DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2005 Páx. 4.479

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

UNIVERSIDADE DA CORUÑA

RESOLUCIÓN do 16 de febreiro de 2005 pola que se ordena a publicación do Regulamento para o recoñecemento de grupos de investigación da Universidade da Coruña (aprobado no Consello de Goberno do 10 de febreiro de 2005).

Regulamento para o recoñecemento de grupos de investigación da Universidade da Coruña (aprobado en Consello de Goberno do 10 de febreiro de 2005).

-Introdución.

A LOU menciona os grupos de investigación como un dos niveis en que se organiza a investigación nas universidades. De conformidade co previsto no artigo 56.1º dos estatutos da UDC, resulta conveniente definir que é un grupo de investigación recoñecido pola UDC e elaborar a normativa que estableza a súa creación e composición.

A constitución de grupos de investigación debe acompañarse da elaboración dun censo destes, para coñecer de forma precisa a situación da investigación na UDC e poder establecer unha política científica adecuada, así como para facilitar a difusión da investigación no contorno empresarial e socio-cultural. Os grupos de investigación serán a base sobre a que se elaborará a produción científica da UDC, identificando dentro deles os que teñan a consideración de grupos de excelencia.

Definición de grupo de investigación:

Os grupos de investigación son unidades de investigación que constitúen a estrutura básica para o desenvolvemento da investigación na universidade. Son unidades estables de organización e xestión da actividade investigadora con recursos suficientes que permiten unha actividade investigadora competitiva e continuada, apoiada nunha capacidade de financiamento sustentable.

Os grupos de investigación son o resultado da libre e voluntaria agrupación de investigadores doutores con capacidade plena para o desenvolvemento da actividade investigadora e outro persoal da UDC, por razóns de coincidencia estable nos seus obxectivos, infraestruturas e recursos compartidos, en tor

no a unhas determinadas liñas de investigación, desenvolvemento e innovación.

Poderanse constituír como grupo de investigación os grupos de profesorado e investigadores que, cumprindo os requisitos deste regulamento, solicitasen o seu recoñecemento como tal grupo á Vicerreitoría de Investigación e fosen aprobados polo reitor, logo do informe favorable da Comisión de Investigación.

-Criterios para a constitución dun grupo.

Un grupo de investigación recoñecido pola UDC estará integrado como mínimo por 3 investigadores doutores vinculados á UDC, un dos cales debe ter unha antigüidade mínima de seis anos de doutor. Como índice de estabilidade, sustentabilidade e competitividade, un grupo debe acreditar, conxuntamente, dúas das condicións seguintes:

* Financiamento continuado como IP durante os últimos catro anos con, ao menos, unha participación en proxectos financiados en convocatorias públicas externas á universidade ou dous contratos de I+D por importe superior a 12.000 euros durante o mesmo período.

* 2 sexenios de investigación activos nos membros do grupo (é dicir, obtidos nos últimos sete anos). En caso de non reunir os requisitos para solicitar sexenios, débense acreditar polo menos 5 publicacións de calidade no seu ámbito nos catro últimos anos.

* Dúas teses de doutoramento dirixidas nos seis anos anteriores e, polo menos, outra acreditable en fase de realización.

O grupo non poderá ser un simple agregado de investigadores senón que debe colaborar cun obxectivo científico común. Neste sentido terase en conta: a existencia dunha temática común, de obxectivos específicos similares e/ou complementarios, a utilización de técnicas similares, o aproveitamento dunha infraestrutura común, a coparticipación en proxectos de investigación, a existencia de publicacións mixtas, etc.

Cada grupo deberá ter unha persoa coordinadora, que debe ser PDI doutor do cadro de persoal da UDC, con antigüidade mínima de seis anos de doutor e que acredite actividade investigadora. Ademais da coordinación, exercerá como responsable e representante do equipo investigador.

O grupo é unha estrutura con vocación duradeira. Non é o equipo de investigadores dun proxecto nin obriga a todos os seus membros a participar en todos os proxectos do grupo. Os membros do grupo comprométense a formar parte del por un período de, polo menos, 3 anos desde a data da súa incorporación a este.

Non se pode pertencer a máis dun grupo. Porén, iso non é ningún obstáculo para que un investigador colabore en proxectos con outros grupos, senón máis ben ao contrario: as colaboracións son desexables e signo de interdisciplinariedade.

Membros do grupo:

Poderán formar parte do grupo de investigación:

-Todas as figuras de profesorado e investigadores recollidas na LOU e nos estatutos da universidade, así como as da LRU que se manteñen en vigor de forma transitoria.

-Os investigadores de Ramón y Cajal e Parga Pondal aos que lles reste unha vinculación coa UDC superior a 1 ano.

-Os bolseiros de investigación de calquera entidade pública ou privada sempre que exista unha convocatoria pública e que a duración mínima da bolsa sexa dun ano.

-As persoas contratadas con cargo a proxectos, convenios ou contratos de investigación sempre que a duración do contrato sexa como mínimo dun ano ininterrompido.

-O alumnado de terceiro ciclo en fase de realización da tese de doutoramento, con proxecto de tese aprobado pola Comisión de Doutoramento, e cunha dedicación superior ás 20.00 horas semanais.

Así mesmo, poderán formar parte do grupo de investigación, como colaboradores, docentes e investigadores doutras institucións.

A incorporación aos grupos de investigación faraa:

a) O profesorado e os investigadores por petición propia, co visto e prace do investigador responsable do grupo.

b) As persoas bolseiras e contratadas con cargo a proxectos, contratos ou convenios, no grupo en que se integre o director ou investigador responsable do proxecto ou convenio, por petición deste.

c) O persoal de apoio técnico ou de xestión contratado con cargo a proxectos ou convenios, no grupo en que se integre o director ou investigador responsable do proxecto ou convenio, por petición deste.

Causas de baixa de membros de grupos:

-Que finalice a vinculación da persoa coa UDC.

-Que se produza unha fusión de varios grupos para constituíren un de tamaño superior.

-Que un doutorando membro dun grupo cambiase de director de tese e este pertenza a outro grupo.

-Que se demostre a inexistencia de actividades realizadas dentro do grupo.

Aínda que o coordinador do grupo é o encargado do seu mantemento, se se detectar que unha persoa xa non pertence á UDC será dada de baixa automaticamente.

Se por algunha causa, un grupo deixa de cumprir as condicións requiridas daráselle un período de seis meses, tras os cales, de persistir a situación, se disolverá.

Recoñecemento de grupo de investigación:

O recoñecemento como grupo de investigación, así como a incorporación ou baixa dos seus membros, débese solicitar á Vicerreitoría de Investigación no primeiro trimestre de cada ano, facendo constar a seguinte información:

-Nome do grupo. Debe ser un nome non excesivamente longo e autoexplicativo do campo temático en que traballa o grupo. O nome do grupo non debe entrar en conflito co nome doutro grupo xa existente.

-Membros que o compoñen, xunto coa sinatura de conformidade de cada un deles.

-Ámbito de investigación concreto: ámbito estratéxico da actividade investigadora do grupo, área/s de coñecemento ANEP e área de proxección/interese socioeconómico.

-Liñas de investigación en que traballa. Un grupo pode ter unha ou máis liñas de investigación e cada liña debe ter unha persoa responsable, con título de doutor, e non necesariamente coincidente coa persoa coordinadora do grupo. Pódese ser responsable, como máximo, de dúas liñas de investigación. Os bolseiros quedan excluídos de poderen ser responsables de liñas.

-Recursos de equipamento significativo (se se dispón del), capacidades e resultados. Unha capacidade quere dicir un conxunto de coñecementos ou de técnicas que poden ser empregados para levar a cabo un determinado traballo ou prestar un servizo (as capacidades transfírense normalmente a través de traballos de I+D, de apoio técnico, consultoría ou servizos técnicos). Os resultados refírense a desenvolvementos xa realizados e que poden ter interese para as empresas e normalmente veñen materializados nunha patente, un software, etc.

Disolución:

Os grupos de investigación disolveranse:

a) De se dar de baixa a persoa coordinadora dun grupo e non se propor unha nova, o grupo darase de baixa de forma automática.

b) Se deixan de cumprir os requisitos durante un período superior a seis meses.

c) Por petición da maioría do profesorado e investigadores funcionarios e contratados.

d) Se quedan cun só membro, o grupo será dado de baixa de forma automática.

e) Por non desenvolveren tarefas de investigación, por proposta da Vicerreitoría de Investigación e coa aprobación da Comisión de Investigación.

A disolución deberase realizar en todo caso atendendo ao cumprimento dos proxectos e contratos vixentes nese momento.

Organización e xestión:

-O grupo deberá establecer a súa adscrición formal a un departamento, a un instituto ou a un centro tecnolóxico en que desenvolvan a súa actividade a

persoa coordinadora ou a maior parte dos integrantes do grupo, logo do informe favorable de aceptación da adscrición.

-A persoa coordinadora do grupo actuará de interlocutora para os efectos de xestión coa Vicerreitoría de Investigación e será a encargada de comunicar a información correspondente ao resto de membros.

-A xestión económica da produción científica e dos proxectos e/ou convenios poderá ser levada a cabo de forma autónoma polos propios grupos de investigación, no marco da normativa reguladora das fontes de financiamento e dos contratos de investigación.

-O control dos grupos de investigación corresponderá á Vicerreitoría de Investigación e á Comisión de Investigación.

Implicacións dos cambios de grupo:

Cambios de grupo de persoas: se unha persoa cambia de grupo os resultados obtidos durante a súa permanencia no grupo manteranse rexistrados neste como resultados do grupo.

Liñas de investigación: se unha persoa responsable de liña se dá de baixa do grupo e de non se presentar un responsable de liña alternativo darase de baixa a liña de forma automática.

-Novo catálogo de investigación da UDC.

A universidade debe difundir a investigación no contorno empresarial e sociocultural e de aí xorde a necesidade de recoller e sistematizar toda a información no Catálogo de investigación da UDC.

Para os efectos de asegurar unha completa promoción e catalogación das actividades desenvolvidas na UDC, o Catálogo de investigación constará do Catálogo de grupos e o Catálogo de investigadores, onde se incorporarán todos aqueles profesores con actividade investigadora que por diversas razóns non constitúan un grupo de investigación de conformidade cos criterios definidos nesta normativa.

Depuración da oferta tecnolóxica:

Cada ano, a vicerreitoría fará unha análise do CI, propoñendo, se for o caso, medidas correctoras.

Catálogo de investigadores:

Establecerase un catálogo de investigadores para aqueles investigadores da UDC que non se encontren nun grupo de investigación recoñecido e que desenvolvan unha actividade investigadora constatable nos últimos cinco anos.

Disposición transitoria

O actual Catálogo de oferta tecnolóxica manterase durante seis meses, contados a partir do día seguinte en que aprobe esta normativa o Consello de Goberno. Neste período os investigadores interesados en constituír un grupo presentarán a solicitude na Vicerreitoría de Investigación. Tras ese período publicarase un novo Catálogo de investigación onde se incluirán os grupos de investigación recoñecidos.

Disposición adicional

A participación no Catálogo de grupos/Investigadores da UDC representa unha autorización previa de cada unha das persoas incluídas neles para difundir os grupos e investigadores, a súa oferta tecnolóxica e a súa experiencia rexistrada a través de proxectos en que participan, publicacións e teses

Disposición adicional

A Comisión de Investigación delegada do Consello de Goberno resolverá todas as consultas, dúbidas ou incidencias que xurdisen no desenvolvemento deste regulamento.

Disposición derradeira

Este regulamento entrará en vigor o día seguinte a aquel en que o aprobe o Consello de Goberno.

A Coruña, 16 de febreiro de 2005.

José María Barja Pérez

Reitor da Universidade da Coruña