DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 53 Xoves, 17 de marzo de 2005 Páx. 4.528

I. DISPOSICIÓNS XERAIS

CONSELLERÍA DE XUSTIZA, INTERIOR E ADMINISTRACIÓN LOCAL

DECRETO 45/2005, do 4 de marzo, polo que se establecen medidas sobre a utilización de moedas no funcionamento das máquinas recreativas tipo B.

A Lei 14/1985, do 23 de outubro, reguladora de xogos e apostas de Galicia, relativa ao xogo desenvolvido mediante máquinas recreativas e de azar así como a outras actividades relacionadas con el que se realicen no ámbito da nosa comunidade autónoma, inclúe no seu articulado a definición de máquina recreativa e o relativo ao seu réxime de explotación.

Esta materia foi obxecto de desenvolvemento, ao abeiro do disposto na disposición adicional segunda da lei, polo Decreto 106/1998, do 12 de febreiro, polo que se aproba o Regulamento de máquinas recreativas e de azar. Este decreto puxo fin á dispersión normativa orixinada desde o ano 1986, ano en que se aproba o anterior regulamento de máquinas recreativas seguido da aprobación de múltiples disposicións modificativas e complementarias que non facían máis que crear unha situación de inseguridade xurídica.

A implantación do euro como moeda única europea a partir do 1 de xaneiro de 2002 supuxo a desaparición das fraccións monetarias correspondentes a múltiplos de 5 e a instauración dun modelo baseado en múltiplos de 10, unha vez superada a fracción de 5 céntimos. A desaparición das moedas con valor de 25 pesetas é fundamental para un sector no que o precio da partida era precisamente esta fracción. Estes cambios nas fraccións da moeda e a aparición das fraccións de 10 céntimos e 20 céntimos respectivamente determinaron a necesidade de adoptar certos criterios de harmonización normativa. Así mediante Acordo da Conferencia Sectorial do Xogo do 5 de maio de 1999, publicado mediante resolución da Secretaría Xeral Técnica do Ministerio do Interior no Boletín Oficial del Estado, número 160, do 14 de xuño de 1999, adóptanse, entre outros, unha serie de criterios, referidos fundamentalmente a procesos de homologación de máquinas recreativas de tipo B, tales como que o prezo da partida normal

sexa de vinte céntimos ou de corenta céntimos para partidas múltiples ou simultáneas ou como que nos supostos de introducir moedas de cincuenta céntimos, a máquina deba devolver os 10 ou 30 céntimos restantes, segundo se opte por unha partida normal ou unha múltiple ou simultánea.

Non obstante, veuse apreciando que o funcionamento das máquinas de tipo B adaptadas para a súa utilización con moedas fraccionarias de euro soportan constantes problemas técnicos, dado que ao se ter que destinar un dos depósitos internos de moedas para a devolución dos 10 céntimos ademais do de pagamento de premios, estes baléiranse con maior frecuencia da necesaria. Iso supón que a máquina quede bloqueada ao entrar en funcionamento o mecanismo que, nos devanditos casos,

impide que se introduzan novas moedas en canto non se encha novamente o depósito interno de moedas baleiro.

Estes inconvenientes de paralización técnica de máquinas están repercutindo de maneira importante nas recadacións de empresas operadoras, con todo o que iso comporta. Polo tanto, e para lograr paliar os efectos desta situación, faise necesario establecer a axeitada e específica condición de homologación para este tipo de máquinas que solucione na medida do posible, os efectos dos ditos problemas técnicos.

É necesario pór de relevo que o carácter técnico de moitos dos aspectos das materias que son obxecto da normativa xeral de máquinas recreativas exixen que se dea traslado dela a información pública da Comisión Europea pero dada a complexidade da tramitación e a urxencia da situación que determina a necesidade desta norma e tendo en conta, ademais, que está previsto a medio prazo a modificación da normativa de xogo, despois de vinte anos de vixencia, parece oportuno non atrasar a tramitación e proceder á publicación da norma.

Finalmente parece necesario facer unha mención expresa a que esta norma protexe os intereses dos consumidores e usuarios nos termos previstos no artigo 51 da Constitución de 1978 e na normativa galega de consumo, en especial a Lei 12/1984, do 28 de decembro, do Estatuto galego do consumidor e o usuario. Os usuarios antes de introducir moedas para o desenvolvemento do xogo coñecerán por medio dos carteis instalados na parte frontal das máquinas que coa introdución de fraccións de 50 céntimos a máquina non vai dar, como ata agora, cambio ou devolución da citada moeda senón que ofrece unha actividade de xogo. Esta información incide na defensa dos intereses económicos e no dereito á información que teñen todos os consumidores e usuarios.

Na súa virtude, por proposta do conselleiro de Xustiza, Interior e Administración Local, de acordo coa Comisión do Xogo de Galicia, e de acordo co ditame do Consello Consultivo de Galicia, e logo de deliberación do Consello da Xunta de Galicia na súa reunión do día catro de marzo de dous mil cinco,

DISPOÑO:

Artigo único.-Devolución de cantidades sobrantes nas máquinas recreativas de tipo B.

Para os efectos da homologación das máquinas recreativas do tipo B a partir da entrada en vigor deste decreto en materia de cambio teranse en conta os seguintes criterios:

1º Non será obrigatorio que a máquina faga cambios ou devolucións da moeda de 50 céntimos de euro.

2º Cando o xogador empregue este tipo de moeda a máquina permitirá xogar a totalidade do importe introducido sen necesidade de que teña que ser aumentado novamente. A máquina debe permitir que se xogue a totalidade do crédito.

3º Nos casos en que o empresario opte por non facer a devolución automática e permita unha partida específica deberá indicalo expresamente mediante unha placa situada na carcasa da máquina na súa parte frontal.

Disposicións derradeiras

Primeira.-Este decreto entrará en vigor o día seguinte ao da súa publicación no Diario Oficial de Galicia.

Segunda.-En todo o que non estea recollido nesta norma manterase, para a homologación das máquinas B, o previsto na normativa estatal, no convenio de colaboración entre o Ministerio do Interior e a Comunidade Autónoma de Galicia en materia de xogo publicado por Resolución do 16 de novembro de 1998, e nos acordos tomados pola Conferencia Sectorial do Xogo de 5 de maio de 1999.

Santiago de Compostela, catro de marzo de dous mil cinco.

Manuel Fraga Iribarne

Presidente

Jesús C. Palmou Lorenzo

Conselleiro de Xustiza, Interior e Administración

Local

SERVICIO GALEGO DE PROMOCIÓN DA IGUALDADE DO HOME E DA

MULLER.