DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2005 Páx. 4.475

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

ESCOLA GALEGA DE ADMINISTRACIÓN PÚBLICA

RESOLUCIÓN do 9 de marzo de 2005 pola que se convocan unhas xornadas sobre protocolo e comunicación pública na Administración.

Dentro do plan de actividades da Escola Galega de Administración Pública para o 2005 e de acordo coas funcións atribuídas pola Lei 4/1987, do 27 de maio, de creación da escola, e pola Lei 10/1989, do 10 de xullo, de modificación da anterior, convócanse unhas xornadas sobre protocolo e comunicación pública na Administración, conforme as seguintes bases:

1. Obxectivos.

Procurar un achegamento global ao fenómeno do protocolo como ferramenta de expresión do poder diante dos cidadáns, na súa fasquía simbólica e representativa, que exixe manter orde rigorosa e coidado cando as institucións se comunican publicamente, ou entre estas. Estas xornadas, de mans de notables expertos, afondarán progresivamente en todos os niveis do coñecemento desta especialidade, desde o espazo máis achegado aos cidadáns, o municipal, ao propio protocolo do Estado.

2. Contido.

Trataranse estes temas:

-Apuntamentos históricos do protocolo: desde a Roma Imperial aos nosos días. Unha referencia a Galicia.

-O protocolo no espazo local. A nova situación creada pola Lei 57/2003, do 16 de decembro, de medidas para a modernización do goberno local. Réxime específico dos municipios de gran poboación.

-O protocolo como ferramenta de xestión no ámbito institucional. Casos prácticos.

-Conflitos de protocolo entre o Estado e as comunidades autónomas.

-O protocolo especializado: protocolo universitario, empresarial, social, militar e honores de ordenanza.

-Premios, honores e distincións do Reino de España.

-O protocolo do Estado e da Casa Real.

3. Destinatarios.

Persoal ao servizo da Xunta de Galicia e da Administración local galega e interesados en xeral.

4. Desenvolvemento.

-Horario: mañá e tarde.

-Lugar e data: as xornadas convocadas desenvolveranse no salón de actos do edificio administrativo da Xunta de Galicia en Ourense, sito na avda. da Habana, nº 79, da citada cidade, os días 6 e 7 de abril de 2005.

5. Inscrición.

-Prazo: remata o luns, 4 de abril de 2005.

-Tramitación de solicitudes: as solicitudes irán dirixidas ao director da Escola Galega de Administración Pública, Polígono das Fontiñas, rúa de Madrid, 2-4, 15707 Santiago de Compostela, segundo o modelo que figura como anexo a esta convocatoria, e presentaranse no rexistro xeral da EGAP, ou por calquera das formas previstas no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común. Admitiranse tamén inscricións por fax: 981 54 63 30.

-Número de prazas: limitado á capacidade do local.

-Inscricións fóra de prazo: só se admitirán, de quedaren prazas baleiras, coa condición de que se cumpran os requisitos xerais antes indicados.

Os peticionarios poderán obter confirmación da súa posible admisión, chamando por teléfono, o día 5 de abril, das 8.30 ás 14.30 horas, aos seguintes números: 981 54 62 39/44 ou 981 54 60 40.

6. Modificacións.

A EGAP reserva para si a facultade de interpretar e de resolver as incidencias que puidesen xurdir no desenvolvemento das xornadas, así como a de cancelalas, se o escaso número de solicitudes non xustificase a súa realización.

7. Certificación de asistencia.

Entregaráselles, ao remate das xornadas, a aquelas persoas inscritas que concorresen asiduamente a el, cando a súa asistencia sexa igual ou superior ao 85% das horas lectivas programadas, e expresarase neste documento a natureza da actividade e as datas da súa realización.

Santiago de Compostela, 9 de marzo de 2005.

Domingo Bello Janeiro

Director da Escola Galega de Administración

Pública