DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.615

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de marzo de 2005 pola que se aproban as bases que rexerán o concurso público de axudas ao estudo e accións de apoio económico aos estudantes universitarios, e se anuncia a súa convocatoria, correspondente ao curso académico 2004-2005.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 xaneiro e DOG do 17 de febreiro de 1988) transferiulle á comunidade autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola comunidade autónoma e asignadas á Consellería de Educación no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril). A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do Sistema Universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade da Coruña, a de Santiago de Compostela e a de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, a través da Dirección Xeral de Universidades, está a levar adiante unha política de asistencia económica aos estudantes que queda concretada en diversas accións, co obxecto de favorecer, dentro das limitacións orzamentarias, a calidade, a competencia, a igualdade de oportunidades e a excelencia no rendemento académico.

Por esta orde, procédese a convocar as accións referentes á mobilidade estudantil, a favorecer novas oportunidades de formación e á incentivación do rendemento escolar.

Cómpre subliñar que estas accións non son incompatibles coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral, convocadas polo MEC. Como accións complementarias que son cobren un ámbito de actuación común coas convocatorias de carácter nacional e un ámbito propio que, nalgúns casos e polas súas propias bases, permiten aumentar a cantidade da axuda que recibe o solicitante por parte do MEC.

Estas accións son incompatibles, agás coas bolsas e axudas ao estudo de carácter xeral convocadas polo MEC, con calquera outra destinada a ese mesmo fin por algunha das administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas ao estudo para accións de apoio económico aos estudantes universitarios matriculados nunha das tres universidades galegas durante o curso 2004/2005, así como para os estudantes con residencia en Galicia pero que cursen estudos

de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia e no territorio español nos supostos recollidos nesta convocatoria:

1. Axudas a estudantes das universidades galegas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico, (anexo I).

2. Axudas a estudantes con residencia en Galicia, pero que realizan estudos de carácter oficial e validez nacional nas universidades públicas de fóra de Galicia, (anexo II).

3. Financiamento de viaxes para estadías nalgún estado membro da Unión Europea co obxecto de coñecer a lingua dese país, (anexo III).

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión das axudas convocadas nesta orde existe crédito adecuado e suficiente nos orzamentos da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005, na aplicación orzamentaria 07.05.322C.480.2, cunha contía de 227.069 A.

Para as accións convocadas nos anexos I ao III, destinaranse as seguintes cantidades:

-9.015 A para o anexo I.

-93.303 A para o anexo II.

-124.751 A para o anexo III.

As cantidades antes citadas poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias, ou, se non se cobren as expectativas de distribución en función das solicitudes, ser redistribuídas entre calquera das outras accións.

Artigo 3º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o curso académico 2004-2005.

Artigo 4º.-Solicitudes.

1. As solicitudes, segundo os modelos oficiais (que se publican como anexos a esta orde) asinadas polo interesado, pais ou titores legais, e ao seu dispor nas dependencias da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, e no enderezo da internet http://www.edu.xunta.es presentaranse, xunto coa documentación correspondente, no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais ou ben en calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, do 13 de xaneiro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo presentarase en sobre aberto para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

As solicitudes e documentación correspondente remitiranse a:

Consellería de Educación e Ordenación Universitaria

Dirección Xeral de Universidades

Servizo de Apoio e Orientación dos Estudantes Universitarios

Edf. Administrativo San Caetano, s/n

15781 Santiago de Compostela

A Coruña

2. O prazo de presentación de solicitudes será de 40 días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta orde no DOG.

Artigo 5º.-Tramitación.

Unha vez comprobado que todas as solicitudes presentadas reúnen os requisitos establecidos nesta orde, procederase a facer pública a relación provisional de admitidos e excluídos, sinalando no caso destes últimos o motivo de exclusión.

Estas listas provisionais de admitidos e excluídos estarán expostas desde o día 20 ao 30 de maio 2005 (ambos os dous incluídos) no taboleiro de anuncios da Dirección Xeral de Universidades, no enderezo da internet (http://www.edu.xunta.es) da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria, nas súas delegacións provinciais e nos vicerreitorías de estudantes das tres universidades galegas.

Os interesados poderán, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións e emendar erros e faltas de documentos ante a Dirección Xeral de Universidades presentando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión considerarase que o interesado desiste da súa petición, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992.

Artigo 6º.-Comisión avaliadora.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión avaliadora integrada por:

Presidente:

O director xeral de Universidades ou, por delegación o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

Vicerreitor de Estudantes da Universidade da Coruña.

Vicerreitora de Estudantes e Relacións Institucionais da Universidade de Santiago de Compostela.

Vicerreitor de Extensión Universitaria e Estudantes da Universidade de Vigo.

Un funcionario do Servizo de Apoio e Orientación aos Estudantes Universitarios.

Secretario:

Un funcionario da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

Artigo 7º.-Selección.

A selección dos beneficiarios realizarase en función dos criterios fixados en cada anexo.

1. Para os efectos de selección, a valoración da nota media do expediente académico calcularase de acordo co seguinte baremo:

-Matrícula de honra: 4 puntos.

-Sobresaliente: 3 puntos.

-Notable: 2 puntos.

-Aprobado: 1 punto.

-Suspenso: 0 puntos.

No caso de expedientes con cualificacións non numéricas ou numéricas establecidas no rango 0-10, estas cualificacións trasladaranse ao baremo anterior segundo o seguinte criterio de conversión:

Cualificación ' 4,9: suspenso: 0 puntos.

Cualificación entre 5,0 e 6,9: aprobado: 1 punto.

Cualificación entre 7,0 e 8,9: notable: 2 puntos.

Cualificación entre 9,0 e 10,0: sobresaliente: 3 puntos.

Cualificación entre 9 e 10 e consignación de matrícula de honra: 4 puntos.

2. Segundo o plan de estudos que se cursase, esta nota media calcularase do modo que segue:

a) Estudos non organizados por créditos:

Multiplicaranse as cualificacións de cada materia, establecidas segundo o disposto no punto 1 anterior, por 2 se se trata de materias anuais ou do proxecto fin de carreira, e por 1 se se trata de materias cuadrimestrais. De seguido, a suma de todos eses produtos dividirase entre a suma dos produtos do número de convocatorias de cada materia por 2 se se trata de materias anuais ou, de ser o caso, do proxecto fin de carreira, e por 1 se se trata de materias cuadrimestrais.

b) Plans de estudos estruturados por créditos:

Media = (N1.P1+N2.P2+...)/(C1.N1+C2.N2+...)

Onde:

N1= número de créditos de cada materia.

P1= puntuación de cada materia.

C1= número de convocatorias efectivamente consumidas en cada materia.

Entenderase por convocatorias efectivamente consumidas aquelas realmente empregadas e cualificadas con suspenso, aprobado, notable, sobresaliente, matrícula de honra ou os seus equivalentes numéricos.

As materias validadas ou adaptadas tomaranse como unha convocatoria efectivamente consumida.

Non se terán en conta, para o cálculo da nota media, as materias ou créditos que segundo os plans de estudo só se poidan cualificar como apto, nin o recoñecemento de créditos en que non figure cualificación. Si se terán en conta para os efectos de determinar os créditos necesarios para obter a titulación.

As materias ou créditos validados nos que non se especifique a cualificación obtida tomarán o valor numérico 1.

As notas medias calcularanse cunha aproximación de catro decimais.

Os complementos de formación serán computados do mesmo xeito que as restantes materias.

Artigo 8º.-Resolución.

Efectuada a selección pola comisión, esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un

informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen resolverá. Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente o recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asinado nos orzamentos para este fin, agás o estipulado no artigo 2º.

Segunda.-As solicitudes de axudas para a realización de viaxes culturais de carácter pedagóxico, ás que se refire o artigo 1º e o anexo I desta orde, serán formalizadas polo coordinador ou representante do grupo, nomeado polos demais integrantes da agrupación con poderes abondo para cumprir as obrigas que deriven da aplicación do artigo 78 da Lei financeira e orzamentaria de Galicia ás axudas concedidas.

Terceira.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario ou solicitante, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Toda alteración das condicións que se tiveron en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes algún dos compoñentes non puidesen asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. O dito nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral, ou da universidade correspondente, en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 10 do Decreto 287/2000, do 21 de novembro (DOG do 11 de decembro de 2000), pola que se desenvolve o réxime de axudas e subvencións públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

As solicitudes entenderanse desestimadas de non ditarse resolución expresa no prazo sinalado no parágrafo anterior.

Sexta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal

de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control do destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións necesarias para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e ás do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria

ANEXO I

AXUDAS A ESTUDANTES DAS UNIVERSIDADES GALEGAS PARA A REALIZACIÓN DE VIAXES CULTURAIS DE CARÁCTER PEDAGÓXICO

1. Obxecto e requisitos.

O obxecto desta axuda é o de contribuír ás posibilidades de intercambio cultural e de apertura a outras realidades dos alumnos que como grupo conviven durante os seus estudos universitarios.

Poderán optar a estas axudas os grupos de estudantes universitarios de calquera das tres universidades do Sistema Universitario de Galicia ( Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo) que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculados no derradeiro ou no penúltimo curso dos seus estudos universitarios.

-Ter programada a realización, como grupo de 10 alumnos como mínimo, dunha viaxe conectada realmente cos devanditos estudos.

-Designar un coordinador que será o responsable do obxecto da axuda ante a Administración autonómica.

Non se concederá máis dunha axuda para cada unha das titulacións de carácter oficial e validez nacional existentes en cada facultade, escola universitaria ou escola técnica superior.

Quedan excluídos desta convocatoria os grupos de estudantes que pretendan asistir a congresos, simposios, seminarios ou similares e cursos de verán.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude segundo modelo ED418A, que figura como anexo IV desta orde, asinada polo coordinador do grupo.

b) Breve memoria, asinada polo coordinador, na que conste o obxecto da viaxe e a vinculación real coa titulación estudada, así como a relación nominal e curso no que se atopan matriculados os alumnos participantes.

c) Certificación expedida pola secretaría da facultade, escola técnica superior ou escola universitaria de que os alumnos que compoñen o grupo solicitante están matriculados, no curso 2004-2005, no derradeiro ou no penúltimo ano de carreira.

d) Declaración xurada de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

e) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do coordinador do grupo solicitante, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican o banco, a oficina e o díxito de control.

3. Selección.

A selección farase segundo a memoria que presente o grupo, o número de alumnos e o destino da viaxe, atendendo aos siguintes criterios:

CriteriosContía

Memoria (obxecto da viaxe, vinculación coa titulación).Mínimo: 100 euros.

Máximo: 300 euros.

-Número de alumnos:
)De 10-25 alumnos:)20 euros/alumno.
)Entre 26 e 49 alumnos:)15 euros/ alumno.
)Máis de 50 alumnos:)10 euros por alumno.

-Destino da viaxe:Máximo:
-Viaxes nacionais:200 euros.
-Internacionais:400 euros.

4. Contía.

A contía máxima que se percibirá para viaxe cultural non poderá superar os 1.200 euros destinada a sufragar parte dos gastos do desprazamento ata o lugar de destino.

5. Pagamento.

Para os efectos de cobramento, o coordinador do grupo deberá entregar, antes do 10 de outubro de 2005, a seguinte documentación:

-Declaración xurada do coordinador do grupo do cumprimento das actividades obxecto da concesión.

-Declaración xurada de todas as solicitudes efectuadas ou concedidas para esta finalidade, das distintas administracións públicas competentes.

O coordinador será a persoa responsable ante a Dirección Xeral de Universidades, asinará a solicitude e asumirá todas as responsabilidades do destino da axuda, custodiará a documentación xustificativa dos gastos da viaxe para presentar á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no caso de serlle solicitada.

ANEXO II

AXUDAS A ESTUDANTES CON RESIDENCIA EN GALICIA PERO QUE REALIZAN ESTUDOS DE CARÁCTER OFICIAL E VALIDEZ NACIONAL NAS UNIVERSIDADES PÚBLICAS DE FÓRA DE GALICIA

1. Obxecto e requisitos.

O obxecto desta bolsa é axudar a sufragar parte dos gastos derivados da súa estadía fóra da Comunidade Autónoma de Galicia.

Poderán solicitalas todos os alumnos universitarios con residencia familiar en Galicia, que cursen estudos presenciais de 1º ciclo ou 1º e 2º ciclo en universidades públicas de fóra de Galicia durante o curso 2004-2005, nunha titulación de carácter oficial e validez nacional que non sexa impartida nalgunha das universidades desta comunidade autónoma, ou que veñan cursando eses estudos con continuidade noutra universidade pública de fóra de Galicia desde antes de que se comezase a impartición deles no Sistema Universitario de Galicia.

Quedan excluídos desta convocatoria os alumnos que xa posúan unha titulación universitaria de carácter oficial e validez nacional, excepto que esta sexa unha titulación de 1º ciclo necesaria para continuar estudos de 2º ciclo.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude, segundo modelo ED424A, que figura como anexo V desta orde, asinada polo interesado, pais ou titores legais do solicitante.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Certificado de empadroamento na Comunidade Autónoma de Galicia.

d) Fotocopia compulsada da declaración da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio 2003, ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

e) Certificación académica completa ou copia compulsada dela na que se fará constar a nota media do expediente académico, calculada de acordo co establecido no artigo 7º das bases da convocatoria, número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias.

Os que están cursando estudos de 2º ciclo por accederen desde unha titulación de 1º ciclo deberán enviar ademais a certificación académica dese 1º ciclo.

Os alumnos que acceden o 1º curso dos seus estudos universitarios a través das PAAU (probas de acceso á universidade) deberán presentar o certificado da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG) conforme é considerado apto para o ingreso na universidade. Así mesmo, os titulados de FP II e ciclos formativos de grao superior que soliciten o ingreso nos estudos ou nas titulacións de 1º ciclo, ou de 1º e 2º ciclo, ás que lle dá acceso a súa titulación, deberán presentar unha certificación académica dos cursos realizados incluíndo a nota media.

f) Copia do xustificante de matrícula da universidade de fóra da comunidade autónoma con especificación dos estudos nos que está matriculado no curso 2004-2005.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para a mesma finalidade coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número da conta do cliente e os códigos que identifican ao banco, a oficina, e o díxito de control.

3. Criterios de selección.

A selección realizarase en atención á cualificación obtida polo alumno en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico, que se calculará segundo o establecido no artigo 7º das bases da convocatoria.

4. Contía.

A contía exacta determinarase atendendo aos seguintes criterios:

CriteriosContía

-Expediente académico.300 euros.

-Área xeográfica na que estea situado o centro de estudos.1.262 euros.

-Ingresos familiares. 240 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar.

O importe global da bolsa non poderá superar os 1.803 euros.

5. Pagamento.

As axudas aboaranse na conta bancaria indicada polo interesado, unha vez presentada a declaración complementaria do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

ANEXO III

FINANCIAMENTO DE VIAXES PARA ESTADÍAS NALGÚN ESTADO MEMBRO DA UNIÓN EUROPEA CO OBXECTO DE COÑECER A LINGUA DESE PAÍS

1. Obxecto e requisitos.

O obxecto desta axuda é favorecer a aprendizaxe e o perfeccionamento dun segundo idioma nun país da Unión Europea.

Poderán solicitar estas axudas os alumnos universitarios que cumpran os seguintes requisitos:

-Estar matriculado no curso 2004-2005, en calquera das universidades do Sistema Universitario de Galicia (Universidade da Coruña, Universidade de Santiago de Compostela e Universidade de Vigo), ou nos centros asociados da UNED en Galicia.

-Cursar estudos regrados de carácter oficial e validez nacional de 1º ciclo, de 1º e 2º ciclo ou de 3º ciclo.

-Ter superado no momento de presentación da solicitude, 60 créditos en titulacións de 1º ciclo ou 120 créditos en titulacións de 1º e 2º ciclo. Para estudos de 3º ciclo deberá estar matriculado na etapa de formación.

-Atoparse matriculado, nos plans de estudos estruturados por créditos, polo menos, en 50 créditos, ou os que restan para adquirir a titulación

-Realizar un curso de idiomas en calquera dos estados membros da Unión Europea, cunha duración igual ou superior a 2 semanas.

Quedan excluídos desta convocatoria:

-Os alumnos que durante o curso 2004-2005 estean desfrutando do Programa Sócrates Erasmus, sempre e cando a estadía que pretendan realizar sexa para perfeccionar a mesma lingua na que se está a desenvolver o devandito programa.

-Os alumnos que teñan concedida unha axuda para a mesma finalidade, tanto dun organismo público como privado.

-Os alumnos que xa teñan desfrutado desta axuda na anterior convocatoria.

2. Solicitude e documentación.

a) Solicitude, segundo modelo ED416A, que figura como anexo VI desta orde, asinada polo interesado, pais ou titores legais do solicitante.

b) Copia do DNI do solicitante.

c) Fotocopia compulsada da declaración da renda da unidade familiar correspondente ao exercicio 2003, ou documento acreditativo da axencia tributaria de non estar suxeito á declaración ante Facenda.

d) Certificación académica completa, ou copia compulsada dela, na que se faga constar a nota media do expediente académico, calculada de acordo co artigo 7º das bases da convocatoria, resumo do número de créditos superados segundo a valoración académica, con especificación das convocatorias.

Os que estean cursando estudos de 2º ciclo deberán enviar ademais a certificación do 1º ciclo.

Os alumnos de 3º ciclo que están cursando o 1º ano da etapa de formación deberán presentar certificación académica completa, na que se faga constar o resumo do número de créditos superados segundo a valoración académica da titulación; e os que estean cursando o segundo ano da etapa de formación deberán presentar tamén certificado das cualificacións do 1º ano.

e) Xustificante da matrícula correspondente ao curso 2004/2005.

f) Orixinal ou copia do programa do curso de idiomas ao que desexa asistir, no que deberá figurar o lugar de destino e a súa duración.

g) Declaración xurada do solicitante conforme non percibe ningún outro tipo de bolsa ou axuda de ningunha outra entidade pública para cursos similares obxecto desta orde coa que se entenderá cumprido o mesmo requisito exixido previo ao derradeiro pagamento.

h) Documento facilitado pola entidade bancaria a nome do interesado, no que conste o número de conta do cliente e os códigos que identifican ao banco, a oficina, e o díxito de control.

3. Selección.

A selección realizarase en atención á cualificación obtida polo alumno en orde directamente proporcional á nota media do expediente académico que se calculará segundo o establecido no artigo 7º das bases da convocatoria.

Así mesmo, a comisión elaborará unha lista de suplentes, por orde de puntuación do seu expediente académico, na que figurarán os solicitantes que cumprindo os requisitos exixidos na convocatoria non acadaron un número de orde que lles permita ser adxudicatarios da bolsa.

No suposto de producirse algunha renuncia ou baixa, e tendo en conta o remanente de crédito, procederase a adxudicarlles a bolsa a aqueles solicitantes que figuren na lista de candidatos suplentes elaborada pola comisión e pola orde que nela aparecen, sempre que presenten a documentación xustificativa de ter realizado o curso, sinalada no punto 5 deste anexo, antes do 10 de outubro de 2005.

4. Contía.

A contía exacta determinarase atendendo aos seguintes criterios:

CriteriosContía

-Expediente académico.Máximo: 300 euros.

-Area xeográfica.-Área xeográfica: Dinamarca, Estonia, Finlandia, Suecia, Letonia e Lituania (400 euros).
Área xeográfica B: Alemaña, Austria, Bélxica, Holanda, Chipre, Francia, Grecia, Hungría, Eslovaquia, Eslovenia, Irlanda, Italia, Malta, Polonia, Reino Unido, Rep. Checa e Luxemburgo (300 euros).
-Área xeográfica C: Portugal (180 euros).

CriteriosContía

-Duración da estadía.Máximo: 90 euros/semana.

-Ingresos familiares.Máximo: 240 euros en rendas inferiores a 3.000 euros/membro da unidade familiar.

O importe global da bolsa non poderá superar os 2.043 euros.

5. Pagamento.

Para os efectos do aboamento o interesado deberá entregar, na Dirección Xeral de Universidades, antes do 10 de outubro de 2005, os documentos xustificativos seguintes:

a) Copia compulsada do certificado de asistencia ao curso no que se especifique lugar e datas de realización.

b) Declaración xurada do conxunto das axudas solicitadas, tanto as aprobadas ou concedidas, como as pendentes de resolución para un mesmo proxecto, das distintas administracións públicas competentes ou calquera dos seus organismos, entes ou sociedades.

CONSELLERÍA DE POLÍTICA AGROALIMENTARIA E

DESENVOLVEMENTO RURAL