DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.667

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE ASUNTOS SOCIAIS, EMPREGO E RELACIÓNS LABORAIS

ORDE do 15 de marzo de 2005 pola que se establecen as bases reguladoras do programa para a promoción do emprego autónomo cofinanciado polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

As diversas medidas de promoción do emprego postas en práctica pola Comunidade Autónoma complétanse con medidas específicas de fomento da cultura emprendedora e de apoio a actividades e iniciativas de autoemprego.

As iniciativas de autoemprego promovidas polos traballadores reveláronse tradicionalmente como medidas eficaces para a xeración de emprego, mobilización de recursos, corrección de desequilibrios comarcais e fixación de man de obra produtiva, establecendo vínculos de interese mutuo entre a poboación e o seu propio territorio.

Segundo o establecido no artigo 29.1º do Estatuto de autonomía de Galicia e de conformidade co Decreto 168/1984, do 15 de novembro, de asunción de funcións e servizos transferidos, correspóndelle á comunidade autónoma a xestión de calquera tipo de axuda, subvencións e préstamos que realizaba o Fondo Nacional de Protección ao Traballo.

De acordo co disposto no Decreto 301/2004, do 22 de decembro, polo que se establece a estrutura orgánica da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, correspóndelle a esta o exercicio das anteditas competencias e funcións, entre outras materias, no relativo ás políticas activas de emprego.

Nesta orde regúlase o programa de promoción do emprego autónomo, na súa adaptación ás actuais circunstancias e á estratexia europea para o emprego, establecendo o marco da actuación para o desenvolvemento do autoemprego, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

Incorpóranse importantes innovacións neste programa, introdúcese unha nova axuda excepcional, para o financiamento dos primeiros gastos, a súa contía será variable en función da concorrencia no solicitante da súa pertenza a determinados colectivos de desempregados con dificultades de inserción laboral. A contía da axuda terá un incremento cando a actividade empresarial se desenvolva nun concello rural.

As actuacións previstas nesta orde están cofinanciadas polo Fondo Social Europeo nun 65%, no Programa Operativo Plurirrexional de "Fomento do Emprego", e nun 75% no Programa Operativo Integrado de Galicia 2000-2006.

As bases reguladoras e a convocatoria deste programa axústanse ao disposto no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, na súa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de

Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, e no que resulte de aplicación a Lei 38/2003, do 17 de novembro, xeral de subvencións.

As axudas recollidas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos das aplicacións orzamentarias que, mediante disposición complementaria, se determine anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da comunidade autónoma para o exercicio correspondente. Para o exercicio 2005 a dita determinación recóllese na disposición adicional sétima desta orde.

Por todo o exposto, consultado o Consello Galego de Relacións Laborais, e no exercicio das facultades que me confire o artigo 34 da Lei 1/1983, do 22 de febreiro, reguladora da Xunta e do seu presidente,

DISPOÑO:

Capítulo I

Finalidade, ámbito e principios de xestión

Artigo 1º.-Obxecto e finalidade.

1. Esta orde ten por obxecto fixar as bases reguladoras do programa de promoción do emprego autónomo, coa finalidade de promover e axudar a financiar aqueles proxectos empresariais que facilitan a creación do seu propio posto de traballo ás persoas desempregadas que pretendan desenvolver a súa actividade empresarial ou profesional en Galicia como traballadores autónomos ou por conta propia, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005.

2. As solicitudes, tramitación e concesión das axudas do programa de promoción do emprego autónomo axustaranse ao disposto no texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia, na Lei de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia, no Decreto 287/2000, do 21 de novembro e nesta orde.

3. A xestión deste programa realizarase de acordo cos seguintes principios:

a) Publicidade, concorrencia, obxectividade, transparencia, igualdade e non discriminación.

b) Eficacia no cumprimento dos obxectivos fixados.

c) Eficiencia na asignación e na utilización dos recursos públicos.

Artigo 2º.-Beneficiarios.

1. Poderán ser beneficiarios das axudas deste programa os desempregados inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego, que procedan á creación do seu propio posto de traballo mediante a súa constitución en traballadores autónomos ou por conta propia, sempre que:

-Sexan titulares ou cotitulares do negocio ou explotación ou ben constitúan unha sociedade limitada que cumpra os requisitos establecidos no número 3 deste artigo.

-Se dean de alta no réxime especial de autónomos ou no réxime especial do mar da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

-Non percibisen subvencións ao abeiro do programa de promoción do emprego autónomo nos catro anos anteriores á data do inicio da nova actividade.

-Non desenvolvesen como traballadores autónomos a mesma ou similar actividade na mesma localidade, nos 6 meses inmediatamente anteriores á data do inicio da nova actividade, nin estivesen de alta como traballadores autónomos en calquera réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, sempre que a dita situación de alta presupoña actividade, nos tres meses inmediatamente anteriores.

Para os efectos deste programa, tamén terán a consideración de beneficiarios os traballadores que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e realicen un traballo por conta allea cunha prestación de servizos inferior ou igual a 2 horas diarias, 12 semanais ou 48 mensuais, e sempre que cumpran as condicións establecidas neste punto.

2. Para os efectos deste programa, entenderase como data de inicio de actividade laboral a da alta como autónomo no correspondente réxime da Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional.

3. Poderán ser beneficiarias da axuda prevista no artigo 4º desta orde as sociedades limitadas, sempre que:

-Sexan sociedades de nova creación cun capital social fundacional inferior a 120.200 euros.

-Todos os seus socios sexan persoas físicas, e o número inicial de socios non sexa superior a tres, agás que todos os socios reúnan os requisitos e condicións establecidos no número 1 deste artigo e pertenzan a algún dos seguintes colectivos:

a) Mozos menores de 25 anos.

b) Mozos maiores de 25 anos e menores de 30 que non teñan unha experiencia laboral acumulada, excluídos os contratos para a formación, superior a 180 días.

c) Mozos menores de 30 anos que estean incorporados e teñan a condición de beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro) e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro).

d) Desempregados maiores de 45 anos.

e) Mulleres desempregadas que se incorporen como socias tras unha ausencia do mercado de traballo non inferior a 24 meses.

f) Mulleres desempregadas cando se incorporen para prestar servizos en profesións ou ocupacións con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998.

g) Desempregados que realizasen, no ano da presentación da solicitude, ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP directamente relacionados co posto de traballo a que se incorporan.

h) Desempregados que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnos en escolas obradoiro, casas de oficio ou en obradoiros de emprego directamente relacionadas no seu contido co posto de traballo a que se incorporan; ou ben, que traballasen no ano da presentación da solicitude ou no ano natural anterior en obras ou servizos de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

i) Desempregados de longa duración, maiores de 25 anos, que estivesen sen traballo e inscritos na oficina de emprego durante 12 meses dos anteriores 16 meses.

j) Desempregados minusválidos cun grao de minusvalidez non inferior ao 33%.

k) Desempregados procedentes de empresas en crise.

l) Desempregados pertencentes a algún dos seguintes colectivos en risco de exclusión social:

-Perceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.

-Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

-Penados ou ex-reclusos que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

-Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

-Mozos que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

-Traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

4. Non poderán obter a condición de beneficiario, do programa regulado nesta orde as persoas ou entidades en que concorran a

Artigo 3º.-Concepto de desempregado.

Para os efectos das axudas previstas nesta orde, terán a consideración de desempregados aqueles que figuren inscritos como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego e que, pola súa vez, carezan de ocupación segundo o informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social e, se é o caso, segundo certificado da mutualidade do colexio profesional.

Capítulo II

Tipos de axuda

Artigo 4º.-Subvención financeira.

1. A subvención financeira ten por finalidade facilitar a creación do seu propio posto de traballo mediante a redución de xuros de préstamos necesarios para a súa constitución como traballador autónomo, tendo en conta que, como mínimo, o 75% do préstamo deberá destinarse a financiar investimentos en activo fixo, podendo destinarse ata un 25% a financiar o activo circulante. Os ditos préstamos, para seren subvencionables, deberán ser concedidos polas entidades financeiras que teñan subscrito convenio coa Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais.

Esta subvención, pagadoira dunha soa vez, será como máximo de catro puntos do tipo de xuro fixado pola entidade financeira que conceda o préstamo, sen que en ningún caso o tipo de xuro que deba satisfacer o beneficiario, despois de calculada a subsidiación, poida resultar inferior a un punto. A contía calcularase como se a subvención se devengase cada ano de duración do préstamo, incluído o posible período de carencia. O importe máximo desta subvención non poderá superar a contía de 3.000 euros.

A subvención financeira deberá presentarse con anterioridade ao inicio da execución do proxecto de investimento e, en todo caso, antes de transcorreren 2 meses desde a data de alta na Seguridade Social ou mutualidade de colexio profesional, respetando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 9º.3 desta orde, aínda que non transcorreran os dous meses anteriormente citados.

2. Poderá concederse esta subvención a aquelas sociedades limitadas de nova creación que reúnan os requisitos do artigo 2º parágrafo 3 desta orde, polos traballadores desempregados que, constituíndose como autónomos, teñan a condición de socio da devandita sociedade.

O importe máximo desta subvención non poderá superar a contía de 3.000 euros por cada socio que cumpra os requisitos e condicións previstos no artigo 2º.1 desta orde.

A sociedade limitada deberá presentar a solicitude da subvención financeira con anterioridade ao inicio da execución do proxecto de investimento, e, en todo caso, antes de transcorreren 2 meses desde a data de alta no IAE ou, se é o caso, no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda,

respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 9º.3 desta orde, aínda que non transcorresen os dous meses anteriormente citados.

Artigo 5º.-Rendas para o inicio da actividade.

1. Poderán concederse subvencións de ata 3.000 euros, en concepto de renda para o inicio da actividade, por unha soa vez, para contribuír a garantir durante o inicio da actividade uns ingresos mínimos.

2. A contía da renda para o inicio da actividade non poderá superar o 50% do investimento inicial en activo fixo debidamente acreditado ou, no suposto de constitución dunha sociedade limitada de nova creación, o 50% da achega de diñeiro inicial ao capital social do socio. No caso de que o beneficiario desta renda sexa unha muller, a dita porcentaxe será do 60%.

3. O prazo de presentación de solicitudes da renda de inicio da actividade será de dous meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 9º.3 desta orde, aínda que non transcorresen os dous meses anteriormente citados.

Artigo 6º.-Axuda excepcional.

1. Poderáselles conceder unha axuda para o financiamento dos primeiros gastos da actividade aos desempregados dos colectivos relacionados nos seguintes puntos deste artigo, sempre que sexan beneficiarios deste programa, de acordo co previsto no artigo 2º.1 desta orde, agás os que constitúan unha sociedade limitada.

A través desta axuda, que se concederá por unha soa vez, serán subvencionables os gastos realizados nos seis primeiros meses da actividade nos seguintes conceptos: alugueres, publicidade, adquisición de primeiras mercadorías e subministracións.

Para a data de inicio da actividade observarase o disposto no artigo 2º.2 desta orde.

2. A contía desta subvención será de ata 600 euros para os seguintes colectivos:

a) Mozos menores de 30 anos.

b) Desempregados de longa duración que estivesen sen traballo e inscritos na oficina de emprego durante polo menos 12 dos anteriores 16 meses.

c) Desempregados maiores de 45 anos.

d) Desempregados que realizasen, no ano da presentación da solicitude ou nos dous anos naturais anteriores, cursos de formación profesional ocupacional do Plan FIP directamente relacionados coa actividade empresarial.

e) Desempregados que participasen, no ano de presentación da solicitude ou nos dous anos anteriores, como alumnos en escolas obradoiro, casas de oficios ou en obradoiros de emprego directamente relacionados no seu contido coa actividade empresarial, ou ben, que traballasen no ano da presentación da solicitude ou no ano anterior, en obras ou servizos

de interese xeral realizados en virtude doutros programas de fomento do emprego.

3. A contía desta subvención será de ata 1.200 euros para os seguintes colectivos:

a) Mulleres desempregadas.

b) Traballadores desempregados procedentes de empresas en crise.

4. A contía desta subvención será de ata 1.800 euros para os seguintes colectivos:

a) Mulleres desempregadas que se reincorporen ao mercado laboral tras unha ausencia non inferior a 24 meses.

b) Mulleres desempregadas que creen o seu posto de traballo naquelas actividades económicas con menor índice de emprego feminino, de acordo co disposto na orde do Ministerio de Traballo e Asuntos Sociais do 16 de setembro de 1998 (BOE do 29 de setembro).

c) Mulleres desempregadas responsables dunha familia monoparental e con cargas familiares.

5. A contía desta subvención será de ata 2.400 euros para os seguintes colectivos:

-Perceptores da renda de integración social de Galicia ou aqueles que non poidan acceder a ela, ben por falta do período exixido de residencia ou empadroamento, ou ben por ter esgotado o período máximo de percepción legalmente establecido.

-Persoas que participen ou participasen en procesos de rehabilitación ou reinserción social de drogodependentes debidamente acreditados ou autorizados.

-Penados ou ex-reclusos que non tivesen antes un primeiro emprego fixo remunerado tras un período de privación de liberdade.

-Mulleres procedentes de casas de acollida que presenten problemas adicionais de inserción ou reinserción laboral, así como as persoas que teñan acreditada pola Administración competente a condición de vítima de violencia doméstica por parte dalgún membro da unidade familiar de convivencia.

-Mozos que estean ou estivesen ata a súa maioría de idade baixo a tutela ou garda da Administración autonómica.

-Traballadores inmigrantes que pasen a ser residentes da comunidade e persoas que formen parte de colectivos ou minorías cuxas características poidan condicionar as súas posibilidades de integración social.

6. As contías establecidas nos puntos anteriores terán un incremento de ata 600 euros cando a actividade produtiva se desenvolva nun concello galego con menos de 20.000 habitantes.

7. No suposto de que as características do desempregado dea lugar á súa inclusión en máis dun colectivo, só será posible aplicar a contía da subvención respecto dun deles, correspondendo a opción ao solicitante.

8. A solicitude de axuda excepcional deberá presentarse no prazo dos seis meses desde a data de alta na Seguridade Social ou en mutualidade de colexio profesional, respectando, en todo caso, o prazo xeral establecido no artigo 9º.3 desta orde, aínda que non transcorresen os seis meses anteriormente citados.

Artigo 7º.-Beneficiarios do Programa Labora: Xuventude con Experiencia.

As contías no caso de axudas reguladas nos artigos 4º e 5º desta orde incrementaranse nun dez por cento no caso de desempregados que, no momento da súa alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, se é o caso, na mutualidade de colexio profesional, estean incorporados e manteñan a condición de beneficiario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia, segundo o establecido no Decreto 148/2002, do 18 de abril, polo que se establece no ámbito da Comunidade Autónoma de Galicia o dito programa (DOG nº 83, do 30 de abril), modificado polo Decreto 26/2003, do 16 de xaneiro (DOG nº 15, do 23 de xaneiro) e polo Decreto 300/2004, do 22 de decembro (DOG nº 251, do 28 de decembro), con independencia de que, como consecuencia da aplicación deste incremento, se superen ou non os límites porcentuais ou cuantitativos previstos para cada tipo de axuda.

Capítulo III

Competencia e procedemento

Artigo 8º.-Competencia.

A competencia para coñecer e resolver as solicitudes de axudas e subvencións previstas nesta orde, por delegación da Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, corresponderalles aos delegados provinciais da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, no respectivo ámbito provincial onde o solicitante desenvolva a súa actividade empresarial ou profesional, segundo consta na alta do imposto de actividades económicas ou alta no censo de obrigados tributarios do Ministerio de Economía e Facenda.

Artigo 9º.-Solicitudes e prazo.

1. As solicitudes de axudas dirixiranse ao órgano competente para resolver e presentaranse por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

2. As solicitudes e os anexos deste programa están dispoñibles na páxina web da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais www.xunta.es/conselle/as/index.htm.

3. O prazo xeral para a presentación de solicitudes de axudas do programa para a promoción do emprego autónomo finalizará o 30 de setembro de 2005, aínda que non transcorresen os prazos específicos previstos para cada tipo de axuda.

4. Para a presentación de solicitudes os beneficiarios poderán contar co asesoramento dos técnicos de emprego da rede coordinada pola Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais (www.tecnicosempregogalicia.xunta.es)

Artigo 10º.-Documentación.

As solicitudes deberán presentarse nos modelos normalizados que figuran como anexos numéricos a esta orde, e deberán ir acompañadas, por exemplar duplicado, e un deles será orixinal ou fotocopia compulsada, da seguinte documentación:

a) DNI e acreditación do NIF do solicitante e, no suposto de constitución dunha sociedade limitada, escritura de constitución, CIF da empresa, DNI e poder suficiente do representante da sociedade. No caso dunha comunidade de bens ou sociedade civil, escritura de constitución e CIF da empresa.

b) Documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandante de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia no paro segundo os datos do informe da vida laboral na Tesouraría Xeral da Seguridade Social.

De ser o caso, certificado do colexio profesional de alta no dito colexio, con indicación de se presupón ou non exercicio da actividade, e certificado da mutualidade do colexio profesional con indicación dos períodos de alta nela.

No suposto de que se solicite subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

c) De ser o caso, documentos acreditativos das circunstancias sinaladas no artigo 2º parágrafo 3.

d) Alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda. Alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda.

No suposto de que se solicite subvención financeira con anterioridade ao inicio da actividade, esta documentación deberá achegarse na fase de xustificación do pagamento.

e) Memoria económica do proxecto empresarial asinada polo solicitante que inclúa orzamento de investimento e o plan de financiamento que acredite a viabilidade do proxecto, xunto con facturas ou, no seu defecto, facturas proforma ou orzamento dos activos que se vaian ter en conta para o cálculo da contía da subvención.

f) Nos casos en que se solicite subvención financeira, xuntarase o compromiso da entidade financeira sobre a concesión do préstamo, en que figuren as súas características e se faga constar que a operación se acolle ao convenio subscrito para tal fin (segundo o modelo do anexo VIII) ou, de ser o caso, o contrato de préstamo.

g) No caso que se solicite a renda para o inicio de actividade e se constitúa unha sociedade limitada, documento acreditativo do desembolso total da achega inicial ao capital social da sociedade.

h) No suposto de que se solicite a axuda excepcional, documentación acreditativa da concorrencia das circunstancias que determinen a pertenza aos colectivos establecidos no artigo 6º desta orde.

i) Declaración comprensiva do conxunto de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para o mesmo proxecto ou actividade polas administracións públicas competentes ou outros entes públicos ou, de ser o caso, unha declaración de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (segundo o modelo do anexo V).

j) Documentación acreditativa de que se encontran ao día nas súas obrigas coa Seguridade Social.

k) Documentación acreditativa de que se encontran ao día das súas obrigas tributarias estatais e autonómicas e de que non teñen pendente de pagamento ningunha outra débeda, por ningún concepto, coa Administración Pública da comunidade autónoma, agás que o beneficiario xunte á solicitude a debida autorización segundo o modelo do anexo VI para que a devandita información sexa solicitada polo órgano xestor.

l) Ficha de solicitude de transferencia bancaria e certificación da entidade financeira acreditativa de que o solicitante é titular da conta (segundo o modelo do anexo VII).

Artigo 11º.-Instrución e tramitación.

Se a solicitude non estivese debidamente cuberta ou non se achegase a documentación exixida, as unidades administrativas encargadas da tramitación do expediente, de conformidade co disposto no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, requirirán do interesado para que, nun prazo de 10 días, emende a falta ou presente os documentos preceptivos, coa advertencia de que, se así non o fixese, se considerará desistido da súa petición, logo de resolución, que deberá ser ditada nos termos previstos no artigo 42 da antedita lei.

Artigo 12º.-Resolución e recursos.

1. Logo da fiscalización polas respectivas intervencións das propostas emitidas polos correspondentes servizos, as resolucións serán ditadas polo órgano competente, por delegación da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, e deberán serlles notificadas aos interesados. As resolucións concesorias ou denegatorias, deberán ser sempre motivadas.

2. O prazo para resolver será de seis meses, que se computarán desde a data de entrada da solicitude no rexistro do órgano competente para a súa tramitación. Transcorrido o dito prazo sen que se ditase resolución expresa, poderá entenderse desestimada a solicitude de acordo co establecido no artigo 1

e no artigo 2 da Lei 6/2001, do 29 de xuño, de adecuación da normativa da Comunidade Autónoma de Galicia á Lei 4/1999, do 13 de xaneiro, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

3. As resolucións que se diten neste procedemento esgotan a vía administrativa, e contra elas cabe interpor recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses, ante o órgano competente da xurisdición contencioso-administrativa, e poderá formularse, con carácter potestativo, recurso de reposición, no prazo dun mes, ante o mesmo órgano que ditou a resolución impugnada, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición contencioso-administrativa, e na Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 13º.-Xustificación do pagamento.

1. De non achegarse con anterioridade, o pagamento das axudas quedará condicionado á presentación por duplicado exemplar, un deles orixinal ou copia compulsada, no prazo, nos termos e na forma que se estableza na resolución de concesión, da documentación común e específica que se exixa de forma expresa nela, entre a cal deberá figurar a relacionada nos puntos seguintes:

A. Documentación xeral:

a) Documentación xustificativa para acreditar o cumprimento da finalidade para a cal se concedeu a subvención, segundo o tipo de axuda.

b) Declaración complementaria do establecido no artigo 10º alínea i) desta orde, do conxunto das axudas solicitadas, tanto das aprobadas ou concedidas como das pendentes de resolución para o mesmo proxecto das distintas administracións públicas competentes ou outros entes públicos. Ou, de ser o caso, de que non solicitou nin percibiu outras axudas ou subvencións (anexo V).

B. Documentación específica:

a) Cando se trate da subvención financeira de redución de xuros, xuntarase copia do contrato de préstamo, e facturas acreditativas de que o importe do préstamo subvencionado foi destinado a financiar os investimentos obxecto de subvención. Con posterioridade, o beneficiario no prazo de trinta días desde a data de pagamento da subvención deberá presentar certificación da entidade financeira acreditativa da amortización do principal do préstamo na contía subvencionada.

De non achegarse xunto á solicitude a alta no imposto de actividades económicas ou, se é o caso, alta no censo de obrigados tributarios no Ministerio de Economía e Facenda; alta no correspondente réxime da Seguridade Social ou, de ser o caso, en colexio profesional e mutualidade que corresponda; e no

suposto de constitución dunha sociedade limitada, escritura pública de constitución.

DNI e documentos acreditativos dos períodos de inscrición como demandantes de emprego na oficina pública de emprego, así como do tempo de permanencia en situación de desemprego, segundo os datos do informe da vida laboral da Tesouraría Xeral da Seguridade Social, do solicitante, ou das persoas incorporadas á sociedade limitada polas cales se solicite subvención, de non telo presentado con anterioridade.

b) Cando se trate da renda para o inicio da actividade, documentación acreditativa, se é o caso, do investimento en activo fixo.

c) Cando se trate da axuda excepcional, facturas acreditativas dos gastos obxecto da subvención.

2. Malia o sinalado nos puntos anteriores, a documentación exixida para a fase de pagamento común ou específica, poderá presentarse xunto coa solicitude, á opción do interesado. Neste suposto poderán tramitarse conxuntamente a concesión e pagamento da axuda.

3. Cando concorran varias axudas ou subvencións só será necesario presentar unha vez a documentación coincidente, tanto na fase de solicitude como na de xustificación.

4. Non poderá realizarse en ningún caso o pagamento da subvención en canto o beneficiario non figure ao día do cumprimento das súas obrigas tributarias -estatais e autonómicas-e da Seguridade Social, sexa debedor en virtude de resolución declarativa da procedencia de reintegro ou teña algunha débeda pendente, por calquera concepto, coa Administración da comunidade autónoma.

Capítulo IV

Incompatibilidades e obrigas

Artigo 14º.-Incompatibilidades e concorrencia.

1. En ningún caso o importe das axudas concedidas ao abeiro desta orde poderá ser de tal contía que, illadamente ou en concorrencia coas concedidas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, supere o custo total da actividade que vaia desenvolver o beneficiario.

2. As axudas e subvencións establecidas neste programa son incompatibles coas establecidas nos programas de fomento do emprego en cooperativas e sociedades laborais, iniciativas de emprego, iniciativas de emprego de base tecnolóxica, integración laboral das persoas con discapacidade e dinamización do emprego feminino e xuvenil no rural galego.

3. Non se poderán imputar os mesmos gastos aos distintos tipos de axuda previstos neste programa, agás nos supostos de rendas para o inicio da actividade, en que só se utilizarán como parámetro para o cálculo da contía da subvención.

Artigo 15º.-Obrigas dos beneficiarios.

Son obrigas dos beneficiarios das axudas e subvencións:

a) Realizaren a actividade que fundamente a concesión da axuda ou subvención durante un tempo mínimo de tres anos, salvo cesamento por causas alleas á súa vontade, o que deberá acreditar fidedignamente.

b) Comunicarlle ao órgano concedente calquera modificación das condicións tidas en conta para a concesión da subvención, así como dos compromisos e obrigas asumidos polos beneficiarios e, de ser o caso, a obtención concorrente de subvencións, axudas, ingresos ou recursos que financien as actividades subvencionadas. Esta comunicación deberá efectuarse tan pronto como se coñeza, e en todo caso con anterioridade á xustificación da aplicación dada aos fondos percibidos.

c) O sometemento ás actuacións de control, comprobación e inspección que efectuará a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais, ás de control financeiro que correspondan, se é o caso, á Intervención Xeral da comunidade autónoma, ás previstas na lexislación do Tribunal de Contas e o Consello de Contas, ou a outros órganos da Administración do Estado ou da Unión Europea e achegar canta información lle sexa requirida no exercicio das actuacións anteriores.

d) No caso de constitución dunha sociedade limitada os socios polos cales se conceda a subvención quedan obrigados a manter a súa achega ao capital social e a súa porcentaxe de participación no capital social durante un período mínimo de tres anos. Para estes efectos no primeiro trimestre de cada ano natural e durante o período de tempo sinalado, o beneficiario deberá presentar certificación do rexistro mercantil sobre as variacións no capital social desde a data da constitución da sociedade, e declaración do órgano da administración, con relación á información que conste no libro de socios, respecto á titularidade e as alteracións producidas desde a data da constitución.

e) Aquelas outras obrigas establecidas no artigo 78º do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, conforme a redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro, de medidas tributarias e de réxime administrativo.

Artigo 16º.-Modificación da resolución de concesión.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión das axudas ou subvencións, así como a obtención concorrente de subvencións e axudas outorgadas por outras administracións ou outros entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, poderá dar lugar á modificación da reso

lución de concesión e, eventualmente, á súa revogación.

Artigo 17º.-Revogación e reintegro.

Procederá a revogación das subvencións e axudas, así como o reintegro total ou parcial das cantidades percibidas e a exixencia do xuro de demora, nos casos e nos termos previstos no artigo 78 do texto refundido da Lei de réxime financeiro e orzamentario de Galicia e no Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

A obriga de reintegro establecida no parágrafo anterior enténdese sen prexuízo do establecido no Real decreto lexislativo 5/2000, do 4 de agosto, polo que se aproba o texto refundido da Lei sobre infraccións e sancións na orde social.

Artigo 18º.-Seguimento e control.

As delegacións provinciais e a Dirección Xeral de Promoción do Emprego poderán comprobar, en todo momento, a aplicación das subvencións concedidas para os fins programados. Para estes efectos os beneficiarios deberán cumprir as obrigas de comprobación que se establezan nesta orde e na resolución de concesión.

Disposicións adicionais

Primeira.-Sen prexuízo das facultades que teñan atribuídas outros órganos da Administración do Estado ou da comunidade autónoma, a Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais levará a cabo funcións de control, así como de avaliación e seguimento dos programas.

Para realizar as ditas funcións poderanse utilizar cantos medios estean ao dispor da Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais para comprobar o cumprimento dos requisitos exixidos nesta orde e demais normas vixentes que resulten de aplicación.

Segunda.-A Consellería de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais poderá requirir en todo momento a documentación orixinal que se considere necesaria para acreditar mellor o exacto cumprimento das condicións exixidas nos diferentes programas desta orde, agás aquela que de acordo co artigo 35 f) da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, xa se atopen en poder da Administración actuante.

Terceira.-Apróbase a delegación de atribucións da conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e Relacións Laborais nos delegados/as provinciais, no ámbito das súas respectivas provincias, para resolver a concesión ou denegación das axudas e subvencións previstas nesta orde, así como para autorizar, dispor, recoñecer a obriga e propor os correspondentes pagamentos.

Cuarta.-A comprobación da condición de beneficiario do Programa Labora: Xuventude con Experiencia será realizado directamente polo órgano xestor das axudas.

Quinta.-Para os efectos do sinalado no artigo 6º.3 desta orde, terán a consideración de traballadores desempregados procedentes de empresas en crise aqueles traballadores cuxa relación laboral se extinga por algunha das causas sinaladas nos artigos 51 e 52 c) do Estatuto dos traballadores.

Para os efectos do sinalado no artigo 6º.4 desta orde, terá a consideración dunha muller titular dunha familia monoparental e con cargas familiares, aquela muller solteira, viúva, separada ou divorciada que teña ao seu coidado fillos menores de 21 anos ou maiores incapacitados que non obteñan ingresos de calquera natureza superiores ao 75% do salario mínimo interprofesional vixente no momento da solicitude.

Para os efectos do sinalado no artigo 6º.6 desta orde, para computar o número de habitantes dos concellos galegos, tomaranse como referencia as cifras de poboación referidas ao 1 de xaneiro de 2004, resultantes da revisión do padrón municipal, publicadas polo Instituto Nacional de Estatística e declaradas oficiais mediante o Real decreto 2348/2004, do 23 de decembro.

Sexta.-A concesión das axudas e subvencións previstas nesta orde estará suxeita á existencia de crédito orzamentario.

O pagamento das axudas e subvencións reguladas nesta orde financiaranse con cargo aos créditos da aplicación orzamentaria que, mediante disposición complementaria, se determinen anualmente, logo da aprobación dos orzamentos xerais da Comunidade Autónoma para o exercicio correspondente.

Sétima.-No exercicio económico 2005, as axudas recollidas nos anexos desta orde, entre outras, financiaranse con cargo ás aplicacións orzamentarias 16.02.241A.470.1, código de proxecto 2003 00450, cun crédito de 4.503.282 euros; 16.02.241A.470.2, código de proxecto 2002 14439, cun crédito de 3.142.692 euros e 16.02.241A.470.3, código de proxecto 2002 14823, cun crédito de 6.300.000 euros, 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00358, cun crédito de 4.000.000 euros, 16.02.241A.470.4 código de proxecto 2005 00361, cun crédito de 10.000.000 euros, 16.02.241A.470.4, código de proxecto 2005 00362, cun crédito de 5.000.000 euros, 16.02.241B.470.0, código de proxecto 2002 14108, cun crédito de 544.581 euros, 16.02.241V.470.2, código de proxecto 2002 14439, cun crédito de 2.000.000 euros. Estas contías están recollidas na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, e constitúen o importe global das aplicacións para o financiamento

desta orde, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas a empresarios sen asalariados pola contratación do seu primeiro traballador fixo cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de fomento do emprego en cooperativas e socie

dades laborais e á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do programa de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas de emprego de base tecnolóxica (IEBT), cofinanciado polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras do réxime de axudas e subvencións ás empresas cualificadas como iniciativas locais de emprego (ILE) ou como iniciativas de emprego rural (IER), cofinanciadas polo Fondo Social Europeo, e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, da orde pola que se establecen as bases reguladoras dos programas para o fomento da estabilidade no emprego, cofinanciados polo Fondo Social Europeo e se procede á súa convocatoria para o ano 2005, e das demais ordes que establezan as bases das medidas de promoción do emprego, incentivos á contratación por conta allea e actuacións de apoio a emprendedores, autoemprego e economía social, incluídas

nos programas orzamentarios 241A, 241B e 241V.

Así mesmo, os créditos consignados nesta orde poderán ser obxecto de modificacións como consecuencia da asignación ou da redistribución de fondos para o financiamento dos programas de fomento do emprego, coas limitacións que estableza a Conferencia Sectorial de Asuntos Laborais ou polas disposicións aplicables ás axudas cofinanciadas polo Fondo Social Europeo.

Disposicións transitorias

Primeira.-As solicitudes de axudas realizadas ao abeiro das ordes de convocatoria correspondentes aos exercicios anteriores, que quedasen pendentes no momento da entrada en vigor desta norma, e sempre que reunisen e observasen os prazos e condicións establecidos nelas, e/ou se é o caso, realizasen o investimento obxecto da axuda, poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios destinados para o dito fin para o ano 2005, en función da normativa que lles era de aplicación no momento de presentación da solicitude.

Segunda.-As axudas e subvencións recollidas na Orde do 12 de marzo de 2004, polas altas realizadas con anterioridade á data de entrada en vigor da presente orde, solicitaranse respectando os prazos, requisitos e condicións establecidos nesa orde, e poderán ser atendidas con cargo aos créditos orzamentarios que financian esta orde.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase o director xeral de Promoción do Emprego para que dite, no ámbito das súas competencias, as resolucións e instrucións necesarias para o desenvolvemento e cumprimento desta orde.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 15 de marzo de 2005.

Belén Prado Sanjurjo

Conselleira de Asuntos Sociais, Emprego e

Relacións Laborais