DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.679

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 16 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras e se convocan para o ano 2005 os incentivos á contratación dirixidos a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Mediante o Decreto 289/1997, do 9 de outubro, esta comunidade autónoma asumiu as funcións e servizos transferidos pola Administración do Estado relativos á xestión realizada polo Instituto Nacional de Emprego (Inem) no ámbito do traballo, o emprego e a formación, o exercicio das cales lle corresponde hoxe en día á Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ao abeiro do disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a súa estrutura orgánica.

A Xunta de Galicia, a través da consellería con competencias en materia de emprego, vén convocando anualmente un marco de axudas á contratación por conta allea, coa finalidade de promover a estabilidade no emprego, fomentar a inserción laboral dos colectivos con maiores dificultades de inserción laboral e favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, en atención a programas propios e a programas cofinanciados polo Fondo Social Europeo,

incorporados ao Programa operativo integrado de Galicia para o período 2000-2006.

Tendo en conta que a Estratexia Europea para o Emprego incide na necesidade de reforzar a política de igualdade de homes e mulleres, articúlanse un conxunto de incentivos dirixidos a promover a repartición das responsabilidades familiares e a facilitar a reincorporación ao mercado de traballo tras unha interrupción temporal da actividade profesional por permisos parentais.

Nesta orde fíxanse as bases reguladoras e convócanse para o ano 2005 os incentivos á contratación para favorecer a conciliación da vida laboral e familiar.

Co obxecto de non subvencionar as situacións xa recollidas pola Lei 2/2004, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2005 na súa disposición adicional cuadraxésimo sétima punto 3 nº 9, nesta orde exclúense das axudas as situacións que dean lugar ás bonificacións establecidas na devandita disposición.

Tamén se recollen axudas pola substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares, nos termos e casos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores.

Neste marco de actuación, as bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

Nos vindeiros exercicios económicos, as axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos proxectos de orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sexta da orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Ámbito, réxime das axudas e principios de xestión

Artigo 1º.-Obxecto, finalidade e principios de xestión.

1. Coa finalidade de promover a igualdade de oportunidades no acceso e permanencia no emprego de homes e mulleres e remover os obstáculos que sobre o emprego pode producir a maternidade e outras situacións pertencentes ao ámbito da familia, esta orde ten por obxecto establecer as bases reguladoras e convoca para o ano 2005 os incentivos dirixidos directamente a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar, a través das seguintes axudas:

a) Axudas ás empresas que reincorporen a persoas traballadoras tras un proceso de maternidade/paternidade.

b) Axudas ás empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares.

2. As solicitudes, tramitación e concesión destas axudas e subvencións axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo aos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non-discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios dos incentivos previstos nesta orde as empresas, calquera que sexa a forma xurídica que adopten, incluídos autónomos e as sociedades civís e as comunidades de bens, aínda que carezan de personalidade xurídica, que contraten ou reincorporen a traballadores para prestar servizos en centros de traballo radicados na Comunidade Autónoma de Galicia, sempre que se cumpran as condicións e os requisitos establecidos nesta orde e non incorran nas circunstancias previstas no artigo 13.2º da Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

No caso de sociedades civís e comunidades de bens deberán nomear un representante ou apoderado único da agrupación, con poderes bastantes para cumprir as obrigas que, como beneficiario, lle corresponden á agrupación

2. Non poderán ser beneficiarios destas axudas as administracións públicas, as sociedades públicas nin as entidades vinculadas ou dependentes de calquera delas, agás que a relación deveña de actuacións horizontais de apoio financeiro á promoción económica e fomento empresarial.

Artigo 3º.-Exclusións.

Exclúense dos beneficios establecidos nesta orde as relacións laborais de carácter especial previstas no artigo 2.1º do Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo, polo que se aproba o texto refundido da Lei do Estatuto dos traballadores ou noutras disposicións legais, así como os traballadores contratados para prestar servizos noutras empresas a través de contratos de posta á disposición.

Non obstante o anterior, non quedan afectadas por esta exclusión as relacións laborais de carácter especial do persoal de alta dirección que poderán acollerse aos beneficios previstos nesta orde.

Non poderán acollerse ás subvencións previstas nesta orde as reincorporacións efectivas ao traballo das mulleres que, segundo o establecido na disposición adicional cuadraxésimo sétima punto tres nº 9 da Lei 2/2004, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para o ano 2005, teñan dereito ás bonificacións establecidas na dita lei.

Artigo 4º.-Axudas ás empresas que reincorporen a persoas traballadoras tras un proceso de maternidade/paternidade.

1. Poderán ser obxecto de subvencións as reincorporacións ao posto de traballo na empresa das persoas traballadoras tras períodos de descanso por causa de maternidade, adopción ou acollemento preadoptivo ou permanente de menores de 6 anos, en virtude do establecido no artigo 45.1º e no artigo 48.4º e 5º do Estatuto dos traballadores, así como as reincorporacións ao exercicio da actividade profesional dos traballadores autónomos, socios traballadores ou de traballo das sociedades cooperativas, nos mesmos casos e supostos.

Para os efectos das axudas a que se refire este artigo, entenderase que a reincorporación ao posto de traballo se produce cando finaliza definitivamente

o permiso de maternidade, tanto no caso de que se desfrute a xornada completa ou a tempo parcial, nos termos regulados na disposición adicional primeira do Real decreto 1251/2001, do 16 de novembro, que desenvolve o artigo 48.4º do Estatuto dos traballadores, texto refundido aprobado polo Real decreto lexislativo 1/1995, do 24 de marzo.

2. Só serán subvencionables as reincorporacións ás que se refire o nº 1 deste artigo, cando ademais concorran as seguintes circunstancias:

a) Que o período de descanso desfrutado pola persoa traballadora que se reincorpora tras un proceso de maternidade/paternidade fose igual ou superior á metade do período máximo legal.

b) Que durante os períodos de descanso por maternidade se formalizasen contratos de interinidade para a substitución dos traballadores polos que se solicita a axuda pola súa reincorporación, cunha duración equivalente, como mínimo, ao 80% do período de descanso do traballador substituído.

c) Que o traballador se reincorpore ao seu posto de traballo en virtude dunha relación laboral de carácter indefinido, ou, no caso dos autónomos, para o desempeño dunha actividade profesional, habitual, persoal e directa.

3. A axuda, pagadoira dunha soa vez, consistirá nunha subvención en contía equivalente ao importe das cotas empresariais á Seguridade Social por continxencias comúns, correspondentes á base mínima para o ano 2005 do grupo de cotización ao que pertenza o traballador que se reincorpora; ou, se é o caso, ao importe do 100% das cotas correspondentes á base mínima de cotización do correspondente réxime da Seguridade Social para traballadores autónomos, en ámbos os dous casos calculada sobre 12 mensualidades.

Artigo 5º.-Axudas ás empresas que substitúan a persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares.

1. Poderán ser obxecto de subvención os contratos de interinidade que se realicen con traballadores desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego no momento da contratación, para substituír a persoas traballadoras en excedencia por coidado de familiares -nos supostos e termos previstos no artigo 46.3º do Estatuto dos traballadores-por un período non inferior a catro meses nin superior a tres anos, e sempre que en virtude de disposición legal ou convenio colectivo se trate dunha excedencia con reserva de posto de traballo, ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares nos supostos e termos previstos no artigo 37.5º do Estatuto dos traballadores.

2. Para efectos destas axudas, terán a consideración de desempregados aqueles que estean inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

3. Os contratos de interinidade para que poidan ser obxecto de subvención deberán cumprir os requi

sitos e formalidades establecidos no artigo 15.1º.c) do Estatuto dos traballadores e normas regulamentarias de aplicación, así como formalizarse por escrito e comunicarse á oficina pública de emprego na forma regulamentariamente establecida.

4. Os contratos de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares, incentivaranse cunha axuda de ata 2.400 euros que se reducirá proporcionalmente cando a súa duración sexa por un período inferior a un ano, ou a parte proporcional correspondente cando o contrato de interinidade se celebre a tempo parcial.

Capítulo II

Competencia e procedemento

Artigo 6º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións presentadas ao abeiro desta orde, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles aos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, cando a contratación ou a reincorporación se produza para prestar servizos en centros de traballo radicados na respectiva provincia.

Artigo 7º.-Solicitudes e prazos.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As axudas desta orde solicitaranse nos dous meses seguintes á data en que se produza a reincorporación ao posto de traballo tras un proceso de maternidade/paternidade ou se inicie a relación laboral en virtude dun contrato de interinidade.

O prazo para a presentación das solicitudes de axudas finalizará o 30 de setembro de 2005 aínda que nesta data non transcorresen dous meses desde a celebración do contrato obxecto de subvención.

3. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

4. Para a presentación de solicitudes de axudas os beneficiarios poderán contar coa información e o asesoramento da rede de técnicos de emprego coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es).

Artigo 8º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos desta orde e deberán ir, por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, xunto coa seguinte documentación:

1. Se o solicitante é persoa física, DNI e acreditación do NIF; e se é persoa xurídica, DNI e poder

suficiente do representante para actuar en nome da entidade e NIF da empresa.

2. Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas, ou concedidas, para o mesmo proxecto ou actividade perante as administracións públicas competentes ou outros entes públicos (segundo o modelo anexo III). Ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (no modelo de solicitude).

3. Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas coa Seguridade Social.

4. Documentación acreditativa de que se encontra ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario achegue á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo IV para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor das axudas.

5. Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade bancaria acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo anexo V).

6. Nas axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade:

-DNI do traballador que se reincorpora.

-Documentos acreditativos da baixa por maternidade, adopción ou acollemento, así como da súa reincorporación á empresa logo do período de descanso correspondente.

-Boletíns de cotización do último mes anterior dispoñible á data en que se produza a baixa e o correspondente ao mes da reincorporación.

-Contratos de interinidade celebrados para substituír os traballadores que se reincorporan, e documentación acreditativa das datas de alta e baixa na Seguridade Social do traballador substituto.

7. Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares:

-DNI do traballador substituto e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina de emprego, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego segundo os datos da Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

-Contrato de interinidade e alta na Seguridade Social.

-Documentación acreditativa da baixa e da situación de excedencia, ou, se é o caso, da redución da xornada, e DNI do traballador substituído.

Artigo 9º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo

de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, considerarase desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 10º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización das propostas de resolución polas respectivas intervencións emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano correspondente por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións, de concesión ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses que se computarán desde a data da entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase a resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude, de acordo co establecido nos artigos 1º e 2º da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpoñer recurso contencioso-administrativo, no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 11º.-Xustificación do pagamento.

1. De non se achegar con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación, no prazo, nos termos e na forma que se sinale na resolución de concesión, da documentación que se exixa de forma expresa nela, entre a que deberá figurar a seguinte:

a) Cando se trate de empresas de nova creación, alta no imposto de actividades económicas, ou de ser o caso, alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

b) No caso de axudas para as persoas traballadoras que se reincorporan á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade, o boletín de cotización á Seguridade Social do mes correspondente á incorporación, se non se achegou con anterioridade.

c) Declaración complementaria da establecida no número 2 do artigo 8º desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución, para o mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de ser o caso, que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións.

2. Non obstante o sinalado no punto anterior, a documentación exixida na fase de pagamento poderase presentar xunto coa solicitude segundo a opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e o pagamento da axuda.

3. Non poderán realizarse en ningún caso o pagamento da subvención mentres o beneficiario non figure ao corrente do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas-e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo III

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 12º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. As axudas previstas nesta orde para as contratacións por conta allea serán incompatibles con outras que, polos mesmos conceptos, poidan outorgar as administracións públicas como medida de fomento de emprego. As ditas axudas son compatibles, se é o caso, con incentivos en forma de bonificacións á Seguridade Social, agás nos supostos da disposición adicional cadraxésimo sétima punto tres nº 9 da Lei 2/2004, do 27 de decembro, de orzamentos xerais do Estado para 2005.

2. Os beneficios establecidos nesta orde non poderán, en concorrencia con outras axudas públicas para a mesma finalidade, superar o 60% do custo salarial anual correspondente ao contrato que se subvenciona.

Artigo 13º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas das empresas beneficiarias:

a) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

b) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

c) As persoas traballadoras que se reincorporen á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade deberán permanecer nela, como mínimo, durante un ano, contado desde a data da reincorporación. Se antes de transcorrer o dito prazo se produce, por calquera causa, a extinción da relación laboral do traballador reincorporado, a empresa deberá proceder a reintegrar a subvención concedida nos termos sinalados no artigo 15º desta orde.

A empresa beneficiaria, dentro do primeiro trimestre do ano seguinte ao da reincorporación, deberá presentar a documentación acreditativa da situación de alta na empresa do traballador obxecto de subvención.

d) Nas axudas para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución da xornada de traballo por motivos familiares, a empresa beneficiaria ten, ademais, as seguintes obrigas:

-No suposto de cesamento do traballador interino, a cobertura do posto por un novo traballador desempregado terá que realizarse durante o período da substitución, dentro dos 20 días seguintes ao da baixa, feito que deberá ser comunicado pola empresa beneficiaria á delegación provincial da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, dentro dos vinte días seguintes ao da cobertura do posto.

-Comunicar a data de incorporación ao seu posto de traballo da persoa substituída dentro do mes seguinte a aquel en que esta se produza, ou, se é o caso, da súa reincorporación á xornada ordinaria.

e) Aquelas outras obrigas establecidas no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 14º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión e eventualmente á súa revogación.

Artigo 15º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 16º.-Seguimento e control.

A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos, os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Artigo 17º.-Axudas baixo condicións de mínimis.

Os incentivos establecidos nesta orde quedan sometidos ao réxime de axudas de mínimis, polo

tanto non poderán exceder os límites cuantitativos (100.000 euros nun período de tres anos) establecidos no Regulamento CE nº 69/2001 da Comisión da Unión Europea, do 12 de xaneiro, relativo á aplicación dos artigos 87 e 88 do Tratado CE ás axudas de mínimis (DOCE nº L10, do 13 de xaneiro).

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean á disposición da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispoñer, recoñecer a obriga e propoñer os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

Quinta.-No exercicio 2005, as axudas recollidas nesta orde, entre outras, financiaranse con cargo aos créditos que figuran nas aplicacións orzamentarias 16.02.241A.470.2, código de proxecto 2002 14 439, cun crédito de 3.142.692 euros, 16.02.241A 470.3, código de proxecto 2002 14 823 cun crédito de 6.300.000 euros, 16.02.241A 470.4, código de proxecto 2005 00 362, cun crédito de 5.000.000 euros. As ditas aplicacións están recollidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005 e constitúen o importe global para o financiamento desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras e a convocatoria para o ano 2005 dos programas de fomento do emprego en empresas de economía

social e de promoción e divulgación do cooperativismo, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cuali

ficadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILES) ou como iniciativa de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo e a súa convocatoria para o ano 2005 e das demais ordes que establecen as bases das medidas de fomento do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas nos programas

orzamentarios 241A, 241B e 241V.

Así mesmo, os créditos poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou as disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas á contratación dirixidas a favorecer a conciliación da vida laboral e familiar presentadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes a exercicios anteriores que quedasen pendentes de resolución no momento da entrada en vigor desta norma, e sempre que reunisen os requisitos legais establecidos nelas, poderán ser atendidas con cargo aos creditos orzamentarios para o exercicio 2005 e resolveranse en función da normativa que lles era de aplicación no momento da presentación da solicitude.

Segunda.-As solicitudes de axudas pola reincorporación á empresa tras un proceso de maternidade/paternidade ou polas contratacións de interinidade para a substitución de persoas traballadoras en excedencia para o coidado de familiares ou con redución de xornada por motivos familiares, realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor desta orde, solicitarase respectando os prazos e demais requisitos establecidos na Orde de 26 de febreiro de 2004.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as instrucións e aclaracións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 16 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e

Relacións Laborais