DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.624

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE PESCA E ASUNTOS MARÍTIMOS

ORDE do 14 de marzo de 2005 pola que se regula a concesión de axudas para o desenvolvemento nas zonas dependentes da pesca de pequenas empresas de servizos, turísticas e artesanais de actividades produtivas vinculadas ao mar.

As políticas de pesca responsable implican, á vez que a protección dos recursos, a busca de alternativas á redución das frotas e da actividade pesqueira. Nas zonas dependentes da pesca esta afecta, non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que supón de abandono dunha cultura e un saber facer que se acumulou ao longo de anos de experiencia.

Evitar esta perda ou, polo menos, minimizala, precisa que se xeren novas actividades vinculadas ao mar que axuden a soster estas comunidades e, polo tanto, a manter unha masa crítica suficiente de poboación portadora da cultura mariñeira. Estas deben, ademais, xerarse fóra da pesca extractiva e ligarse á diversificación das actividades económicas na comunidade desenvolvendo recursos endóxenos.

As limitacións das frotas e da actividade pesqueira teñen unha grande incidencia naquelas zonas altamente dependentes da pesca, non só polo que ten de diminución da actividade económica, senón polo que se refire ás esperanzas das poboacións afectadas que parecen verse abocadas a un futuro sen saída. Paliar isto precisa de accións de apoio ao desenvolvemento de novas actividades que se apoien nos recursos locais de calquera tipo con prioridade ás que se sustentan na actividade pesqueira ou a apoian coa prestación de servizos e ás vinculadas ao mar.

Por outra banda a diversificación de actividades nas zonas dependentes da pesca precisa fomentar

a xeración de novas empresas fóra do sector pesqueiro. Dentro destas, as actividades dirixidas ao lecer e ao turismo teñen grandes posibilidades, tendo en conta as características do noso litoral, onde se encontran moi pouco desenvolvidas, máis aínda se temos en conta o amplo pulo que nos últimos anos tivo o turismo rural.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ten entre os seus programas de actuación o apoio ao desenvolvemento endóxeno das zonas dependentes da pesca a través de axudas á creación ou desenvolvemento de pequenas empresas artesanais ou de servizos ligadas ao desenvolvemento dos recursos locais e vinculadas ao sector do mar, ben sexa pola orixe das súas materias primas, polo obxecto das actividades que realiza, ou pola vinculación dos seus membros ás poboacións mariñeiras. O mantemento destas actuacións no ano 2005 é necesario ao ser unha ferramenta de apoio ao desenvolvemento pesqueiro a través das actuacións da Axencia de Desenvolvemento do Litoral, polo que a concesión desta axudas vincúlase ás actuacións promovidas por ela a través das actividades de formación e de fomento.

No orzamento da comunidade autónoma para o ano 2005 inclúese unha liña de apoio á creación ou desenvolvemento deste tipo de empresas, que é conveniente desenvolver tendo en conta a situación de moitas das nosas comunidades mariñeiras e vinculalas a procesos de formación de mozos e ás empresas de economía social.

Polo exposto,

RESOLVE:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convocar axudas ao desenvolvemento nas zonas dependentes da pesca de pequenas empresas de servizos, turísticas e artesanais de actividades produtivas vinculadas ao mar conforme as normas contidas nesta orde, garantindo os preceptos legais de igualdade, concorrencia e publicidade. O réxime de axudas previsto na seguinte orde axústase aos requisitos previstos no Regulamento (C.E.) 70/2001 da Comisión, do 12 de xaneiro de 2001, modificado polo Regulamento (CE) 364/2004 da Comisión, do 25 de febreiro de 2004.

As axudas concederanse con cargo ás partidas orzamentarias 12.04.770.1 e 12.04.770.2 do programa 612.B «Promoción cooperativa e social e divulgación da tecnoloxía pesqueira» do orzamento da Comunidade Autónoma de Galicia para 2005 por un importe máximo de 100.000 euros cada unha.

Artigo 2º.-Actuacións elixibles.

As actuacións que poderán acollerse a estas axudas serán aquelas que teñan por finalidade:

1. A construción de novas instalacións ou a modernización das existentes cando implique a instalación de novos equipamentos e/ou maquinaria e non supoñan a reposición do existente, cando a finalidade delas sexa a prevista no artigo 3º.1

2. A construción de novas instalacións, tanto en terra como no mar, e o seu equipamento ou a moder

nización das existentes cando implique a instalación de novos equipamentos e/ou maquinaria e non supoñan a reposición do existente, cando a finalidade delas sexa a prevista no artigo 3º punto 2, agás as que teñan carácter portuario, as de carácter hostaleiro, tanto os de aloxamento como os de restauración e a adquisición de embarcacións cando non sexan de transporte colectivo e uso específico para a actividade auxiliada.

3. A adquisición e instalación de maquinaria e equipamentos novos necesarios para o desenvolvemento da actividade e non supoñan a reposición do existente.

4. A adquisición de vehículos novos de uso industrial adaptados cando sexan o soporte para o desenvolvemento da actividade ou imprescindibles no proceso produtivo.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

Poderán ser beneficiarios das axudas as persoas físicas ou xurídicas legalmente constituídas en empresas que cumpran os requisitos desta orde e representen microempresas (definición segundo a Recomendación 2003/361/CE da Comisión Europea, do 6 de maio de 2003, DOCE do 20 de maio) que non teñan máis de 10 traballadores, cun volume de negocios non superior a 2 millóns de euros e cumpran o criterio de independencia fixado na dita recomendación, cando:

1. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades de servizos que sexan auxiliares ou complementarias das actividades pesqueiras ou da transformación dos produtos da pesca ou de actividades de mantemento destas, sempre e cando non sexan auxiliables polas liñas de apoio do IFOP.

2. Teñan como fin o desenvolvemento de actividades ou a prestación de servizos de tipo turístico, cultural ou de lecer vinculadas ao mar, agás as de formación.

3. Teñan como fin a realización de actividades artesanais e sempre que estean constituídas por mulleres ou mozos de comunidades pescadoras, que teñan participado en cursos de formación orientados a este tipo de actividade, impartidos ou controlados por unha Administración pública, realizados con posterioridade ao 1-1-2003.

Todos os beneficiarios relacionados anteriormente deberán ter, segundo corresponda, ben o seu domicilio social, ou ben delegacións permanentes, no ámbito territorial da Comunidade Autónoma de Galicia, ou comprometerse a abrilas no caso de concesión da axuda.

Deberá acreditarse o cumprimento de todos estes requisitos no momento da finalización da presentación das solicitudes.

Só poderá presentarse unha solicitude de axuda por beneficiario e finalidade.

Artigo 4º.-Contía e límites da axuda.

As axudas concederanse en relación coas cantidades solicitadas e nas contías que permitan as dispoñibilidades orzamentarias e co límite máximo do 40% do importe elixible, segundo o proxecto pre

sentado para a solicitude da axuda e cunha contía máxima de 90.000 euros. Nos investimentos acollidos á finalidade do artigo 2º.2, se o obxecto do investimento inclúe a recuperación de bens patrimoniais de carácter cultural ou histórico, a contía da axuda poderá acadar ata o 60% do investido na recuperación do dito ben. Neste caso, e de non existir declaración expresa do seu carácter cultural ou histórico, o seu ano de construción deberán ser anterior a 1965.

Artigo 5º.-Compatibilidade da axuda.

A percepción desta axuda poderá ser compatible con calquera outra que concedan as diversas administracións públicas para a mesma finalidade, sempre que o seu conxunto non supere a limitación establecida no artigo 4º desta orde. No caso de que fosen superadas estas limitacións, a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos minorará o importe da axuda concedida ata alcanzar o máximo porcentual permitido.

Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención e en todo caso a obtención concorrente de subvencións ou axudas outorgadas por outras administracións ou entes públicos ou privados, nacionais ou internacionais, agás o establecido no parágrafo anterior poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Artigo 6º.-Presentación das solicitudes.

As solicitudes axustaranse ao modelo que figura como anexo I desta orde, debendo ser presentadas no rexistro central da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos ou en calquera dos rexistros das súas delegacións territoriais, ou por calquera dos medios establecidos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Artigo 7º.-Prazo de presentación de solicitudes.

O prazo para a presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados a partir do seguinte ao da publicación desta orde

Artigo 8º.-Documentación.

Xunto coa solicitude deberá presentarse a seguinte documentación:

1. Fotocopia compulsada do DNI do solicitante.

2. Ademais:

a) Fotocopia compulsada dos estatutos da persoa xurídica ou sociedade.

b) Certificación do órgano competente en que se especifique o acordo polo que se concede autorización para facer a solicitude o asinante dela. Se actuase en virtude de atribucións fixadas nos estatutos, indicarase así na solicitude, citando a disposición que recolle a competencia.

c) Certificación do órgano competente en que se acredite o desempeño actual do cargo.

3. Fotocopia do código de identificación fiscal, ou NIF, segundo se trate de persoas xurídicas ou físicas.

4. Certificación bancaria onde conste o titular, o número de conta e as claves do banco e da sucursal,

así como o enderezo desta, para efectos do pagamento da axuda.

5. Memoria descritiva do obxecto do investimento, onde conste cales son os investimentos que se van realizar ou os bens que se van adquirir, o seu importe por unidade e o global, xustificados con proxecto técnico, orzamentos ou facturas proforma, a súa localización e características principais e a súa xustificación; relación das actividades que xa realiza ou proxecta realizar a empresa, da función que dentro delas vai realizar a nova infraestrutura, relación con outras actividades propias ou da zona, impacto económico e social que representa, postos de traballo fixos e temporais que crea e outras que se consideren de interese.

6. Proxecto técnico (se é necesario) de realización da infraestrutura ou equipamento, indicando características físicas e xeométricas das distintas instalacións, planos e orzamento de execución, asinado por técnico competente segundo corresponda.

7. Memoria económica que recolla os seguintes aspectos:

a) Plan económico e estudo de viabilidade indicando a parte que corresponde a recursos propios da entidade solicitante e cal a axudas percibidas ou solicitadas para o mesmo fin procedentes de calquera Administración estatal, autonómica, local ou institucional, resultados esperados, amortización do investimento, etc.

b) Calendario de investimentos e plan de financiamento por anos.

Os datos desta memoria económica deberán trasladarse aos modelos dos anexos II e IV, sen que cubrir estes impresos substitúa a presentación da memoria explicativa e extensa de avaliación económica do investimento.

8. Declaración de calquera tipo de axuda xa solicitada ou concedida ou que se pretenda solicitar a calquera Administración pública destinada a subvencionar en todo ou en parte o proxecto presentado para acollerse a esta orde, segundo o modelo do anexo III.

9. Declaración que faga fe de estar ao día nas obrigas fiscais e tributarias e de non ter débedas coa Xunta de Galicia segundo o modelo do anexo III.

10. Acreditación de que o solicitante está en posesión das autorizacións e permisos necesarios para a realización da actividade e o investimento. En calquera caso será necesaria a súa presentación para o pagamento da axuda.

11. Certificado de non inicio da realización do investimento para o cal se solicita a axuda no momento da solicitude, expedida polo técnico redactor do proxecto. De non ser necesario proxecto, declaración que faga fe desta circunstancia asinada polo solicitante cando se trate de adquisición de bens ou equipos, ou solicitude para a súa realización por persoal da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos cando se trate de instalacións fixas.

12. Acreditación dos datos rexistrais da empresa ou entidade (escrituras, poderes e imposto de actividades económicas ou equivalentes), se é o caso.

Artigo 9º.-Tramitación e resolución.

Unha vez recibidas as instancias e a documentación, estas serán examinadas pola Sección de Formación e Investigación Pesqueira da delegación territorial correspondente da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a cal, se observase algunha deficiencia, concederá ao solicitante un prazo de 10 días para emendala consonte o artigo 71 da Lei 30/1992, modificada pola Lei 4/1999. Transcorrido este prazo sen que se producise a emenda, terase por desistido da súa petición, logo da súa resolución.

No seu estudo e valoración elaborará un informe de viabilidade e interese para a zona onde se realice o investimento, solicitará a ampliación de datos ou outros informes que considere necesarios, así como tamén efectuará as comprobacións pertinentes; seguidamente formulará a proposta de resolución favorable ou denegatoria de cada solicitude ao conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos na contía que se considere oportuna en función das dispoñibilidades do crédito existente.

O conselleiro ditará resolución de concesión ou denegación da axuda solicitada, tendo en conta as prioridades e limitacións establecidas nesta disposición, no prazo máximo de catro meses contados desde o inicio do prazo para a presentación de solicitudes. No caso de non recaer resolución expresa de concesión, a solicitude quedará desestimada. Contra a dita resolución, que pon fin á vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da súa notificación e segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, ou recurso contencioso-administrativo ante o órgano xurisdicional contencioso administrativo competente no prazo de dous meses, contados a partir do día seguinte ao da notificación da resolución, de conformidade co disposto na Lei 29/1998, do 13 de xullo, reguladora da xurisdición

contencioso-administrativa.

Consonte o establecido no artigo 78.3º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa, deléganse nos delegados territoriais correspondentes a resolución destas axudas.

Artigo 10º.-Criterios obxectivos de prioridade.

Os criterios de baremación que se terán en conta para a concesión das axudas en orde de prioridade descendente son os seguintes:

a) Tipo de empresa. Ata 5 puntos. Para a valoración desta alínea terase en conta:

a.1. Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas formadas por mulleres ou xente nova sobre o resto de peticionarios.

a.2. Terán preferencia as solicitudes presentadas por empresas de economía social e autónomos sobre o resto de peticionarios.

b) Finalidade da empresa. Ata 5 puntos.Para a valoración desta alínea terase en conta:

b.1. Terán preferencia as solicitudes presentadas para empresas de servizos sobre as demais.

c) Localización da empresa. Ata 5 puntos.Para a valoración desta alínea terase en conta:

c.1. Terán preferencia as empresas que se instalen en concellos costeiros dependentes da pesca e menores de 5.000 habitantes en primeiro lugar, menores de 10.000 habitantes en segundo lugar e menores de 20.000 en terceiro lugar.

d) Creación de emprego. Ata 5 puntos. Para a valoración desta alínea terase en conta:

d.1. Terán preferencia as solicitudes que xeren máis empregos fixos por investimento realizado, no primeiro e segundo ano de funcionamento, sobre o resto.

d.2. Terán preferencia as solicitudes que xeren máis emprego temporal por investimento realizado no primeiro e segundo ano de funcionamento.

e) Outros aspectos. Ata 3 puntos. Para a valoración deste apartado terase en conta:

A actividade inducida polo investimento, a innovación da actividade obxecto da axuda e o interese para a zona onde se vaia realizar.

Artigo 11º.-Prazo de realización.

O prazo en que debe ser realizada a actividade axudada será fixado na resolución de concesión de axuda, sen que en ningún caso poida exceder do 15 de setembro do ano 2005.

Cando o beneficiario considere que non pode rematar o proxecto dentro do prazo sinalado, antes de rematar este poderá solicitar unha prórroga, expondo as razóns polas que non pode cumprir co devandito prazo e presentando unha pequena memoria onde se especifique o grao de realización da actividade axudada.

O delegado territorial ditará resolución pola cal se aprobe ou denegue a prórroga solicitada; no caso de que sexa aprobada, non poderá exceder do 15 de decembro de 2005.

O incumprimento do prazo de execución dará lugar á revogación da concesión da axuda.

Artigo 12º.-Control das actividades obxecto das axudas.

Os beneficiarios das axudas quedarán suxeitos tanto ás actuacións de comprobación que acorde a Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos como ás de control financeiro que lle correspondan á Intervención Xeral da Comunidade Autónoma e ás previstas na lexislación do Consello de Contas e do Tribunal de Contas. É obriga do beneficiario facilitar toda a información que lle requiran estes organismos para as súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

A Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos a través, da correspondente delegación territorial e da Sección de Formación e Investigación Pesqueira, realizará o seguimento e apoio do investimento auxiliado, e reserva para si a facultade de realizar as comprobacións, inspeccións e controis que considere oportunos, verificando o cumprimento da finalidade da axuda. Para tal fin, o beneficiario deberá comunicar por escrito o inicio do investimento obxecto da axuda con prazo suficiente para poder efectuar as comprobacións que se estimen necesarias.

No suposto de que, unha vez notificada a resolución de concesión, houbese algunha variación no calendario, nos prazos de execución do investimento sinalado na memoria de solicitude, ou en calquera outro aspecto, será comunicada á correspondente delegación territorial coa antelación suficiente para que poida realizar as comprobacións que considere necesarias, para os efectos de aprobar ou denegar a devandita modificación.

A delegación territorial establecerá as medidas necesarias para efectos de facer a comprobación efectiva da realización das finalidades obxecto da axuda.

Artigo 13º.-Pagamento das axudas.

Finalizada a execución do proxecto no prazo sinalado, ou no que resultase como consecuencia da prórroga concedida, a entidade beneficiaria deberá presentar á correspondente delegación territorial dentro do prazo dun mes, a seguinte documentación:

a) Facturas xustificativas dos gastos realizados en copia orixinal ou fotocopia compulsada, xunto cos documentos bancarios xustificativos do seu aboamento, e unha relación delas cos importes agrupados polos conceptos que se describiron na memoria de solicitude.

b) Declaración en que se expresen as axudas solicitadas, concedidas ou percibidas para o mesmo fin por calquera outra Administración ou ente público.

c) Memoria sinxela da realización do investimento onde se indiquen as incidencias habidas na súa execución.

d) Certificación de estar ao día nas obrigas fiscais e tributarias expedidas pola Axencia Tributaria e a Tesouraría da Seguridade Social segundo corresponda.

e) Certificación de non ter débedas coa Xunta de Galicia expedido pola Consellería de Economía e Facenda.

A delegación territorial certificará a execución completa do investimento obxecto da axuda despois de realizar as comprobacións oportunas.

Artigo 14º.-Pagamentos parciais e anticipos.

Os beneficiarios poderán solicitar pagamentos parciais, ata un máximo do 80% da axuda concedida. O seu aboamento farase logo de solicitude polo beneficiario nas condicións establecidas nos artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, debendo presentar a xustificación dos gastos rea

lizados e aboados, segundo o estipulado no artigo 13º desta orde.

O resto da axuda librarase unha vez rematado o investimento, segundo o disposto no artigo anterior. No caso de non rematar o investimento, o beneficiario está obrigado a reintegrar as cantidades recibidas con carácter de pagamentos parciais.

O beneficiario poderá solicitar un anticipo á conta da axuda concedida nos termos e condicións establecidos nos artigos 16.2º e 17 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia.

Artigo 15º.-Mantemento da actividade e obriga de reintegro.

O beneficiario comprométese a manter aberta e en funcionamento a instalación obxecto da axuda por un período mínimo de cinco (5) anos contados a partir da data de xustificación da finalización do investimento.

O beneficiario que incumpra as condicións de concesión da axuda, incluído o compromiso de mantemento da actividade, está obrigado a reintegrar o importe total ou parcial da axuda percibida, segundo corresponda, consonte o establecido no artigo 78.9º da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada polo artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 16º.-Infraccións e sancións.

As actuacións dos beneficiarios en relación coas axudas obxecto desta orde están sometidas ao réxime de infraccións e sancións do artigo 79 da Lei de réxime financeiro e orzamentario, texto refundido aprobado polo Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, segundo a modificación realizada pola artigo 6 da Lei 8/1999, de medidas fiscais e orzamentarias e de función pública e actuación administrativa.

Artigo 17º.-Obrigas de información.

En toda a documentación pública relacionada co investimento obxecto da axuda se fará constar que estas se realizarán cunha axuda da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Facúltase a Dirección Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro para ditar as resolucións necesarias para o desenvolvemento desta disposición.

Segunda.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 14 de marzo de 2005.

Enrique César López Veiga

Conselleiro de Pesca e Asuntos Marítimos

Directora Xeral de Innovación e Desenvolvemento Pesqueiro. Delegado/as Territoriais da Consellería de Pesca e Asuntos Marítimos na Coruña, Lugo e Pontevedra.