DOG - Xunta de Galicia -

Diario Oficial de Galicia
DOG Núm. 52 Mércores, 16 de marzo de 2005 Páx. 4.474

III. OUTRAS DISPOSICIÓNS

CENTRO DE ESTUDOS XUDICIAIS E SEGURIDADE PÚBLICA DE GALICIA

RESOLUCIÓN do 2 de marzo de 2005 pola que se convoca un curso sobre estratexias de mitigación do risco de inundacións en Galicia.

Dentro do programa de actividades que o Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia ten previsto realizar no ano 2005, e conforme as funcións atribuídas pola Lei 1/2005, do 4 de xaneiro, do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, anúnciase a celebración dun curso sobre estratexias de mitigación do risco de inundacións en Galicia, que deberá desenvolverse conforme as seguintes bases:

Primeira.-Obxectivos.

Dar a coñecer as medidas e estratexias posibles para facerlles fronte e previr os danos causados polas inundacións en Galicia e adquirir os coñecementos básicos para poder dar respostas locais ante o risco de inundacións, a través das novas ferramentas de xestión e planificación.

Segunda.-Destinatarios.

-Técnicos da subdirección e dos servizos provinciais de Protección Civil da Xunta de Galicia.

-Técnicos en materia de protección civil, tendo prioridade aqueles que están en concellos afectados por este risco.

-Responsables de AVPC, tendo prioridade aqueles que están en concellos afectados por este risco.

Terceira.-Desenvolvemento.

1. Prazas: o número de prazas ofertadas é de 27.

2. Duración e datas: o curso desenvolverase os días 3, 4, 10 e 11 de maio de 2005, cunha duración de 32 horas lectivas.

O horario será o seguinte:

-Das 9.30 ás 14.00 horas e das 16.00 ás 20.00 horas.

3. Lugar: o curso realizarase na sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia no concello da Estrada, con visitas a distintos encoros da comunidade.

Cuarta.-Solicitudes e prazo de inscrición.

1. A inscrición dos participantes é totalmente gratuíta.

2. O persoal que desexe participar nestes cursos deberá presentar, cuberta á máquina ou con letra moi clara, a instancia que figura no anexo.

3. O prazo para a presentación de instancias rematará o día 22 de abril de 2005.

4. As instancias deberán vir asinadas polo xefe do organismo ao que estea adscrito e seladas, e no caso de haber máis dunha solicitude da mesma entidade, relacionalas en orde prioritaria. Este será requisito indispensable para ser admitido no curso.

5. As instancias deberán enviarse por correo á sede do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia avenida da Cultura, s/n, 36680 A Estrada ou ao fax 986 59 09 88, ou ben poden entregarse en calquera dos lugares previstos no artigo 38.4º da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común.

Quinta.-Contido.

-Hidroloxía e climatoloxía de Galicia, tipo de inundacións en Galicia.

-Xestión de zonas inundables.

-Estratexias e medidas de mitigación do risco

de inundacións.

-Xestión de emerxencias hidráulicas.

-Lexislación e planificación.

-Encoros, presas e centrais hidráulicas.

-Visitas a lugares de interese.

Sexta.-Relación de admitidos.

A relación de participantes admitidos para a realización do curso esporase no taboleiro de anuncios do Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia, sen prexuízo da oportuna notificación aos seleccionados con antelación á celebración do curso. Tamén poden confirmar a súa admisión chamando ao teléfono 986 59 00 21.

Sétima.-Asistencia.

É obrigatoria a asistencia e puntualidade en todas as actividades do curso. A falta de asistencia, mesmo cando sexa xustificada, a máis dun 10% das horas lectivas programadas determinará a cualificación de non apto no curso.

Oitava.-Certificado de aproveitamento.

Ao remate do curso entregaráselles un certificado de asistencia e aproveitamento a aquelas persoas que acrediten a súa asistencia continuada e superen as correspondentes probas de coñecementos.

Novena.-Modificacións.

O Centro de Estudos Xudiciais e Seguridade Pública de Galicia poderá modificar o desenvolvemento dos cursos para adaptalos ás necesidades da Administración e ás continxencias que poidan xurdir.

A Estrada, 2 de marzo de 2005.

José Antonio Vázquez Taín

Director do Centro de Estudos Xudiciais

e Seguridade Pública de Galicia