirección Xeral de Agader.

O prazo para a presentación das solicitudes será o que se dispoña na convocatoria.

Nas solicitudes de participación deberán indicarse os seguintes extremos:

-Identificación do proxecto.

-GAL solicitante e relación das demais entidades que colaboran no proxecto, con indicación dos respectivos CIF.

-Orzamento global do proxecto e, de ser o caso, relación das entidades que colaboran no cofinanciamento, coa indicación da porcentaxe asumida por cada unha delas.

Ao escrito de solicitude deberá achegarse a seguinte documentación:

-Documentación acreditativa da personalidade e da representación das entidades que colaboran no proxecto. Non será necesario que os GAL presenten aquela documentación que xa conste en poder de Agader, sempre que así o indiquen.

-Declaración responsable, asinada polo representante do GAL, de estar ao corrente no cumprimento das súas obrigas tributarias e coa Seguridade Social, e de que non ten pendente ningunha débeda por ningún concepto coa Administración da comunidade autónoma.

-Memoria descritiva do proxecto, na que se reflecta a situación de partida, os obxectivos que se perseguen coa súa posta en marcha, a metodoloxía de traballo e todos aqueloutros elementos necesarios para a súa valoración de acordo cos criterios establecidos no punto 4 destas bases.

-Compromiso de colaboración no proxecto, asinado polo representante do GAL e polos representantes das demais entidades que colaboran no proxecto,

no que deberá constar, de ser o caso, o compromiso de cofinanciamento do proxecto, con indicación do importe asumido por cada entidade e a porcentaxe que a dita participación representa respecto do importe global do proxecto.

-Orzamento detallado dos gastos necesarios para a execución do proxecto, con indicación de cales deles van ser asumidos polo GAL e daqueloutros que se van imputar, de ser o caso, ás demais entidades participantes no proxecto.

-Declaración doutras axudas concedidas e/ou solicitadas a outras entidades públicas ou privadas, distintas das que colaboran no proxecto.

6. Instrución do procedemento.

Os actos de instrución necesarios para a determinación, coñecemento e comprobación dos datos en virtude dos cales deba pronunciarse a resolución serán realizados de oficio pola Subdirección de Coordinación e Planificación para o Desenvolvemento Rural.

Na fase de instrución do procedemento realizaranse, entre outras, as seguintes funcións:

-Requirir o interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos que resulten preceptivos, no caso de carencias ou defectos de forma da solicitude ou da documentación que deba achegarse, coa indicación de que se así non o fixera, se lle terá por desistido da súa petición, logo de resolución que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da LRXAP.

-Solicitar cantos informes estime necesarios para a resolución do procedemento, que deberán ser emitidos no prazo previsto na LRXAP.

-Elevar toda a documentación ao órgano competente para a valoración das solicitudes, unha vez efectuadas as comprobacións e recibidos, de ser o caso, os informes.

As solicitudes presentadas dentro de prazo establecido serán valoradas en réxime de concorrencia competitiva, conforme os criterios establecidos no punto 4, polo Comité de Xestión do Fondo Galego de Desenvolvemento Rural (en adiante, o Comité).

O Comité elevará a proposta ao Consello de Dirección de Agader. A dita proposta expresará, de forma motivada, a relación de proxectos para a que se propón a concesión da axuda, identificación dos GAL beneficiarios, e importe de axuda pública que de acordo cos criterios establecidos no punto 4 das bases corresponda a cada proxecto.

7. Resolución das solicitudes.

O Consello de Dirección de Agader resolverá motivadamente a selección dos proxectos. O prazo para ditar resolución expresa e notificala aos interesados será de tres meses, contados desde o día seguinte a aquel en que remate o prazo para presentación das solicitudes. O interesado poderá entender desestimada a súa solicitude por silencio administrativo transcorrido o prazo anterior sen que se teña ditado resolución expresa.

A concesión destas axudas estará supeditada á aceptación por escrito dos GAL beneficiarios, nun

prazo de 15 días desde a notificación da resolución, de todas as condicións, requisitos e cláusulas establecidas na convocatoria e na resolución.

8. Xustificación do investimento e pagamento da axuda.

1. O investimento xustificarase documentalmente mediante a presentación de facturas orixinais ou documentos probatorios de valor equivalente, xunto cos títulos ou documentos bancarios que aseguren a efectividade do pagamento. No suposto de investimentos en obra civil, Agader poderá exixir a presentación de certificacións de obra.

Cando a subvención se conceda para a realización de estudos, proxectos de investigación, proxectos técnicos, diagnoses, planos e documentos similares, a xustificación do investimento requirirá, ademais, a entrega a Agader dun exemplar.

O prazo límite para a xustificación dos investimentos vinculados ao proxecto será o que se estableza na convocatoria.

2. Previamente ao pagamento, o solicitante deberá acreditar:

a) Que se atopa ao corrente das obrigas tributarias e de Seguridade Social.

b) Non ter pendente débeda por ningún concepto coa Administración da comunidade autónoma.

3. O Consello de Dirección de Agader, do 16 de decembro de 2004, autorizou a concesión aos GAL beneficiarios dun anticipo de ata o 50% do importe da subvención concedida a cada un deles, naqueles supostos en que se xustifique a necesidade de afrontar pagamentos inmediatos para a posta en marcha e execución dos proxectos.

En todo caso, a concesión de anticipos e pagamentos parciais axustarase ao disposto no artigo 16.2º do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

No suposto de que proceda a realización de pagamentos parciais e anticipos, deberá constituírse a garantía na forma e nos supostos establecidos no artigo 17 do citado decreto.

9. Reintegro da subvención.

Procederá o reintegro total ou parcial da contía percibida, xunto cos xuros de mora percibidos desde o seu pagamento, nos casos establecidos no punto 10 do artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

Nos supostos en que proceda o reintegro, deberá respectarse, en todo caso, o principio de proporcionalidade.

O procedemento de reintegro tramitarase de acordo co establecido no artigo 20 do Decreto 287/2000.

O incumprimento das condicións de participación dalgunha das entidades que colaboran no proxecto subvencionado, en canto á execución das actuacións e realización dos investimentos correspondentes ao desenvolvemento do proxecto, establecidos no convenio de colaboración, poderá dar lugar á revogación

da subvención concedida, e de ser o caso, á devolución dos anticipos concedidos xunto cos xuros correspondentes.

10. Modificación da subvención.

1. Toda alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención e, en todo caso, a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da subvención concedida.

2. O GAL beneficiario deberá comunicarlle a Agader calquera alteración das circunstancias tidas en conta para a concesión da subvención, que poderá dar lugar á súa modificación. Poderá autorizarse a dita modificación sempre que se cumpran os seguintes requisitos:

a) Que a modificación solicitada non desvirtúe a finalidade da axuda.

b) Que non exista prexuízo a terceiros.

c) Que os novos elementos e circunstancias que motivan a modificación, de concorrer na concesión inicial, non supuxeran a denegación da axuda.

3. A modificación establecerá as novas condicións da concesión e, de ser o caso, o reintegro do indebidamente percibido cos seus xuros.

11. Obrigas dos beneficiarios.

Os GAL e as demais entidades que colaboran no proxecto deberán subscribir o convenio de colaboración a que se fai referencia no punto 2 destas bases no prazo que se estableza na resolución de concesión da subvención.

Con carácter xeral, son obrigas dos beneficiarios as establecidas no artigo 78.4º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro e, en particular, as que se establezan na resolución de concesión.

A subcontratación das actividades subvencionadas polos beneficiarios deberá axustarse ao disposto no artigo 29 da Lei 38/2003, xeral de subvencións.

O GAL beneficiario asumirá a obriga de facilitar toda a información que lle sexa requirida por Agader e, de ser o caso, pola Intervención Xeral da comunidade autónoma, polo Tribunal de Contas e o Consello de Contas no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Con carácter xeral, o beneficiario está obrigado a manter o destino do investimento durante un período mínimo de 5 anos contados desde a finalización do proxecto.

No caso de proxectos de investigación, proxectos técnicos, estudos, diagnoses, planos e outros de natureza similar, o GAL deberá garantir a súa dispoñibilidade pública durante un período mínimo de 5 anos contados desde a finalización do proxecto e entregar a Agader un exemplar, para os efectos da súa posible difusión.

12. Normativa de aplicación.

As axudas concedidas ao abeiro destas bases rexeranse polo disposto nestas, e pola normativa apli

cable as axudas e subvencións na comunidade autónoma, en particular, as seguintes:

-Texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado por Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro.

-Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

-Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

-Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

13. Réxime de recursos.

As resolucións expresas ou presuntas dos procedementos instruídos ao abeiro destas bases esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor os seguintes recursos:

-Potestativamente, recurso de reposición ante o Consello de Dirección de Agader, no prazo dun mes contado desde o día seguinte ao da notificación, se a resolución fora expresa. Se non o fora, o prazo será de tres meses contado desde o día seguinte a aquel no que se produzan os efectos do silencio administrativo.

-Directamente, recurso contencioso-administrativo ante o Xulgado do Contencioso-Administrativo, no prazo de dous meses, contados desde o día seguinte ao da notificación, ou no prazo de seis meses, contados desde o día seguinte a aquel no que se entenda desestimada por silencio administrativo.

Disposición derradeira

Facúltase o titular da Dirección Xeral de Agader para realizar cantas actuacións sexan necesarias para a aplicación do disposto nestas bases.