DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2005 Páx. 4.481

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2005 pola que se ordena a publicación da normativa reguladora do proceso extraordinario de dotación de prazas de axudante vinculadas a necesidades docentes e á calidade investigadora (aprobada por acordo do Consello de Goberno da Universidade da Coruña do 10 de febreiro de 2005).

Normativa reguladora do proceso extraordinario de dotación de prazas de axudante vinculadas a necesidades docentes e á calidade investigadora. (Aprobada por acordo do Consello de Goberno da Universidade da Coruña do 10 de febreiro de 2005).

Unha das premisas imprescindibles da calidade docente e investigadora da nosa universidade é a existencia dun cadro de persoal docente axeitado.

Os orzamentos para o ano 2005 recollen a creación dun total de 20 prazas de profesorado en formación, cunha dupla finalidade: en primeiro lugar, crear prazas de profesorado en formación naquelas áreas que utilizaron conxunturalmente a figura de profesor asociado e soliciten a súa reconversión; en segundo lugar, estimular o traballo daqueles grupos de investigación cuxa produción atinxa cotas de excelencia.

Esta normativa ten por obxecto regular a asignación desas prazas de axudante en condicións de publicidade, transparencia, obxectividade, concorrencia competitiva e non discriminación.

Artigo 1º.-Obxecto.

Esta convocatoria ten por obxecto establecer as bases que van rexer o proceso de asignación de axudantías de nova creación a áreas ou grupos de investigación de calidade.

Artigo 2º.-Modalidades.

Establécense dúas modalidades de asignación:

-Modalidade A, por reconversión de profesores asociados.

-Modalidade B, por excelencia investigadora.

Artigo 3º.-Requisitos das persoas solicitantes.

-Modalidade A.

Poderán solicitar unha axudantía de nova creación aquelas áreas de coñecemento que propoñan a minoración da dedicación de profesores asociados da área. Un 80% da (*)capacidade docente da área deberá estar cuberta con docencia de 1º e 2º ciclo.

Modalidade B.

Poderán solicitar unha axudantía aqueles grupos de investigación da Universidade da Coruña inscritos na OTRI. A área de coñecemento para a que se solicita a praza debe ter cuberto o 70% da súa capacidade docente con docencia de primeiro e segundo ciclo. Cada grupo só poderá solicitar unha praza de axudante.

(*) A capacidade docente dunha área de coñecemento calcúlase multiplicando o número de profesores da área pola dedicación máxima de cada tipo de praza.

Artigo 4º.-Criterios de selección.

Na modalidade A, serán criterios para ponderar na concesión de axudantías:

a) A participación da área en procesos de anovación pedagóxica, especialmente a vinculada ao Espazo Europeo de Educación Superior.

Na modalidade B, serán criterios para ponderar:

a) A media dos sexenios concedidos nos últimos 8 anos aos integrantes do grupo de investigación que reúnan os requisitos para poder solicitalos.

b) Os recursos externos obtidos polo grupo nos últimos 6 anos mediante axudas oficiais, convenios ou contratos de investigación.

Artigo 5º.-Procedemento de concesión.

As solicitudes serán remitidas á reitoría polos departamentos antes do 19 de marzo, mediante instancia formalizada dirixida ao vicerreitor de profesorado e acompañada dunha memoria xustificativa da petición.

Reunidas todas as solicitudes, o vicerreitor comprobará que estas presentan toda a documentación, requirindo en caso contrario a súa reparación nun prazo máximo de dez días. De non se corrixir a falta de documentación, declararase arquivada a solicitude por desistimento da persoas solicitante.

O vicerreitor de profesorado poderá solicitar os informes que considere oportunos para acreditar os requisitos ou méritos alegados.

Unha vez instruídas as solicitudes, remitiranse á COAP e á Comisión de Investigación, que elaborarán a proposta de resolución con base nos criterios que previamente establezan respectando o disposto nesta normativa.

A resolución final será adoptada polo Consello de Goberno.

O reitor convocará os concursos de provisión das prazas no prazo máximo dun mes desde a realización do Consello de Goberno.

A Coruña, 16 de febreiro de 2005.

José María Barja Pérez

Reitor da Universidade da Coruña

CONSELLERÍA DA PRESIDENCIA, RELACIÓNS INSTITUCIONAIS

E ADMINISTRACIÓN PÚBLICA