DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 54 Venres, 18 de marzo de 2005 Páx. 4.612

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CONSELLERÍA DE EDUCACIÓN E ORDENACIÓN UNIVERSITARIA

ORDE do 11 de marzo de 2005 pola que se convocan axudas ás universidades galegas para a organización de congresos, simposios, xornadas e similares que favorezan a proxección universitaria, tanto no ámbito local como no nacional e internacional.

O Estatuto de autonomía de Galicia, no seu artigo 31, establece como competencia plena da Comunidade Autónoma de Galicia a regulación e administración do ensino en toda a súa extensión, niveis e graos, modalidades e especialidades, no ámbito das súas competencias.

O Real decreto 1754/1987, do 18 de decembro (BOE do 19 de xaneiro e DOG do 17 de febreiro de 1988), transferiulle á Comunidade Autónoma competencias en materia de universidades. Estas competencias foron asumidas pola Comunidade Autónoma e asignadas á Consellería de Educación e Ordenación Universitaria no Decreto 62/1988, do 17 de marzo (DOG do 8 de abril).

A Lei 11/1989, do 20 de xullo (DOG do 16 de agosto), de ordenación do sistema universitario de Galicia, determina a constitución do Sistema Universitario de Galicia con tres universidades: a Universidade de Santiago de Compostela, a Universidade da Coruña e a Universidade de Vigo.

A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria pretende continuar, dentro das súas competencias, coa política de axudas a organismos e institucións que organicen actividades de proxección universitaria, por entender que, no desenvolvemento destas actividades, se produce o encontro de recoñecidos e prestixiosos expertos nas cuestións que se tratan. Ademais, o intercambio de ideas e coñecementos que se xera é de utilidade pública, aspecto este que a Xunta de Galicia, como organismo público, debe promover.

Polo que antecede, esta consellería

DISPÓN:

Artigo 1º.-Obxecto.

Convócanse axudas ás universidades galegas para a organización de congresos, simposios, xornadas e similares que favorezan a proxección universitaria, tanto no ámbito local como no nacional e internacional.

Artigo 2º.-Orzamento.

Para a concesión destas axudas, destinarase a cantidade total de 95.851 euros, para o que existe crédito adecuado e suficiente na aplicación orzamentaria 07.05.322C.440.3, de acordo co disposto na Lei 13/2004, do 29 de decembro, de orzamentos xerais da Comunidade Autónoma de Galicia para o ano 2005.

As cantidades antes citadas poderán incrementarse de acordo coas dispoñibilidades orzamentarias.

Artigo 3º.-Beneficiarios.

a) Poderán optar a estas axudas, a través das universidades galegas, os seus centros, departamentos, institutos ou órganos individuais ou colexiados, que realicen actividades que poidan ser obxecto desta axuda na Comunidade Autónoma de Galicia.

b) A suma das axudas concedidas por outros organismos públicos e privados non poderá superar o custo total do montante da organización.

c) As axudas concedidas consideraranse individualmente por proxectos presentados, nunca por universidade solicitante, de tal xeito que cada universidade pode recibir máis dunha axuda segundo o número de proxectos aprobados e subvencionados.

Artigo 4º.-Período.

As actividades que se subvencionan nesta convocatoria serán realizadas durante o período comprendido entre o 1 de xaneiro e o 15 de novembro de 2005.

Artigo 5º.-Solicitudes e prazo de presentación.

a) As solicitudes, segundo o modelo ED431A que se publica como anexo a esta orde, presentaranse no rexistro xeral da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria ou ben en calquera dos centros previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, para a presentación de instancias. Se no uso deste dereito a solicitude é remitida por correo, presentarase en sobre aberto, para que sexa datada e selada polo funcionario de correos antes de que proceda á súa certificación.

b) O prazo de presentación de solicitudes será de corenta días naturais contados desde o día seguinte ao da publicación desta convocatoria no Diario Oficial de Galicia.

Artigo 6º.-Documentación.

Ás solicitudes, segundo o modelo ED431A, deberáselles xuntar a seguinte documentación:

-NIF da universidade.

-Memoria explicativa das actividades que se pretenden realizar, indicando o número de asistentes previstos ou que xa participaron no caso de terse realizado a actividade, ámbito territorial e social destas e relación prevista de conferenciantes invitados.

-Orzamento previsto de gastos e ingresos da actividade.

-Documento no cal se especifiquen as axudas solicitadas ou concedidas por outros organismos públicos ou privados.

-Documento no cal se especifique a axuda que solicita da Dirección Xeral de Universidades.

-Circulares, programas ou trípticos dándolle publicidade ao evento.

-Documento facilitado pola entidade bancaria en que conste o código de conta cliente da universidade correspondente.

Artigo 7º.-Comisión de avaliación.

A selección dos candidatos será realizada por unha comisión de avaliación integrada por:

Presidente:

-O director xeral de Universidades ou, por delegación, o subdirector xeral de Universidades.

Vogais:

-Pola Universidade de Santiago de Compostela, o vicerreitor competente na materia.

-Pola Universidade da Coruña, o vicerreitor competente na materia.

-Pola Universidade de Vigo, o vicerreitor competente na materia.

-Un representante do Servizo de Coordinación do Sistema Universitario.

Secretario:

-Un representante da Dirección Xeral de Universidades, que actuará con voz e voto.

En caso de empate, decidirá o voto de calidade do presidente.

Artigo 8º.-Tramitación e resolución.

a) Os servizos da Dirección Xeral de Universidades comprobarán que todas as solicitudes reúnen os requisitos establecidos nesta orde e exporán a lista de solicitudes admitidas e excluídas sinalando, se é o caso, as causas de exclusión, nos taboleiros de anuncios da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria nas súas delegacións provinciais, nas vicerreitorías de investigación das universidades galegas e na internet no enderezo http://www.edu.xunta.es/portal/index.jsp

Esta lista estará exposta do 6 ao 19 de maio de 2005, podendo os interesados, durante ese mesmo prazo, formular reclamacións para emendar erros e falta de documentos perante a Dirección Xeral de Universidades, achegando, se é o caso, a documentación necesaria. Transcorrido este prazo sen que se emenden as causas de exclusión, considerarase que o interesado desiste da súa petición logo de resolución, nos termos establecidos no artigo 71 da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

b) A comisión avaliadora elaborará a relación de institucións beneficiarias, segundo os criterios de valoración que se detallan a seguir:

-Importancia e interese científico e universitario das actividades propostas no proxecto presentado, con especial valoración dos proxectos con continuidade e que contribúan á proxección universitaria.

-Ámbito territorial do proxecto.

c) Efectuada a selección pola comisión esta elevará, a través da Dirección Xeral de Universidades, un informe-proposta ao conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria, quen emitirá resolución en que figure a relación de beneficiarios e as solicitudes excluídas coas causas de exclusión.

Contra esta resolución, que esgota a vía administrativa, os interesados poderán interpoñer recurso potestativo de reposición perante o conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria no prazo dun mes a partir do día seguinte ao da publicación da resolución no DOG, segundo o disposto nos artigos 116 e 117 da Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de modificación da Lei 30/1992, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, ou ben directamente recurso contencioso-administrativo no prazo de dous meses perante o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia.

Artigo 9º.-Xustificación.

No prazo de 10 días naturais desde o remate da actividade ou desde a publicación da resolución de concesión, no caso de terse celebrado a actividade antes da súa publicación, os beneficiarios deberán presentar, na universidade correspondente, a seguinte documentación xustificativa:

a) Certificación de gastos e ingresos e memoria en que xustifiquen o cumprimento da finalidade e condicións para as que foi concedida a subvención.

b) Certificación do destino que se lle dá á axuda concedida pola Dirección Xeral de Universidades.

c) Declaración complementaria do conxunto das axudas, tanto as aprobadas ou concedidas como as pendentes de resolución.

No prazo de 15 días naturais seguintes á finalización do evento ou desde a publicación da resolución da concesión, no caso de terse realizado a actividade antes da súa publicación, a universidade correspondente, como entidade colaboradora, remitiralle á Dirección Xeral de Universidades certificación do secretario xeral en que conste que a actividade concedida foi realizada e xustificada.

Artigo 10º.-Pagamento.

a) As subvencións concedidas faranse efectivas mediante libramento único e directo ás universidades, logo da completa xustificación polo beneficiario do cumprimento da finalidade e condicións establecidas nesta orde.

b) A universidade como entidade colaboradora asume as obrigas recollidas na Lei de rexime financeiro e orzamentario de Galicia para as entidades colaboradoras, así como as que figuran no artigo 15 do Decreto 287/2000, que se materializará na sinatura do correspondente convenio en que se regularán as condicións e as obrigas asumidas por estas.

Artigo 11º.-Obrigas dos beneficiarios.

a) Os beneficiarios quedarán obrigados a destinar a subvención ao obxecto concreto para o que foi concedida. As universidades deberán comunicarlle á Dirección Xeral de Universidades calquera modificación da actividade. A Dirección Xeral poderá comprobar, cando o considere conveniente, a execución dos proxectos.

b) Os beneficiarios da subvención farán constar en toda a publicidade xerada pola actividade subvencionada que recibiron unha subvención da Consellería de Educación e Ordenación Universitaria,

Dirección Xeral de Universidades, utilizando a normativa da imaxe corporativa da Xunta de Galicia e cumprindo coa normativa vixente exixida para o depósito legal.

Disposicións adicionais

Primeira.-A concesión de axudas reguladas nesta orde terá como límite global o crédito asignado nos orzamentos para este fin.

Segunda.-O incumprimento total ou parcial de calquera das condicións establecidas nesta orde constituirá causa determinante de revogación da axuda e do seu reintegro polo beneficiario, segundo o disposto no artigo 78.10º do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Toda alteración das condicións tidas en conta para a concesión da subvención poderá dar lugar á modificación da resolución de concesión.

Cuarta.-Se por calquera causa, no momento en que a comisión avaliadora teña que examinar as solicitudes, algúns dos compoñentes non puidese asistir, será substituído pola persoa que para o efecto se nomee. Este nomeamento deberá recaer noutra persoa da dirección xeral ou da universidade correspondente en virtude da súa representación.

Quinta.-Para os efectos establecidos no artigo 42.2º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, modificada pola Lei 4/1999 (BOE nº 12, do 14 de xaneiro), de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, e do

Decreto 287/2000, do 21 de novembro, polo que se desenvolve o réxime de axudas públicas da Comunidade Autónoma de Galicia, o prazo máximo para resolver as solicitudes correspondentes ás accións especificadas nesta orde será de seis meses, contados a partir do día seguinte ao da publicación da convocatoria no Diario Oficial de Galicia, producindo efectos desestimatorios a falta de resolución.

Sexta.-Os beneficiarios teñen a obriga de facilitar toda a información que lles sexa requirida pola Intervención Xeral da Comunidade Autónoma, o Tribunal de Contas e o Consello de Contas, no exercicio das súas funcións de fiscalización e control de destino das axudas.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Autorízase o director xeral de Universidades para ditar as disposicións precisas para o desenvolvemento desta orde.

Segunda.-Esta orde adáptase ás normas básicas do texto articulado da Lei 38/2003, do 17 de novembro (BOE do 18 de novembro), xeral de subvencións e as do seu desenvolvemento, igualmente aos artigos 78 e 79 do Decreto lexislativo 1/1999, do 7 de outubro, de acordo coa redacción dada pola Lei 14/2004, do 29 de decembro.

Terceira.-Esta orde entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Santiago de Compostela, 11 de marzo de 2005.

Celso Currás Fernández

Conselleiro de Educación e Ordenación Universitaria